Escolma

Páxina Anterior

Segunda parte

Páxina Seguinte

v1pepecaccamoescolma002.html

                              CRÓNICA DO ESPANTO
                                   (Galiza 1936)

                                        (1998)


                                                Para o meu tío Álvaro Álvarez Blázquez,
                                          memoria activa e dolorida do terror fascista,
                                                    amorosa memoria da vida do seu pai,
                                          Darío Álvarez Limeses, víctima daquel terror.



                                                           “Padre mío, tu frente atormentada
                                              me arde en las manos puras del recuerdo,
                                                    ahora que estoy soñándote y te pierdo
                                                          por los rincones de la madrugada.”


                                                       XOSÉ MARÍA ÁLVAREZ BLÁZQUEZ


                                                                             “-Eu non pido, María,
                                                                           que só veño onde vós
                                                                                a dar a despedida,
                                                                           que me levan á morte
                                                                           os infames, os tortos,
                                                                           os sañudos traidores.”

                                                                 EMILIO ÁLVAREZ BLÁZQUEZ







¿ONDE os desaparecidos entre as paredes do inverno,
os nenos que se perderon no azar dun cambio de agullas,
a rosa branca dos ollos dinamitados de espanto,
o pranto extremo das nais de Xullo do trinta e seis?

¿Quen garda o molde en lama dos corpos dos paseados,
o fogo electrizado da despedida en alba,
o latexar do pulso dos que agardan sentenza,
a tralla dos disparos esgazando a mañá?

¿Onde a gasa do fume que delatou a Blein,
a luz con que marchou Camilo Díaz Baliño,
o pozo da razón onde caíu ingrávida
Antonia Pardo Méndez en alerta de agoiros?

¿Onde ecoa
o derradeiro estralo do sangue de Alexandro
contra o cristal do día dezasete de Agosto?



¿ONDE a memoria xusta, a obriga transparente
de gravar cunha brasa de alcatrán os nomes e apelidos
de paseantes, verdugos, militares,
delatores, fiscais e falanxistas,
señoritos da noite, corvos do amañecer?

Francisco Rodríguez alcumado “O Rabioso”,
Fernando Lago Búa, Víctor Lis Quibén,
Manolo Sanjurjo, Rosendo Bugarín,
Benito de Haro, Rivero de Aguilar,
José Peñarredonda, José Tabeirón,
Monseñor Reisiño, Paulino Lago Roig,
Martín Barbadillo, José Viador,
Joaquín Yáñez, González Vallés,
Pita Lasantes, Panchito Leal,
González Zaera, Antonio Rosón,
Manuel Díaz Vilela, Luis Rosón,
José Vila Fano, Pascual Pérez Rosón,
Padre Nieto, Manuel Pérez Rosón,
Pancho Hervada, Fermín Pérez Rosón...

A nómina macabra teme escrita
nas pizarras subterráneas da noite.
Non haxa esquecimento.



MEMORIA das travesías por onde marchou berrando,
perforada de lóstregos de espanto,
a muller de Enrique Jaso.

“Mataron o teu home no alto da Sobrada,
mexaron por enriba do cadáver
e pintáronlle as mans co sangue propio.”

Ela correu e correu como egua estarrecida
sen poder saír das rúas que apreixaban o seu corpo.

Tiña vintedous anos a muller de Enrique Jaso.
Foi ao paredón co cabelo todo branco.
En dous días
                    en Agosto do trinta e seis
                                                            co cabelo todo branco.



MEMORIA,
memoria activa e arrepío
como unha faca de salitre verde,
brava ira que me queima se convoco
a ringleira de nove cadáveres
sobre as laxes do peirao de Vigo o vintecinco
de Abril do trinta e sete, oito
con orificio de bala pola sen esquerda,
un na dereita.

¿Como foi a crecente da morte
na clausura da adega de popa?

Cercados de fascistas con mangueiras
de augas a ferver,
e oito
con orificio de entrada pola sen esquerda, Ángel Nogueira
pola dereita.
Desde dentro do furacán de augas a ferver,
a vintecinco de Abril, peirao de Vigo, soñadores
da liberdade.

Entre os asasinados
dous curmáns de Daniel Alfonso Rodríguez Castelao,
Xosé Losada e Manuel Rodríguez,
xentes de ben, de esquerdas.



A gadoupa mecánica do monstro diminuto
non tremeu nunca
no momento de asinar pena de morte
e non tremeron nunca
os dedos dos fiscais a escribir morte.

Consello de guerra e pena de morte
para Guzmán e Suárez Ferrín,
Prego, Martín, Maseda e Mazariegos,
fusilados, Campo da Rata, A Coruña, trinta e un
de Agosto. Xuizo sumarísimo
con pena de morte para Pérez Carballo,
France e Bebel, os irmáns da lixivia,
Venancio Seoane, Florentino Rosales,
Fernando Negreira, Fabián Alonso,
Rogelio García, Antonio Barbeito,
Eloy Lemus, Antonio Ramallo,
Jesús Varela, Francisco Ballón.

Centos de vidas nas mans do fiscal militar.



AS cartas que deixaron : “estarei sempre en vós
como che prometín”, “que non sintan vergoña
da miña morte os fillos”, “non haxa esquecimento
para os meus asasinos.”

As palabras soñadas contra os muros do ar,
a defensa imposíbel fronte á lei do exterminio:
“se o tribunal entende que o meu amor á Terra
é razón suficiente para quitarme a vida,
morrerei por Galiza.”

A sentenza inequívoca, o programa da morte,
cardo de lume azul. A historia edificada
sobre a cinza dos cranios.


CON masa de terror foi fabricada a Historia
e nos mesmos cimentos do crime
asentaron casa e familia
ministros      delegados      curas      alcaldes
secretarios      inspectores      policías
burócratas      banqueiros      militares
asasinos      asasinos      asasinos

Sobre cincuenta estratos de ósos masacrados,
enriba da canle seca por onde baixou o sangue,
no alto da escombreira das horas derrubadas,
no cimo dos témpanos do pranto que nunca rematou,
foi levantada a casa ignominiosa, paredes de cal negro,
onde era xefe a besta
que calculou, alumeada por un cirio no centro dun altar,
a duración da morte inconsolábel, o peso total dos corpos esmagados,
a rota definitiva do extravío, o rumbo
infinito da tristura, o beneficio do terror.

Cimentos
para a construcción da casa ignominiosa, levantada
sobre a lama de cincuenta
estratos de cadáveres.



O informe do forense di que Aurelio Torres
faleceu por destrucción de cranio.
José Godoy                      troncopatía.
Elías Fernández                hemorraxia interna.

Asegura o informe do forense que Gonzalo Acosta Pan
perdeu a vida por feridas de arma de fogo en tórax.
Manuel Cacabelos                septicemia.
Francisco Tillas                    fractura da base do cranio.

No informe do forense consta que Santiago Ramos
morreu por conmoción cerebral.
Manuel Nogueira                   parálise do bulbo.
Evaristo Rodríguez                asfixia por inmersión.

Certifica o informe do forense que a defunción de Josefa Vilalta
foi provocada por lesión orgánica do corazón.
Antonio Aller                          shock traumático.
Manuel Montero                     perdida de substancia cerebral.

O informe do forense afirma que a causa da morte de Besada Nieto
foi colapso cardíaco.
Eulogio Piñeiro                     estoupido do fígado
Alexandro Bóveda                 pasado polas armas.




E tamén
orificio de entrada na caluga
que nunca se rexistra nos papeis
e a derradeira ollada cara aos bosques,
os ollos a pousar tan vagarosos
na seda dunha brisa que semella encetar
o novelo da vida.

Ou ben
territorio visguento dos cárceres fondísimos,
sistema tubular da noite fedorenta
e as horas penduradas sobre escuros barrancos
e a marcha silandeira dos fuxidos,
a opaca voz mortal dos depurados,
a inmesa lonxitude do desterro
e o silencio.



Ás seis da mañá do nove de Agosto fusilaron a Jacobo Zbarsky
(“perdoa, miña nai, o derradeiro
disgusto que che dou”),
o dezaseis Pedro Galán, Mocidades Galeguistas, paseado,
violada o dezaoito Juana Capdevielle, acribillada,
e o vintesete, fronte ao pelotón,
Enrique Heraclio Botana :
“Non queimedes as actas do xuízo.
O mundo enteiro un día vai saber.”

Fusilado Etcheberry a oito de Setembro,
Villaverde Velo, o vintecatro, a culatazos, na praia de Sabón,
e o doce de Novembro
executados
Germán Adrio, José Adrio, Ramiro Paz,
Amancio Caamaño, Víctor Casas, Benigno Rey,
Luis Poza, Juan Rico, Telmo Bernárdez, Paulo Novás.

O primeiro de Decembro fusilado Cadavid.
O día cinco Pando, Oubiña, fusilados,
fusilados Navia, Otero, Mondragón.

Entre as rochas o cadáver de Manuel Sayar,
dezasete de Decembro, e o día vintetrés
vintecinco cadáveres na praia de Samil.

O dezasete de Xaneiro entoleceu no lazareto
Francisco Secundino Martínez Rodríguez,
de Moaña.



LUME negro de chumbo perseguiu
en vertixe de sangue a Anxel Casal.
A presa inerte en terras de Padrón.

Vulto de sombra rota a contraluz
o corpo de Picallo, vidro e po.

Na Concheira, por Rande, alto do mar,
Lustres Rivas, tributo do trebón.

Roberto Blanco Torres sen perfil
en Entrimo, ancorado no solpor.

Johán Carballeira en alba sen final,
dezasete de Abril, escuro sol.

Na Caeira Alexandro foi sentir
as derradeiras lámpadas e a man
de Amalia a despedilo cun rumor.

Con eles vai Galiza, imos nós
noite adentro. Un amor
que ficaba sen voz.



FOI a tebra norma exacta durante quince mil días
e houbo fillos que aprenderon a negar
a voz da despedida,
e fillos de pais mortos contra os muros de carbón
amnésicos traidores queimaron o fardo dos espectros
e déronse a berrar Viva Franco Viva Franco Arriba España.

Pero moitos cultivaron unha rosa secreta,
silenciosamente feridos,
orgullosamente firmes na conciencia sen quebra,
arrizadamente vivos polo alto dos montes,
duramente organizados,
subversivamente acesos de verdade,
explosivamente dispostos,
soñadoramente esperanzados,
sementadores da memoria e da razón
na vontade que herdamos
e será testamento inextinguíbel.



DOCTOR Darío Álvarez Limeses,
cincuenta e oito anos,
viciño desta vila,
na cidade de Tui
a dezaseis de Outubro
outorga testamento.

Aos seis fillos encarga
que cuiden moito a nai.
Que vai tranquilo á morte,
que con serenidade
acepta. Pede a todos
que nas tribulacións
do mundo e máis na dor
que a vida vai traer
teñan moita paciencia.

Asimesmo asegura
que mentres isto dicta
está a sentir un grande
consolo. Nesta hora
pensa na súa muller,
Dona María Blázquez,
e tamén nos seus fillos
con máis amor que nunca.
E non quere que choren.



EN Tui, trinta de Outubro,
dilixencia acredita
execución: Alejo,
Manuel, Julio, Darío,
Serafín e José,
ás seis cuarenta e cinco
pasados polas armas
na explanada que existe
por detrás do edificio
destinado a Instituto.

E nun pequeno sobre azul a derradeira
carta de Darío : “Soy dichoso.
Van a terminar mis penas.”
Unha carta, unha petaca con tabaco, varios
libriños de papel de fumar.

               Os cadernos da ira, 1999.


Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega