Xosé María Díaz Castro

(1914 - 1989)

 

 
Obras
Biografía
 
mb1diazcastro.html

     Xosé María Díaz Castro naceu nos Vilares de Parga-Guitiriz no ano 1914. De orixe labrega, ingresou no Seminario de Mondoñedo aos dezasete anos, mais abandonou a formación eclesiástica en 1936 para se dedicar ao ensino privado en Vilagarcía de Arousa. Cursou a carreira de Filosofía e Letras na especialidade de linguas modernas e en 1948, unha vez licenciado, marchou a Madrid, onde residiu a maior parte da súa vida, para traballar como tradutor en diferentes institucións oficiais e editoras (coñecía case todas as linguas europeas).
     En 1961, quince anos despois de lle ser premiada a composición Nascida dun sono nun certame en Betanzos, viu a luz o seu único libro, Nimbos, que o convertiu nunha das voces poéticas máis destacadas das letras galegas do século XX; porén, os seus primeiros poemas xa apareceran na Escolma de poesía galega, IV. Os Contemporáneos, editada por Galaxia en 1955. A singularidade do seu posicionamento estético e ideolóxico e a forza expresiva dos seus versos concédenlle un lugar destacado no panorama da poesía de posguerra.
     O universo lírico de Díaz Castro xira á volta do ser humano, o amor, a vida, a morte e o tempo. Tamén encontran espazo na súa escrita a relixiosidade (enfocada desde o ascetismo e desde a necesidade de aprofundar na esencia das cousas) e a preocupación por Galiza; por veces, recorre á paisaxe dunha maneira simbólica para introducir a súa visión sobre a realidade do país.
     Díaz Castro revelouse como un grande mestre da técnica versificadora e dos recursos estilísticos. Un dos principais trazos característicos da súa obra, fortemente influída pola lectura dos clásicos antigos e modernos, é a cuidada selección do léxico (a pesar de tender para o emprego de ruralismos e dialectalismos) e o evidente interese pola lingua, que se manifesta nunha poesía elegante e sinxela.
     Tras unha vida entregada á investigación, ao ensino e á tradución, o poeta lugués faleceu en Lugo en 1989.

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega