v1lopezcasanova.html
Nace
en Lugo no 1942, e pasa a súa infancia (1942-1947) na casa da
avoa paterna, nas terras luguesas de O Páramo, ámbito que
acadará dimensión poética no seu libro Palabra de honor.
Xa na súa cidade, estudia o
bacharelato no Instituto de Ensino Medio (1952-1959), onde vai
perfilando a súa afición literaria e obtén o seu primeiro
premio. Ós catorce anos colabora en El Progreso, e
pouco despois publica o libriño Tío Mingos. Contos
de Galicia, sendo asemade cofundador, con outros mozos
lugueses (Marina Mayoral, Ramón Clemente, etc.), e baixo a
dirección do prof. Luis Quintela Ferreiro, da revista Escritos.
Entre o 1959-1964 cursa a carreira
de Filosofía e Letras na Universidade de Compostela, entrando en
relación cos mestres do galeguismo (Otero
Pedrayo,
García-Sabell, R.
Piñeiro), e cos escritores das últimas
xeracións (Novoneyra,
Franco
Grande, Xohana
Torres, García-Bodaño). Tamén, ó longo deses anos de formación,
participa con outros mozos universitarios da súa promoción (Xavier
Carro, Carlos
Casares, Antón Santamarina, Xosé Docanto,
etc.), en amplas actividades de política cultural na
Universidade, organizando o primeiro "Día das Letras
Galegas"(1963) , a "Festa da Poesía", a
"Homenaxe a Antonio Machado", o "Premio
Castelao", e moi diversas actuacións promovidas dende a
Asociación Cultural "O Galo".
Colabora asiduamente nas páxinas
de La Noche e La Voz de Galicia, e no 1961
edita o seu primeiro libro de poemas, Hombre último,
retirado por orde gobernativa. Gaña varios anos o premio das
Festas Minervais, e inicia unha actividade de conferenciante e de
lecturas poéticas por toda Galicia, Madrid, Barcelona, Valencia,
etc.
Xa de volta na súa cidade natal,
prosegue coa súa actividade de política cultural organizando e
dirixindo o primeiro Curso de galego (1965), e unha
memorable homenaxe a Luís
Pimentel. Asiste á tertulia luguesa
de Celestino Fdez. de la Vega a quen o vencellará unha fonda e
longa amizade, colabora na prensa con artigos de temática
literaria, e funda a colección "Ronsel" de poesía.
Comeza, así mesmo, a impartir
docencia no Colexio Fingoy, baixo a dirección do profesor
Carballo Calero, e pasa logo ó lNEM, onde coincide cos
catedráticos Alonso Montero e Amable Veiga. No 1965 inicia o seu
noivado con Carmen Paramio, coa que casará tres anos despois. E
no 1967 publica Palabra de honor, libro tamén retirado
por orde gobernativa.
No 1968 obtén unha cátedra de
Lingua e Literatura Españolas, solicitando a praza do Instituto
"Benlliure" de Valencia. Xa instalado na cidade
levantina, desenvolve co seu colega e amigo, o profesor Eduardo
Alonso, unha ampla tarefa de dirección editorial e de
publicacións sobre temas de historia, teoría e crítica
literarias, con obras como Lenguaje, expresión literaria y
lingüística del español (1970), Lengua española. La
expresión literaria (1974), El análisis estilistico
(1975) e Poesía y novela (1982).
No eido creativo inicia o ciclo dos
Mesteres, que adianta en varios Pliegos a amigos,
publica a antoloxía Memoria dunha edá (1976) e, nese
ano, saca a edición bilingüe e primeira de Mesteres.
No 1978 obtén o Premio "Adonais" con La oscura
potestad (1979), e defende a súa Tese de doutoramento sobre
Estructuras correlativas en la poesía española
contemporánea, calificada con Sobresaliente cum laude.
No 1983 publica Liturxia do
corpo, obra á que se lle concede o Premio da
Crítica-Galicia á creación literaria. Catro anos despois
(1986), obtén por oposición praza de Profesor Titular da
Universitat de València, proseguindo o seu labor de
investigación con estudios como Estructuras correlativas y
función estilística (1989), Lenguaje de la poesía y
figuras gramaticales (1990), La poesía romántica (1991),
Miguel Hernández, pasión y elegía (1993) e El
texto poético. Teoría y metodología (1994).
En relación coa literatura galega,
edita a Antología poética de Rosalía de Castro (1985,
2ª ed., ampliada en 1995), Luís Pimentel e "Sombra do
aire na herba" (1990), Álvaro Cunqueiro e a
vangarda poética (1994), e o Diccionario metodolóxico
de análise literaria. I. A Poesía (2001), así como
estudios sobre Ramón Cabanillas (1976),
Luís Seoane (1994),
E.
Blanco Amor (1993), Curros Enríquez (2001) e sobre "Fin de
século e modernidade literaria" (1997) ou o
"Modernismo en Galicia" (1999). A Real Academia Galega
concédelle o Premio "Menéndez Pidal" de
investigación por un traballo sobre a obra de E.
Pondal.
No eido da creación poética, da
última década son os seus libros Razón de iniquidad
(1991, Premio Internacional "Ciudad de Melilla"), Noite
do degaro (1994) e Asedio de sombra (1997, Premio
"Tiflos").
|