1. A monxa Exeria, Prisciliano e Paulo Orosio (s.IV-V)
I. O galeguismo propiamente dito é un fenómeno de "última
hora" na historia de Galicia, pouco máis dun século. Pero se
queremos falar dun cristianismo enraizado na terra galega, teríamos que
ir moito máis atrás no tempo.
E teríamos que falar, por exemplo, da monxa EXERIA, unha muller
de temple e moi piadosa, que a finais do século IV (os últimos
estudios falan que puido ser entre os anos 381-384 (1) ) fixo unha
peregrinaxe á Terra Santa, para visitar os santos lugares da Biblia.
Non é de estrañar, que San Valerio lle escribira ós monxes do Bierzo
:
"Contemplade á benaventurada virxe Exeria, máis valente
que tódolos homes do seu século. En tempos en que a fe
católica estaba abrollando ...emprendeu, inflamada no amor a
Deus e coa súa axuda, unha viaxe ó redor do mundo" (2). |
Tan importante
coma esta ousada viaxe, tendo en conta as circunstancias históricas, é
o valioso Diario que escribiu esta muller narrando as súas
experiencias. Este diario, chamado Itinerarium ou Peregrinatio,
converteuna na primeira escritora galega, como afirma o mesmo Vicente
Risco (3); aínda que non fora en galego, senón en latín, a lingua que
se falaba daquela en Galicia. Non é unha obra literaria clásica, pero
coa escasa actividade literaria das mulleres escritoras, agás na
modernidade, ten unha importancia non desdeñable tanto para Galicia
como para a historia da Igrexa. É particularmente importante para nós
por ser unha testemuña cristiá, de gran importancia mesmo na
renovación moderna da liturxia, ó referir no seu libro as
celebracións litúrxicas daqueles lugares tan referentes para o
cristianismo.
Avelino Gómez Ledo xa se ocupou dela en varios
artigos da revista Logos, e non dubida en dicir cheo de orgullo,
por ser galega: "Exeria era unha desas cultísimas mulleres que son
a honradez da nosa caste e da nosa historia" (4). Nos temos que
falar hoxe cunha persepectiva histórica menos romántica e máis
crítica, ata o punto de poñer en cuestión ata a mesma realidade
galega desta egrexia muller. Pero, tanto no seu caso coma no de
Prisciliano coido que comprirá, de calquera xeito, seguir valorando o
símbolo, ás veces tan importante como a mesma realidade histórica (5).
II. Do mesmo século é PRISCILIANO, moito máis
coñecido, e merecidamente. Foi un bispo galego, cualificado coma
teólogo xenial, pero que morreu decapitado en Tréveris (Alemania) coma
o primeiro cristián axusticiado por razóns heréticas (6). A súa
persoa e as súas ideas acreditaron as opinións máis encontradas entre
os galegos. Desde as opinións que o defenden como representante
xenuíno dun cristianismo enraizado en Galicia e chegan a presentalo
coma o prototipo da espiritualidade ancestral dos celtas (o historiador
Manuel Murguía), ata quen o descalifica coma un noxento herexe que deu
a luz "inmundas teorías" (o tamén historiador López
Ferreiro), ou quen di simplemente que "ninguén puido probar a súa
conexión coa nosa alma racial" (Pedret Casado) (7).
Otero Pedrayo califícao de "Poderosa
individualidade, a maior, tal vez, que Galiza xenerou" e creador
dun "movemento de adaptación da relixiosidade céltica ao mundo
católico ... unha forma de cristianismo máis próximo do vello
sentimento celta do mundo e o ultramundo" e mesmo "a primeira
expresión literaria do espírito galego" (8). Castelao tamén o
defende como mártir da intolerancia, "perseguido por enxertar na
doutrina católica o sentimento panteísta do seu país e a liberalidade
moral dos seus coterráns". Na defensa da galeguidade do
cristianismo de Prisciliano di Castelao que: "O seu sangue foi
xerme da reforma católica e o librepensamento", e que foi víctima
da "inquina dos bispos españois, non galegos", pero "o
priscilianismo botou raíces tan fondas na ialma mística de Galiza que,
a pesares das pauliñas dos cregos, o noso pobo aldeán segue sendo
heterodoxo" (9).
Compre dicir que estas afirmacións teñen un
carácter máis romántico e mítico que de expresión fidel da
realidade, pero reflexan todo un xeito de pensar sobre este un galego
(histórica ou só simbólicamente "galego"), que foi
considerado por egrexios galegos coma o "pai dun cristianismo
galego orixinal", aínda que non soubera encaixalo ben no conxunto
da nacente teoloxía cristiá e caera nunha herexía que deforma a mesma
mensaxe cristiá. Sen dúbida, se a persoa e a doutrina de Prisciliano
acadou un eco tan grande na Galicia do século IV foi porque atopaba
resonancias nas almas dos galegos, pois posiblemente conectaba con
formas relixiosas sobreviventes dun estadio precristián (10), formas
relixiosas enraizadas no sustrato antropolóxico galego e que, dalgunha
maneira, seguiron pervivindo no cristianismo, aínda que de xeito
convenientemente "bautizado".
III. O historiador, teólogo e presbítero
PAULO OROSIO é outro dos egrexios persoeiros galegos destes primeiros
séculos da historia cristiá de Galicia, aínda que algo posterior ós
anteriores. Considerado polo papa Gelasio "o máis erudito entre os
escritores cristiáns" do seu tempo, a súa obra ocupa os primeiros 30 anos
do século V. Natural da "Provincia Gallaecia", como afirma San
Braulio e hoxe parece fora de dúbida, andou nos primeiros anos tocado pola
doutrina de Prisciliano, pero abandonou esas ideas da man de San Agostiño, de
quen foi discípulo e amigo. Esta amistade naceu nunha viaxe que fixo a África
e Palestina, pasando por Hipona, de onde era bispo San Agostiño. Unha viaxe
motivada, segundo as súas palabras, non pola procura de riqueza e honores,
senón para combater "as falsas e perniciosas doutrinas, que destrozaban
dos habitantes de Hispania, con meirande estrago que os bárbaros destrozaban os
corpos" (11). En Palestina coñece tamén a outro dos grandes Padres da
Igrexa, San Xerónimo.
A importancia grande de Orosio para a historia galega son os seus libros, a súa
Xeografía e sobre todo a súa Historia, escrita a instancias de San Agostiño,
que por esas datas escribiu La ciudad de Dios. A obra de Paulo Orosio é
considerada por Menéndez Pelayo coma "o primeiro e prodixioso ensaio dunha
historia universal". Para nós é particularmente interesante polas
referencias a Galicia.
2. San Pedro de Mezonzo (s.X)
Na lembranza dos primeiros cristiáns galegos
egrexios, despois de nomear unha muller medio lexendaria e mesmo a un
"herexe", non podemos deixar de traer aquí a un gran santo e un gran
galego: Pedro Martínez Exióniz, máis coñecido como San Pedro de Mezonzo
(930-1003) (12), monxe de Mezonzo, abade de Sobrado e de San Paio Antealtares e
bispo de Compostela, é "unha das figuras máis brillantes e suxestivas da
historia galega no s.X" (13). Manteño con claridade no meu maxín o prado da
parroquia de Présaras, no concello coruñés de Vilasantar onde asistín á
miña primeira escola no que, nun pelouro que hai no medio, din que este
venerado monxe escribiu a Salve Regina, unha das oracións marianas que máis
éxito popular acadaron, non só en Galicia, senón en todo o mundo católico.
Comprirá achegarse a figura e a obra deste home; aínda que sen deixar de ser
críticos frente ós excesos haxiográficos, ó uso nas "vidas de
santos", o historiador riguroso tamén ten moito que dicir deste gran home.
Naquel condado de Présaras naceu o santo monxe, de familia labrega. Coa axuda
dos condes, o cativo decidiuse de contado pola carreira eclesiástica. Un día
chamou ás portas do convento próximo a Santa María de Mezonzo fermosísima
igrexa románica e alí vestiu a cogula benedictina e recibiu o presbiterado.
Pasa logo ó veciño mosteiro de Sobrado; alí vai medrando a súa sona de sabio
e de santo, mesmo con gran formación literaria, polo que ó pouco tempo é
nomeado abade. Eran tempos difíciles, sobre todo por causa das invasións
normandas, que chegaron ata esas terras. Dalí vai a Compostela, ó mosteiro de
San Paio Antealtares, tamén como Abade, sendo amigo de San Rosendo. No 985 é
elixido bispo de Compostela, daquela diócese de Iria Flavia, onde saíu airoso
de numerosos conflictos cos distintos mosteiros e señoríos, gracias á súa
sabencia e á fama de santo que tiña. O bispo de Mezonzo foi un bo
administrador, ademais de persoa relixiosa e santa. "Sabio, prudente e
santo", chámao Cesáreo Gil; e o soberano que gobernaba no seu tempo
aquelas terras, o rei Vermudo II que depuxera ó bispo Paio precisamente por
non ser moi santo, chámao "Amado de Deus" ("Dilectus
Dei"), que segundo refire Cesareo Gil, ninguén fixera a bispo algún
naquela época. M. Rubén fala, ademais, da súa santidade e sabencia, da súa
capacidade literaria:
"Coñecemos varios documentos escritos por
Pedro de Mezonzo. Son textos que retratan a súa alma, os riscos persoais nos
que deixou a pegada do seu máis fondo sentir. Distínguense todos eles polo
lirismo dos seus exordios, pola súa altura poética e teolóxica á vez, nunca
acadada polos notarios e escribanos daquel tempo. Foi o s.X un século de rudeza
incompatible co florecer da vida do espírito" (14) |
Autor de varias oracións coñecidas, s. Pedro de
Mezonzo é sobre todo o autor da Salve, unha oración que se entende mellor
coñecendo a dura situación histórica que lle tocou o bispo de Compostela,
sobre todo cando as tropas de Almazor arrasaron a cidade. Conta a lenda que a
atoparon deserta, tan so deron cun monxe na catedral, era o bispo Pedro.
"Ningunha diócese poderá alegar un tal cúmulo de adversidades nesa
época como sufriu Compostela di M. Ruben, obxecto das violentas incursións
normandas, primeiro, e sobre todo das devastacións de Almanzor, despois".
Non é difícil comprender como nesas circunstancias un devoto da Virxe estalara
nunha pregaria coas verbas coñecidas da Salve:
"¡Salve Raíña, Nai de misericordia!.
Vida e dozura e esperanza nosa ¡Salve!
Por ti chamamos os desterrados...
Por ti salaiamos, sufrindo e chorando neste val de bágoas.
Señora e avogada nosa, volve cara a nós eses teus ollos de misericordia.
E, despois deste desterro,
móstranos a Xesús, froito bendito do teu seo..." |
No medio da violencia e do terror, no medio dun
milenarismo que amedrentaba á xente coa fin do mundo, vendo anticristos por
todas partes e desesperando da salvación, Pedro de Mezonzo ora con verbas de
esperanza e confianza nun Deus de amor, e non de vinganza e castigo.
3. Diego de Xelmírez, o Mestre Mateo (s.XII) e Alvaro Pelaxio (s.XIII)
Moitas cousas separan ó arcebispo Xelmírez e ó
Mestre Mateo, como son o seu talante persoal e o poder que chegou a acadar o
primeiro, ademais dos anos. Pero úneos a súa confesión de fe cristiá máis
ou menos consecuente, o amor a Galicia e o entroncamento na realidade galega,
nunha época especialmente rica para esta nación do Finis Terrae.
I. DIEGO DE XELMÍREZ, é outra das figuras máis
admiradas da historia galega, particularmente polos homes da xeración
"Nós" (1065-1140). Otero Pedrayo dedícalle unha novela (A romeiría
de Xelmírez) e moitas páxinas máis dos seus escritos. "Nel o prelado, o
fino artista psicólogo, o idealista cangado de experiencia di, coordinánse
esencialmente no galego" (15). A figura de Xelmírez exerce unha fascinante
atracción sobre Otero polo seu amor a Galicia; como eclesiástico e político
traballou polo seu engrandecemento e non parou ata conseguir de Roma a dignidade
metropolitana para Compostela (16). Non lle importa a Otero a realidade histórica
do Xelmírez autoritario e mundano, guiado polos turbios intereses persoais.
Cousa que non dubida en criticarlle Castelao: "O gran Xelmírez ...por
engrandecer a sede Compostelá matou o pulo intuitivo de Galiza, entregándose a
sorte de Castela" (17), referíndose ás loitas políticas de Dona Urraca.
Sen dúbida, é mérito de Xelmírez colaborar para que Compostela e Galicia
acaden momentos de plenitude. El é o forxador da "Galicia
compostelá", en contraposición á "Galicia bracarense", como
recoñece o P. Oro, "consciente de que a nova Galicia ten que se erguer
desde a supremacía da Igrexa de Compostela e a súa organización
xurisdiccional, señorial e social" para chegar a ser verdadeiro Reino
independente (18). Diego de Xelmírez é o primeiro arcebispo de Santiago, o que
traslada a capitalidade diocesá de Iria Flavia a Compostela e chega a converter
esta na "capital relixiosa da Europa Occidental", como lle chama
Vicente Risco. Da man de Xelmírez "un astro na Igrexa hispana dos seus
días e sobre todo na Galicia compostelá" afirma o P.Oro Galicia vai
creando toda unha cultura propia en expansión crecente, sendo expoñentes deste
magnífico momento o Codex Callixtinus, a lírica galaico-portuguesa nacente e
as grandes creacións do románico.
II. É o tempo do románico, como ben dixo Otero
Pedrayo, "de seguridade e conciencia determinada no destino de
Galicia"; neste tempo "Galicia está segura" (19). Otero chega a
dicir que "Galicia só pode explicarse completamente como céltica,
románica e barroca" (20). "O románico dille nunha ocasión a Victor
Freixanes é a espiritualidade que vai a procura de Deus".
No contexto desta arte e desta cultura brilla con luz propia a fe e a
xenialidade creativa do MESTRE MATEO . Da súa procedencia e actividade non se
sabe practicamente nada; só coñecemos a súa actividade en Santiago, entre
1161 e 1217. Pero sen dúbida é un dos persoeiros galegos máis coñecidos,
como manifesta a vella tradición do "santo dos croques", onde levaban
as nais ós seus fillos a recibir a sabencia do homiño que fixera aquela obra
tan fermosa da catedral. "A palabra divina nunca aspirou a materializarse de
modo tan eficaz como na obra do Mestre Mateo", di Otero Pedrayo no Ensaio
mencionado repetidamente. O Pórtico da Gloria da catedral compostelana, foi
chamado con moito acerto verdadeiro "catecismo en pedra", pola súa
riqueza teolóxica e a súa expresividade catequética para as xentes máis
sinxelas que acudían á catedral. Con razón manifesta para Otero "unha
doutrina e unha filosofía do amor... Foi sen dúbida o Mestre Mateu un dos
primeiros en formulala sen aparellos de argumentos teolóxicos e
escriturarios" (21).
III. Finalmente, nestes anos, compre lembrar a
outro cristián galego menos coñecido aquí, pero tamén importante, o frade
franciscano ALVARO PELAXIO. As ordes mendicantes (franciscanos e dominicos)
chegan no s.XIII a Galicia polo Camiño de Santiago para traer o seu aire
evanxélico e anovador.
"Os mendicantes aportan a resposta relixiosa
do cristianismo máis cálido e emotivo que os labregos e os burgueses (dos
burgos ou cidades) estaban procurando: un Cristo sinxelo e popular, pobre e
maltratado, que xunto cos seus rudos compañeiros, os pescadores de Galilea,
evanxelizan con xestos sinxelos e na lingua popular, e que ten por nai unha
pobre labrega de Nazaré. O frade ou irmán é o novo ministro que quere
anunciar e lexitimar esta visión de Xesús" (22) |
Galicia ofrécelles ós frades unha acollida
rápida e xenerosa, e a Compostela viñeron os seus fundadores San Francisco de
Asís e Santo Domingo de Guzmán cos seus irmáns, e pronto os conventos de
Santo Domingo e san Francisco amecíanse ós tres mosteiros benedictinos de
Santiago.
Alvaro Pelaxio, nacido nas terras do Salnés, estudiou cánones en Bolonia,
dando clases na prestixiosa universidade italiana, pero renunciou os beneficios
de canonista e repartiu os seus bens entre os pobres para ingresar na orde
franciscana. Logo é nomeado bispo dunha sede portuguesa e morreu en Sevilla. A
súa importancia é sobre todo polas obras que escribiu, entre as que destaca De
statu et planctu Ecclesiae, moi importante para coñecer a Igrexa no s XIV, e a
vida galega nese tempo (23).
4. O P. Feijóo, o P. Sarmiento, o P. Sobreira e o
Cura de Fruime (s XVIII)
Tras un longo paréntese de catro escuros
séculos de castelanización, nos que, como escribe Queiruga, "Galicia e a
Igrexa galega deixan de vivir centradas en si mesmas, estrañadas do seu destino
e recibindo desde fora as pautas decisivas da súa andaina" (24), aparecen coa
Ilustración, no século XVIII, dous grandes frades e un cura que merecen con
toda xusteza o apelativo de cristiáns galegos, sobre todo os últimos.
I. O P. FEIJÓO, a pesares de ser de orixe
aristócrata, non esquece a súa patria galega e a súa realidade cultural.
Benito Feijoo y Montenegro (1676-1764), aínda que ingresou na orde benedictina
no mosteiro de Samos, e viviu moitos anos nos de Lérez e Poio, fixo toda a súa
carreira fora de Galicia. A súa magna obra é ante todo de carácter
pedagóxico e divulgador, froito da súa preocupación por combater a ignorancia
na que el vía a raíz dos males do país. Foi un gran e prolífico ensaísta de
carácter crítico e polémico, o que lle valeu que a Inquisición censurara
parte da súa obra. Os seus libros e artigos gozaron de gran celebridade no seu
tempo, aínda que o aprezo pola súa obra decaeu coa chegada do Romanticismo.
Como home polémico e bo "removedor de conciencias", soubo reaccionar
contra o castelanismo uniformador da cultura dominante e non comparte esa
especie de odio que profesaban os eclesiásticos do seu tempo contra o galego.
Ten unha breve pero significativa defensa da dignidade da lingua cando na súa
monumental obra Teatro crítico universal demostra que "o galego non é
ningún dialecto nin corrupción do castelán".
II. Aínda que non é unha figura tan relevante
na literatura e na historia universal como Benito Feijoo, é para nós moito
máis significativo o P. SARMIENTO, do que estamos a celebrar o centenario do seu
nacemento (1695-1772). Foi discípulo de Feijoo en Lérez, pero máis popular e
pasional (25). Este "Gran Galego", como foi chamado, "prototipo da
poligrafía enciclopédica do seu século" (26), fixo do estudio da Historia
Natural e a defensa da xeografía, a historia e a cultura galega, a teima de
toda súa vida. Mesmo dedicou gran parte do seu traballo intelectual ó estudio
da lingua galega con métodos que se adiantan ó seu tempo. O amor a Galicia e
á súa lingua, parello coa súa fe relixiosa e o seu amor á ciencia, son unha
constante en toda a obra de Sarmiento. "A Galicia do recordo, a do exilio e
a do vituperio asoman sempre doorosamente ás súas páxinas e poucos hai no seu
tempo que se preocuparan tanto por remediar a súa miseria, e denunciar os seus
abusos", recoñece a Enciclopedia Galega.
El é o primeiro en interesarse por recoller, documentar, estudiar e escribir na
vituperada lingua galega; e aínda defendela e dignificala. Filgueira Valverde,
que recoñece a Sarmiento coma o "verdadeiro iniciador do rexurdimento
galego", escribe del:
"Sarmiento é a labor do galeguista que
refai a lingua dos antergos. Os traballos de botánica e de zooloxía son o
esforzo para chamar a cada herba, a cada paxaro coas verbas fondas e xustas dos
avós" (27) |
Frei Martín Sarmiento, que deixou moi poucas
páxinas escritas en galego (apenas as Coplas de Perucho e Maruxa e anacos de
cartas (28) ), atopa un famoso texto do Marqués de Santillana que fala da literatura
en galego da Idade media e dedica o seu tempo á procura dos Cancioneiros.
"O P. Sarmiento clama no círculo reducido en que se move en Madrid contra o
ensino en castelán e lanza unha manda ós profesores de latín que tardamos
douscentos anos en cumplir" (29). Queixábase Sarmiento de que os
galegofalantes recibían un trato por parte da Igrexa con menos consideración
que os indíxenas de América, porque mentres a aqueles lles mandaban
misioneiros que tiñan que saber a lingua na que ían evanxelizar, ós galegos
mandábanos un clero de calquera rexión española sen se preocupar de se
entendían a lingua das súas ovellas que non comprendían o que eles lles
predicaban. Por iso, propuxo a edición de textos en galego e a creación de
cátedras para o seu ensino (30). El deixou escritas cousas tan significativas coma
estas:
"Galicia llora y chorará sempre. No los
gallegos, sino los no gallegos, que a principios del siglo XVI inundaron el
Reino de Galicia, no para cultivar sus tierras, sino para hacerse carne y sangue
de las mejores, y para cargar con los más pingües empleos, así eclesiásticos
como civiles; esos han sido los que por no saber la lengua gallega, ni por
cargar de palabra ni por escrito, ha introducido la monstruosidad de escribir en
castellano, para los que no saben sino el gallego puro. Esta monstruosidad es
más visible en los empleos eclesiásticos.
No se como toleran los obispos que curas, que no
son gallegos ni saben la lengua, tengan un empleo ad cura animarum y sobre todo
la administración del Santo Sacramento de la Penitencia. ¿Que es el coloquio
de un penitente rústico y gallego con un confesor no gallego, sino un diálogo
de sordos?. Son innumerables los chistes vergonzosos que se cuentan de esa
inicua tolerancia. Habrá 15 dias que un cura gallego natural me dijo que
confesando a una gallega le dijo que ya se había confesado antes con un
castellano, pero que no creía que hubiese sido confesión, porque ni el
castellano entendió a la gallega, ni ésta al castellano" (31).
|
Sarmiento foi moitos anos, como denuncia
Filgueira Valverde, "un nome louvado cunha obra descoñecida", como
adoita a ocorrer con outros moitos que todo mundo cita e poucos teñen lido
(¿cantos galegos leron Sempre en Galiza?); a súa obra empezou a ser coñecida
nas últimas décadas. O mesmo Filgueira apunta, como conclusión, tres forzas
que se conxugan "para mover a asombrosa vitalidade de Sarmiento":
"Un ideal relixioso sincero e fondo; o
servicio a Galicia, a súa identidade e ás súas xentes; e o amor á verdade
con afán de transmitila, entrando os seus saberes en escritos que perduraron.
As claves da súa acción cífranse nun epitafio: GALAICUS... SEMPER DOCUIT,
SEMPER LEGIT, SEMPER SCRIPSIT" (32)
|
III. O labor lexicográfico do P. Sarmiento foi
continuado por outro frade benedictino, o P. SOBREIRA (1745-1805), do que
Filgueira recoñecía nun escrito hai xa anos que os mozos do "Seminario de
Estudos Galegos" non foran xustos con el.
"Dabámoslle pouco creto. Ollabámolo como
un irmán menor de Feixoo e Sarmiento, que non acadar a universal sabencia deles
nin tiña a vizosa erudición do un nin as xurdías intuicións do outro. Non
reparáramos que en que a súa vida non fora parella ca deles ... Sobreira era
un destes homes que sempre está a facer outra cousa... O descubrimento de
Galicia polo P. Sobreira foi serodio, e a través do plan Aletophilo do Estudos
Galegos de Sarmiento" (33) |
O P. Sobreira deixou inédito un importante
material cos títulos Idea de un Diccionario de la Lengua Gallega e as Papeletas
de un Diccionario Gallego. Estes ilustres frades galegos "supoñen unha
radical discordancia entre unha élite castelanizada que afogaba as súas
voces" como recorda Ferro Ruibal (34).
IV. Por estas mesmas datas, outro clérigo, o
CURA DE FRUIME, Diego Antonio Zernadas de Castro (1698-1777), tamén defendeu
ardorosamente a aldraxada lingua e cultura galega cun berro de protesta. Fácil
versificador, escribiu versos malos e prosaicos, pero apaixonados, bariles e
populares, que cumpriron á perfección a súa función apoloxética ("foi
tan gran galego como cativo poeta", di Filgueira Valverde). Aínda que
foran en castelán, como algúns sonetos apoloxéticos en defensa de Galicia
"mirada con ollos limpos e sans". Tamén fixo en ocasións en galego
ardorosas defensas de Galicia, coma ésta:
"Co desexo de acordarvos
que en Galiza o seu fundaxe
ten a vosa nobre fruxe
viu en galego falarvos.
Disto non hai que estrañarvos;
antes ben, facendo gala
desta nación, estimála,
e, se porque moito dista,
non a coñeceis de vista,
coñecedea pola fala".
(Décimas á marquesa de
Camarasa)
|
A súa copiosa poesía relixiosa, dedicada sobre todo á Virxe, foi maiormente
en galego. É o máis fecundo poeta galego do s XVIII. Fernández del Riego
escribe que nel "descúbrese a arfada da alma dun pobo e a fe íntima que o
trato campesiño da. Ven ser, sen dúbida, por este feito a primeira figura
galega do s.XVIII". E en palabras de Murguía, as súas obras son "un
berro da indignación de Galicia contra as inxusticias de que era víctima, por
iso resoaron gratamente no corazón dos galegos".
Este crego, que merece ser lembrado a carón de Feijoo e Sarmiento non pola súa
erudición, pero si pola súa afervoada galeguidade. Non quixo postos
importantes, mantívose toda a súa vida na pequena parroquia de Fruime, preto
de Noia. Desde alí berrou o seu compromiso cristián e galego, aínda que non
predicara seguramente en galego, como afirma románticamente Ferro Ruibal, pois
os tempos aínda non eran chegados (35)
Destaca tamén o autor do libro a actitude aberta e realista, moito menos
clerical que os curas do seu tempo. Aínda que lle achaca "caer nunha
especie de nacionalcatolicismo galego" (pax. 130). Así, chega a dicir:
"Galicia, el solar más antiguo de la Religión Católica de España, que
tiene en cabeza de mayorazgo la preciosísima prenda del Sagrado Cuerpo del
fundador, y se distingue entre todas con el sigular blasón del Augustísimo
Misterio de la Fe". (Citado na pax. 130).
|