Ardentía: obra poética completa

Páxina Anterior

Sima-Cima do voar de tolo. Escolma.

Páxina Seguinte

v1bernardinogranasima.html

OH BANDElRA DE ONDAS COMO ONDEAS HOXE

I

Oh bandeira de ondas como ondeas hoxe
toda branca e franca

Amiga, encontreite
Es a flor máis alta

Estabas na límpida cúspide dos cráteres
de lúa construída con soedade e calma
despois dos incendios que non te afogaron
despois das tormentas que pasaches salva
Estabas en rixos adarves dos soños
en torre labrada por firme esperanza

Para a túa almea traio esta bandeira
que cruzou tamén ventos e batallas
Pona ergueita arriba sobre o teu castelo
Deixa que tremule sobre a túa casa
É bandeira ousada de ilusión e canto
que por ti contenta se abre branca e franca

Amiga, encontreite
Es a flor máis alta.


II

Amiga hoxe os ventos por fin soio cantan
e erguéronse tolas aves en bandadas
ao sentir teu paso de música clara
e pescan nas luces neses novos peixes
que levas na ollada.

Albiscan teus ollos tan limpos e grandes
atal mares cheos de frescas bancadas
xurdidas en xermes de verde misterio
coma unha pregunta que traza roteiros
e inxéctalle ás aves incendio nas plumas
co brillo do triunfo da prata dos peixes
que levas na ollada.

Teus ollos amiga son unha sentencia
de dous cañóns firmes que á angustia disparan
fusílana certa liquídana mátana
en contra o barranco da noite soturna
que foxe ante os cantos vibrantes que veñen
traendo a victoria co vibrar de peixes
que levas na ollada

Son como a vizosa fermosa ignorada
remota illa incólume que ao náufrago salva
que vai ser escrita por fin indelébel
en min tras terríbel escarpada viaxe
onde non comía non me alimentaban
nin viño nin doces nin o pan e os peixes
que levas na ollada

Amiga hoxe os ventos por fin soio cantan
e erguéronse tolas aves liberadas
dos muros tristeiros e dos torpes medos
e dos tangaraños que onte me encerraban
Hai velas bandeiras e partimos xuntos
e pesco polo iris na espiral de peixes
que levas na ollada.


III

E por voar mellor espacio, as velas
das asas das gaivotas máis me valen

Vén unha luz e atmósfera de flores
e impúlsome e respiro o mellor aire

Vén a esperanza a dita do rinchar primeiro
do abrente do cabalo na montaña

Vén o vento do Norte dende a estrela
máis consistente e pura a refrescarme

Vén namorado o mar coma un toliño alegre
e abalánzase en risa inmaculada

Vén o sol capitán dun mesto exército
de incorruptíbeis raios a vingarme

Vén un íntimo son que anova o mundo
porque sementa vibración de cante

Vén o verde do ceo dos teus ollos calmos
e por fin sabe a ruta a miña nave

Vén o regalo dos teus labios quentes feitos
coma pan polas mans de deuses grandes

E por voar o mellor aire vállanme
as asas deses brazos con que abrazas

E por correr auga mellor oriéntome
cruzando a seda do teu corpo, amada

Veñen gaivotas flores a esperanza a dita
o vento Norte a estrela o mar o sol o cante

O peixe o pan os deuses porque veñen
teus ollos labios brazos o teu corpo, amada.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega