A poesía de Xosé Luís Méndez Ferrín

 

Presentación

Páxina Seguinte

v1forcadelapoesiaferrin001.html
     Sen deixar de agradecer aos organizadores destas xornadas o seu amable convite ( e tamén a amabilidade do presentador ao valorar cun aquel de hipérbole a miña humilde biografía) quixeramos, en primeiro lugar, corresponder ao interese que todos vostedes manifestan coa súa presencia aquí cunha análise o máis atinada e matizada posible do tema que hoxe nos reúne, sempre dentro das limitacións obrigadas polo tempo.
     Certamente, o número de cuestións e de obxectos de disertación que presenta a estas alturas a obra de X. L. M. F., derivados uns do seu propio texto, outros da súa incidencia na historia recente da nosa literatura, outros do propio discurso crítico disposto ata hoxe sobre ela, é tan profuso, tan copioso, que os pouco máis de sesenta minutos (non máis) que, esperamos, dure esta nosa intervención, só servirán, no mellor dos casos, para facer unha primeira aproximación, un inicial achegamento.
     Aínda que non nos consideramos, nin moito menos, a persoa máis preparada para afrontar unha análise pormenorizada da obra lírica de Xosé Luís Méndez Ferrín, habendo como hai autores que teñen demostrado, ao longo de moitos anos de publicacións e dedicación analítica, unha maior proximidade ao autor e ao xénero, e poderíamos citar, sen ir máis lonxe, a Claudio Rodríguez Fer e Carme Blanco, a Xosé Manuel Salgado ou ao propio Anxo Angueira e Irís Cochón, entre moitos outros, si podemos afirmar que a nosa frecuentación da obra poética de X. L. M. F. vén de lonxe e que xa son moitos os anos que vimos reflexionando sobre o seu sentido e sobre os alicerces, as bases ou pés de barro, que poderíamos dicir, citando ao propio autor, sobre os que se erixe. E aínda que, como en toda grande obra, a reflexión está aínda aberta, e non consideramos esgotadas as vías para achegarse a ela nin tampouco consideramos que estean xa contados todos os fíos que van tecendo a rexa malla do seu significado, si podemos comezar a espallar algunhas precisións, algúns matices, tamén algunhas correccións, se a nosa pericia analítica e interpretativa chega a tanto, ao que a propia crítica ten ido dicindo nos últimos anos, sumando, a todo isto, un mangado de propostas acaso novidosas que non sempre encaixarán dentro do agardado, toda vez que, como sempre acontece cos poetas cuxa proximidade humana, social e política vai condicionando as pautas iniciais da súa lectura, segue a ser certa a falacia de tentar igualar as figuras do autor real e o autor implícito, personaxes que, como ben sabe a crítica literaria e tamén a psicanálise, teñen tanto que ver, ou que non ver, como un actor e o personaxe que representa.
     Non queremos dicir con isto que haxa unha contradicción, no caso concreto de X. L. M. F., entre o que a persoa manifesta e o que os enunciadores textuais ou falantes líricos dos seus poemas parecen estar a contar, ese poeta fingidor pessoano contra o que tantas veces o noso autor se ten posicionado, pero si que os poemas presentan ás veces opinións e argumentos que non sempre semellan presentarse como harmónicos co que o ser real, o individuo, o cidadán Méndez Ferrín, ten ido manifestando ao longo do seu percurso vital. Trátase, por tanto, dunha obra poética que hai que ler, como sen dúbida esa mesma obra poética propón desde o principio, en clave dialéctica, isto é, sometida ás tensións, aos avalos e devalos da contradicción, ás flutuacións da certeza e da incertidume.
     Ferrín parece ser consciente de que, frente a historia xeral, caracterizada pola caducidade, pola entidade efémera dos avatares e dos acontecementos, a historia literaria caracterízase pola permanencia. Neste sentido parece facer súas as recentes palabras de Antón Figueroa cando proclama:
               Hai unha contradicción inherente na noción mesma de historia literaria, [...]: a historia xeral estudia
          o que cambia e a historia literaria o que permanece. Esta dificilmente podería ser parte daquela. O que
          particularmente distingue á historia literaria é que se ocupa, non de secuencias e estructuras no seu devir,
          senón de obxectos e formas que, creadas no pasado, están sempre presentes. Racine viviu, Phèdre vive.
          [Figueroa 2001: 24-25]
     O propio autor ten manifestado a súa convicción de que "no plano da literatura, onde todo é renovable, todo se renova, non hai progreso".
     A obra poética de Ferrín coñecida ata agora, e da que nos imos ocupar a seguir, abranxe a segunda metade do século XX, con libros que se sitúan entre 1957, data de publicación de Voce na néboa ata 1994, data de publicación de Estirpe, con títulos tan significativos en canto á súa data de publicación como Antoloxía popular de 1972, asinado baixo o heterónimo de Heriberto Bens, Sirventés pola destrucción de Occitania de 1975; Con pólvora e magnolias de 1976, Premio da Crítica; Poesía enteira de Heriberto Bens de 1980, que recolle os poemas da Antoloxía popular, engadíndolle o Sirventés; O fin dun canto de 1982; Homes e illas de 1986, carpeta de gravados de Xosé Lodeiro, cuxo texto foi posteriormente incluído en Estirpe; Morte de Amadís de 1990, con gravados de Alberto Carpo; Erótica de 1992, con ilustracións de Leiro.
     Trátase, por tanto, dunha obra o suficientemente densa, aínda que non sexa particularmente extensa, como para precisar un estudio clasificatorio dos períodos en que foi escrita, toda vez que nela se perciben, como non podía deixar de acontecer, diferentes maneiras de achegarse ao poético, con oscilacións significativas, aínda que dentro dun contínuum definido por unha personalidade complexa, imbuída de moi diversas preocupacións intelectuais, que van desde o puramente literario ao político-social.


 

 

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega