Ardentía: obra poética completa

Páxina Anterior

Se o noso amor e os peixes. Escolma.

Páxina Seguinte

v1bernardinogranaseonosoamor001.html

     ¿CÓMO hei vivir mañá sen a luz túa?

Case morto vivín sen coñecerte
aló na chaira seca por absurdas rúas
onde ninguén me soubo dar mornura.

Foi soedade desconforme adentro
e a semente a caír en terra dura.

     ¿Cómo hei vivir mañá sen a luz túa?

Erguinme e vinte ao regresar á terra
como se fora todo aquelo un soño
pesado e ti xa foras sempre miña.

Foi outra vez materno en aloumiño.
o bico teu na lingua.

E foi de novo corazón adentro
comprender a existencia e a dozura.

     ¿Cómo hei vivir mañá sen a luz túa?

Pero hoxe mesmo o día abriu en medo
entrou na fiestra un sol estraño inmenso
e deixáchesme o leito en mantas frías.

Está a volver agora corazón adentro
a soedade o podre a agonía
a me pinchar as cousas en millóns de pugas
cada minuto en séculos de agullas.

     ¿Cómo hei vivir mañá sen a luz túa?

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega