Manuel Murguía

(1833 - 1923)

 

 
Obras
Biografía
 
mb1murguia.html

     Manuel Antonio Martínez Murguía, o máis destacado impulsor do noso Primeiro Rexurdimento, naceu en Oseiro-Arteixo (A Coruña) no ano de 1833. Transladado coa familia a Compostela, estudou nesta cidade Humanidades e Latín, obtendo o grao de bacharel en filosofía en 1850.
     Desde moi novo comezou a colaborar con diversas publicacións e a se relacionar con outros rapaces interesados no futuro do país. Entraría en contacto con Aurelio Aguirre, Eduardo Pondal e Rosalía de Castro no "Liceo de la Juventud", sociedade en que se forxaría a súa consciencia progresista e a súa inclinación literaria (publicara a súa primeira novela, Desde el cielo, aos dezasete anos), que co tempo deixaría paso á súa verdadeira paixón, o estudo da historia.
     En 1853 Murguía instalouse en Madrid, onde publicou varias obras de ficción, o poema "Nena d'as soledades", ensaios de temática galega, o libro escolar La primera luz, etc. Nesta cidade reeencontraríase coa poetisa de Padrón (o coruñés publicaría unha crítica de La Flor, o primeiro poemario de Rosalía) e cinco anos máis tarde Murguía e Rosalía casarían, regresando a Galiza meses despois. O insigne historiador, presentes xunto con Rosalía no Álbum de la Caridad de 1862, foi quen prestou maior apoio á obra literaria da súa dona, de quen chegou a publicar algunha obra case sen o seu consentemento.
     A relevancia de Murguía no panorama intelectual da segunda metade no século XIX radica no seu intenso labor xornalístico (colaborou en La Oliva, El Miño e La Patria Gallega e dirixiu El Diario de La Coruña e La Ilustración Gallega y Asturiana ) e nas suas investigacións no campo da historiografía, que o consolidaron como unhas dos principais defensores da causa galega. Dedicado fundamentalmente á pesquisa histórica desde 1860, o seu traballo coallaría cinco anos despois na publicación do primeiro tomo da Historia de Galicia, que, combinando o mito celta coa información histórica, contribuíu decisivamente á conformación do espírito galeguista da altura. Un ano máis tarde vía a luz o segundo tomo, precedido dun discurso que vén sendo considerado como a primeira teorización nacionalista galega.
     Para alén da Historia de Galicia, na produción do coruñés, toda ela relacionada co país, destacan títulos como Los Precursores (1885), elaborado no ano da morte de Rosalía, Galicia (1888) e un diccionario de escritores galegos que deixou inconcluso. Home de vasta erudición, traballou, ademais de como escritor, como historiador, arquiveiro (foi xefe do Arquivo Xeral do Reino de Galiza e Cronista Oficial do país) e redactor en Madrid, Compostela, A Coruña, Lugo, Vigo e Simancas.
     En contacto desde a súa mocidade co provincialismo, Murguía, de ideoloxía romántico-liberal, chegaría a ser co paso do tempo unha figura clave do movemento rexionalista; así, participou nos Xogos Florais de Barcelona de 1890 pronunciando un discurso sobre a historia do rexionalismo galego e, a finais dese ano, foi nomeado presidente da Asociación Rexionalista Galega (ARG), a primeira organización política de signo decididamente galeguista, e director do seu xornal, La Patria Gallega. Nos Xogos Florais de Tui de 1891, organizados pola ARG, faríase reivindicación do uso público do galego, lingua en que Murguía pronunciaría o discurso inaugural.
     Tras retirarse do Arquivo da Delegación de Facenda da Coruña en 1905, recebeu de Curros Enríquez e do Centro Galego da Habana a encomenda de organizar a comisión fundadora da Real Academia Galega, da que foi o primeiro presidente (cargo que ostentaría até a súa morte). Desde este momento colaborou en diversos actos en homenaxe a Curros, Rosalía, Pondal, Chané e Fontenla Leal (sobre Curros e Pondal escribiría dous textos en galego, "A Curros" e "Eduardo Pondal e a súa obra"), e el propio recebeu en 1913, co gallo do seu oitenta aniversario, unha grande homenaxe na Coruña. O ilustre intelectual falecería nesta cidade dez anos máis tarde.

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega