A literatura eonaviega contemporánea (notas sobre literatura galega de Asturias)

 

Introducción

Páxina Seguinte

Pagina nueva 1



Aos meus devanceiros eonaviegos que chegaron a min
através da mía mai Adela
e ás xeraciois que vein tras de min
nas mías fillas Elena e Laura.











     A lingua galega fálase non só en Galiza senón tamén nas franxas máis occidentais de Asturias, León e Zamora, así como en tres vilas da provincia de Cáceres. Nestas terras houbo e hai un uso literario (entendendo este termo nun senso amplo) dos diferentes dialectos galegos e nalgúns casos destas terras xurdiron autores que forman parte do elenco de escritores en lingua galega.
     Xunta eles hai unha literatura ora menor ora descoñecida á que nos queremos aproximar, concretamente á producción literaria galega feita en Asturias, dado que é a comunidade de galego falantes fóra da Galiza maior, xa que nos dezaoito concellos máis occidentais do Principado usan o galego arredor de sesenta mil persoas.
     Aínda que tratamos esta área xeográfica e neste século, ao cabo deste estudio faremos unha rápida viaxe polas outras áreas, dado que tamén hai nelas autores que paga a pena coñecer.
     En Asturias, o uso do galego na escrita non vén só de finais do século XIX, senón que xa nos primeiros tempos do idioma a lingua tiña cabida na vida oficial. Nos documentos do Mosteiro de Vilanova de Ozcos a mestura de latín-romance deixa percibir a vitalidade do galego local, mais curiosamente hai xa algúns documentos que están redixidos de todo en galego, como este que presentamos, datado no século XIII (1):

     In Dey nomine, amen. Cunusçuda cousa seia a quantos esta carta viren commo eu Maria Uicentez de Cedamona vendo a uos abbade don Guillermo de Santa Maria de Uilla Noua d'Oscos e ao conuento desse mismo lugar quanta heredade eu aio e deuo auer en Çedamona por preço que a mi e a uos ben prougo, conuen a saber: hun boy boon e çen solidos, preço que que a mi a uos ben prougo, do qual preço me outorgo por ben pagada e sse mays val doo por Deus por mina alma e de meus parentes. E de este dia en deante seia tirada de nosso poder e seia metuda en no uosso e no do moestero e se alzen da mina parte ou da aldea contra esta uençon e contra esta doaçon veer, aia a maldiçon de Deus e a mina e con Iudas eno inferno iasca por senpre e aa uoz del rey peyte con morabetinos e dobre en Gyo(...)

     Máis recentemente fóronse publicando máis documentos desa mesma época na revista A Freita (números 7, 8, 9). Trátase de facsímiles tamén do século 13. Concretamente a seguinte mostra do ano 1281, aínda que a copia é moi posterior (2), reproduce abondo ben algúns caracteres do galego local:

     Este e testamento que fezo Munin Martinez quando iazia dolente sub era de mil e tres centos e dezanove anos. Joves dezesete dias andados del mes dabril primamente mando do meu corpo e mia alma al Monesterio de Santa Maria de Uilanova Doscos e mando hy el meu quiñon de quanta herdade eu ey en Cotarelo, con todos sous terminos e con todos sous dereytos e outro sy en Pedro Martinez por mi e por mia muller Sancha Perez mando mando hy el outro quiñon de quanta herdade eu ey en Cotarelo, con todos sous dereytos por nosas almas. Et eu Munin Martinez de suso dito quitome da herdade que tenia dos rañoes e de Johana Cotarelo. e de sous fillos e he esta herdade en Santa Alla Doscos e iaz en Cima de Vila. e otro ssy me quito da herdade que tenia de Rodrigo en Cima de Vila e he da Quinta arrea. —Et outro ssy me quito de prestamo da herdade de Cima de Vila e he da Quinta Asserra. Os que foron presentes Pedro Dominguez e Pedro Johanes e Lope Perez E Johan Dominguez fillo de Domingo Fabian de Teyxeyra. Et que esta seia mais firme e non possa venir en dolda eu frey Domingo Momez Notario de Vila Nova Doscos a rrogo de Munin Martinez de suso dito escrivi este testamento e puys ene le meu sinal que é atal entestimonio de verdade.

     Temos un breve testemuño de copras populares do século XVI recollidas por Euxenio de Andrade en Tornaleo (Ibias). Unha mostra delas son:


Deita palla al boi,
Gonçalvo
deita palla ao boi.

Treixa Ferrandez
fiandeira honrada,
puxa (en) cada fio
ua pucheirada


* * *




Literatura galega de Asturias

     Falar de literatura en galego feita en Asturias no século XX non é un labor fácil. É mester buscar e rebuscar textos que aparecen aquí e acolá, en xeral curtos, de autores locais que usaron decote o castelán como lingua de expresión literaria ou mesmo o asturiano. Si é certo que algúns autores que salientan xa no século XX naceron no XIX e que probabelmente fixeron as súas primeiras probas no terreo da literatura antes de entrarmos no noso século.
     Habemos cuestionarnos, antes de nada, se a literatura da franxa máis occidental de Asturias é literatura galega. A resposta vén dada polo simple feito de seren escritores en galego, tanto se usaron e usan o galego estándar nas súas obras ou o galego local. Así as cousas, a literatura feita na Terra Eo-Navia (3) forma parte da literatura galega, aínda que hai que lle atribuír unha autonomía ao respecto da literatura xeral galega, como logo se verá. Tal acontece coa literatura catalana, cuxos autores poden ser cataláns, valencianos e baleares (senón roselloneses,
alguereses ou aragoneses da Franja), ou a vasca, na que participan escritores procedentes de Euscadi, Navarra ou Iparralde.



A AUTONOMÍA DA LITERATURA EONAVIEGA: FACTORES

     Máis arriba referiámonos á autonomía que a literatura galega de Asturias ou eonaviega ten dentro da literatura galega. Isto é así por dúas razóns principais que analizaremos arreo: a peculiaridade dialectal do galego de Asturias e mais a situación social do Eo-Navia.
     O galego eonaviego (o cal describiremos brevemente máis adiante) ten unha personalidade moi peculiar dentro do dominio galego-portugués. É o dialecto galego con máis trazas propias no tocante á morfoloxía, conservándose nel arcaísmos dos primeiros tempos do idioma xunto co formas comúns co asturo-leonés (como se verá despois). Tal caracterización levou a moitos a pensar que non se trataba dun falar galego, senón doutra cousa, e polo feito de ser unha fala asturiana xeograficamente, fixo pensar que era parte do asturiano. Lingüisticamente non é así, mais fronte ao galego estándar chocan moitos elementos que caracterizan o galego asturiano ou eonaviego. Esta situación mantense arestora na poboación da zona, a cal ten plena consciencia dos elementos que ten o galego eonaviego e que non ten o galego común. Tamén á inversa, os falantes galegos achan no galego eonaviego elementos que son dificilmente asumíbeis coma galegos, aínda que filoloxicamente si o sexan. A escasa fragmentación dialectal galega vese rota en Asturias (o galego falado en León ou Zamora presenta moitas menos diferencias e achégase moito máis ao galego común).
     O outro elemento que favorece a devandita autonomía é o sociolóxico. No caso do Eo-Navia a fronteira política pesa moito. Iso non supón que outrora non houbese intercambios entre os eonaviegos e os seus veciños lucenses (na Mariña eran e son abundantísimos, máis escasos, en troque, na Serra por mor da dificultade das comunicacións. Hai uns anos, considerábase que o ser asturiano era signo de superioridade fronte ao ser galego (hoxe, afortunadamente, estes tópicos xa están superados). Por iso, o que había alén a raia política era algo alleo, do que non se participaba (aínda que de feito non era así (4)).
     Ademais, o xa referido feito de o galego eonaviego ter unhas trazas moi de seu, levou os habitantes da zona a consideraren que eles habían desenvolver a súa propia cultura (o cal tampouco é moi exacto, porque na literatura popular percíbese a continuidade que hai entre Galiza e Asturias, onde o Eo-Navia fica no medio, dando, é certo, un toque propio ás súas manifestacións culturais).
En definitiva, o feito de os habitantes do Eo-Navia non seren galegos e de teren un dialecto ben diferenciado do galego común, fixo (e en parte aínda fai) que a literatura (menos a popular cá erudita) teña unha autonomía fronte ao resto da Galaicofonía.




O REXURDIMENTO NO EO-NAVIA

     A Terra Eo-Navia (ou o Eonavia) non foi allea ao proceso do Rexurdimento Galego. Tendo en conta que non se trata dun momento illado que estoupe e logo pase, senón que toda a
segunda metade é un clamor a prol da recuperación da literatura galega que chegará ata a Guerra Civil do 36-39, no ultraoccidente asturiano hai conciencia de que a lingua está en xogo, polo menos da man de certos autores, dos que salientamos a Armando Cotarelo Valledor e a Antolín Santos Ferrería, dos que nos ocuparemos máis adiante.
     Loxicamente esta conciencia de galeguidade lingüística non a tiñan todas as persoas cultas que usaron o galego de Asturias, como aínda ocorre hoxe en día. Moitos autores, como acontecía en toda a España de lingua vernácula non-castelá, optaron polo español como lingua única de cultura e algúns sumáronse á tradición abondo viva no centro de Asturias da literatura que daquela se chamaba en bable.
     Polo tanto, a literatura galega de Asturias ten dous referentes —como aínda os ten hoxe
—: o Rexurdimento literario de Galiza dunha banda e mais a tradición literaria do asturiano pola outra (que de feito é tamén un Renacemento ao que se lle dedicou menos estudios que ao galego ou ao catalán, mais que é paralelo a ambos os dous) (5).
     É curioso sinalar que antes da aparición da gran poetisa nacional galega, Rosalía de Castro, xa un autor publicou un libro de sou en galego sendo bierzano. Trátase de Antonio Morales, que usou o galego bierzano para compor a súa obra poética en 1837: Versos en dialecto berciano, de modo que se pode ver que o Renacemento das Letras Galegas non veu exclusivamente de Galiza, senón que participaron nel autores galego-falantes do exterior. Este poeta, amante da súa terra, fai unha poesía moi clásica, dentro da liña da señardade, que empeza a ter matices de romántica (non é aínda unha exaltación da propia terra mais si se mira para ela cunha fondura especial). De verso curto, os poemas percorren a paisaxe e as acordanzas do poeta que viviu o máis do tempo fóra da súa terra natal. Probabelmente sexa este o primeiro exemplo de saudade da literatura galega moderna, adiantándose así Morales a Rosalía, aínda que o primeiro non ten a forza expresiva nin o sentimento de soidade da segunda.
     Máis adiante, estudiaremos outro autor orixinario do Baixo Bierzo que tamén escribe en galego, Aquilino Poncelas Abella. Incluímos este autor no noso elenco por pertencer á área dialectal do galego eonaviego (6).
     Volvendo a Asturias, estudiaremos aqueles autores que tiveron boa parte da súa producción en galego eonaviego neste século. Téñase en conta o dito anteriormente de que o feito de escribiren en galego non supuña que non o fixesen noutra lingua (xeralmente o castelán, no que polo demais sole estar redixido o groso da súa obra).
     Queremos reseñar que estas páxinas son unha débeda que a literatura galega ten cunha parte de si mesma, dado que toda producción literaria, por pequena que sexa, que utilice a lingua de Rosalía en calquera das súas variantes, é literatura galega (reiterámonos neste punto). Así, nós queremos incluír algúns autores que, en xeral modestamente, contibuíron e contribúen ao engrandecemento da nosa lingua desde fóra das fronteiras administrativas da Galiza.



O DIALECTO GALEGO DE ASTURIAS: O SOPORTE LINGUISTICO

     Practicamente toda a literatura galega feita en Asturias está feito no galego eonaviego, probabelmente o dialecto más paculiar dentro non só do galego, senón do galego-portugués. Por iso, parécenos interesante reseñar, aínda que sexa brevemente, cales son as trazas que caracterizan ao galego de Asturias.
     As vocais tónicas son abertas fronte ao resto do galego que as ten pechadas cando van trabadas de -n-: paciència, presència, ocasiòn, Ramòn; mesmo no caso nos plurais de -òn consérvase a vocal aberta: ocasiòis, vacaciòis, etc. Tamén hai abertura de vocais en desinencias verbais da segunda conxugación no pluscuamperfecto e no imperfecto de subxuntivo: comèra, comèses, fòra, fòses, etc.
     Característico é o tratamentos dalgúns ditongos (citaremos só os casos moi característicos), que resultan diferentes ao respecto do resto do dominio. Así, téndese a achar -ei- onde o resto do idioma ten -ai-: feirás, treirán, reis (plural de ral), reíz (sempre máis no norte que no sur): ameicer, esqueicer, beilar, meíz, reíz, vei, peisano, etc.
     Propio tamén da zona é o fenómeno da monotongación de -co- e -go-: no dialecto centro-oriental hai unha grande tendencia a reducir CUA e GUA a -co- e -go-: condo, conto, agordar, contía, coresma, gornición, gorecer, escoxiringar, mais cuatro, cuase, cuallar, aínda que no occidental, como o galego lucense, xa presenta formas como as literarias. Paralelo ao anterior áchase a ditongación na presencia de -g- pois o galego eonaviego ditonga -o- en -ou- cando lle segue -g-: lougo, fougo, hougano, rougo, avesougo, etc. Tamén -g- provoca que ditongue calquera vocal en moitos outros casos: eugua, leugua, fraugua, augua, áiguela, etc. Tamén pódese atopar unha conservación de antigos ditongos xa que hai casos de ditongos arcaicos conservados: escaecer:esqueicer, amaecer:ameicer, paolla, maollo.
     Un fenómeno de evolución consonántica é -zc- onde o resto do galego ten -sc-: ozca, mázcara, ezquerda, pelizcar, etc.
     Loxicamente, o galego de Asturias presenta as terminacións -ao,-á nos termos patrimoniais, mais -ín, -ía, fronte a -iño/a do resto do idioma. É o diminutivo máis característico do galego-portugués e do asturiano baixo as formas -ín, -ina. Aplícase a nomes e adxectivos con toda normalidade: homín, rapacía, pequenín. Cando -ín se une a -eiro en galego eonaviego occidental dáse a forma común do galego: sardiñeira de sardía, muiñeiro, diñeiro, etc. Sen embargo, no resto do dialecto cae -n- intervocálico: mulieiro, cocieira, dieiro (xunto con diñeiro). O mesmo ocorre cos verbos: cociar, camiar, adiviar.
     A metafonía de antiga nasal, que se dá en galego eonaviego coas antigas nasais, mais no norte e centro e mais no sur dá resultados distintos segundo as zonas:
     —ten peche dun grao no sur: chèn, chéa, chéos, chéas; roubòn, roubóa, roubòis, roubóas.
     —ten peche de ata dous graos no norte e centro: chèn, chía, chíos, chías; roubòn, roubúa, roubòis, roubúas.
     Ortograficamente, os resultados segundos veñen grafados como -éo-, -éa- e -óa-.
     O dialecto oriental do galego eonaviego palataliza como o asturiano común:
          L- > ll-: lúa, lonxe, lado, ler, lar, lobo, lume, etc.
          -LL- > -ll-: tolo, martelo, tolo, bolo, aló, etc.
     O conxunto das variacións do género e do número no galego eonaviego quedan perfectamente recollidos no seguinte cadro: chao, chá, chaos, chás; folgazais, folgazá, folgazais, folgazás; chen, chéa, chéos, cheas; vecín, vecía, vecíos, vecías; bon, bóa, bós, bóas; lambión, lambióa, lambiois, lambióas; común, comúis; ruin:rin, ruía:ría, ruíos;ríos, ruías:rías.
     No plural é moi habitual que se conserve -l- porque en case todo o galego de Asturias se conserva (calente, avolo, salir, palo, esquilo) e resulta logo "regular": animales, caracoles, etc. Con todo hai constancia de plurais sen -l: rais, animais, atafais.
     No superlativo, hai formas características, como que bon e ben sempre van precedidios de muito e non de mui: Eso está muito ben. Como formas de reforzo, amais das comúns de mui e ben, úsanse mui ben e abondo ben.
     Un dos elementos que lle dan unha fisionomía propia ao galego eonaviego é o artigo determinado masculino/neutro singular, cuxa forma é el, fronte a o do galego común. Con todo, alternan o e el. Ademais, para o feminino úsase tamén el cando a palabra seguinte comeza por vocal tónica (el urna, el outra, el eira).
     No artigo indeterminado atópase uha máis correntemente que unha; igual que ocorría co artigo determinado, os femininos que empezan por vocal tónica usan o alomorfo un no canto de uha: vereite dentro dun hora.
     Entre os posesivos hai tamén curiosidades como mía, tou, sou, que son auténticos arcaísmos dentro do sistema galego-portugués. Igualmente, formas exclusivas dos demostrativos son estos, esos, aquelos (na zona palatalizadora aquelos); paralelo aos anteriores é o pronome persoal elos.
     Nos indefinidos e cuantitativos compre destacar uns arcaicos partitivos del, dela [della], delos [delos], delas [delas] e outras formas descoñecidas no galego común, como daqué (=algo) e daquén (=alguén).
     No verbo, sinalaremos brevemente que os perfectos da segunda conxugación fortes en -iche en vez de en -eches. Na rexión limítrofe con Galicia é frecuente que a terminación -ei (incluídas formas como hei e sei) tomen -n: tomein, falein, subirein, falarein, hein, sein. O mesmo fenómeno ocorre en Fonsagrada e Navia de Suarna. En presente de subxuntivo aparece en todas as falas unha acentuación do plural analóxica co imperfecto de indicativo: cómamos, cómades; séñamos, séñades. Con todo, unha acentuación non analóxica, coincidente co portugués, é perfectamente válida e hoi en día máis común na fala. En canto á acentuación do imperfecto de indicativo, do pluscuamperfecto e do presente de subxuntivo non se dá a mesma acentuación da lingua normativa: falábamos, falábades; faláramos, falárades; falásemos, falásedes. Nembargante a outra acentuación si se dá en ancarés e Suarna.
     Os verbos da terceira conxugación, cuxa vocal rizotónica é -a-, teñen un comportamento particular na zona do sur, onde toman un iode na primeira persoa do singular do presente de indicativo e mais en todo o presente de subxuntivo:

Partir: partio, partes, parte, partimos, partides:partís, parten
partia, partias, partia, pártiamos, pártiades, partian

     Hai moitas outras características do galego de Asturias, mais non é cuestión de nos estender máis. Simplemente, sinalaremos que o galego de Asturias (case todo el) e mais o dos Ancares (en León) considéranse un mesmo bloque dialectal, o bloque raiano, de características morfolóxicas propias fronte ao resto do galego.



ALGUNHAS ANOTACIÓNS ORTOGRÁFICAS

     Hoxe en día existe unha normativa vixente para o galego de Asturias (7), mais esta normativa —un subestándar
— resulta moi ambiguo e está en fase de discusión e melloramento. Recentemente estase a publicar na revista A Freita unha proposta de normas (8) que tratan de recoller algúns aspectos que ficaron pouco claros.
     En cuestións ortográficas, e seguindo as pautas do dito artigo, ao longo do noso traballo os textos (ou citas) en galego eonaviego axeitaranse aos seguintes puntos, co gallo de chegar a unha unificación ortográfica dos textos:

  1. Metafonía por antiga nasal: cando se trate de reproducila, as vocais afectadas levarán un acento agudo sempre en posición tónica: bóa, grandóa, chéa, chéos, etc.
  2. A palatalización irá sempre marcada con -l-: así escribiranse lado, tolo, louco, marelo, etc.
  3. Non reproducimos nunca o -y- que será substituído por -ll- ou -i- segundo corresponda: traballo, muller, coller, lle; apoio, maio, etc.
  4. Nos apóstrofos reporanse as vocais elididas, a non ser que poida darse unha contracción.
  5. Faremos un uso conforme á normativa vixente das letras -b-, -v-, -h-, -x- e mais os grupos cultos.
  6. Respectarase sempre a terminación -ado conforme a criterios normativos.
  7. O artigo neutro lo, que é castelanismo, será sempre substituído por el.
  8. A conxunción copulativa sempre se grafará e, calquera que sexa a súa pronuncia. Do mesmo xeito a preposición pra levará esta grafía ou mesmo para, e nunca outra máis vulgar. Do mesmo xeito outras conxuncións e preposicións levarán a vocal enxebre: se, sen.

     Por todo o demais, respectamos as variantes morfolóxicas dos orixinais segundo cada autor.

    
A unificación ortográfica permitirá que todos os textos poidan ser lidos moito máis doadamente e evitarmos así a dispersión e que o galego de Asturias pareza un dialecto alleo ao galego.






1. Publicado no Boletín do IDEA nº 102, 1981, p. 143.
2. A Freita nº 7, pp. 50-51. 1995.
3. O xentilicio referente á Terra Eo-Navia é eonaviego.
4. Os gandeiros eonaviegos adoitaban ir vender ou mercar o seu gado ás vilas galegas por lles caeren máis próximas cás galegas, sobretodo en zonas do interior coma Ibias, El Valledor e Grandas, que acudían decote á Fonsagrada.
5. Vid. Díaz Castañón, Carmen. Literatura Asturiana en Bable. Ayalga Ediciones. Salinas (Asturias). 1987. Esta estudiosa comeza a súa exposición da literatura asturiana desde o século XVII (non sitúa aquí o seu nacemento, que se remonta, como no resto dos romances ibéricos, á Idade Media), cando se achan os primeiros poetas de nome coñecido. Parece ser que hai unha tradición ininterrompida de literatura en bable ou asturiano que persiste nos "séculos escuros", aínda que non haxa mostras diso. Do mesmo xeito, estudios máis recentes, tamén falan de pequenas mostras literarias en galego antes do Rexurdimento.
6. O galego dos Ancares é, de feito, continuación do galego de Asturias (Frías, 1997; 243).
7. Normas Morfolóxicas e ortográficas do galego de Asturias. VV. AA. MDGA, Eilao, Asturias, 1990.
8. A Freita, nº 10-11, 1997.

 

 

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega