Neste
sentido, X. L. M. F. maniféstase como un fillo do seu
tempo, como un integrante típico, aínda que ben
singular, da xeración da que forma parte.
O propio
X. L. M. F. encargouse de establecer as pautas que
consideraba significativas dese grupo xeracional e que
englobou, no seu coñecido tratado sobre a poesía galega
da posguerra, De Pondal a Novoneyra, baixo o
epígrafe de Xeración das Festas Minervais. Segundo o
alí exposto, tal xeración, "partindo das
estructuras xuvenís de comportamento da España
posterior á nosa guerra", logo de constatar
que "os costumes da mocedade francesa ou inglesa
posterior á guerra mundial contrastaban moi vivamente"
cos da mocidade do núcleo xeracional ao que pertencían,
optará, nun primeiro momento, por "unha
adhesión acrítica ós establecimentos
democrático-liberais da postguerra mundial".
Deste
xeito, o radicalismo innato da XFM privounos de
identificárense coas socialdemocracias ou coas
democracias
cristianas, facéndoo co federalismo europeísta, con
nidios perfiles anticomunistas, que a
xeración
de 1936 propuxo e que chegou a trunfar nos círculos de
vangarda da Universidade Compostelán
dos
anos cincuenta. Con algunha regularidade, o federalismo
(ou liberalismo extremista) chegaba a licuarse
en
actitudes libertarias moi próximas en canto a pautas
-con exclusión da práctica das drogas- ó movemento
beat
(caso do grupo Brais Pinto, do que se falará) ou ó
chamado "existencialismo", venerado na figura
mitificada
de Jean Paul Sartre.
Posteriormente
ós anos cincuenta, e nunha altura que situaríamos ó
redor de 1962, como reacción ante os
graves
problemas suscitados no seo da sociedade galega e ante a
problemática condición de Galicia como
nación
oprimida, dibuxarase en certos escritores da XFM unha
evolución a posicións moi radicais e críticas,
con
frecuencia postuladas a partir de análisis marxistas.
Este é un proceso de radicalización pequeno-burgués
de
tradición demócrata, liberal e galeguista, e, en
ningún caso, inflúe en dito proceso a procedencia de
clase,
xa
que os seus compoñentes non son, en xeral, de raíz
obreira. [Méndez Ferrín 1984: 259]
Igualmente,
Ferrín enumera os principais feitos colectivos nos que a
súa xeración se implica e que, na súa reflexión,
serían:
- A
restauración das Festas Minervais Compostelás.
- A
colaboración no diario vespertino compostelán La
Noche.
- A
creación da colección Illa Nova,
dentro da editorial Galaxia.
- A
fundación da editorial e do grupo Brais Pinto.
- A
aparición do nacionalismo revolucionario.
Outros
autores optan por denominar a este grupo xeracional
Xeración dos 50 e, tamén, Xeración de La Noche,
denominación esta última que se xustifica polo feito de
seren unha parte dos seus membros colaboradores do xornal
santiagués que dispuxo unha canle de expresión para os
mozos universitarios comprometidos na recuperación da
nosa expresión cultural na segunda metade da década dos
cincuenta.
O grupo
estaría, pois, constituído por autores nados na súa
maior parte na década dos anos trinta, incluíndo ao
máis vello, Manuel Cuña Novás, nado en 1926, e tamén
ao máis novo, Arcadio López Casanova, nado en 1942, e
que comparten entre si unha serie de características
comúns.
A finais
da década dos 50 fórmase en Madrid un grupo denominado
"Brais Pinto", formado por escritores e
pintores galegos, a maior parte deles estudiantes
universitarios, que tenta por ao día a cultura galega, e
moi concretamente a súa literatura e a súa pintura,
desde unha perspectiva vangardista. Os poetas máis
significativos deste grupo serán Méndez Ferrín,
Bernardino Graña, Alexandre Cribeiro, Ramón Lorenzo,
Bernardino Graña.
Estes
autores, xunto con outros non presentes no grupo pero si
na xeración, retoman o diálogo coa tradición poética
galega, interrompido polos poetas anteriores debido, sen
dúbida, á Guerra Civil, e xa desde os primeiros anos 50
proceden a renovar as formas e contidos da poesía do seu
tempo, acrecentando a chamada "Escola da Tebra"
baixo cuxo abeiro apareceran xa libros tan específicos
desa época como Fabulario novo (1952) de Cuña
Novás ou os primeiros poemarios de Manuel María Muiñeiro
de brétemas (1950), Morrendo a cada intre
(1952) ou Advento (1954), obras nas que predomina
unha filosofía existencial e unha poética da angustia.
Mais
nos compoñentes desta xeración a actividade poética e
literaria en xeral vai vinculada a unha concepción
e a un percurso vital que na maior parte dos casos se
irá decantando cara ao que nos anos
sesenta
será un proxecto político nacionalista. Méndez Ferrín
ten sinalado como na maior parte dos casos
parten
dunha adhesión aos valores dun federalismo europeísta
que podía representar ben a figura de Ramón
Piñeiro,
concepción coa que unha boa parte deles romperá nunha
evolución radical que os levará ao
nacionalismo
de base marxista. Xunto coa continuidade, os poetas dos
cincuenta desenvolven un proceso de
apertura
que os fai conectar co existencialismo e con certas
actitudes do movemento beat e mesmo co
surrealismo.
Durante
estes anos é evidente que a primeira linguaxe poética
renovadora é a ofrecida por Manuel Cuña
Novás
e o Manuel María de mocidade, que no contexto da
colección pontevedresa "Benito Soto", na que
publican
sobre todo poetas da Xeración do 36, dan a coñecer uns
libros nos que domina o pesimismo
existencial.
Fabulario novo conxuga pinceladas surrealistas e
románticas, expresionismo e existencialismo
deixando
unha pegada que, cremos, domina a expresión poética
galega dos cincuenta e que tivo ademais a
importancia
de romper co imaxinismo e neotrobadorismo que seguían a
ser hexemónicos na poesía galega de
posguerra.
Herdeira
parcialmente da tradición paisaxística anterior é a
obra de Uxío Novoneyra, unha poesía que
dialoga
co entorno natural desde un esencialismo telúrico que
ten en Os Eidos (1955) o seu punto de partida.
[López
Bernárdez 1994: 7-8]
|