A estrada románica

Páxina Anterior

IV. Dous inimigos do noso románico

Páxina Seguinte

Pagina nueva 1
     Primitivamente o cura revestíase para celebrar os oficios no mesmo presbiterio, pois non había sancristía. A partir do século XVI adóitase abrir unha porta nun lateral da ábsida para comunicar cunha habitación destinada á sancristía. Ao mesmo tempo a cabeceira decórase con retablos renacentistas e barrocos que se sustentan no primitivo altar románico e tapian as ventás. As igrexas do concello da Estrada tiveron que sufrir, xa que logo, dous inimigos: as sancristías e os retablos barrocos.
     Se observamos as igrexas románicas, do noso arredor, decatámonos que a maioría delas —San Pedro e Santo Tomé de Ancorados, San Xurxo de Codeseda, San Martiño de Riobó, San Lourenzo de Ouzande, San Miguel de Moreira, Santa María de Loimil, Santa María de Frades— teñen unidas, ben ao muro setentrional da nave ou ben ao da ábsida, a sancristía. (Salva o lado setentrional San Estebo de Oca pero non o seu lado meridional onde a sancristía, cobre 5'44 metros).
     O resultado destas unións é a ocultación de moitos e importantes elementos do noso románico: canzorros, xanelas, portas, aleiros, contrafortes ... Sálvanse deste inimigo as igrexas de Santiago de Tabeirós, Santa Mariña de Barcala e San Miguel de Castro.
     Con maior contundencia cá sancristía, que respecta o muro intacto aínda que o cubra, actúa o outro inimigo do románico: os retablos, que, co pretexto de embelecer, cobren o testeiro da ábsida, cegando seteiras o que provocaba a abertura doutras modernas e mesmo se chegaba a derrubar ou ampliar a ábsida para meter o retablo. Estes retablos aproveitan os orixinais altares pétreos para termar deles; non é de estrañar, como ocorreu en Santiago de Tabeiros (xaneiro 1998) que ao desmontar estes retablos descubramos os primitivos altares románicos.
     Coa retirada dos retablos, as nosas igrexas —San Lourenzo de Ouzande, San Miguel de Moreira, San Estebo de Oca .... agora Santiago de Tabeirós— recuperan e retoman, o primitivo carácter de amplitude, severidade e beleza.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega