BVG Atrás Índice de Páxinas |
Boca da Cobra |
||
|
Escolma nº 1 |
v1fsalinasmilpalavras.html MIL PALAVRAS NA BOCA DA COBRA
Na boca da cobra nasceran os poemas da vida
e na sua roda,
axitada polo harmatán vindo do deserto,
puxen a pezoña e o veneno mortal da mordedura.
Cheguei co meu brazo roto de acariciar as horas
co meu dedo de deus trás da morte do herói
e carregando
un peso excesivo de metáforas.
Erguin ao vento os estandartes esgazados polos dentes de animais
e polas uñas dos amantes abismados nas palavras.
Cando abriu o dia
sentin o arrepio da serpe no seu tobo,
o ciciar punxente dunha morte anunciada
nas imaxes do livro dos lamentos.
Corrin pola encosta
a camiño do val trespasado polo rio do olvido,
un lugar de infáncia derrotada e vinganzas aniñadas na carcoma das horas.
Nas beiras descansei
recollendo os restos de naufráxios presentidos,
a vida breve que ficou prendida
dun xesto de amor no que cuspin carraxe
polas mil mentiras coas que fixen delicados versos
para enganoso deleite dos que sofren.
Na miña soledade imerecida
a ninguén quixen amar nen fun amado polos inimigos
que se encostaban ás paredes da nostálxia
co pánico da boca da cobra agarrado ás veas que afogan o corazón
con un lamento tecido de desquereres primeiros.
Nos dias de agardar a morte
asinei con pulso firme o testamento da vida,
abandonei as cousas felices nas que puxen o beixo adolescente
e as marcas dun amor nas pálpebras furadas.
Polos buratos da memória procurei o destino que virou na encrucillada para Oriente.
e atopei as histórias que a cobra mordia deitada nas laxes de chumbo e arxila.
(Do libro inédito, a aparecer, Boca da Cobra)
|
© 2006 Biblioteca Virtual Galega |