A estrada románica

Páxina Anterior

VII. Dúas orixinais igrexas paradigma do románico galego

Páxina Seguinte

Pagina nueva 1
     As igrexas de San Pedro de Ancorados e San Xurxo de Codeseda son das poucas igrexas de ábsida pentagonal de Galicia, que teñen cinco ventás románicas na ábsida.
     Bango Torviso, autor da Arquitectura románica en Pontevedra, sinala que estas dúas igrexas, San Pedro e San Xurxo, non só pertencen á mesma diócese e á mesma escola, senón que son, asemade, obras feitas pola mesma man. Ámbalas dúas igrexas son da segunda metade do S.XII, nunha data inmediatamente posterior a 1170.





San Pedro de Ancorados

     San Pedro, pertenceu á fundación que os Terciarios Regulares Franciscanos tiñan no convento de Sta. María a Nova de Santiago, fundado por Juan García Manrique.
     Coa reforma dos conventos —primeira metade S.XVI— San Pedro pasa no 1577 a depender do cenobio de monxas clarisas de Santiago. Segundo as Memorias del Arzobispado de Santiago do Cardeal Jerónimo del Hoyo os froitos das herdades da igrexa dividíanse en tres partes: dúas para as monxas e a terceira para o crego por elas presentado. Arredor da igrexa, nas casas que aínda chaman do convento, tiveron as monxas as súas moradas e celeiros ata a desamortización do século pasado.


A fachada principal

     A porta da fachada principal da igrexa de San Pedro ten unha arquivolta tórica semicircular que descansa sobre dúas columnas de capiteis vexetais. Os ábacos son modernos. O tímpano vai con dobre lumieira e está esculpido con labor de lacería: con tres cruces de San Andrés de Lazos, unha delas tapada por unha imaxe moderna de San Pedro. O conxunto esta rodeado con círculos con flores estreladas coa punta rota, pola reducción do tímpano trala desfeita levada a cabo coa restauración do ano 1756.



Unha ábsida excepcional

     A ábsida pentagonal, procede dun decágono regular, internamente ten unha arquería cega. Está dividida en cinco planos, a partir dos arranques paralelos dos muros, por catro columnas adosadas ás arestas de intersección dos planos e por dúas pilastras que delimitan a sección recta da cabeceira.
     Orixinariamente tivo cinco ventás románicas, unha en cada plano, das que soamente se conservan as tres dos planos máis setentrionais, con arquivolta tórica semicircular e chambrana con catro filas de tacos, apoiada sobre dúas columnas que teñen capiteis vexetais, tres cabeciñas de leóns e un personaxe tocando unha viola. O cuarto plano non ten ventá e no quinto existe unha moderna rectangular. No primeiro e terceiro plano hai unha seteira no centro.
     O aleiro románico e os canzorros desapareceron. Tan só se conserva a cuberta que ía decorada no seu chafrán por unha cadeneta de rombos. O muro recto setentrional foi cuberto pola construcción da sancristía.
     O arco triunfal derrubouse para gañar altura; consérvanse os fustes das columnas, as bases están medio soterradas e os capiteis foron picados.




San Xurxo de Codeseda

     O nome da outra igrexa de ábsida pentagonal, Codeseda, vén de Codeseira (localidade abundante en codesos). A freguesía de San Xurxo de Codeseda é das máis antigas da Comarca de Tabeirós. A principios do século X, o Bispo de Iria, Sisnando, menciona nunha escritura a Codesión como tributaria para o mosteiro do Pico Sagro.
     López Ferreiro sinala que no ano 1124 hai unha doazón do mosteiro de San Xurxo de Augas Santas ou Codeseda. No ano 1164, era abadesa do mosteiro Mariana Fernández, como se constata nunha epigrafía recollida, da porta da epístola, polo Cardeal Jerónimo del Hoyo; inscricións que eu non atopei na igrexa.
     Na Bula do Papa Anastasio IV, do 8 de abril de 1154, na que se confirman os privilexios e posesións da igrexa compostelana menciónase o de Codeseda (coteseta). A fundación do mosteiro, como ben nos indica Hipólito de Sá autor de Las rutas del románico en Ia provincia de Pontevedra, é anterior a 1164. No S.XV o mosteiro de Codeseda, no que só quedaban dúas monxas, foi suprimido polo cabildo.



O exterior da ábsida

     A igrexa é o único que queda do cenobio de monxas. É dunha nave, reedificada, e ten unha fermosa ábsida poligonal completa, procedente dun decágono regular. Dende o exterior a ábsida está dividida en cinco tramos, por catro semicolumnas de capiteis vexetais, adosadas ás arestas dos ángulos, unidos a dous muros rectos —que completan interiormente o corpo do presbiterio— por dous contrafortes de sección rectangular. O fuste componse de dezaseis semitambores.
     Nos cinco tramos da ábsida hai cinco ventás, unha en cada tramo, con arquivolta tórica semicircular de fino xadrezado, chambrana de cinco filas de tacos e unha seteira central.



O interior da ábsida. O sistema de abovedamento

     Dentro da igrexa a cabeceira está unida á nave por un arco triunfal de medio punto, lixeiramente peraltado e por outro arco paralelo faixón. A cuberta no tramo recto da capela maior é unha bóveda de canón. O tramo pentagonal cúbrese con bóveda de forno, nervada, apoiada en seis columniñas sitas nos ángulos. As columnas son de fuste monolítico. Os capiteis están fermoseados con motivo vexetais de follas. As bases son de perfil ático e os ábacos en chafrán recto, impóstase todo arredor da ábsida.
     Nos tramos rectos existen dúas portas alinteladas que conducen a dependencias modernas. Sobre o arco triunfal existe o oco dun rosetón, que desapareceu.

 

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega