En defensa do Poleiro. A voz dos escritores galegos en Celanova

Páxina Anterior

Romance de Celanova (autoría de Antón Cortizas)

 

v2puravazquezsempreirma001.html

Ao alumnado do IES do Poleiro

Celanova, Celanova,
Celanova, pedra e tempo,
levan os teus perpiaños
mil anos de asentamento,
e hoxe está a acontecer algo
que ten traza de esperpento.
Aínda parece mentira
que este tipo de sucesos,
que agora vou relatar,
acontezan neste século.

Na vila de Celanova
hai unha praza no centro
e mirando ao poñente
un maxestoso mosteiro.
No mosteiro hai unha igrexa,
a carón dela o convento,
e no convento dous claustros:
o primeiro o do Concello,
o segundo un instituto,
o do claustro do Poleiro,
que non hai cousa mellor
que poida estar aló dentro.
E na escola, rapazada
que alí estuda con aprecio,
inda que a dicir verdade
uns con xeito e outros menos.
E na rapazada, ai, hai
fantasía e vida a eito,
que eles son o gran tesouro
que en calquera lugar temos.


Celanova, Celanova,
pedra e tempo aos catro ventos,
a choiva tráeche saudades
o sol regálache espellos.
Na fachada, sobre o pórtico,
acolá está o don Rosendo:
ten unha pedra na man
que sei eu con que pretexto.
A carón del uns veciños,
xente de ben pouco acerto,
con ideas peregrinas
que non teñen ningún senso,
pois o que pretenden eles
é cousa de fariseos.


Celanova, Celanova,
Celanova, pedra e tempo,
que queren facer contigo
os que lles deches goberno?
Pretenden cambiar as aulas
por un negocio hostaleiro,
queren converter a escola
nun gran hotel, malia o demo!
En que estabas a pensar,
Celanova de Rosendo,
en que estabas matinando
cando escolliches concello?
En que mans, ai, Celanova,
en que mans tes o goberno!!



Non permitas, lles non deixes,
non permitas, don Rosendo,
que se retire a sabenza
dos muros do teu mosteiro,
non permitas que se troque
o saber polo diñeiro.
Celanova, onde as pedras
teñen mellor sentimento
que os que andan a embarullar
aló dentro do Concello.


A pedra! Ai, esa pedra...!
Albízaras! Xa comprendo
para que é, Rosendo, o croio
que tes no puño sereno.
O que antes ninguén sabía
agora todos sabemos,
sabemos p'ra que gardaches
no teu puño xusticeiro,
sabemos p'ra que empuñaches
esa pedra tantos séculos.
É p'ra lles dar na cabeza
a quen gobernan sen xeito.
Haslla lanzar a quen vende
o que non é do seu eido,
a quen fan negocios tristes
co que pertence ao Concello.
Haslla tirar con certeza
haslla tirar ben certeiro
a quen só lle dan valor
ao comercio e ao diñeiro.



Non lles deixes, meigas fóra,
non permitas, don Rosendo,
que se prive a rapazada
de estudar no teu mosteiro.
Cando pasen diante túa
os que non pensan con xeito
ergue a pedra que empuñada
gardaches durante séculos
e pon orde en Celanova,
lanza o croio con acerto
que lles atine alí onde
deberían ter cerebro.


Celanova, Celanova,
onde a pedra marca o tempo,
a choiva tráeche fartura,
o sol tráeche crecemento.
Na praza maior da vila
as pedras din en silencio:
Aquí han de seguir moi vivos
o Celso Emilio Ferreiro,
don Rosendo e tamén Curros,
máis a escola do Poleiro!

 

Autoría: Antón Cortizas

En Ferrol, a 5 de abril do 2010, día de Chamorro

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega