A estrada románica

Páxina Anterior

II. Acerca das igrexas

Páxina Seguinte

Pagina nueva 1
     As igrexas románicas do concello da Estrada teñen características comúns ás homónimas do resto do país. Seguindo o traballo a Galicia Románica de Bango Torviso, elaboramos as seguintes:
     A complexidade do hábitat rural galego condiciona o feito de que a igrexa non se atope nunca no medio do lugar, senón que apareza nas encrucilladas, onde conflúen as vereas que comunican os principais puntos de poboación da parroquia.
     A meirande parte das nosas igrexas románicas están construídas con grosos muros de dous paramentos de sillares, un interno e outro externo, e no medio énchese co ripio de costume. Os sillares son de granito, adoitan estar perfectamente recortados e manteñen igual altura por fiadas.
     Na construcción dos abovedamentos aparecen outros materiais máis lixeiros, como o cascallo ou o ladrillo, para evitar os excesos de cargas. As bóvedas empregadas son a de canón e a de forno. As bóvedas ían cubertas por unha armadura de madeira que termaba do tellado.
     Os arcos de medio punto son a norma xeral nos edificios románicos; empréganse para arcos triunfais, faixóns, portas, e ventás. E poden aparecer os arcos lobulados (na porta de S. Xoán de Santeles ou na ventá da ábsida de S. Estebo de Oca) só con carácter decorativo.
     As columnas soen ser entregas ou adosadas e poucas veces son exentas e illadas (arco faixón de Sta. María de Loimil); manteñen as súas tres partes: base, fuste e capitel. As bases arrincan sempre dun plinto ou banco. Os fustes son monolíticos en ventás e portas. Os capiteis poden ser historiados (Ouzande, Moreira, Tabeirós...) aínda que abundan os vexetais. Nas igrexas basilicais o elemento de sustentación é o pilar cruciforme (Orazo).
     Malia ser o tímpano un campo excepcional para reproducir nel a mensaxe iconográfica esculpida; os temas representados nas igrexas da comarca de Tabeirós son moi sinxelos (S. Pedro de Ancorados), ou completamente lisos (Riobó).
     As ventás das igrexas románicas son de grande riqueza decorativa; no concello da Estrada temos excelentes mostras (Codeseda, S. Pedro de Ancorados, Oca ...)
     En canto aos canzorros do beirado, as igrexas posúen unha magnífica mostra deles, con temas moi variados: cuadrúpedos, homes e mulleres mostrando os seus sexos, músicos, xabaríns, bóvidos ... (Tabeirós, Moreira ...)

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega