A Música dos Tempos

Páxina Anterior

Investirme de amor

Páxina Seguinte

v2puravazquezmusicatempos003.html
INVESTIRME DE AMOR


Desexei compartir o mundo dos meus soños
e descifrar as formas do desexo. As lelías
intactas que no vento fan murales tristuras.

Ou debuxan fantasmas de mulleres fermosas.
Das cidades de palla sumidas na preguiza.

Investirme de amor e intactas fermosuras
e correr solitaria engadantes ribeiras.

Afirmar o meu ser na luz e nas arumes.
Na chuvia que nos cala esbarando perfecta
e recibir a lúa nas fenestras sen vidros.

Guindar as vestiduras nun universo azul
e sentir como a pel é a pura perfección,
que o corpo é un anxo doce que nos ata no gozo.
No hemisferio amoroso da festa dos que se aman,
no país da caricia e da celeste carne.





MEDIO DlA


Estala a luz.
                  Ardente mediodía.
Todo o cheiro do mar chouta na brisa,
nun golpear de escuma e néboa acesa.

E péchanseme os ollos deslumbrados
na porcelana gris deses celaxens.
Un nimbo se demora.
                                 Case nube.

Cecais renace Venus, fermosísima
deusa espida esquivándose en realces
pola banda do Sur.
                             Polos espellos.

Rízanse ondas na praia adolescente.
Brízanse nos brocados das buxainas
onde a deusa se baña sempiterna.





OS ESPECTROS


Os espectros demúdanse na espesa tebra fria.
Buscan onde apousar, fronteiras sen fantasmas.
Esa incitante marca no patético mapa
das lasitudes, súmase coas obsidianas verdes
do cruel vaticinio, da víctima morrendo.

Dunha calpa micénica xurde un día calquera:
Unha avidez de séculos cercena a indefensa
barreira, a rexia cámara milenia, dos escombros.

Cariátides que anuncian cortexos mortuorios.
E un cortexo de luxo para un cadabre heleno
que cal un faraón descende ó catafalco.

So quedan os xemidos e a lucerna apagada.
Os muros derrumbados na chaira sen rodeos.
A imaxe dunha flor xa murcha e despeitada.

A lembranza consume o osíxeno, a ilación.
A prumaxe do branco trócase xa, fatídica.
So quedan os augurios. Un epitafio eterno.
Unha canle de bágoas. Unha interrogación.





SILENCIARIOS DA MORTE


Os silenciarios cobren
as vestiduras opulentas.
As teas misteriosas.
Os aciagos adornos.
As alfaias brillantes.

Os poetas da estirpe
—da estirpe desexada—
son poetas helenos.
Cantaron ós atridas
cantigas de atributos.

Máscaras enigmáticas
van indagando a morte.
Son peles desprendidas
de lendas e de soños.
E sosteñen as loitas
desde a fronte das tebras.

Foron tal vez uns reis.
Loitadores. Xa só
son camiños e franxas
de sombras acabadas.
Xa nada os voltarían
e os deuses morrerán
a feito nise círculo
de fantasmas e máscaras.





ISTE FERVOR DE TOTEMS E DE LOITO


Chégasme nos acougos. Nos silencios.
Nos susurros da brisa do amplo sur

Mesmo que un aire denso me ennovelas,
e traspásasme ós mundos das ausencias.
Só un indicio cramando me desboca
en mágoas de penumbras e desazos.

Porque sei que estás perto e me embebedas
niste fervor de totems e de loitos.

Souben dise teu doce poderío.
Ise prenderme ós xugos das nostalxias.
A unha insidia incitante de mapoulas.

Foron ráfagas leves dos arumes,
de améndoas e cerdeiras a axugarme.

Acércaste cos froitos doutros días.
Cos teus cofres do amor. Coas primaveras.

Xuventude pras miñas vellas ramas.
Lucernas sinuosas como estrelas,
para volcarme irta nos relembros.





OS CADROS


Os cadros son feitizos.
                                 A pura levidade.
Percibimos os mitos e as creencias insólitas.
Pegadas entre as tebras.
                                    As míticas sinais.
Delirio dos mosaicos.
                              De marmóreos linteles.
De feridas palabras.
                            Os paneles dos anxos
acadando na cor o escorzo da beleza.

Imaxe alucinando nas lucernas e as néboas.
Campánula ou glicina das morriñas celestes.
Suave. Divina lume lambendo nos solpores.

Eu apresaba os símbolos nos ámbitos dos ríos.
Na fragante cadencia repetida da choiva.

Polo espacio flotaban profundos noite a noite
os cadros lapislázuli das galernas do mar.





A ONDA DOE E DOE


Afogamos o pranto. Respiramos a vida.
O sol que asoma agora. O cumio carmesí
Na entraña desta sangue que renace e latexa
fecundándonos ríos de socavadas veas.
Cando os séculos bradan e se detén a hora

onda esas beiras bravas.
Quizáis no fin da historia que cada quén arrastra.

A onda trai a dura voz. A que vive,
nas chamas e nos brados dos pechados abismos
do sufrir. E o furor e as treguas das auroras.

E todo é coma un ímpetu para ganar a luz
e a morneza das lúas en coitelo pintadas
cando nada se salva: Verdades nin mintiras.





NON QUIXERA PERDER ISTES RELEMBROS


Non quero que me atrapen as arañas,
do esquecemento. Os fíos que devoran
dentro de nós. Os que antes viviramos.

Nin a extraña ardentía asuma os esqueceres
nas moradas do espírito abatendo as lembranzas.

Mellor arder á costas do silencio. Voltar
ó oscuro de dentro do nacer, non ser nada.
Vivir entre as pobrezas dos lagoeiros secos.

Quero a loita tenace co ise insondable olvido
das estancias pechadas. Sen fiestras nin petunias
e sen soños de luz nin o ouro dunha estrela.
Vivir sen acadar os altos paraísos
onde os soños arrolan.
Gozar dun espertar co sol no corazón.

Voltar á leda vida que nos abraza. As luces
do vagalume, os ortos propagando a ledicia
no centro de mín mesma, na renacida entraña.





OUTRA PECHADA PORTA


Outra pechada porta para os leóns da pedra.
Son de pedra e parecen un sibilino signo
para guardiáns do Arte fantasmal e micénico.

Son sibilinos. Son esotéricos.
Arte, puro e concebido quizáis nun espellismo.
Sinésico reflexo de algo que non existe.
Que induce a escalofrío, sobresalto e tortura,
ata no mais lonxano. Futura concepción.





O SECRETO DOS BOSQUES


Entramos no secreto do poderoso bosque.
Das follas enredándose con aneles de lúa
e debuxos quiméricos de espacios e gacelas.

Con azúis intactos. Brancuras alongadas
que ás veces finxen nubes ou sabáns de hemisferios.

Polos bosques comprímense as dimensións. Alónganse
as puras perpectivas que alimentan distancias:
(Da rosa e da perfecta orquídea estamos preto).

Perdémonos nos bordes das horas e os alisios,
nos que árvores e flores son arquitectos válidos
para arder nos solpores cos arrolos das follas.

Amingóanse as lúas, pronde os veos difusos
se extenden como as sombras. Moldes de anterga alquimia,
acendendo a dozura na colmea dos labres.





CONTRADICCIONS


Cal o diamante é dura esta voz mineral.
lnmodelable voz cal arxila mordente.
Cal coral incrustada no corpo dun aroma.

Bebo as augas dun río que sorte. Que refresca
desde as fontes da vida ó aire que me chega,
seu dilatado són no exilio das palabras.

Fago inscripcións na pedra e poemas que morren
no ventre laxo e fondo da alquitara do vento,
que sorte axilizado cara o mundo ruín
a tentas pola anguria dos inzados valeiros.

Cando regreso ó espacio das caducas idades
nas que escribo as verdades, as solemnes certezas,
os vellos pesadelos bótanme sorpresivos
na infusa caudalencia da códea doutros mundos.





REVERTO NO QUE ESCRIBO


Cal o pedrusco indura no soño mineral,
da inmodelable voz desa arxila mordente
cal diamante incrustado na amolecente brisa.

bebo auga do teu cántaro que refresca. Que sorte
desde os fondos da vida. Do aire que me chega
con dilatado berro no exilio das palabras.

Fago inscripción coas xemas. Poemas disonados
no ventre cristaíño de alquitaras e ventos.
Con vellos pesadelos de mundos caducados,

sintíndome entrañada na axilizada arxila.
Entro nos montañíos con pasos sorpresivos,
nise mundo de angurias. De valeiros inzados.

Reverto no que escribo. Nas voilentas certezas,
nas cativas verdades cal paxaro fuxindo
pra inmensa e caudalenta códea que supervive.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega