1. Rosalía de Castro (1837-1885)
A meirande
poetisa que tivo Galicia. Poeta culta e popular á vez. A uns
interesaralles a poeta costumista e metafísica, a outros interesaranos
mais a poeta social e relixiosa, a cantora e intérprete da realidade do
pobo marxinado, a que soubo plasmar maxistralmente a alma do pobo galego
oprimido. "Unha alma núa entre os homes, só vestida coa súa
propia luz e a súa orixinaria dor", escribiu Otero (1). Xunto con
Castelao son as dúas figuras mais representativas e simbólicas da nosa
Terra. Rosalía é a escritora con máis universal proxección da nosa
literatura, da que existen numerosas edicións e estudios en inglés,
alemán e ata en xaponés; mesmo foi escollida entre os cen mellores
escritores do mundo, en tódolos tempos. Este coñecemento da nosa
meirande figura literaria, mesmo no ámbito escolar, axímeme dunha
semblanza bio-bibliográfica, que había resultar abondo coñecida.
Barreiro escribe no segundo número de Encrucillada
unhas verbas que proen a calquera que se sinta cristián galego: "A
humanidade grande coma o mar de Rosalía non atopou acougo na Igrexa. A
Rosalía dos pobres, dos emigrados, dos mariñeiros das viúvas e dos
orfos quedou ás portas da Igrexa" (2). Os argumentos déraos
Alvilares anos atrás. "¿Que sucede na Igrexa galega do seu tempo
para que Rosalía padeza tan agudamente na súa intimidade a
frustración da súa fame de comunión?. Rosalía viviu dentro da
comunidade cristiá galega. Pero mesmo nesa comunidade sentiuse
desvalida, aprisionada por unha sociedade pechada na que tódolos
camiños que levan a Deus estaban pechados" (3).
Rosalía era unha muller doorosamente crente e
fondamente cristiá, como queda refrexado na súa obra. ¿Que dicir que
non sexa abondo coñecido da Rosalía identificada, como Xesús de
Nazaret, coa realidade fonda do seu pobo nos versos tan coñecidos de Follas
Novas?. Xa no seu Prólogo manifesta o compromiso social e popular
da súa poesía e o por que de facelo en galego:
"Libros enteiros poderían escribirse falando do infortunio
que afrixe ós aldeáns emariñeiros, soia e verdadeira xente do
traballo no nosos país. Vin e sentín as súas penas como se
fosen miñas".
"Naide se pudo achar animado dun mais bon desexo pra cantar
as belezas da nosa terra naquel dialecto soave e mimoso que
queren facer bárbaro os que non saben que aventaxa ás demáis
lingoas en dozura e armonía". |
¿Que dicir de
novo sobre a saudade, alma da súa poesía máis persoal, que manifesta
nos versos de Follas Novas? Quizais que non se teña, sen
embargo, salientado suficientemente que é ésta unha saudade tinguida
sempre de relixiosidade, unha relixiosidade desasosegadoramente
existencial:
"¿Por que,
en fin, Dios meu,
a un tempo me faltan
a terra e o ceu?" |
É un sentimento
de soidade, pero non un sentimento que se peche á transcendencia, a
Deus, senón máis ben como expresión do "silencio de Deus",
tal como recoñece Alvilares ("O encontro do home con Deus é
sempre precario e escuro" (4) ), e reflexionou a moderna
"Teoloxía da morte de Deus". Con frecuencia Rosalía
manifesta a estarrecedora experiencia da incomunicación co Absoluto,
como nalgúns versos de En las orillas del Sar, que non rematan,
a pesares de todo, na confesión dun mundo sen Deus:
"¡Que
horrible sufrimiento! ¡Tú tan solo
lo puedes ver y comprender, Dios mío!
¿Es verdad que lo ves? Señor, entonces,
piadoso y compasivo,
vuelve a mis ojos la celeste venda,
de la fe bienhechora que he perdido...
Desierto el mundo,
despoblado el cielo,
enferma el alma y en el polvo hundido
el sacro altar en donde
se exhalaron fervientes mis suspiros,
en mil pedazos roto,
mi Dios cayó al abismo,
al buscarle anhelante, sólo encuentro
la soledad inmensa del vacío.
De improviso los ángeles
desde sus altos nichos
de mármol, me miraron tristemente
y una voz dulce resonó en mi oído:
Pobre alma, espera y llora
a los pies del Altísimo..." |
Ou coma cando no
mesmo libro confesa a tristura pola perda dun fillo:
"Tú te
fuiste por siempre; más mi alma
te espera con amoroso afán, ...
Algo ha quedado tuyo en mis entrañas
que no morirá jamás,
y que Dios, porque es justo y porque es bueno,
a desunir ya nunca volverá". |
Sobre todo, Deus
está ausente para Rosalía pola inxustiza da xente, pola inxustiza da
sociedade. Xa o manifestara Paulo de Tarso: "A inxusticia dos
homes, que asoballan a verdade coa inxusticia" (Rom 1, 18) e
"trocaron ó Deus verdadeiro por un falso" (Rom 1, 25).
"Non se trata
dunha negación teórica de Deus confesa Alvilares... Rosalía
sente a ausencia de Deus en canto é ausentado pola incomunión
da sociedade ...Deus trascende ó mundo. Pero este Deus
transcendente é, ó mesmo tempo, inmanente á conciencia"
(5) |
¿E a Igrexa?
"Na súa soidade a Igrexa non é máis que ausencia". Unha
Igrexa máis preocupada en falar do inferno e da xustiza terrible dun
Deus xuíz, que da misericordia e o amor dun Deus pai. Unha predicación
que queda refrexada nos versos de Rosalía, como cando fala de que
"o pecado é obra dun intre e durará a expiación terrible
¡mentres dure o inferno!" (En las orillas del Sar). E outro
tanto ocorre con toda a parafernalia dos funerais que, como recoñece
Alvilares, "só trae á conciencia de Rosalía o seu montaxe
económico e o seu clasismo. Nada que sirva para alimentar a súa fame
de esperanza". Así o manifesta a poeta naqueles versos de Follas
Novas.
"Cando me
poñan o hábito,
se é que o levo;
cando me metan na caixa,
se é que a teño;
cando o responso me canten,
se hai con que pagarlle ós cregos ...
¡Que aínda me leve San Pedro ...
que enterrar han de enterrarme
anque non lles den diñeiro!" |
Torres Queiruga,
tras recoller varias opinións de autores diversos sobre a dimensión
relixiosa de Rosalía (6), algunhas opinións encontradas que non fan
xustiza á fe da nosa poeta, conclúe:
"Tan só desde a
percepción da profundidade e da tensión extrema coa que
Rosalía viviu o mundo da fe, resulta lícito achegarse
respectuosamente ó seu segredo... Non parece posible borrar a
clara presencia dunha fe atormentada, pero rexa. A máxima
lección de Rosalía tal vez estea xustamente na enorme
honestidade da súa loita: na case sobrehumana firmeza coa que
refugou as evidencia aparentes e buscou apoio firme nas
experiencias fundamentais a través das cales transparece para o
home o Misterio". |
Desde unha
lectura que debo recoñecer non é o froito dunha fonda análise persoal
da obra de Rosalía, teño para min que o xuízo de Queiruga é
totalmente aceptable. Non se pode ocultar a tensión as contradiccións
que sufriu a fe rosaliana, como tampouco o seu conflicto coa Igrexa, tal
como se apuntou máis atrás, pero iso non lle resta a calidade dunha fe
que quere ser honrada desde a fondura existencial. Unha fe atormentada
ó xeito kierkegaardiano ou, máis perto de nós, unamuniano; unha fe
que non soubo atopar acougo pola carencia dunha teoloxía máis sa e
máis evanxélica. Foi pena que a teoloxía sobre o mal e sobre Deus coa
que nos foi regalando Torres Queiruga e parte da teoloxía
contemporánea vira a luz cen anos despois, tería sido de inestimable
axuda para a poeta. Asi mesmo, unha Igrexa que fora máis acolledora con
ela; unha Igrexa da que, de todos xeitos non renegou a nosa poeta, e da
que recibiu agradecida os derradeiros sacramentos, e na que foi
enterrada, e na que repousa, a pesares das reticencias primeiras para
ser trasladada á igrexa de San Domingos de Bonaval.
2. Eduardo Pondal (1835-1917)
Falar do
Renacemento Galego é falar necesaria e indisolublemente de Rosalía, de
Pondal e de Curros. Certamente o eco popular de Rosalía e aínda de
Curros non foi acadado pola poesía de Pondal, demasiado aristocrática
para chegar a ser popular, como recoñece Carballo Calero:
"O tono solemne,
acompasado e grave da poesía de Pondal revela unha concepción
aristocrática do mundo. Ista concepción non exclúe interés e
sentimento de comunidade verbo do pobo... O que acontez é que o
poeta considérase membro dunha aristocracia conductora, dunha
oligarquía espiritoal que representa á vez a conciencia da
comuniade. Esprícase así que, a diferencia de Rosalía, a
poesía pondaliá non teña sido nunca popular... Hai nos seus
poemas unha chea de supostos históricos ou literarios que os
fan estranos ao sinxelo leitor" (7) |
Menos coñecido
que Rosalía, polo que comprirá falar algo máis da súa historia,
Pondal é "o bardo de Galicia" (el gustaba de autodenominarse
"o bardo de Brigantia"), séntese un aristócrata, máis non
é antipopular. Para el a nobleza ten o papel de conducir ó pobo,
particularmente ó pobo galego como raza escolleita. El sente que ten
"a alta misión de orientar espiritualmente ao seu pobo confesa
Carballo Calero, un pobo excelente que ten a misión de ser 'o lazo
recio e forte' que xunte os bos pobos ibéricos dispersos, incluíndo
aos fillos de Luso". Tense Pondal polo poeta da patria galega,
representado na mítica figura celta do bardo. Non é de estrañar que
para Otero Pedrayo "ningún como Pondal soubo identificarse co
profundo núcleo temático de Galicia" (8).
A pesar de vivir totalmente para a causa dunha Galicia nobre e forte,
dona do seu destino, polo que abandonou a súa carreira de médico e
mesmo morreu célibe, a obra literaria de Pondal épica, civil,
comprometida co seu pobo é escasa, un pequeno volume que engloba
Queixumes dos pinos e outros poemas e a recen editada Os Eoas, magna
obra inacabada que ía ser o seu testamento literario.
O bardo de Galicia era tamén unha persoa fondamente relixiosa e crente.
Iniciara a súa formación a carón dun crego rural e logo completouna
en Santiago "entre clérigos, militares, profesores, señoritos e
artesanos", confesa a Enciclopedia gallega, para concluír na
carreira de Medicina. Os fusilamentos dos "mártires de
Carral", cos que o poder conservador e centralista quixo afogar o
movemento liberal e progresista galego representado no alzamento de
Miguel Solís, significarán para Pondal un cambio espiritual e
intelectual importante. Que tamén tivo que sufrir unha crise coa
reacción eclesiástica ante o Banquete de Conxo, onde o seu amigo
Aurelio Aguirre foi chamado ó Pazo Episcopal polo ardor dos seus versos
(9).
Con todo, sempre seguiu sendo cristián e aínda practicante, como
confesan algúns achegados. Mesmo cunha relixiosidade tranquila, ausente
do ton tráxico de Rosalía ou Curros. Contábame Filgueira Valverde que
era famosa unha anécdota súa; nunha ocasión, uns amigos, sabedores da
súa relixiosidade, preguntáronlle: "¿Por que non fai poesía
relixiosa?" E respondeu Pondal: "Porque eu escribo sobre dous
mil anos antes de Cristo". Aínda así, na obra de Pondal hai
referencias relixiosas constantes. O primeiro dos seus poemas en galego
que viu a luz pública é precisamente "A campana de
Anllóns", na que fala da oración como algo que chega ó fondo do
corazón do poeta:
"E tí, campana de Anllóns,
que vagamente tocando
derramas nos corazóns
un bálsamo triste e brando
de pasadas ilusións
(...)
Cando doída tocabas
polas tardes á oración,
campana, sempre falabas
palabras con que cortabas
as cordas do corazón" (10)
|
Recentemente, un estudio sobre a poesía de Pondal non coincide co que
estou dicindo sobre unha lectura cristiá destes versos. Manuel
Forcadela cre que o son da campá de Anllóns non ten acento cristián,
senón un acento telúrico pagán que el ve como referencia á Babilonia
bíblica en contraposición a Xerusalén (11). Otero Pedrayo sabería
contestarlle moi ben, tamén a el o acusaron de panteísmo, pero Don
Ramón sabía casar ben a súa fe nun Deus persoal e no seu Fillo Xesús
Cristo fundamento dunha fe cristiá co "vencellamento afectivo
físico e espiritual á terra" que o leva tamén a "chorar
diante da natureza" (12).
No poema á "Virxen santa das Suidades", o poeta pide axuda á
Vixe María para poder levar adiante o baril labor que se impuxo de
levar a verdade á xente do seu pobo, para que saia "pura coma o
torrente":
"Virxen santa das Suidades,
vós, que a vosa iglesia tendes
sobre o alto da Ferreira,
da Agualada nas pendentes
e mirás da vosa altura
estendidos longamente
da terra de Bergantiños
os doce campos alegres;
terra donde me eu criei
para vos celebrar sempre:
ca vosa gracia axudaime,
miña Virxen e facede
que a verdade dos meus labios
salla pura craramente
como o torrente de Couso
da súa pendente verde;
a verdá que dos maiores
todo galego recebe" |
Non é de estrañar que na edición
galega da Liturxia das Horas, a oración oficial de clérigos e monxas
da Igrexa, apareza entre os himnos uns versos seus, do poema "Non
veu dos duros éforos", que non podo deixar de traelos aquí:
"Non veu dos duros éforos
non veu das duras armas,
daquela fermosura
dórica nomeada (...)
Non veu da sabia Athenas,
non veu das cultas aulas;
nin dos soberbios pórticos
de metopas gallardas (...)
Non veu da nobre Stoa
de austeras ensinanzas;
nin dos hortos do bardo Epicuro
o das doctrinas mólidas e prácidas.
A lus veu dos humildes,
veu das sinxelas almas,
veu daquela probiña
e filla da montana,
de quen dixo Micheas
con ardente palabra:
De ti, Bethelem escura,
de ti, pequena Ephrata,
sairá unha lus brillante,
sairá unha estrela máxica,
que alumeará do mundo
as tenebrosas almas"
|
Os versos manifestan unha perfecta
sintonía e unha fonda comprensión da realidade de Xesús de Nazaret, o
Verbo de Deus que salva desde abaixo, desde a realidade dos pobres, e
non desde o poder; desde o poder despótico da forza ou desde o poder de
que ten "o saber", desde o que se cre, el só, coa sabiduría,
representada en diversos nomes na filosofía grega.
3. Manuel Curros Enriquez (1851-1908)
Curros é o berro de denuncia contra a
opresión dos poderes civís e relixiosos. A súa é unha poesía civil
e comprometida, unha poesía militante, "de loita". "A
rebeldía, o verbo civil, a estrofa contra a inxusticia, o ariete
asestando golpes", defíneo con xusteza Otero Pedrayo, coa súa
capacidade expresiva habitual (13).
Algún se estrañará de que este home de versos anticlericais figure
neste elenco de cristiáns galeguistas. Alguén dixo hai anos que Curros
era o poeta mais anticlerical de Galicia (14). Pero hai xa ben anos tamén
que Torres Queiruga o rehabilitou nun escrito de mocidade, pero xa
maduro, sobre a obra máis dura de Curros: O divino sainete (15). Con
demasiada frecuencia se identificou anticlericalismo con
anticristianismo, aínda que Curros foi tachado das dúas cousas (16).
Citando primeiramente a Queiruga, compre dicir que:
"O caso de Curros é o caso do home
que, en nome de principios xenuinamente humanos, se revolve contra unha
institución que, no seu parecer, ou escurece ou aplasta estes
principios. Dende os profetas de Israel deica a derradeira protesta
universitaria as figuras sucédense nunha ricaz ristra". |
Por iso, para o teólogo galego a
actitude fundamental de Curros ó escribir un texto tan anticlerical e
mesmo antirrelixioso, é "xenuinamente cristiá", que se
traduce neses resultados por unha serie de motivacións. Unhas
subxectivas (a imaxe dun pai autoritario e déspota, pero con fama de
honorable e virtuoso, que converteu á súa nai, moi devota en
verdadeira mártir; e a radical e incomprensiva oposición de liberales
e conservadores "onde a relixión e a política andaban moi
mezclados" ). E outras obxectivas (as acusacións contra a Igrexa,
algunhas manifestamente inxustas, pero outras moi reais e que compre
recoñecer honradamente, como é o caso tamén do seu autoritarismo
alienante, que Curros tivo que sufrir en propia carne).
Tamén Alvilares deixou claro que o anticlericalismo de Curros non é
anticristianismo, e que a súa crítica á Igrexa non é ataque á súa
dimensión relixiosa:
"Non é a Igrexa como ... sinal da
presencia salvadora de Deus na historia o que mobiliza a súa pluma.
Senón a institución Igrexa, como poder sociopolítico... A obra de
Curros denuncia un anuncio da salvación cristiá que non so non salva
ós homes das escravitudes terreas ... senón que as apoia...
Moitos dos elementos da súa crítica á
Igrexa son "aprendidos", están nos lugares comúns do
anticlericalismo da súa época... Pero, ó mesmo tempo, moitas das
denuncias de Curros son clamores proféticos" (17).
|
Carlos Casares, na introducción a unha
edición de Aires da miña terra di que "O seu anticatolicismo
parece indubidablemente vencellado ó trauma que nel provocou o proceso
de 1880. Antes desto, e posteriormente á súa confesión de fe
republicá, Curros móstrase cristián... E aínda despois, o que priva
na súa relixiosidade é un anticlericalismo froito máis da súa triste
experiencia fronte a curia ourensá que dun anticatolicismo
militante" (18).
A reacción da igrexa ourensá contra Aires da miña
terra, chegando a
excomulgalo, produce nel unha actitude de rechazo, pero tamén de
tristura pola súa situación, como queda reflexado nos famosos versos a
Rosalía: "Inda recei pola probe da tola/ eu que non teño quen
rece por min". De feito, versos considerado como blasfemos contra
da Igrexa como "Mirando ó chau", vémolos hoxe cargados de
humanidade, presentando un Deus Pai, moi cercano e "humano",
ollando cun humor moi san e relativizador as cousas deste mundo, mesmo a
súa Igrexa. As súas verbas comprometidas coa realidade dos oprimidos
("mirou de labregos/ un fato misérrime/.../ máis ben que non
homes/ pantasmas parecen/.../ o sangue das veas perdendo a torrentes/
traballan sen folgos/un chao que no é deles") manifestan un Deus
bastante máis preto da imaxe que del nos deu Xesús de Nazaré que o
que manifestarían outras prédicas defensoras a ultranza da
institución. O xenial remate do poema, as verbas que Deus di
finalmente, témolo algúns dito públicamente, con humor, ducias de
veces:"-Si eu fixen tal mundo/ que o demo me leve".
¿Curros anticlerial? Si, tamén Xesús de Nazaret botou duras diatribas
contra o estamento clerical do seu tempo. Pero eu non atopo un Curros
anticristián, e moito menos ateo. A súa obra poética está chea de
versos relixiosos, mesmo no libro obxecto da excomunión. Coma o caso do
remate do poema "Sola":
"¡Ai! ¿Será a morte nada mais que
un sono?
Tras do outono da vida, ¿que hai pra nós?
Colombo topa un mundo nun outono ...
¡Quen tan dichoso que topase a Dios!" |
Ou "Na morte da miña nai", ou
"A Virxe do Cristal" e "Unha boda en Enibó", a
pesares do seu carácter eminentemente popular.
E aínda versos fora deste libro, coma os de A
espiña:
"Dios, a quen prugo deixar
moitas cousas incompretas,
impúxolles ós poetas
o deber de as terminar". |
Ou outros coma os do soneto adicado a
Cristobal Colón:
"Sabe dende entón a humana xente
que na loita da vida forte e ruda
vela ó seu lado Dios eternamente". |
E aínda máis claramente algúns textos
en castelán, coma os que seguen, recollidos no estudio de Alvilares
(19):
"La sangre del justo generosa
que dejó del Calvario reteñida
la cúspide escabrosa,
no correrá jamás infructuosa
por las áridas cuestas de la vida".
"Sacerdotes del bueno, del paciente,
del humilde Jesús crucificado:
venid a unir vuestra oración ferviente
al clamor de mi pecho desolado".
"Cristo se adelantó a los siglos
combatiendo el privilegio y proclamando la unidad sustancial de las
razas, al pedir a los hombres que se amasen como hermanos, hijos de un
mismo Padre. Abatió la soberbia de los poderosos, profetizando que los
últimos sería los primeros y los primeiros los últimos... Quiso
abrogar la vieja ley para instaurar la ley nueva, sancionando así la
doctrina del humano progreso...
Como Jesús, Galicia clama contra la servidumbre a que condenana a la
raza los representantes de los altos poderes directivos... Como Jesús,
Galicia quiere arrojar a latigazos del templo a sus caciques...
Es preciso que creamos en la divinidade de Jesús los que amamos la
patria, porque si Jesús no resucitó, nuestra patria no resucitará
tampoco".
|
Penso que os duros textos anticlericais
de Curros, coma os de "No convento", "A igrexa
fría", "Pelegriños a Roma", "Mirando ó
chao", ... e os máis duros, os versos de O divino sainete, no
poden restar valor auténticamente relixioso e particularmente cristián
ós textos citados máis arriba. Outra cousa é falar da dimensión
eclesial da fe de Curros; certamente, no debía ir moito á Misa.
Unha cuestión que se insinuou hai tempo como resposta á cuestión do
cristianismo de Curros, e pareceu esclarecer (con reservas ...) un
recente artigo aparecido en Grial (20), é a relación de Curros co
protestantismo. O autor do devandito artigo non dubida en concluír a
autenticidade desta relación, baseada en dous datos: a viaxe de Curros
mozo a Londres, onde pararía na casa dun pastor protestante, o que
sería para el o primeiro contacto con esta visión distinta do
cristianismo. E a presunta actividade desempeñada durante un tempo
impreciso como axente evanxélico (colportor) ó servicio dunha
Sociedade Bíblica asentada en España, encargado de facer circular a
Biblia.
O primeiro punto semella estar bastante asentado, recoñecido por
algúns dos seus biógrafos (Celso Emilio Ferreiro, que recoñece
explicitamente que en Londres Curros entrou en contacto co
protestantismo, e Carlos Casares). O segundo punto, que presenta a
Curros como seguidor de Georges Burrow ("D. Jorgiño o
inglés") ó servicio dunha Sociedade Bíblica é máis
conflictivo, aínda que é corroborado por un artigo necrolóxico
("La muerte de un poeta") aparecido na revista protestante
Revista Cristiana en 1908. ¿Explicaría isto o feito da crítica
antiinstitucional de Curros á Igrexa? Non necesariamente. Xa vimos que
cunha teoloxía postconciliar, gran parte das súas críticas pódense
facer, con dificultades, desde dentro da Igrexa. E así o recoñecen o
teólogo católico González Ruiz e o mesmo Celso Emilio Ferreiro.
De todos xeitos, Curros foi un home contradictorio, como recoñece
Casares ó remate da súa biografía:
"Curros pelexou con todos, pelexou
coa Igrexa, coa muller, cos fillos, cos amigos, cos compañeiros de
traballo... O seu carácter, sempre difícil, foise co tempo volvendo
cada vez máis acedo. Nos últimos anos da súa vida resultaba realmente
intratable... Curros debatiuse en medio de contradiccións constantes:
relixioso e anticlerical exaltado, cristiano evanxélico e violento cos
máis íntimos, humilde e soberbio, xeneroso e desinteresado, poeta
civil e frívolo de madrigal e de salón" (21) |
Uns consideráronno unha especie de santo
laico, e outros viron nel a encarnación do mal; todos o recoñeceron
coma un gran poeta. De calquera xeito, ó remate, ¿como non dar unha
resposta afirmativa ás preguntas que Cuevillas se facía sobre a morte
do poeta nun fermoso artigo de Prosas galegas?:"¿Quen sabe se a
Virxe do Cristal non fixo desaparecer cun sorriso os cornos maldizoados
do diaño como ceibou as azas brancas do anxel pra que voara alto?"
(22). Cabanillas, máis expeditivo, "viu" a Virxe meter,
"queiras ou non", a Curros no ceo.
|