mb1murguia.html
Manuel
Antonio Martínez Murguía, o máis destacado impulsor do noso
Primeiro Rexurdimento, naceu en Oseiro-Arteixo (A Coruña) no ano
de 1833. Transladado coa familia a Compostela, estudou nesta
cidade Humanidades e Latín, obtendo o grao de bacharel en
filosofía en 1850.
Desde moi novo comezou a colaborar
con diversas publicacións e a se relacionar con outros rapaces
interesados no futuro do país. Entraría en contacto con Aurelio
Aguirre, Eduardo Pondal e
Rosalía de Castro no "Liceo de la
Juventud", sociedade en que se forxaría a súa consciencia
progresista e a súa inclinación literaria (publicara a súa
primeira novela, Desde el cielo, aos dezasete anos), que
co tempo deixaría paso á súa verdadeira paixón, o estudo da
historia.
En 1853 Murguía instalouse en
Madrid, onde publicou varias obras de ficción, o poema
"Nena d'as soledades", ensaios de temática galega, o
libro escolar La primera luz, etc. Nesta cidade
reeencontraríase coa poetisa de Padrón (o coruñés publicaría
unha crítica de La Flor, o primeiro poemario de
Rosalía) e cinco anos máis tarde Murguía e Rosalía casarían,
regresando a Galiza meses despois. O insigne historiador,
presentes xunto con Rosalía no Álbum de la Caridad de
1862, foi quen prestou maior apoio á obra literaria da súa
dona, de quen chegou a publicar algunha obra case sen o seu
consentemento.
A relevancia de Murguía no
panorama intelectual da segunda metade no século XIX radica no
seu intenso labor xornalístico (colaborou en La Oliva, El
Miño e La Patria Gallega e dirixiu El
Diario de La Coruña e La Ilustración Gallega y
Asturiana ) e nas suas investigacións no campo da
historiografía, que o consolidaron como unhas dos principais
defensores da causa galega. Dedicado fundamentalmente á pesquisa
histórica desde 1860, o seu traballo coallaría cinco anos
despois na publicación do primeiro tomo da Historia de
Galicia, que, combinando o mito celta coa información
histórica, contribuíu decisivamente á conformación do
espírito galeguista da altura. Un ano máis tarde vía a luz o
segundo tomo, precedido dun discurso que vén sendo considerado
como a primeira teorización nacionalista galega.
Para alén da Historia de
Galicia, na produción do coruñés, toda ela relacionada co
país, destacan títulos como Los Precursores (1885),
elaborado no ano da morte de Rosalía, Galicia (1888)
e un diccionario de escritores galegos que deixou inconcluso.
Home de vasta erudición, traballou, ademais de como escritor,
como historiador, arquiveiro (foi xefe do Arquivo Xeral do Reino
de Galiza e Cronista Oficial do país) e redactor en Madrid,
Compostela, A Coruña, Lugo, Vigo e Simancas.
En contacto desde a súa mocidade
co provincialismo, Murguía, de ideoloxía romántico-liberal,
chegaría a ser co paso do tempo unha figura clave do movemento
rexionalista; así, participou nos Xogos Florais de Barcelona de
1890 pronunciando un discurso sobre a historia do rexionalismo
galego e, a finais dese ano, foi nomeado presidente da
Asociación Rexionalista Galega (ARG), a primeira organización
política de signo decididamente galeguista, e director do seu
xornal, La Patria Gallega. Nos Xogos Florais de Tui de
1891, organizados pola ARG, faríase reivindicación do uso
público do galego, lingua en que Murguía pronunciaría o
discurso inaugural.
Tras retirarse do Arquivo da
Delegación de Facenda da Coruña en 1905, recebeu de Curros
Enríquez e do Centro Galego da Habana a encomenda de organizar a
comisión fundadora da Real Academia Galega, da que foi o
primeiro presidente (cargo que ostentaría até a súa morte).
Desde este momento colaborou en diversos actos en homenaxe a
Curros, Rosalía, Pondal, Chané e Fontenla Leal (sobre Curros e
Pondal escribiría dous textos en galego, "A Curros" e
"Eduardo Pondal e a súa obra"), e el propio recebeu en
1913, co gallo do seu oitenta aniversario, unha grande homenaxe
na Coruña. O ilustre intelectual falecería nesta cidade dez
anos máis tarde.
|