Berlín

Páxina Anterior

Páxina 3. Cartografía dun corazón con patas

Páxina Seguinte

v9marialadoberlin003
Respiras fondo e, se tes sorte, deixas esvarar unha bágoa pola meixela.
E sorrisos. Mil millóns de sorrisos.
Polo xeral estes son os síntomas dos que un adolece despois de se mergullar na lectura dos poemas de María. Polo menos se un presume de empregar ese órgano que ten agochado entre os pulmóns para algo máis que bombear sangue polas veas.
Así que con esa sensación dispoño as cartas sobre o tapete para enfrontarme ao feito de prologar este libro.
Porque estes pequenos retallos xigantes de emoción pura vertidos en cada un dos versos, das palabras, en cada rabiño dos “as” ou nos puntiños dos “is”, métenseche no corpo só con billete de ida, para quedar prendado xa por sempre deles, vermes dunha mala enfermidade da que un xa non pode nin quere sandar.
E dá o mesmo se son inventados ou non, se toman aire dun pretérito imperfecto ou polo contrario son só anhelos dun futuro incerto enmascarado coas cores máis bonitas do mundo.
Non importa, só mergúllate no papel impreso, dispón o teu mellor sorriso e saúda ao amor, chíscalle un ollo! Pois camións enteiros cheos de amor percorren este libro, amor á xente que a rodea, amor ao chan que pisa, amor aos teus ollos que a len...
Pois este é o poemario que María artellou para todos nós, así que abride as fiestras e deixade que o vento vos agarime a fronte, aínda que chova, collede aire, pasada a páxina e voade sen medo; ela suxeita a rede.
Bicos para case todos. Dos que espantan o frío, dos que quentan meixelas, como estes poemas.Que nunca falten bicos.
Smuack!!!

David Rubín

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega