BVG Atrás Índice de Páxinas |
Boca da Cobra |
||
Escolma nº 2 |
|
v1fsalinasosamigos.html OS AMIGOS DA INFÁNCIA
A nosa infáncia é unha man extendida
nos círculos da luz e da memória
un facer sinais de regreso
co ollar estúpido que teñen as crianzas cando choran.
A nosa infáncia
un tempo de lecer nos campos de pisar o millo
unha enerxia misturada con sangue no fulcro da loucura
que é o mesmo que dicer amor e raiva
e xa non sabíamos o porqué de tantos mortos nas esquinas
nen a razón das agullas cravadas no teu brazo
como un céu que cai e lentamente chora.
O noso tempo é un sol espléndido sobre a calva de deus
cando deus se disfarzava de Arlequin e escrevia un poema
coas palavras de danzar
e rodo
na festa das Colombinas que teñen dentes postizos
e aros de ouro nas xenxivas descarnadas
esaxerando un finxemento de dor que é dor apenas
de non poder encontrar-se ao virar a madrugada.
Os nenos traen as barrigas
cobertas de insectos venenosos
de alacráns e serpes pezoñentas como a brisa.
Os nenos observados do alto das idades
teñen muñóns no brazo esquerdo de pedir esmola
e teñen sempre unha carícia que se apronta
na mais perversa língua e que se fala
un riso nítido
nas imaxes de papel na sombra dos guindastes.
A nosa infáncia é a marca do tempo
sobre o tempo das cousas
a marca do regreso no fantasma que dói
a pena tanta
que esquece o nome de deus, os nosos próprios nomes.
(Do libro inédito, a aparecer, Boca da Cobra)
|
© 2006 Biblioteca Virtual Galega |