A estrada románica

Páxina Anterior

VI. Igrexas de ábsida rectangular

Páxina Seguinte

Santiago de Tabeirós

     A antiga xurisdición de Tabeirós vén dos tempos do rei suevo Miro (século VI) e xa aparece citada no Cronicón Iriense como pertencente á diocese de Iria. No século XII Xelmírez e o rei Alfonso VII trocaron entre si a terra de Tabeirós (Tabeirolos, nos documentos daquela época) e o castro do Faro, pasando este a ser posesión da coroa e aquela da mitra compostelana.


¿Que queda da primitiva igrexa románica?

     Ao igual que ocorreu coa maioría das igrexas románicas da nosa comarca e de Galicia, Santiago de Tabeirós, construída no terceiro cuarto do S.XII, viuse salpicada, ao longo da súa historia, polo espírito restaurador. No século XVII un retablo vai tapiar a cabeceira da ábsida. Máis tarde as obras restauradoras esnaquizan a primitiva fachada principal e as portas e ventás dos muros laterais da nave, aínda que parte dos muros laterais da nave, a ábsida rectangular e o muro da cabeceira, salváronse, por fortuna, da desfeita.


Un descubrimento en Santiago de Tabeirós

     As obras de restauración que se estaban a facer a finais de xaneiro do ano 1998 tiveron que suspenderse. Ao retirar o retablo apareceu unha pedra que podería pertencer á ara orixinal románica e uns frescos, seguramente do século XVI. As pinturas que apareceron na ábsida e en parte dos muros da igrexa de Tabeirós, presentan unhas figuras que buscan a corporeidade, procuran un efecto de tridimensionalidade provocando un efecto case escultórico. Representan tres pasaxes, tres esceas da vida de Xesucristo: A última cea, O lavatorio dos pés e a Oración no horto das oliveiras, que nos lembran pola súa técnica, forma e cores ás pinturas do Lavatorio dos pés do mestre Framean en San Miguel de Moreira.
     "Sorpresas" como os descubrimentos de Santiago de Tabeirós poden agardármonos detrás dos retablos de Santo Tomé de Ancorados e de San Martiño de Riobó.



O exterior da ábsida: unha boa colección de canzorros.

     A ábsida rectangular da igrexa de Santiago de Tabeirós está asentada en dous zócalos que desaparecen ao inicio dos muros da nave. O máis salientable é a boa e variada colección de canzorros que locen no beirado dos muros meridional e setentrional. O muro oriental da ábsida non ten canzorros nin tampouco a seteira característica destas igrexas.
     Os temas dos canzorriños do muro meridional son os seguintes: un cuadrúpedo en posición acrobática, un que ten a cabeza de lado, un atleta sostendo o beirado, os dous seguintes teñen motivos vexetais e están semitapados polo contraforte, outro atleta, e unha cabeza de bóvido.
     Destaca tamén neste muro un groso contraforte, sen valor artístico, posto nese lugar para evitar o derrumbamento da parede, unha ventá moderna de forma cuadrangular acompaña ao contraforte.
     Os temas dos canzorriños do muro setentrional son os seguintes: unha folla, un personaxe que colle un libro entre as pernas coas mans, un cuadrúpedo coa cabeza cara a atrás, un músico tocando a viola, dúas follas e un vexetal.
     Deste muro retirouse a sancristía que ía adosada ao muro setentrional, quedando o contorno da porta moderna cegada.


O interior da ábsida

     O arco triunfal aberto no muro da cabeceira da nave é de medio punto peraltado, guarnecido por unha chambrana de tres filas de tacos; o arco repousa sobre dúas columnas que van sobre un rebanco que contornea toda a ábsida (na actualidade, o rebanco está practicamente cuberto polo chan). Tras o arco triunfal hai un segundo arco que fai as veces de faixón.



Capiteis da ábsida



Sistema de abovedamento da ábsida

     A bóveda da ábsida, de cascallo, é de sección semicircular peraltada e, ao igual que nos arcos pecha en ferradura (influencia visigótica).




Santa María de Frades

     O nome de Fratibus foi o derradeiro agasallo deixado por unha comunidade de frades. Da antigüidade da freguesía danos conta un documento do 27 de xuño do 912 en que o rei de Galicia, Ordoño II, cédelle ao mosteiro de San Martiño a igrexa de Santa María. O 15 de abril de 1115 atopamos outro documento no que o arcebispo, Diego Xelmírez, fai doazón ao mosteiro de San Martiño Pinario da igrexa de Frades: "Sanctam Mariam de Fratibus, integram".


Grandiosa, orixinal e fermosa

     É unha igrexa grandiosa, que non sendo cabeza da súa freguesía (pois xa no S.XVII, figuraba como anexo de San Xurxo de Vea) posúe unha das naves máis amplias de toda a comarca.
     É unha igrexa orixinal por múltiples aspectos, a saber: posúe casi completa a súa fachada principal; ten dous rosetóns, ornamentación moi pouco frecuente nas nosas igrexas rurais; e, asemade, é a única igrexa do concello da Estrada que ten os arcos da nave e da cabeceira distintos.
     Estamos, xa que logo, diante dunha grandiosa, orixinal e fermosa igrexa románica rural.


A fachada principal

     A súa fachada principal, de orientación occidental, ten unha porta de arco semicircular. A arquivolta tórica é semicircular, levántase sobre dúas columnas adosadas, ámbalas dúas de capiteis vexetais de follas. O capitel esquerdo ten a cada lado, unha ave. Os ábacos impóstanse pola fachada ata a chambrana. As bases son de perfil ático cun plinto redondeado. O tímpano semicircular dunha soa peza é completamente liso. Sobre a porta un oco baquetonado para un rosetón, na actualidade cunha vidreira. Todo este conxunto descrito está moi desgastado. Destaca pola súa beleza e rareza neste tipo de igrexas rurais un rosetón que se abre na fachada cunha moldura tórica enmarcada por outra de billetes.



Descrición dos muros da nave

     O muro meridional está compartimentado por catro contrafortes de sección rectangular nos tres tramos; nos dous orientais ten unha seteira e no tramo central unha porta alintelada. Na fachada homónima unha escaleira, cunha fermosa balaustrada que conduce ao campanario, racha co tramo románico occidental. No muro oriental existe unha porta alintelada murada.
     O beirado de ámbalas dúas fachadas é igual. Un aleiro con cobixas en caveto e seis canzorros de proa, dous en cada tramo. No testeiro da nave ábrese un rosetón.


O interior da nave

     Estamos diante dunha nave moi amplia dividida en tres tramos por tres arcos faixóns de directriz peraltada. Existe unha ventá en cada un dos tramos. Os tres arcos descansan sobre tres pares de columnas adosadas sobre un podio corrido. As bases das columnas son de perfil ático. Os fustes están formados por sete semitambores adosados. Os capiteis están enfeitados con motivos vexetais de grandes follas, algunhas con bolas.
     Unha imposta, xusto baixo o arranque da bóveda, prolóngase por toda a nave unindo aos ábacos, que son de chafrán recto.


O exterior da ábsida: Unha sinxela ventá románica

     Se observamos o exterior da ábsida de Santa María de Frades, decatámonos que está unida directamente á nave, aínda que a súa altura é por debaixo da mesma. A súa forma é rectangular. O muro do testeiro sobresae dos laterais; no medio destes un contraforte de sección rectangular. O muro norte, cuberto por unha sancristía moderna, posúe un aleiro con cobixas, sostidas por toscos canzorros. No muro oriental da ábsida hai unha sinxela ventá, de arco de medio punto, semicircular, cunha arquivolta moi deteriorada sen chambrana. O arco vai apoiado nos ábacos que son entregos e en caveto. Dúas columnas adosadas sustentan o devandito conxunto. As bases das columnas son de perfil ático. Os fustes son monolíticos e os capiteis van embelecidos con motivos vexetais de follas lisas e pomas. No centro da ventá ábrese unha seteira.


A cruz cumial de Sta. María de Frades

     No cumio da nave, no piñón do testeiro, érguese unha cruz de San Andrés con laceiras.


O interior da ábsida. Os capiteis do presbiterio

     No interior da ábsida hai dous arcos, un triunfal e outro faixón, paralelo ao primeiro. Ámbolos dous son de medio punto e descansan sobre dous pares de columnas adosadas, apoiadas nun rebanco.
     Unha imposta adornada con bolas une os ábacos das catro columnas que describimos de seguido:
     O capitel setentrional do arco triunfal representa a un personaxe con filacteria entre dous leóns, quizáis sexa o tan representado motivo biblíco de Daniel entre os leóns; o ábaco con chafrán recto e no centro unha diminuta floreciña. O meridional está adornado con motivos vexetais de dous órdenes de follas; o ábaco vai enfeitado con dúas cunchas.
     Os capiteis do arco faixón son vexetais, de follas rizadas e con pomas no envés e caulículos na parte superior.

Capitel setentrional

     O muro do testeiro está tapiado por un retablo barroco levantado sobre a orixinaria ara románica, o que impide ver a ventá románica que se abre no centro. No muro meridional hai unha porta moderna e no sur ábrese unha ventá tamén moderna.


Sistema de abovedamento da nave

     A nave está cuberta con bóveda de canón apuntado ou agudo sobre tres arcos faixóns de igual directriz. Trátase dunha bóveda de sillares ata os riles e o resto de cascallo.


Unha particularidade a ter en conta

     A igrexa de Santa María preséntanos, como feito diferencial, o ter distinta directriz nos arcos da nave e do presbiterio. Os primeiros son de directriz apuntada namentres, os arcos da ábsida, son de directriz semicircular, pechando como os de ferradura, no arranque.


¿Cal é a data de construcción de Santa María de Frades?

     Podemos falar de que houbo claramente dúas fases constructivas na igrexa de Santa María de Frades: unha primeira fase, anterior ao ano 1171, onde se construirá a cabeceira cos arcos de medio punto peraltados, e unha segunda fase, posterior ao ano 1171, na que se faría o abovedamento da nave da igrexa, de canón agudo, apuntado, tendencia que se exportaría a outros lugares da provincia.
     No lintel da porta setentrional da nave atopamos a seguinte inscrición: E. I. CC. VIIII. A súa transcrición sería: era milésima ducentésima nona (1209), que corresponde ao ano 1171.

Capitel prebisterio





San Miguel de Castro

     Do castro existente nesta parroquia venlle o nome á freguesía de Castro. O castro está situado a uns 200 metros sobre o nivel do río Grande (deste xeito chámanlle aquí ao río Ulla). É un imponente mirador natural dende o que podemos ver aos protagonistas da nosa historia medieval, que non entran, hoxe en día, na demarcación do noso Concello, a saber: o Pico Sagro, o Mosteiro de San Xoán da Coba e o Castelo de Cira.
     Paraxes istos, aos que lle dedicou os seus versos Avelina Valladares Núñez, a cantora da Ulla. Eis o seu cantar:

¡Que moito pois t'alaben os poetas
E viajeiros terriña cobizada,
Po-l-o Pico Sagrado coronada
Con soberbios palacios d'arredor...

     Sabemos que no ano 912, o bispo Sisnando cedeulle ao abade Guto, do Mosteiro de San Sebastian do Pico Sagro, as dúas terceiras partes dos votos que esta igrexa, de San Miguel, pagaba ao mosteiro de San Martiño.
     Temos constancia dun documento datado o 3 de xaneiro de 1115, no que a igrexa de San Miguel de Castro figura corno unha doazón (con todos os seus servos e dereitos señoriais) feita pola Raíña, Dª Urraca, á igrexa de Santiago do Mosteiro de Camanzo e da vila e realengo de Merza
     Juan Antonio Ferreiro Suárez, xenro de José Gambino, tallou en 1783 o retablo da igrexa de San Miguel de Castro, deseñado polo mestre de obras do Mosteiro de San Martiño de Santiago; foi un encargo do conde de Altamira e o custo da obra foi de 4650 reais.


Enrique Campo, en San Miguel

     Do resumo do diario do percorrido arqueolóxico de Enrique Campo, en 1909, extraemos o seguinte:
     "Volvimos a Puente Ulla y de allí nos fuimos a San Juan de Coba, el cual hemos admirado un buen rato, después subimos al Outeiro do Castro por unos precipicios horrorosos y de allí a cenar y acostarnos hasta el día siguiente, que fuimos por Ia mañana a caballo a Castro (San Miguel), iglesia románica de lo más sencillo que puede verse; ni un capitel; en Ias paredes de esta iglesia hay unas pinturas murales del siglo XVI protegidas por unos bastidores de lienzo, pero están muy deterioradas, también he visto un cáliz de latón, gótico."
     A igrexa románica de San Miguel de Castro tan só conserva da súa orixinaria procedencia románica a ábsida que foi moi reconstruída na súa parte superior.


O exterior da ábsida

     No muro do testeiro ábrese unha pequena e sinxela seteira cegada. No muro meridional ábrese unha ventá moderna. O cornixamento foi casi totalmente modificado con respecto á obra orixinal románica, tan só perviviron á desfeita da restauración dous sinxelos canzorros de proa.
     Observando o exterior desta ábsida decatámonos da ausencia de contrafortes nos muros, sinal inequívoca de que a igrexa tivo no seu pasado, ao igual que hoxe en día, a cuberta da ábsida de madeira. Unha sancristía moderna está anexionada ao muro setentrional.


O interior da ábsida

     A ábsida está construída con sillares de granito de distintos tamaños. No interior da ábsida está o arco triunfal; é semicircular con lixeira tendencia ao peche de ferradura e está sostido por dúas columnas, que descansan nun rebanco que debeu percorrer todo o perímetro da ábsida. As bases das columnas son de perfil ático. Os fustes son curtos, monolíticos e entregos. Os capiteis están enfeitados, de maneira sinxela, con motivos vexetais de flores con pomas nos extremos superiores.
     Todo o conxunto é de labra moi plana e tosca; o cimacio, formado por un filete e un chafrán recto, impóstase e percorre toda a fronte do muro ata as paredes laterais.
     O retablo, levantado sobre a primitiva ara de pedra, impide ver a ventá románica (unha seteira de derrame interno). No muro meridional está a porta moderna que leva á sancristía.
     López Ferreiro, Enrique Campo, Álvarez Limeses, Angel del Castillo, Bouza Brey e Pedro Varela falan das pinturas murais de San Miguel de Castro; pinturas que non conseguen ver nin Hipólito de Sá nin Bango Torviso, por estar as paredes calcadas.
     Velaí o que López Ferreiro escribe na Historia da Igrexa Compostelana:
     "Muy interesante eran, indudablemente, al menos desde el punto de vista iconográfico, los frescos con que poco después de 1520 fué decorada Ia vetustísima iglesia rural de San Miguel de Castro. Los
muros de esta pequeña iglesia, de estructura completamente bizantina, tal cual se usaba en los siglos VI y VII, se hallaban en su totalidad cubiertos de pinturas recientemente descubiertas por su celoso párroco Sr. Coto Ortigueira. En estos inestimables cuadros se veía a lo vivo representada Ia vida, pasión y muerte de Nuestro Señor Jesucristo. Era Ia biblia puesta a la vista y alcance de los rudos montañeses de aquella comarca."


¿Cal é a data de construcción de San Miguel?

     Fixándose, sobre todo, nas características dos capiteis, San Miguel sería construída nun período que iría dende finais do século XII ata o XIII.





Santo Tomé de Ancorados

     O apelido de San Pedro, Ancorados, vén, segundo Pedro Varela autor de La Estrada 1923, de ancos, cóbado, encorvadura do chan, por ser deste xeito o terreo.


Descrición da fachada principal

     Observando a fachada principal, de orientación occidental, atopámonos no centro unha portada de arco semicircular cunha arquivolta tórica apeada sobre un par de columnas. As bases das columnas son de perfil ático. Os fustes orixinariamente monolíticos están agora partidos en dous. Os capiteis están enfeitados con motivos vexetais de follas e bolas.
     Os ábacos, moi erosionados, orixinariamente extendíanse, en forma de imposta, por toda a fachada. O tímpano é liso e de varias pezas, nótanse aquí (igual que na parte superior desta fachada) as reformas levadas a cabo. Sobre a porta unha pequena ventá rectangular.



Os muros da nave: unha sinxela colección de canzorros

     O muro setentrional posúe unha porta rectangular alintelada e unha seteira con derrame interno. Non ten contrafortes. O aleiro con cobixa en chafrán recto sostido por canzorros de proa e uns cantos de lóbulos e baquetóns.
     O muro meridional da nave ten tamén unha porta alintelada e unha seteira; ámbolos dous elementos están cegados. O aleiro con cobixa en chafrán recto sostido, tamén por canzorros de proa, lóbulos e baquetóns.
     Unha seteira, por riba da ábsida, ábrese no muro oriental da nave.


O exterior da nave

     O nexo de unión do rectángulo, da ábsida, co resto da nave é un cobadiño a xeito de contraforte.
     O muro setentrional ten anexionado unha sancristía moderna. O aleiro meridional está formado por unha cobertura de chafrán recto sostido por tres canzorros dous de proa e un de planos superpostos no medio. No aleiro oriental faltan os canzorros por mor das restauracións levadas a cabo no tellado.




Unha ventá con seteira cegada

     A fachada oriental da ábsida ten manchóns de pintura branca e no centro da mesma ábrese unha sinxela e fermosa ventá coa seteira, na actualidade, cegada. Posúe unha arquivolta semicircular, a chambrana é lisa e apóiase nun par de columnas adosadas. As bases das columnas son de perfil ático. O fuste é monolítico. Os capiteis están adornados con motivo vexetais de follas e con dúas aves.



O interior da nave

     A nave está cuberta cunha falsa bóveda moderna. O muro meridional mostra dous vans cegados en arco semicircular, seteira con derrame interno e porta. Os mesmos ocos de igual estructura pero abertos no setentrión. Ao redor da nave hai restos dun rebanco.


Sistema de abovedamento


     A ábsida vai cuberta cunha bóveda de canón apuntado, de sillares ata os riles e de cascallo o resto.



O interior da ábsida

     O arco triunfal apuntado e dobrado en aresta viva, paralelo a este un segundo arco faixón de igual directriz, apéanse ambos en dous pares de columnas entregas, apoiadas nun rebanco que percorría o interior do presbiterio, pero que na actualidade non se conserva máis que a cachos. As columnas son de bases áticas. Os fustes de cinco semitambores entregos. Os capiteis son todos vexetais. O ábaco é de chafrán recto, impostándose todo ao redor do presbiterio e pola fronte ata os muros laterais da nave.
     Sobre o arco triunfal hai unha seteira en arco semicircular, con derrame interno, casi tapada pola bóveda da nave.



Cronoloxía de Santo Tomé

     A igrexa de Santo Tomé de Ancorados mostra características protogóticas no arco triunfal e nos aleiros. Os capiteis, aínda que tamén transitivos, manteñen o esquema corintio dos caulículos. Pensamos que debe situarse dentro do derradeiro tercio do século XII, pero sempre posterior á veciña igrexa de San Pedro.




Santa Mariña de Barcala

     Da antigüidade da freguesía de Santa Mariña fálanos o Catálogo de documentos reales, de Rubén García, que nos amosa un documento do 25 de outubro do ano 924, polo que Fruela II, fai unha doazón da vila de Barcala nas beiras da Ulla á igrexa de Santiago. A igrexa, que posúe unha fermosa ventá de arco semicircular no centro do testeiro, foi construída a finais do século XII.
     Mirade o que nos di Pedro Varela respecto ao nome de Barcala:
     "Según el célebre historiador gallego, Verea y Aguiar, Ia denominación Barcala fue tomada del cartaginés Almicar Barca, o de Ia familia Barcina. Otros historiadores aseguran que es palabra celta, con raíz bar, que significa, cima, cumbre. Por otra parte si Barcala se escribió en algún tiempo con V como hemos visto en documentos antiguos, nos encontramos con Ia raíz Var del griego, y puede significar agua, circunstancia muy de tener en cuenta porque allí corre el caudaloso Ulla. Por último, cabe suponer que Barcala venga de Ias Barcas o Barcazas, empleadas para cruzar el mencionado río."

     Entre os documentos de Santa María de Armenteira, —depositados no Arquivo Histórico Nacional, carpeta 1752, documentos 2 e 20— atopamos unha doazón, de Fruela II, do 25 de outubro do ano 924, na que doa, a vila de Barcala á beira do río Ulla, á igrexa de Santiago de Compostela.
     No ano 1981 os ladróns da historia leváronse un cáliz, un copón, unha patena e catro tallas, unha delas de Santa Mariña, do século XVI.



Unha orixinal fachada moderna

     A fachada principal, totalmente reconstruída, é moi orixinal; ten unha torre de forma cilíndrica rematada en pirámide e forma un pequeno alpendre diante dunha sinxela portada enmarcada cun arco semicircular.



O exterior da ábsida

     A ábsida rectangular ten dous tramos enmarcados entre dous pares de contrafortes. O aleiro, como nos indican os distintos autores consultados, foi alterado da súa posición orixinaria, foi elevado uns centímetros por riba da cornixa. Ao elevar o aleiro obrigou a modificar a directriz dos arcos interiores que orixinariamente eran de medio punto e agora son apuntados. A cornixa posúe chafrán recto e está sostida por canzorriños de proa.



Unha ventá no tramo central da ábsida

     No tramo central da ábsida ábrese unha ventá con dobre arquivolta semicircular e con chambrana de bolas. Érguese este conxunto sobre dúas columnas. Estas teñen as bases entregas, o fuste é monolítico e adosado e os capiteis están enfeitados con motivos vexetais de follas e mazás. O ábaco, de chafrán recto, é dunha peza e impóstase ao longo do muro da ábsida. No centro ábrese unha seteira. Na ventá pode lerse o nome da igrexa: Santa Mariña.


O interior da ábsida

     No interior da ábsida podemos apreciar o arco triunfal de medio punto apuntado e dobrado. Paralelo a este, coa mesma directriz, está un segundo arco secundario.
     Catro columnas adosadas, apoiadas nun rebanco que percorre todo o presbiterio, sustentan a estes dous arcos. Estas columnas teñen as bases de pérfil ático con garras. Os fustes son adosados e curtos; están formados por catro semitambores. Os capiteis están enfeitados con motivos vexetais de follas e bolas. Unha imposta de bolas, hoxe en día incompleta, une os ábacos das columnas e marca o arranque da bóveda que cobre o presbiterio.


O retablo do presbiterio

     Un retablo de moi escaso valor artístico cobre o testeiro da cabeceira tapiando a orixinal ventá románica. Fixádevos o que nos di Hipólito de Sá:
     "...Una vez más pensamos en lo que ganaría Ia iglesia de Santa Mariña si se retirase el retablo que cubre Ia ventana de Ia cabecera. Su escaso valor artístico es manifiesto y al mismo tiempo se ampliaría notablemente el espacio del presbiterio, que ganaría mucho más si se realizase Ia deseada limpieza de los muros, dejando al descubierto el paramento de piedra. Una bella realización que daría a Ia obra románica el mérito que al presente está velado, al estar tapada Ia primitiva ventana y aparecer cubiertos de cal con simulaciones de piedra los sillares de los muros..."


Sistema de abovedamento

     O presbiterio está cuberto con bóveda de canón apuntado, por ser deste xeito, a directriz dos dous arcos.



¿Cal é a data de construcción de Santa Mariña?

     Angel del Castillo apunta que estamos diante dunha igrexa románica de finais do S. XII. Da mesma opinión é Bango Torviso que, baseándose nas características dos capiteis do presbiterio, cre que a igrexa de Santa Mariña foi construída ao final do último tercio do século XII.




Santa María de Loimil

     Da orixe do seu nome dinos José Sanmartín Sobriño que quizais veña do galego Lois, que vén do xermánico Hlodwing, asumido do latín aloisius. Sabemos por Pedro Varela que Riomao foi solar do cenobio de San Salvador e Santa María aparece citado respectivamente, en sendas bulas dos anos 1154 e 1178, polos Pontífices Anastasio IV e Alejandro III, onde se deu confirmación dos privilexios da igrexa compostelana nas que se atopaba o mosteiro de Riomao, do que non queda ren.
     Angel del Castillo cóntanos que Santa María de Loimil:
     "Conserva dos curiosas cruces procesionales, una enea, dorada, al parecer del siglo XVI, con dibujos y relieves ojival degenerado, árbol cilíndrico e imágenes, y otra de plata, de últimos de dicho siglo a principios del XVII, renacimiento, con cierto aire "plateresco", flordelisada, con los Evangelistas, Ia Virgen entre rayos flamígeros..."

     No século XVI era igrexa de presentación do Sar. Á altura do ano 1830 Loimil dependía do castelo de Cira.



A fachada occidental

     Posúe a parte superior totalmente reformada. A porta é de arco de medio punto cunha chambrana de pequenos arcos semicirculares e tres filas de tacos. A arquivolta está formada por baquetóns entre medias cañas. Dúas columnas adosadas sustentan o conxunto anteriormente descrito. As bases das columnas son de perfil ático. Os fustes son monolíticos e cilíndricos e os capiteis están enfeitados con motivo vexetais, de follas. Os ábacos en chafrán recto están decorados con arquiños semicirculares. O tímpano non ten decoración.


A fachada setentrional

     Ten o aleiro con cobixa achafranada enfeitada con rombos e está sostido por canzorriños de proa. Posúe unha seteira con derrame interno. A porta é de arco de medio punto cunha chambrana de catro filas de tacos. A arquivolta está formada por baquetóns. Todo este conxunto está apoiado en dúas columnas adosadas. As bases das columnas son de perfil ático. Os fustes son monolíticos e cilíndricos e os capiteis están enfeitados con motivos vexetais. O ábaco en chafrán recto están decorados con rombos. O tímpano, sostido por dous canzorriños de proa, non ten decoración.


A fachada meridional


     Ten unha porta cegada de lintel pentagonal e dúas seteiras. O aleiro con cobixa achafranada sen decoración está sostido por canzorriños, todos eles de proa.
     No muro do testeiro da nave ábrese, cara a ábsida, unha seteira de derrame interno.


As cruces de Loimil

     Dúas boas testemuñas de cruces cumiais locen na igrexa de Santa María de Loimil. Unha fermosa cruz de palmas enriba da cal sobresae unha de San Andrés de lazos rodeada cun círculo, no cumio do testeiro da nave e un Agnus Dei, un año cunha cruz de palmas, no cumio da ábsida.


O exterior da ábsida

     A ábsida está unida directamente á nave da igrexa. O muro setentrional da ábsida está tapada por unha sancristía moderna. O beirado do muro meridional posúe un chafrán con bolas. Na parte central do muro hai unha columna adosada que fai o labor, segundo Bango Torviso, de contraforte. As bases
da columna están tapados polos nichos. O fuste é de semitambores. O capitel está decorado con motivos vexetais.



Unha ventá con arquivolta no muro do testeiro da ábsida

     Na parte central do muro do testeiro da ábsida hai unha sinxela ventá de arco tórico semicircular. Posúe unha arquivolta semicircular, cunha chambrana fermoseada con tacos. Estes arcos van apoiados directamente nun par de columnas de bases con perfil ático, fustes monolíticos e capiteis vexetais moi desgastados. No centro da ventá ábrese unha seteira de derrame interno.


Unha grave profanación artística na ábsida

     Se observamos o exterior da ábsida rectangular de Santa María, dámonos conta de que nela se cometeu un grave atentado artístico que foi denunciado por Hipólito de Sá:
     "No sé si sabré expresar Ia dolorosa impresión que recibí el día que visité, hace muy poco tiempo, Ia iglesia de Santa María de Loimil .... me deparó Ia sorpresa de encontrar una serie de panteones que se han construido adosados a los muros de naciente y sur del ábside románico de Ia mencionada iglesia, cubriendo con Ias sepulturas Ias basas y los arranques de Ia columna y del contrafuerte que marcan los vanos en que está dividido el ábside. La sorpresa fue grande y Ias deducciones se agolparon en mi mente, pensando en Ia carencia de un mínimo de sentido artístico en quien proyectó Ia construcción de aquellos panteones, y Ia nula y total ausencia de responsabilidad legal en quien autorizó Ia construcción. Ignoro lo que Ias competentes autoridades eclesiásticas habrán pensado al tener conocimiento de Ias obras que aquí censuro, y que cualquiera medianamente culto necesariamente tiene que censurar, pero creo que Ia profanación artística que allí se hizo, mutilando el interesante ábside románico de una de Ias pocas iglesias que se conservan completas en tierras de Tabeirós, exige una reparación y una retirada de Ias sepulturas que allí sin sentido artístico se han colocado. Las autoridades eclesiásticas y los supervisores provinciales de nuestro patrimonio artístico tienen Ia palabra. El mérito de Ia iglesia de Santa María de Loimil reclama una atención y un respecto que no se aviene con la profanación artística que allí se hizo..."


O interior da ábsida. Unha característica diferencial

     No interior da ábsida hai dous arcos: un triunfal dobrado en aresta viva e outro faixón paralelo ao primeiro. Ámbolos dous son arcos de medio punto peraltados; característica que apreciamos, asemade, noutras igrexas da nosa comarca como San Lourenzo de Ouzande ou San Estebo de Oca.
     As columnas do arco triunfal son adosadas. As bases, apoiadas nun rebanco que percorre todo o presbiterio, son de perfil ático con garras. Os fustes son de catro semitambores. O capitel meridional está enfeitado con motivos vexetais de follas, o capitel setentrional representa unha persoa apoiando as mans nas cadeiras, detrás unha cabeza de león e noutro lado un rostro humano.
     As dúas columnas nas que se apoia o arco faixón son exentas (característica, como ben sinala Hipólito de Sá, non habitual no románico galego) o que vén a amosarmos, unha vez máis, a creatividade e orixinalidade dos nosos mestres canteiros As bases son iguais cás do arco triunfal. Os fustes son monolíticos. Os capiteis están decorados con motivos vexetais.
     Unha imposta une os ábacos en caveto dos catro capiteis.



Sistema de abovedamento da ábsida


     A ábsida está cuberta cunha bóveda de canón.



¿Cal é a data de construcción de Santa María?


     Segundo Bango Torviso esta igrexa é feita polas mesmas mans cá igrexa de Dornelas construída no ano 1171 no veciño concello de Silleda; a pesares de ser esta de ábsida semicircular. Se temos en conta que Santa María ten, a diferencia de Dornelas, o arco triunfal apuntado pódese dar como boa unha data posterior ao ano 1171.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega