Camelle Man

Páxina Anterior

Capítulo V

Páxina Seguinte

v2rosavidalcurvaturachemineas.html

 

     Os veráns prestábanse a debullar calquera das fantasías asolagadas na húmida escola nacional de Solomba. A panda dos Cacauetes esquecía as vareadas de don Sexismundo, os tiróns de patillas e o saúdo romano nos recreos cantando o Cara el sol ou Montañas nevadas. Ano tras ano e curso tras curso esquecían que o primeiro en ir busca-las varas de tamarindo era sempre o primeiro en probalas. Antes de levarllas a don Sexismundo pelábanas e catábanas. A mellor sería aquela que fixera falar ó aire. Tamén se esquecían dos escasos coñecementos que alí aprendían. Pola contra lembraban o rebaixe do leite en po coa orina do Birtas e de Cali cando lle tocaba diluílo. Nin sequera don Sexismundo notaba a mixtura porque o engulía dunha arrancada como exemplo para os alumnos. Lembraban ó emigrado B, quen tecleaba sempre H-5 no Sardiñeira, de xeonllos sobre pedrugallo desfeito ou sobre grans de millo cando era un rapaz, mentres Brincas con sete anos cantaba a "a" que don Sexismundo sinalaba coa vara. Como o maestro quedaba durmido a vara esvaraba no encerado deica a letra "o", pero o Brincas seguía a dicir "a" confiado na perda de equilibro, que o sono provocara no apuntamento do pau. Don Sexismundo saía do trasvaio feito un basilisco e ollaba para o encerado e despois para o Brincas, quen repetía "a,a,a" mentres a vara permanecía parada na "o".

     Non hai por qué dicir que don Sexismundo tiña razón. Os maestros sempre tiñan razón en Solomba. A culpa era do Brincas por non segui-lo percorrido da vara. Así que cando o chamou á mesa todos sabían o resultado. O estampamento da cara contra a pizarra fixéralle solta-lo sangue polo naris ó Brincas sen que ninguén da clase ousara rebelarse contra acción tan brutal. Só o mozo axeonllado se erguera mentres o sangue do Brincas lle choutaba nos ollos e se avalanzaba contra don Sexismundo deitándoo sobre a mesa. O maestro nun primeiro momento acovardárase, pero de seguida lle lera nos ollos o medo e se repuxera mandándolle un puñetazo á boca do estómago, que o amilanara. Ó intre don Sexismundo erguíase e zoupaba nel coa vara coma se chamara a zafarrancho. O mozo amante das rancheras esquivara os trallazos da mellor maneira posible e foxíra daquela escola para sempre. Por iso non era de estrañar que chegado o verán amosara fachendoso e afogado en cubalibres o seu triunfo como oficial de albanel en Suiza.

     Ningún da pandilla dos Cacauetes sabía de firme o Cara el sol. Levaban o ritmo como podían seguíndo ó maestro e ós arqueiros, que eran fillos do sarxento da Garda Civil. Só as sílabas finais de cada verso eran intelixibles nos beizos dos riladores de cacauetes, que sacaban peito e erguían a cabeza e os ollos e o brazo cara o ceo para non ser denunciados por falla de patriotismo. Naquel intre ningún deles se lembraba das labazadas, dos tiróns de orellas e do escachamento do naris do Brincas. Había que canta-lo himno de Franco e era importante non perdelo así tiveras que aguanta-las gañas de orinar ou calquera outra cousa. Para mostra bastáralle un botón. Nico faltara un día á hora do recreo ergueito na rúa coa ollada deica o escaso sol de Solomba. Fóralle escribir unha carta a Franco ou polo menos iso dixera Chulo cando don Sexismundo preguntara por el. Nun primeiro momento o maestro pareceu confiado, pero a medida que avanzaba o canto albiscaba as esquinas dos canellóns como si intuíse un ataque da vella resistencia xurdíndo das cunetas. Rematado o himno o maestro dirixírase á horta de detrás da escola non se sabe por qué estraño sortilexio e atopara o Nico limpando o cú coas fieitas, que medraban a rentes do valado. Nada máis subi-los pantalóns curtos agarrárao pola orella e levárao ata a escola. Naquel traslado Nico berraba como se o estivera matando e dicía que el non fixera nada para cargar con semellante castigo. Certamente, pero o que non sabía era que Chulo evidenciara sen querer a falta de respecto coa que trataban ó Caudillo. O sarxento da Garda Civil tivera unha entrevista coa avoa de Nico, quen aterrorizada o remitíra ós pais emigrados en Londres. Asunto que os traería definitivamente á vila.

     Os veráns de Solomba traían Sesións de Tarde entre bucinazos subversivos, que derretían a reprimida atmosfera do estraperlo e dos dictadores cantos. A vila despreguizábase de trinta e seis anos de prohibicións orais coa aparición dun Mercedes-Benz con ferradura na defensa, que insinuaba un cambio paulatino, amortiguador de aperturas traumáticas e amañado pola política franquista. Situación que os Cacauetes non apreciaban a non ser o revello Tom, quen educado pola máis estricta das depresións non era capaz de ir ó ritmo dos cambios. Semellaba que se trabucara de tempo. A súa madurez debería ter sido no cincoenta e seis e non o seu nacemento. Non era raro pois que xamais se vira en bañador na praia. Elemento que el só recoñecía como atracadoiro de argazo ou coma productor de longueiróns. Sitio axeitado para xogar ós cowboys e para construir submarinos ata o verán no que coñecería o amor propio e a intelixencia natural de Cochise. Lugar no que ó ano seguinte caería namorado de Lili.

     Tom estaba namorado. Notábaselle nas constantes olladas que o afastaban da mesa do futbolín. Nos espaventos da cabeza para mellor espreita-la praia por riba do peitoril. Aquilo debilitábao ós ollos da pandilla e erguía a Cochise como líder indiscutible das lombas areosas de Solomba. Tom decataríase ó pouco de acaba-la partida ó futbolín. Brincas levaba tempo argallando un utensilio para pescar ós calamares, como aquel que lle víra ó señor Tobo vender a un forasteiro. O señor Tobo, dono da única ferretería de Solomba, chamáralle potera e afirmáralle ó comprador que pescaba soa. Que nada máis tirala no mar os calamares íanse a ela como imantados por unha forza sobrenatural. Brincas escoitaba ollándoa cobizoso mentres agardaba por cen gramos de puntas. A potera era cara. Non estaba dentro dos seus posibles económicos, por iso se adicara a xuntar anzós, que atopaba ó redor da lonxa e nas beiras das chabolas dos pescos ou que lle pedía a calquera mariñeiro. Despois viña a selección. Tiñan que ser moi pequenos e finos como unha agulla. Aquela tarefa xa lle estaba a levar dous veráns enteiros. Tom prometéralle que en canto os tivera todos argallarían unha potera. Sen embargo, despois de xogar ó futbolín Brincas amosáballe os anzós e un chumbo falluto a Cochise. Aquilo sacou do encantamento a Tom por un momento e fíxolle retoma-la responsabilidade do liderato. Lixeiro prestouse ó artellamento do utensilio máxico, anque era demasiado tarde. Brincas xa só creía en Cochise, pero Cochise só tiña fe en Flecha rota e nas emboscadas no cabo do terraplén.

     Con todo, Tom tivo que buscar outro medio para restaura-la confianza do amigo, para enche-lo fondo oco que estaba a crear a renuncia ós combates entre Apaches e o Séptimo de Cabaleiría. Cavilou, ó tempo que camiñaba amodo cara o varadoiro das chalanas, tirando do peto unha meda de nailon de escaso grosor. De vez en cando paraba, xiraba sobre el mesmo e chamaba ó Brincas sen resultados aparentes. Ós poucos metros daba a volta resolto e dirixíase á panda cunha idea. Eles descobrirían quen era o misterioso home que se acochaba en Camelle. O domingo podían ir pola costa coa escusa dunha excursión. Levarían bocadillos e auga abondo para atravesa-las dúas sobexas praias oceánicas de Solomba e para abeira-lo monte das caramiñas, que delimitaba o Concello. Aquela fora unha boa idea, pois Brincas choutara con ledicia ollando para Tom coma si se tratara dun guía espiritual. Momento que aproveitaba para amosarlle o chumbo que faría mergulla-los anzós no mar. Aceno que lle devolvía a Tom o título indiscutible de explorador xefe e a Cochise o do humilde pel roxa dos terrapléns de Solomba. 

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega