A Música dos Tempos

Páxina Anterior

O almiscle dos membrillos

 

v2puravazquezmusicatempos004.html
FOI VOLTAR A OUTRO DIALOGO


Quizáis foi no comezo do desexo.
Acaso desde xa na pubertade.
De escribir noutra xeira a frase doce
mentres que afora chove e saboreo
ser muller —ese feito que me engada—.

Eu son esa criatura que non poido
ser anxo e rematou por ser muller
nunha mañán de nebra esfiañada,
extranxeira sen patria.

E fun na allea, viva
dunha aplazada noite cada cando,
e vivín as victorias compartidas
co sangue meu nos arcos —os das vellas—,
dos soños e as auroras transparentes.

Unha ilexible letra secretos devanando.
A historia onde existimos. As imaxes,
cautivas onde o amor detivo un ademán
para ser aire e vida.
Lisura en folla seca. Lonxanía de dous.

Fantasmas desolados —é o que somos—.
Olleite a face, alleo, eras
o vagabundo que espiaba
con precisión a escuridade.

E caíches en torno da extensión
dos páxaros que tornan para o estío,
e non atopan a bandada
nesa indeleble orela
de tanta mar e terra acugulada.





NORTE ACADADO


Agora que os exilios se acoraron
e lonxe brada a multitude impervia
polas patrias do além, Norte acadado.

Cando sucamos marxes. Fontes puras
de ríos isolados e confluen
os calados anseos cos metales
das vellas cicatrices, e as palabras
se nos xunguen libérrimas ós brazos
cara outros reinos. Patrias desoladas.

Matamos as cruciais ardentías.
O cachón daquil pranto. Daquil loito.
Da milagre das músicas nas ondas,
de incruentas mareas. De inmorrentes
luces que no profundo enlenteceron.

Quedamos cal arxila de soedade
arraigando nas rochas. Entre as illas
dos encoros e os símbolos de estrela.
Encadeado polo lembradoiro
de austros e pervividas bolboretas
na queda moradía despoboada.





VIVA LUME DO AMOR


Amei as albas tolas que nacen no misterio
e as albas coma deuses recén nados do pranto.

Amei sentirme viva craridade que ofrenda
como ser caducante ande os lumes se apagan.

Amei o trunfal mundo nunha espallada luz,
coma un ser emerxente nas dársenas da tarde.

Tento coller o tempo que se me esvai, e fuxo,
mais déixame atrapada nas victoriosas tébras.

Amo o lume do amor invasor das quimerias,
que é doce cando aluma o corazón do inverno

Creando novas mundos ande se apalpa a vida,
i é coma un sol que abrangue fondísimo, os adentros.





ACASO OLLEDES NO MEU FONDO


Acaso no meu fondo ollades os idoros
xúbilos que se abren nas íntimas fogueiras.
Quizáis o gozo meu noutro gozo amañece
co sol, con outros ollos irradiándome a luz.

Ou alostros loubados para alumarme sempre
a pel, a fronte, a voz. Resplandor para os beizos
e para as mans acenos de caricia agardada.

Quizáis poidera ser revivir outra volta.
Ou xurdir doutros días o abraiador engado
e abarcar as marés dos solpores e auroras.

Sentirme nas florestas agochada de novo,
a soas coa soñada primavera da flor
e iste meu corazón de corza cramorando.

Brasa que non se apaga no meu remol noitebro.
Tempo con voz de vida na misteriosa marxe.
Doce més para a luz do sangue renacida.
Fontela de auga viva e compartidas saivas.





SON CEIBE COMO OS PAXAROS


Son ceibe nistes anos que arrastran implacables
a destrucción de todo e avanzo día a día
sobre as dondas raíces que me pulen por dentro.

Síntome ceibe. Aza de anduriña buscando
as raíces da vida e os vesticios do sangue
que se enfría habitándome
neste aniquilamento que con presa me fire.

Mais sigo a ser aínda o colíbri e a lume
que persiste en soedade polas longas sabáns:
(Escoitándo voar a música dos Tempos).

Polos sulcos da pel con anelos de ferro
e a inestinguible luz que vencida me rolda.

Amei a liberdade con fulgurante amor.
Quizáis aleivosía de saberme ceibada,
e saberme morrente coa beleza do mundo
dentro de mín, cinguíndome, erguéndome,
ata o final coágulo do sangue que me leva.
Ata un certo destino da miña soa historia.





AQUELA LUZ DOS BEIZOS


Aquí tomaron forma os meus beizos. Na luz
dun posible universo ou predio alucinado.
Nos beizos anainados por as aves do amor,

arredor do meu verbo. Bitácora dun norte
de fervor, landra dura i espesos aciñais
voz de tenra cantiga e das miñas verdades.

O traveso da hora que entebrece o solpor,
a que acende o soñar e dorme ó ribeirio.
(Acaso frente a un norte de cinias e diamelas).

Onde a flor lembradoira que os ventíos abalan,
seos nús onde nadan estrelas e perseidas,
e o día prende as pombas ó pombar do rocío.





NA SOMBRIZA NOITE


Cando de sombras na sombriza noite
co alubión do augaceiro e das garúas
me tapan un luceiro nas fronteiras
dun aire de altas rollos desleixado.

Os paxaros nas pedras e os tellados
acadan duro feíto para o sono,
e óllanse nos espellos do augarío
co estrépito dos chíos. Ledas ondas,

do Camurí. Transcenden lapas. Saurios.
A íntegra mel da seiva, dos bexucos.
E a beleza flamíxera, inviolable
me reflexa nos ollos e nos beizos.

A presentida e verde arquitectura
destaca nos destellos dos solpores,
e os aromas da vida se despregan
por cóvados purpúreos, entre as sombras.

Aínda os soño. Imaxes de elexías
a prenderme na vida dos colores,
con nísperos, caimitos e astromelias,
entre violas, mouranzas e amarelos.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega