Padre Sarmiento

(1695 - 1772)

 

 
Obras
Biografía
 
mb2padresarmiento.html

     José García Balboa, Frei Martín Sarmiento, destaca no panorama cultural do século XVIII por ser un dos ilustrados defensores do galego. Naceu no ano 1695 en Vilafranca do Bierzo e, con a penas catro meses, foi trasladado coa familia a Pontevedra, onde transcorreu toda a súa infancia.
     En 1711, un ano despois do seu ingreso no Convento de San Martín de Madrid, tomou os hábitos na Orde Beneditina. Estudou Artes no Colexio de Hirache e, desde 1716, Teoloxía no Colexio de San Vicente de Salamanca. Na universidade salmantina trocará o seu nome polo de Martín Sarmiento. Comezou a traballar como pasante no Mosteiro leonés de Eslonza en 1717 e dous anos despois instalouse en Asturias, primeiro no Convento de Celorio e posteriormente no de San Vicente de Oviedo. En 1725, tras unha curta estancia en Pontevedra para visitar a nai, Sarmiento retornou a Madrid, onde se estableceu definitivamente. Na súa etapa madrileña realizou en lingua española numerosas composicións por encomenda de diferentes persoas e institucións.
     Desde a súa viaxe en 1745 a Galiza, á que voltou en 1754, a cultura e a lingua galegas convertéronse no principal centro de interese do ilustrado. De avanzadas ideas a respecto do romance galego, Sarmiento foi unha das primeiras voces en reivindicar a capacidade do galego para se instalar en todos os campos, a urxencia dunha escolarización dos nenos galegos na lingua propia, a esixencia do coñecemento do galego ás persoas que fosen traballar no país e a celebración litúrxica no noso idioma.
     Considerado precursor da moderna filoloxía románica, o núcleo fundamental dos escritos de Sarmiento pertence ao terreo lexicográfico. Con este fin, dará forma a un extensísimo conxunto de coplas (por volta de mil duascentas) coñecido como Coloquio de 24 gallegos rústicos ou Diálogo de 24 rústicos, escrito baixo o seudónimo de "O Poeta Marcos da Portela". Con esta obra, unha colección inconclusa de notas históricas, comentarios sobre o cotidiano de Pontevedra, descricións de lugares, termos e frases galegas de interese exclusivamente lingüístico, Sarmiento tencionaba reproducir a fala popular da península do Morrazo. Para alén do Coloquio de 24 gallegos rústicos, outras contribucións do relixioso ao campo da Lexicografía serán Catálogo de voces vulgares, y en especial de voces gallegas de diferentes vegetables, Catálogo de voces y frases de la lengua gallega e Onomástico etymológico de la lengua gallega.
     Debemos tamén ao relixioso berciano a primeira noticia documentada da literatura medieval e as primeiras pesquisas sobre o nacemento da lingua galega. Co Padre Sobreira preocupouse, ademais, por atender á produción lírica popular do país.
     Despois dos sesenta anos, fechado na súa cela, dedicouse á investigación en distintos ámbitos: Botánica, Historia Natural, Historia Antiga, Etimoloxía, Xeografía... Sarmiento faleceu no ano 1772, sen ver publicada ningunha das súas numerosas obras.

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega