A estrada románica

 

Limiar. I. Contexto socio-político-cultural

Páxina Seguinte

Pagina nueva 1

Limiar

     Entre a grande cantidade de bens de interese cultural que existen nas parroquias que forman o concello da Estrada sobresae, tanto pola calidade como pola cantidade, a súa arte románica.
     Pensamos, como temos dito en repetidas ocasións, que o románico é a arte que mellor nos define como estradenses e como galegos; as parroquias do concello da Estrada son —falando en termos industriais—, unhas das máis grandes fábricas de arte románica de Galicia; e este legado, amiga e amigo lector, témolo que aproveitar.
     Os nosos rapaces e rapazas seguen a estudiar, ano tras ano, os capiteis de Silos e descoñecen os que os mestres canteiros esculpiron en Moreira, Ouzande, Tabeirós, Lagartóns...; seguimos pagando 60 pesos por visitar a románica Colexiata de Santillana do Mar e ignoramos que na nosa comarca, ao carón das nosas casas, temos auténticas xoias románicas cunha importancia de seu, que poderían necesitar eses cartos para a súa conservación.
     Os beneficios de percorrer A Estrada Románica serían en primeiro lugar: coñecer, de primeira man, a historia dos nosos devanceiros, a nosa propia historia; e en segundo lugar: ter a oportunidade de poder "vender" as nosas igrexas como un ben de consumo cultural.
     O obxectivo deste traballo é o de divulgar a orixinalidade, a calidade e a grande cantidade de igrexas románicas existentes no concello da Estrada; para elo botamos man das obras dun grande elenco de especialistas: Bango Torviso, Bouza Brey, Neira Baloira, Hipólito de Sá... É este, pois, un sinxelo traballo de recolleita; se serve para que alguén se interese polo noso románico, o autor darase por ben pagado.
     Finalmente, quixera aproveitar este limiar para amosarlle o meu agradecemento ás seguintes persoas:
     A Francisco Rodríguez Fontarigo —mestre ourensán cun amplo curriculum na realización de videos didácticos—, e ao seu fillo Fran —futuro enxeñeiro de telecomunicacións—, pola súa desinteresada colaboración na realización do video e, sobre todo, pola amizade demostrada. A Regina Puente Fernández —profesora de matemáticas—, por axudarme, entre outros moitos aspectos, no referente á planimetría das igrexas. E, por suposto, quixera manifestarlle a miña gratitude a tódolos curas e sancristáns das distintas parroquias que, coa súa amabilidade e infinita paciencia, fixeron máis doado este cativo traballo. A todos eles, graciñas.

Xosé Luna Sanmartín
A Estrada, setembro 1999






I. Contexto socio-político-cultural


     Antes de adentrármonos no estudio da arte que mellor nos define como estradenses e como galegos, é conveniente facer un breve percorrido polo contexto socio-político-cultural; tan só deste xeito poderemos chegar a comprender a grande pegada que na nosa comarca deixou, para sempre, o románico.
     No ano 813 "descubriuse"o sepulcro; deixando de lado a controversia acerca da veracidade ou non das reliquias, o que nos interesa é que ao seu redor xurdiron un templo e unha cidade que recibiron dende o principio a solícita atención dos reis e foron asento dun clero poderoso en continuo ascenso. No mesmo século IX a sé episcopal trasladouse de Iria (máis vulnerable ante unha incursión naval) a Compostela e a principios do S. XII, con Xelmírez, foi promocionada á categoría arcebispal. Auténtica capital de Galicia dende os albores do renacer urbano, Santiago foi non só o centro rector do máis forte señorío galego, o eclesiástico —e por ende de Galicia enteira—, senón tamén a avanzada do movemento democrático cidadán.
     A Era Compostelá ten na arte a correspondente expresión da súa grandeza, acadando niveis insuperables na literatura. Xelmírez impulsa, dende logo con finalidade política, a creación literaria, que no seu tempo se plasma sobre todo en dúas grandes obras de prosa latina, a Historia Compostelá e o Codex Calixtinus. Mais, dentro da literatura ten con razón un lugar de privilexio a lírica que converte ao galego na língua por excelencia da poesía.
     Neste ambiente de florecemento cultural, arquitectura e escultura deixaron unha impronta máis facilmente apreciable. Unha e outra conxúganse na construcción occidental máis grandiosa do seu tempo: a Catedral de Santiago. A duración da obra, dende que se inicia no 1075 ata que se consagra en 1211, comprende con grande exactitude a era máis plena da sociedade galega. Realmente o edificio, definitivamente impulsado por Xelmírez, estaba arquitectonicamente rematado, segundo Gómez-Moreno no 1128, incluíndo o grande conxunto escultórico do Pórtico das Praterías. Aínda que entre 1168 e 1188 o mestre Mateo poralle o broche de ouro con outra culminación da arte, o Pórtico da Gloria. A catedral de Santiago vai ser o eixe en torno ao cal xirará todo o románico galego e, por suposto, o da nosa comarca de Tabeirós.
     Influencias mateanas témolas, por exemplo, nos arquiños de ferradura de San Xoán de Santeles ou no beirado da ábsida de San Miguel de Moreira, onde unha boa colección de canzorros historiados presentan como novidade ter decorado, no espacio que queda libre entre eles, flores estreladas de seis puntas cun botón central inscritas nun círculo, que nos lembran ás do Pórtico das Praterías.
     Parafraseando a Raoul Glaber poderiamos dicir que a comarca de Tabeirós cubreuse durante esta época, S. XII, dun branco manto de igrexas. Estamos diante dunha linguaxe artística unitaria, de vocación pancristiana, cuio internacionalismo conxúgase á perfección coa variedade e multiplicidade das nosas parroquias.
     As terras que forman hoxe o concello da Estrada estaban divididas en diferentes coutos ou xurisdiccións baixo a autoridade dun señor feudal e, en moitas ocasións, da Mitra Compostelá. Eran estas as de Tabeirolos, Bellexia, Codesión, Veiga e Oca, Vimarei... Temos que ter presente que tres séculos máis tarde dos anos que aquí nos ocupan, ao redor do 1582, a vila da Estrada, como nos di o profesor Gelabert, non era máis que un pequeno lugar de só tres veciños, pertencente á parroquia de San Paio de Figueiroa.
     Mais, ¿Como era, naquela época, Galicia? ¿Como sería, daquela, a nosa comarca de Tabeirós? A resposta atopámola no Liber Sancti Jacobi ou Codex Calixtinus, no seu Libro V.
     "É unha terra chea de soutos, agradable polos seu ríos e prados e polas excelentes maceiras e tamén polas súa boas froitas e as súas clarísimas fontes. Pero escasean nela as cidades, as vilas e as terras de pan-levar; é escasa en pan de trigo e en viño, pero farturenta en pan de centeo e en sidra, en gando e en bestas, en leite e en mel..."
     Nesta conxuntura de prosperidade xeneralizada, xorde con forza o románico da nosa comarca. O románico de noso, o dos aproximadamente 22000 estradenses, que hoxe en día damos sentido e sensibilidade ás nosas 51 parroquias, é, sen lugar a dúbidas, a arte que mellor nos define como estradenses e como galegos. Dicía don Ramón Otero Pedrayo que "...as parroquias significan moito, significan todo, son a nosa familia; porque veñen dos clans dos antigos celtas, porque a hermida ou igrexa florece sobre o lugar onde se erguía o castro axexador de horizontes" e falando da nosa vila dicía, o patriarca das nosas letras, "... quizais non haxa en Galicia exemplo tan elocuente de pobo nado no cruce de camiños, como o que leva o seu nome latino e galego de camiño: A Estrada."
     Faremos un breve percorrido pola Estrada Románica coñecedores da grande influencia exercida por Compostela nas nosas igrexas e sabedores, asemade, das particularidades propias de cada unha das nosas igrexas; peculiaridades que veñen dadas, quizais, por que "cada grupo humano dunha parroquia galega —como ben dixo o profesor e escritor estradense Manuel Cabada Castro— vive tan preto da natureza e da súa misteriosa soidade coma lonxe da multitude artificial das grandes cidades".

 

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega