A literatura eonaviega contemporánea (notas sobre literatura galega de Asturias)

Páxina Anterior

O primeiro tercio do século XX

Páxina Seguinte

Pagina nueva 1
1. INTRODUCCIÓN

     Durante os primeiros anos do século XX e ata a Guerra Civil houbo unha certa producción literaria, mais en ningún caso se trata dunha actividade literaria seria e continuada —agás os xa mencionados casos de Cotarelo Valledor e Santos Ferrería—. A literatura en galego de Asturias faise case toda ela a través de xornais e folletos, case sempre cun claro sabor local. X. M. Suárez (9) define esta primeira etapa:

     A Guerra Civil (...) supón unha ruptura na súa medría literaria tanto cualitativa como cuantitativa.(...) Non foron poucos os nacidos nos concellos máis occidentais de Asturias que escolleron o abeiro das máis prestixiadas ou cultivadas linguas capitalinas para escribir a súa obra.

     Autores locais que usaron o asturiano foron, tamén segundo Suárez (10), Manuel Fernández García (Serantes 1888-?), Pedro G. Arias (1877-?) e José de Villalaín (Navia 1878-Salinas 1939). Continúa este mesmo autor facendo algunhas apreciacións arredor dos lugares onde hai maior producción literaria neste primeiro tercio do século XX.

     Case toda a producción literaria que conecemos nos anos dez e vinte xira arredor da vila de Castropol e, máis concretamente, arredor dun peteiro de xente nova que tiña en común un ideario reformista-republicano. Naquela data, o occidente asturiano non era unha excepción dentro do panorama político do conxunto estatal. O caciquismo e a alternancia no poder entre os partidos dinásticos era un feito consubstancial ao réxime imperante. Mais nesta parte de Asturias, arredor da figura do castropolense Vicente Loriente, formárase o chamado Partido Independente ou "novo", termo este usado popularmente para estremarse dos vellos, xente ou políticos relacionados coa perpetuación do sistema da Restauración.

     Castropol é certamente un lugar de grande importancia, mais a maioría xa daquela, e ao longo do século, será Tapia o punto de referencia cultural máis importante. De feito, a variante local, o tapiego, será a empregada na maioría das composicións literarias feitas en galego de Asturias.
     Nestes primeiros anos hai un xornal que tivo un papel fundamental que favoreceu, case exclusivamente, o desenvolvemento desta literatura galega de Asturias foi o xornal El Castropol, dirixido por Claudio Fernández Luanco e fundado en 1905. Neste xornal aparecen, logo, a gran maioría das composicións poéticas da época. Cómpre destacar un breve panexírico intitulado "A Villaamil" do propio fundador do xornal (11) na honra dun almirante castropolense chamado Fernando Villaamil.
     Practicamente non hai máis formas literarias en vernáculo que a poesía e escasos son os libros, dado que case todo son poemas publicados espalladamente ao longo dos xornais. En todo caso, parece que os intelectuais que usan o vernáculo non teñen un concepto moi elevado deste.
     Verbo do idioma, xa sinalamos que cada autor usa a súa lingua familiar (coas excepcións de sempre de Cotarelo e Santos Mediante), sen se preocupar nin remotamente dunha unidade co estándar galego da época. Mesmo no ortográfico hai un enorme caos, cada autor escribe como se lle antolla (mesmo nun mesmo autor varía dunha liña para outra), con uso prolífico de castelanismos, o cal demostra que non houbo daquela interese ningún por pulir o dialecto literariamente.
     Este período da literatura galega en Asturias ten lugar durante o postrenacemento e a época das Irmandades da fala.



2. POESIA

     Vimos de afirmar que a literatura en galego en Asturias é, nos comezos do século, un producto que responde máis que nada a elementos afectivos; non cremos que os autores, todos eles intelectuais con estudios universitarios e en xeral ideoloxicamente de esquerdas, usasen o galego como elemento de diferenciación.
     A poesía galega de Asturias, verbo da súa temática, non se afasta da temática que daquela se daba en Galiza e ata en Asturias. Está moi presente a señardade, elemento moi presente na poesía local, onde o poeta lémbrase saudosamente desde a distancia da terra propia. Outros temas que tamén aparecen son a louvanza ás persoas e á paisaxe, e nalgúns casos a poesía serve como vehículo ao canto amoroso.
     Case toda esta poesía é moi clásica verbo do metro e da estructura. Curiosamente estes dous elementos son moito máis coidados a diferencia da lingua que, como dixemos anteriormente, fica abondo descoidada.


Bernardo Acevedo y Huelves (Boal 1849- Oviedo 1920)

     Bernardo Acevedo foi un grande erudito que se preocupou en profundidade pola lingua e cultura de Asturias. Posuidor dunha amplísima cultura, gustou de pescudar pola súa conta. O autor estudiou o galego do ultraoccidente asturiano elaborando o primeiro diccionario do dialecto coñecido (Diccionario del Bable de Occidente, 1932). Para Acevedo non había dúbida ningunha de que a fala do Navia ao Eo era bable e non podía ser outra cousa, polo que o título do seu diccionario e mais a concepción que tiña dos seus poemas era asturiana, malia ser a lingua que empregaba a galega.
     Da súa actividade coma estudioso do folclore hai que salientar a copiosa documentación que presenta no seu Boal y su concejo (1898), que continúa en Los vaqueiros de alzada (1915) e complementa no devandito Diccionario (12).
     Ten unha bastísima obra poética en asturiano literario da época, idioma que coñeceu á perfección, e só ten un único poema escrito (ou polo menos conservado) do século XIX en galego do país. O dito poema leva o título de La fuente a Jovellanos (1891), que pon na boca de D. Domingo de la Fuente, criado coañés de Xovellanos (13). Este poema, no que o autor só ten conciencia de mudar do estándar para o dialecto, é unha xoia por ser o primeiro poema en galego de Asturias que posuímos da idade moderna.
     O poema, un soneto, vai moito nunha liña grandiosa e chea de louvanza cara a Xovellanos, de métrica correcta, mais de escaso valor literario. En realidade, Acevedo ten composicións moito mellores en asturiano, lingua que literariamente usou con gran mestría. O dito soneto é este:

Vusté era un gran señor, eu era un probe;
Vusté era un sabio; eu era un ignorante;
Eu era un ananín, vusté un xigante;
Pedra fina vusté, e eu un adobe.

Dios axuntounos!... E se a min me move
A Piedá pra ir de Xove asta Levante,
A traición e a inxusticia, malandante,
Tráenlo a vusté dende levante a Xove.

Sirve a España leal, e al soberano
E páganlle en traiciois os tramposos:
Sírvolo eu a vusté... E chámame irmao

Se lle erguen uha estauta, xenerosos
Mañá en Xixón, suprique a sous paisanos
Que fagan a pilastra cos meus ósos...!

     Acevedo participou dun certo internacionalismo e chegou a ter tratos con intelectuais da época de partes moi diversas. Mostra diso é a traducción que el mesmo fixo duns versos de Camões para o seu eonaviego de Boal (que lembremos que el considerou asturiano do punto de vista lingüístico). Eis os ditos versos, co valor simbólico de seren a primeira tradución eonaviega existente (14):


ENDECHAS DE LOUGUIS DE CAMÕES
A UHA COUTIVA, CHAMADA BÁRBORA, Á QUEN EL POETA
CORTEJABA NA INDIA

(Versión de Bernardo Acevedo y Huelves)
(Boal-Asturias)


Aquela coutiva,
que me ten coutivo,
porque nela vivo,
xa non quer que viva.
Eu nunca vin rosa
en hortos, nin poios,
que prä os meos ollos
fose máis hermosa.


Nin nel campo frores,
nin nel cielo estrelas,
me parecen belas
com'os meos amores.
¡Cara singular!
¡ollos sosegados,
mouros e cansados
mais non de matar!

¡Uha gracia viva
nos sous ollos mora,
que la fai señora
de quen é coutiva!
¡Mouros os cabelos!
¡á xente aprendeo
nelos que é mui feo
el roxo pra co elos!

¡O mourén d'amor....[sic]
tan dulce e tan leve,
ben quixera á neve
trocarche el color!
Tranquila expresión
que al xuicio acompaña
pode ser estraña,
mais.... bárbora non.
Presencia serena
que á tormenta amansa,
nela, enfin, descansa
á mia fonda pena.
Esta é á coutiva
que me ten coutivo:
é pois nela vivo
é fuerza que viva.



Antolín Santos Mediante Ferraría (Taramundi, 1880- Piantón -A Veiga-, 1944)

     Santos Mediante é, sen lugar a dúbidas, o noso mellor poeta en lingua galega de Asturias. Estudiou no Seminario de Mondoñedo mais abandona os estudios relixiosos para dedicarse máis adiante ao ensino, coma mestre nacional. Traballa en varios puntos de Galiza e Asturias, ata que cae definitivamente na vila de Piantón, no concello de A Veiga.
     Colaborou nas publicacións periódicas locais, coma tantos outros poetas aos que nos referiremos a continuación, tales que Las riberas del Eo ou La Comarca e mesmo Ecos Vegadenses, onde asinou co seu nome e tamén cos seudónimos "Un poeta de tres ó carto" e "AESEEME" segundo X. Babarro (15).
     Este crítico galego, en referíndose á súa composición "A un moiño desfeito", afirma (16):

     En 1925 a súa composición "A un moiño desfeito" é premiada, no tema "á mellor poesía en galego", na Festa da Poesía Galega celebrada polo San Froilán no Círculo de las Artes de Lugo, organizada pola Asociación de Prensa, acto no que actúa de mantenedor Antón Villar Ponte. Tamén son premiados neste certame, entre outros, Antonio Couceiro Freijomil, no tema "cantares galegos", pola colección "Retranqueiro" e Ramón Otero Pedrayo, no de crónica periodística, con "La poesía gallega".

     Os eixes temáticos da súa obra, sempre segundo Babarro (17), son: contos e tradicións orais, cantigas ao estilo popular, cantos ás festas da comarca e a tipos populares (o gaiteiro, o zoqueiro, o albeite), poemas á paisaxe, aos traballos e á vida campesiña, denuncia da situación do labrego e anticaciquismo (no cal se observa como o poeta ten a sensibilidade social dun home de esquerdas que tamén amosan outros poetas do Eo coma Ramón García González, segundo veremos máis abaixo) e pensamentos e máximas filosóficas cheos de ironía, retranca e humor.
     Non é logo moi distinto, como sinalabamos, doutros poetas coetáneos e paisanos del, mais si ten unha visión da lingua que os outros non teñen: el usa o galego estándar da súa época, non o galego local, o galego eonaviego, que de seguro empregaba na súa vida cotiá. Tivo logo unha visión universalista do idioma, afastada do localismo propio dos outros poetas. Por iso, Carballo Calero cítao tamén (18), considerándoo de pleno un poeta en lingua galega. Neste aspecto, tanto el coma Cotarelo Valledor asumiron que a súa lingua era a galega, malia que as diverxencias dialectais do galego eonaviego (moi marcadas como xa vimos) e a pertenza de toda esta terra ao Principado de Asturias, favoreceron a consideración de que o galego do Eo-Navia era unha variante do asturiano, ou como moito unha mestura de galego e asturiano. Iso non quita para que en moitas ocasións Santos Mediante recorra a formas morfolóxicas propias do galego de Asturias, afastándose do que daquela viña sendo o estándar galego, en casos como vrau, grau, hoi, valia, rapacía, abolo, etc., aínda que nisto non hai tampouco uniformidade, xa que noutras moitas ocasións abondas das palabras anteriores aparecen so formas máis propias do galego interior: xeada, vran, miñán, viñeron, etc. Elo débese á falta de fixación do estándar literario galego da época, e segundo este abalamento o poeta acode con frecuencia aos hipergaleguismos propios da literatura da época.
     A súa poética non está publicada en libros, senón, como xa sinalamos, en xornais, polo que Mediante Ferraría é pouco coñecido nos ámbitos literarios galegos, aínda que si é certo que deixou unha profunda pegada nos seus coetáneos de ambas as ribeiras da Ría do Eo.
     A súa evolución coma poeta defínea Babarro (19):

     Seguindo a cronoloxía podemos apreciar unha evolución e un perfeccionamento na estética dos poemas, pois non só se conservan distintas versións dunha mesma composicións, publicadas en diferentes datas, senón que tamén dispoñemos de correccións manuscritas do propio autor, para escoller voces máis expresivas, modifica-lo ritmo interno do verso, completar con novos versos ou estrofas, etc. Atopámonos ante un escritor cunhas dotes extraordinarias para a versificación. Abonda con que botemos unha ollada ós diferentes tipos de versos e estrofas que frecuentou para decatármonos da riqueza formal da obra do mestre de Piantón.

     A fabulosa antoloxía da súa que realizou Xoán Babarro é a primeira mostra da súa poesía en conxunto.
     Entre as poesías de carácter popular, véxase esta pequena mostra:

A Parca prestoulle axuda,
Segándolle o fío da vida
O marido, alma perdida,
que o quilo no inferno suda,
E Lucía, xa viuda,
Rezou con fervor crecido:
Meu San Antoño querido!
Anque me zurre a badana
Xa na primeira semana,
Concédeme outro marido.



Ramón García González (Castropol 1870-1938)

     Home moi douto, foi licenciado en Filosofía e Letras. Interesouse polo folclore e pola lingua do ultraoccidente asturiano. Colaborou cun xornal local chamado El Aldeano, que participa desta filosofía de Ramón García.
     Suárez (20) considérao o mellor autor desta primeira época. Di ao respecto del:

     Estudiou en Oviedo e Salamanca, onde foi alumno moi apreciado de Unamuno e se licenciou en Filosofía e Letras. Dedicouse á ensinanza nalgunhas escolas asturianas ata que se retirou ao seu Castropol natal, onde foi varias veces concelleiro polo Partido Independente ou Reformista.

     Segue Suárez (21) barallando a posibilidade de que Ramón García asinase todas as súas composicións no xa mencionado xornal El Castropol co alcume de Farruco, un total de vintedous poemas escritos entre 1912 e 1914 e que define así:

     (A estructura destes poemas) é de romance, ás veces de arte maior, maiormente de crítica política, zorregando sen dó dende as filas do Reformismo á "tropa pidaliana" do occidente que encabeza o deputado de Cartavio Benito Castro García(...). De todos os xeitos non deixa de haber poesías súas de certo sabor romántico, versos que falan de relixiosidade, da morte, dos recordos da infancia, e que nos fan lembrar algúns momentos da obra de García González Amarguras dun viaxe. É a mesma traza tamén doutras poucas de composicións que han aparecer nos anos trinta no periódico El Aldeano coa firma de "Nadie"e que tamén se lle poden atribuír á pluma do poeta castropolense.

     Ramón García é autor, coa súa propia sinatura, dun poemario de once poemas e trinta e unha páxinas intitulado Amarguras dun viaxe, cheo de referencias á paisaxe como elemento onde se desenvolve o amor. Un dos poemas é Nel xardín, probabelmente o mellor poema do autor xa que figura en varias antoloxías asturianas e que comeza así:

Cubertos xa de follas
Se mostraban luxosos os rosales;
Tal cual botón entre elas
El cáliz entreabre
E asomaban as rosas con apuro
De abrirse e de soltarse.
El aire era calente; xa dos bosques
Gustaba ben a friaxe.

     Carlota, a namorada, é o destino das louvanzas líricas do poeta. É un exemplo de musa moi corrente na poesía desa época en calquera lingua de Europa. Os elementos do xardín son abundantísimos —case que é un edén—
     Estes versos encádranse perfectamente dentro da estética modernista, máis na liña do poeta Rubén Darío ca no modernismo galego de Noriega, con riqueza de adxectivización e unha riqueza de imaxes e vocabulario importantes ao se referir á amante Carlota. Trátase da primeira vez que o dialecto galego de Asturias é empregado con tal forza lírica. Nestes versos non hai un canto á terra nin ao rural, como sería esperábel en calquera dos seus coetáneos, aínda que tal elevación da lingua faise cun emprego indiscriminado de castelanismos.
     O poema anterior completo recólleo Enrique García Rendueles na súa antoloxía Los nuevos bablistas (22) (Xixón, 1925; páxs.335-337), e que leva por título "Nel xardín" e cítao tamén Carballo Calero (23), dentro dun breve apartado que leva por título Os Poetas da Dereita do Eo, onde cita a Antolín Santos Mediante, Conrado Villar Loza (ao que nos referiremos arreo) e mais R. García González.


Conrado Villar Loza (Taramunde 1873- Tapia 1962)

     Este é outro dos grandes creadores deste primeiro tercio do século, quen ademais é aínda recordado na Mariña da Terra Eo-Navia. Teremos ocasión de nos referir a el nunha dobre vertente, como poeta e como dramaturgo.
     Viviu case todo o tempo na súa vila natal, onde era un personaxe coñecido e apreciado, chegando a ser rexedor de Tapia.
     Como versificador coñéceselle sobre todo un poema intitulado Lonxe de aquí, que trata das acordanzas que unha nai ten de seu fillo, emigrado á Habana, un dos puntos de destino máis frecuente das xente da Terra Eo-Navia. O poema comeza:

Lonxe, lonxe de aquí,
Onde lle chaman A Habana,
Teño al meu fillo querido,
Teño al meu fillo del alma!

     No poema alternan as voces do fillo e mais da nai que chegan a ter un diálogo con abonda forza expresiva. Máis unha vez a saudade, ou empregando a palabra propia do galego de Asturias, a señardade, fan acto de presencia nun poema que é abondo sinxelo no tocante á súa estructura mais moi emotivo. Dalgún xeito, Conrado Villar Loza é quen de tocar o corazón dos lectores co tema, mais non precisa usar unha linguaxe complicada.
     Os versos aos que nos referiamos antes son os que tamén pechan o poema que, por outra banda, non anda moi lonxe verbo do seu estilo da poesía galega coetánea.
     Velaquí o remate do poema coas palabras da nai, dun carácter erudito mais en absoluto afastado dos gustos populares:

—Que Dios te oia, meu fillo,
E te traia pra esta terra,
Onde te esperan os brazos
E os cariños desta vella.

     * * *
—Lonxe, mui lonxe de aquí,
Onde lle chaman A Habana,
Teño el meu fillo querido,
Teño al meu fillo del alma!

     Este autor, coa cita do seu poema, é recollido, aínda que dun xeito moi escueto, por Carballo Calero (24)
     Como dramaturgo compuxo un sainete que leva por título Un feixe de tapiegadas, con música de Etelvino Menéndez que, segundo X. M. Suárez (25), foi composto en 1921. Ao respecto desta obra, que foi a que encetou o costume dramático de Tapia (que chega á actualidade), di Suárez:

     Segue a traza do teatro costumista da época e non é máis que unha escusa para as cancións cheas de referencias a personaxes locais e populares que se cantaban na obra. Ten, iso si, a importancia de ser a primeira obra escrita en galego asturiano e que vai abrir unha tradición teatral que chega ata hoxe con Manuel García Galano.



José Fernández García, Pepe Muestras (Navia 1878-1942)

    
Autor natural da vila de Navia, ten unha copiosa producción en galego eonaviego da súa localidade de Navia (26). Así, moitos dos seus poemas aparecen en distintas antoloxías asturianas.
     Combinou a creación literaria coa musical e parece ser que foi abondo prolífico. Non é un poeta ao que lle cadre facer composicións de temática seria, máis ben gustou dos temas cotiáns, onde dá a impresión que Pepe Muestras emprega o verso coma medio de expresión que lle resulta doado de manexar e co cal cre chegar ben ao seu público. Home profundamente relixioso, na súa poesía hai referencia a temas de fe, aínda que é quen, nunha mesma composición, de mudar o ton serio para falar cun amigo máis coloquialmente. Como lle pasaba a Ramón García, para lograr unha maior calidade lingüística recorre ao castelán sen dubidalo. Aínda así, a linguaxe non está demasiado pulida, aínda que o procuro que autor pon nas rimas é exquisito.
     O seu poema máis coñecido é La medalla de Lurdes, onde se recorda un agasallo dun amigo (un tal César), a medalla, que ao fondo leva o autor á señardade —sempre dentro dun respecto case sacro— polos pais xa falecidos, recorrendo a anécdotas posiblemente reais que lle dan un toque máis distendido á composición.
     En La verdá pura e la estatua de Campoamor faise un percorrido pola Navia real tamén en clave de señardade usando coma desculpa a estatua de Ramón de Campoamor, natural tamén da vila de Navia.
     Al simpático Rutenio continúa na liña do poema anterior. Trátase dunha carta en verso a un tal Rutenio que se acha en Madrid, onde se xuntan, ademais das contalladas, consellos que o poeta dá ao seu amigo. Véxase a modo de mostra unha posdata coa que conclúe, distendida e humoristicamente, o poema:

P.D.:
Esqueicéuseme decirche,
queridísimo xilguero,
que se chama Teresía
esto que nos veu del Celo.


Se ques esperar por ela,
xa sabes onde la teño,

pero con la condición
que a todos teis que manternos.

     A súa obra poética mereceu ser recollida tamén en antoloxías asturianas, mais Carballo Calero, en troques, non o cita.


Outros poetas

     Suárez (27) cita moi de pasada composicións soltas de Ángel Bueres-Sánchez na prensa da emigración, e Alejandro Sela e Pedro Penzol y Conde na Terra Eo-Navia. Certamente, o que máis abundan son alcumes como El Aldeano da Praza, El Aldeano de Traves, Xuanín de Xonte, Chis ou Fulano de Tal.
     Un destes poetas non identificado e que responde ás siglas F. M. V. escribiu un soneto datado 1913 en galego de A Veiga como resposta a Antolín Santos Mediante Ferraría (28) por unha composición deste derradeiro á vila do Eo. Santos Mediante, á súa vez, devolveulle o favor con outro soneto.


* * * *

     Aínda que fica fóra do noso ámbito de estudio, queremos citar a Antonio García Oliveros, AGO, escritor naviego que escribiu toda a súa obra en asturiano, con obras como Cuentiquinos del escaño (1945) e Melecina Casera (1953. Ambos os libros son de contos en verso, as máis das veces en clave de humor e cheos de ironía, cun uso xeitosísimo da lingua.



3. OUTROS XÉNEROS

     Pouco podemos dicir do uso do galego de Asturias fóra da poesía. Foi empregado con certa frecuencia en artigos dos xa mencionados xornais comarcais da beira do Eo (como aínda acontece hoxe). Loxicamente o autor máis importante coma narrador e coma dramaturgo é Armando Cotarelo Valledor, natural de A Veiga, mais non imos ocuparnos del por ser un autor de gran sonadía na literatura galega e do cal hai unha morea de estudios e de edicións das súas obras.
     Pezas dramáticas coñécense, ademais das xa mentadas de Conrado Villar Loza, dúas pezas intituladas Xan da Xata e mais Xan Cabrito, de Manuel Marinero Martínez segundo Suárez (29).
     Entrementres, as recompilacións de literatura oral xa comezaran, mais referirémonos a elas noutro capítulo.





9. "Apuntes sobre a literatura en galego asturiano". En Lletres Asturianes n1 58. pp.21- 22.
10. Idem supra, pp. 22.
11. Idem supra, p. 24.
12. O mal chamado Diccionario do Bable de Occidente está realizado en colaboración con Marcelino Fernández, outro estudioso de El Franco, autor á súa vez de El Franco y su concejo (1898), onde tamén se recollen unha importante cantidade de mostras do folclore da Terra Eo-Navia.
13. Idem supra.
14. Agradezo a Xosé Nel Comba que me pasase o poema, recollido directamente por el na Biblioteca Nacional de Lisboa xa hai bastantes anos.
15. Babarro, González, X. Escolma da Obra de Antolín S. Mediante, in Britonia n·1, Eilao (Asturias), 1995, pp.
11-71. Este estudio, que nos servirá de guía en tratando sobre este autor, é o máis completo que existe sobre o poeta de Piantón.
16. Ut supra, pp. 11.
17. Idem supra, pp. 11-12.
18. Historia da literatura galega contemporánea, pp. 514.
19. Opus cit., pp. 14.
20. Idem supra, p. 24.
21. Ut supra.
22. Trátase da primeira antoloxía da poesía asturiana, datada en 1925, onde se inclúen os grandes poetas en bable de finais do XIX e comezos do XX. Nela están Villar Loza e Ramón Garcia malia seren ambos deles autores en lingua galega, mais xeograficamente asturianos.
23. Historia da literatura galega contemporánea, pp. 514.
24. Historia da literatura galega contemporánea, pp. 514.
25. "Apuntes sobre a literatura en galego asturiano". En Lletres Asturianes n1 58. , pp. 23.
26. É de salientar que o galego de Navia afástase da xeneralidade do galego eonaviego en moitos aspectos morfolóxicos. Seica a traza máis característica sexa que ten formas de artigo case idénticas ás asturianas, verbigracia, e, la, el, los, las. Por esa razón, a lingua deste autor pode resultar pouco galega.
27. "Apuntes sobre a literatura en galego asturiano". En Lletres Asturianes n1 58. pp. 27 e 28.
28. Babarro, González, X. "Escolma da Obra de Antolín S. Mediante", in Britonia n·1, Eilao (Asturias), 1995, pp. 51.
29. "Apuntes sobre a literatura en galego-asturiano". En Lletres Asturianes nº 58., pp. 28.

 

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega