"Si se pensa que
a nosa cultura en galego non ten un corpo xigantesco será doado
dicir cal é o posto, o importante posto que o clero ocupa nela.
Desde o gramático Saco e Arce ao poeta Faustino Rey Romero hai
moitos nomes relevantes... Algúns, nótese ben, son primeiras
figuras en certos temas ou en certos xéneros" (30) |
Ferro Ruibal
confesa no seu libro a tristura que lle deu un manifesto da UPG, nos
primeiros actos da súa aparición pública, titulado Acusamos.
Era unha dura acusación contra a Igrexa galega polas ofensas cometidas
polo clero ó longo da historia de Galicia (31). Compre recoñecer que
moitas das acusacións non son discutibles, e moito habería que purgar
da actuación da Igrexa na historia galega. Pero o triste e inxusto era
non recoñecer nin sequera unha aportación positiva en tantos séculos
de historia.
"Foi un
manifesto tendencioso que conseguiu o efecto contrario do que,
se cadra, pretendía: algo así coma esa xente que se empeña en
meter un neno pequeno pola forza na auga do mar, co que o que
conseguen é que o neno lle colla medo para a vida á auga do
mar. O renacente galeguismo pechou as portas do diálogo cunha
institución que, anque está a facer unha viaxe con máis
lonxano destino, podía se-la súa leal colaboradora no traballo
de perfeccionar este mundo... Aquel Acusamos foi un exceso de
cera que houbo queima-la Igrexa. E aínda hoxe padecemo-las
consecuencia. Porque ó clero galego os novos tempos
quitáronlle o prestixio social sen tansequera agradecerlle os
servicios prestados" (32). |
¡Canta razón
non ten o Ferro! Non lle teño oído poucas veces a compañeiros curas
que mal nos teñen agradecido nos círculos nacionalistas o "apoio
á causa". ¡Moita miopía houbo para recoñecer que estabamos no
mesmo barco, e que eramos tan poucos nel, que era absurdo botar a
algúns remeiros fora!. Aquel nacionalismo dos 60 axudou moito para ir
creando conciencia galega, pero ¡cantos fallos irreparables non
cometeu!. Os suficientes como para decatarse de que debería ser algo
máis compresivo cos fallos e contradiccións desa Igrexa á que tanto
denigrou, e á que tanto lle debe, polo menos a algúns sectores dela.
Certamente, compre distinguir entre as posturas
tomadas pola alta xerarquía da Igrexa, maiormente reaccionarias e
marcadas por actitudes intolerantes, herdadas da vella Inquisición tal
como estudiaron detidamente Carballo e Magariños en La Iglesia en la
Galicia contemporánea (33), e as posturas de outra parte do clero, con
máis luces intelectuais e máis honradez nas conductas (34).
"A loita de crases que se da na sociedade segue o documento,
reflexouse na mesma Eirexa e a división aparece crara, por unha parte a
Eirexa oficial, da que forman parte as súas altas xerarquías e incruso
amplos sectores dos cregos que a índa non viron crara a súa
utilización ou que se atopan millor así, e pola outra un novo
movimento de cregos que se opoñen, algúns teóricamente, outros na
práctica diaria, a seguir sendo instrumentalizados como opresores do
pobo". Martinho Montero manifestaba esto hai anos nun excelente e
documentado artigo:
"En certos casos o clero fixo labor
de pioneiro no Renacimento galego: o primeiro intento de diccionario
galego débese ao sacerdote santiagués X. Rodriguez, a primeira
gramática galega propriamente tal é obra do sacerdote ourensano Saco
Arce, a segunda novela galega foi publicada polo coéngo compostelano
López Ferreiro. Pero compre dicir, en honor da verdade, que o labor
brillante destas e doutras figuras eclesiásticas non responde a unha
actitude xeralizada da Igrexa galega, foron individualidades
solitarias" (35) |
O valor e a importancia destes cregos é
recoñecido por Barreiro Fernández na súa Historia de Galicia.
Edade Contemporánea:
"Sempre houbo un grupo do clero,
normalmente vencellado ós compromisos máis intelectuais, que no medio
desta escura noite de pedra souperon mante-la raiola de luz que fai
posible a esperanza. Cregos que xa desde o século XIX mantiveron a súa
dignidade sacerdotal sen necesidade de venderse a liberales ou
absolutistas, que foron quen de defende-la súa independencia persoal
contra o acoso dun integrismo disfrazado de laicado, contra a presión
da xerarquía e contra o atractivo de posturas seudorevolucionarias. Un
clero que sempre se recordará pola súa limpa traxectoria" (36) |
Polo que levamos dito, xa vimos o moito
que lle debe a causa galeguista os cregos e frades; vimos como estaban
presentes xa entre as primeiras voces proféticas modernas en defensa de
Galicia (o P. Feijoo, o P. Sarmiento, o P. Sobreira, o cura de Fruime).
Pero entre o século pasado e este, o feixe de curas que viviron unha
fonda paixón por Galicia e polos galegos, facendo da súa vida unha
causa a prol da súa redención nacional evidentemente, con desigual
intensidade e amplitude de compromiso, algúns só reducido á lingua,
é un feito incontrovertible. Só se pode negar mentindo e falseando a
realidade.
Non se trata só dos persoeiros máis coñecidos, que veremos algo máis
polo miúdo, senón de moitos máis curas; o que manifesta que a defensa
da realidade galega non era un caso tan excepcional entre o clero
galego. Na Real Academia galega houbo varios cregos (como se irá vendo
en páxinas sucesivas), igualmente no Seminario de Estudos Galegos,
ademais dun predominio dos católicos, houbo tamén un grupo importante
de cregos (P. Pedret, S. Portela, X. Carro, R.Mª Aller Ulloa, X.
Couselo Bouzas, Aureliano Pardo, ...).
1. Manuel Pardo de Andrade e outros curas
galeguistas menos coñecidos
I. No tránsito dos séculos XVIII-XIX,
MANUEL PARDO DE ANDRADE (1760-1832) foi un cura liberal galego,
coruñés de orixe aristocrática, que publicou en 1813 un libro que
chegaría a ser un best-seller: ¡Máscara fora!. Rogos dun gallego
establecido en Londres, dedicado ós seus paisanos para abrirlles os
ollos sobre certas iñorancias e o demáis que verá o curioso lector. O
libro, como confesa Filgueira Valverde, tivo unha fortuna editorial
insólita: tres edicións nese ano, unha en 1820 (de 10.000 exemplares!)
e outra en 1841 (37).
Os rogos dun gallego pretende presentar o Santo Oficio sen carantoña,
polo que tivo que fuxir a Francia e morreu en París. Está dedicado á
Virxe, o que manifesta que non é a obra dun "cura renegado";
é a ela a quen lle roga "librádenos dos nubeiros/ da maldita
Inquisición". Velaí algúns versos:
"Miña Virxe, vós que sodes
Madre da Consolación,
librádenos dos nubeiros
da maldita Inquisición.
Meigas, feitizos e bruxas
que persigue a Inquisición,
sin máscara socaliñas,
de cregos e frades son.(...)
Prediquen os nosos curas
un Dios de bondade e amor,
e déannos bon exempro
que é o mellor predicador"
|
A obra, feita en verso, é "unha boa
mostra da literatura de combate, da poesía militante", confesa
Filgueira Valverde, e ten o mérito de ser unha das pezas importantes do
Prerrexurdimento. "Non houbo periódico, nin libro algún que
obtivera tal popularidade en Galicia coma esta especie de romance de
cego, escrito na lingua do país", escribe Martínez de Salazar en
1892 (38). Carballo Calero califícao coma "unha figura moi importante
na historia da prensa galega", que "desenrolou unha grande
actividade patriótica e liberal" (39).
Manuel Pardo de Andrade, "de vida azarosa e novelesca, clérigo,
agustino, capelán castrense, secularizado ...paladín das liberdades e
víctima de sucesivos exilios", como escribe Filgueira Valverde na
Presentación dun libro recente sobre este crego liberal (40), non foi un
escritor casual nin ocasional. O libro aludido é unha mostra da súa
vocación literaria e do moito que saíu da súa pluma. Por iso
Filgueira chámao "paradigma dos aristócratas ilustrados", e
mesmo "radicalmente galego", ligado á recuperación literaria
da fala. Fundou o primeiro periódico de A Coruña en 1808 (Diario de La
Coruña), logo fundaría tamén Semanario Político, Histórico y
Literario de La Coruña, Correo de la Diputación de La Coruña, ...;
tamén colaborou profusamente noutros con diversos e variopintos
pseudónimos. Xa Carré Aldao escribira a comezos de século sobre este
aspecto pioneiro de Pardo de Andrade (41), que se complementa con outras
publicacións de carácter científico e literario, en español,
italiano e francés.
II. Polas mesmas datas, JUAN ANTONIO
POSSE (1766-1854) foi outro cura ilustrado e liberal, que alguén
considerou nada menos que "o primeiro nacionalista galego".
Nacido en Soesto, preto de Laxe, foi un sinxelo pero intelixente crego
rural que exerceu de párroco nunhas parroquias leonesas. Sufriu
persecución e presidio polas súas ideas liberais-constitucionais e o
seu ataque á Inquisición. Cos liberais no poder (1820-1823) renuncia a
un bispado que se lle ofreceu, e escribe ós seus amigos galegos estas
ousadas verbas:
"Por esta desconfianza y
presentimiento de nuestra ruina, escribí a La Coruña y a mi país,
Galicia, para tratar de hacerse independiente, erigiéndose en
República libre y separada de los demás, pués tenían todo lo
necesario para poder gobernarse por si mismos. Y en este caso podían
hacerse confederados de los otros españoles, aliados natos de los
ingleses y otras cosas de esta especie que entonces me ocurrieron.
No gustó esta protesta, y aún fué causa de que se me tuviese por loco
en lo sucesivo, y me vi precisado a recoger velas, no volviendo a hablar
de ello". (42) |
III. En 1889 en Bos Aires, outro cura
orador, FRANCISCO SUÁREZ SALGADO pronunciou un discurso en galego, que
Carballo Calero considera o primeiro da época moderna.
Pero máis importante foi o labor de ANTONINO CERVIÑO (1852-1928),
coengo da catedral de Tui e amigo de Lago González. Foi numerario da
Real Academia Galega e asiduo colaborador nos xornais do seu tempo. Con
fama de gran orador, pronunciou un famoso "sermón
rexionalista" en 1891 na catedral de Tui, no que clama pola
redención e a emancipación de Galicia e di que o castelán non serve
para os galegos. No prólogo co que introducía a súa publicación en
La Patria Gallega, órgano oficial da Asociación Regionalista de
Galicia, fai esta declaración de principios:
"Ningún pueblo es tan desgraciado
como el gallego y ninguna clase más digna de lástima que el labrador
de nuestros campos. He aquí la primera causa de mi regionalismo...
Queremos ahora curar nuestras llagas y para eso que nos dejen en paz los
que hasta ahora nos han chupado la sangre... Llevamos en el corazón una
espina que debe interpretarse por un ansia de una nueva existencia, por
un deseo de que Galicia se emancipe y viva una vida libre e
independiente...
El castellano expresará muy bien lo que allá se siente, lo que allá
se piensa, pero no puede expresar lo que sentimos y pensamos los
gallegos; eso solo puede espresarlo nuestra habla, que es brote de
nuestra naturaleza, expansión de nuestra alma y manifestación viva de
nuestro sentimientos" (43) |
"A faciana máis singular deste home
foi o seu afervoado rexionalismo que en el traspasou ás ideas daquel
tempo ata converterse, as veces, en verdadeiro nacionalismo, impensada
postura para aqueles intres, realmente precursora", escribe Alvarez
Blazquez en Encrucillada (44).
2. Manuel Lago González (1865-1925)
"Na cadeira arcebispal de
Compostela, téñense apousado uns poucos arcebispos xa. Deles, algúns
foron galegos de nacemento. Tíduo de galegos certos merecérono ben
poucos aínda. O arcebispo Lago González cecáis si". |
Con estas verbas comezaba Valentín Arias
o seu discurso na real Academia Galega (45) sobre o arcebispo que ocupara
unha das súas cadeiras, na xornada en que esta institución lle dedicou
o Día das Letras Galegas (1973). E con palabras semellantes acollíano
os galeguistas desde A Nosa Terra ó enteirarse do seu nomeamento como
arcebispos de Santiago: "Galicia está de noraboa, pois, ao fin,
ocupa o solio de Xelmírez un galego de verdade" (1º Abril 1923);
parece ser que esta emoción se sentiu en tódolos estamentos sociais,
desde o pobo sinxelo ós intelectuais. Logo, coa súa morte prematura, a
mesma publicación nacionalista escribía:
"Temos manifestado canta era a
simpatía que nos inspiraba o ilustre arcebispo galego. Porque nós
víamos nel un constante paladín do rexurdimento de Galicia,
especialmente no orde literario e artístico.
Sabiamos do seu amor polo noso idioma... E non iñorabamos da súa
constante protección para canto representase honor ou beneficio para
Galicia...
A morte trunca unha vida exemplar... Deixanos unha obra literaria
fondamente galeguista e a lembranza do que foi para Galicia...
Fondamente apenados choramos a morte do bon galego que fixo do
galeguismo un culto... Galicia está de loito con tan doorosa
perda..." (1º Abril 1925). |
Ademais de acadar unha das primeiras
cadeiras da Real Academia Galega (1905), que ocuparía á súa morte
Antón Vilar Ponte, foi membro de honor do Seminario de Estudos Galegos
(1925), entrando á par que Castelao, e gozou de gran acollida no mundo
galeguista do seu tempo, non tanto pola calidade da súa creación
literaria, senón pola súa significación galeguista. Esta xa se
manifestara na mocidade, cando participara nos Xogos Florais de Tui en
1891, cunha "Louvanza da Lingua Galega", título semellante ó
do seu discurso de ingreso na Academia.
Dos anos de mocidade é o poema "A loita pola patria":
"Alá están os que venden
ista terra bendita e nola aldraxan;
aquí viven os fortes
que saben ir á loita pola Patria.
Ai fillos de Galicia!
erguédevos agora e rescatala;
que non é bon galego,
nin ten o corazón da nosa raza,
quen a súa nai ve presa
en miserable escravitude, e cala!" (46)
|
E os versos ó xeito pondaliano de "O derradeiro celta":
"Alá van os nosos eidos,
A miña casa alá vai;
Xa me mataron os fillos,
Matáronme a muller xa;
Morreon os nosos homes
Que souperon pelexar,
Morréronnos os druidas
Servidores de Teutás,
E matáronnos as virxes
Que andaban ó pe do altar" (47) |
Xa de bispo, fixo historia para sempre
unha moi coñecida frase súa, pronunciada no discurso de recepción na
Universidade Galega, frase que xungue perfectamente galeguismo e
cristianismo: "Amando a Galicia amaremos a Deus e seremos
profundamente relixiosos". Todo un programa e todo un símbolo.
"Nada máis e nada menos terá que mostrar aquí toda teoloxía que
queira ser cristiá, é dicir, cristolóxica e encarnada", dixo
Torres Queiruga comentando estas verbas (48). En realidade non é máis que
a traducción actual das verbas do Apóstolo Xoán: Soamente amaremos a
Deus a quen non vemos, se amamos ó irmán concreto a quen vemos cada
día ó noso carón (Cf. I Xn 4, 20).
Tamén son ben coñecidas as súas derradeiras verbas, xa no leito de
morte, con ton de testamento: "Deus o quere. Fágase a súa
vontade. ¡Hai que unirse! ¡Hai que defender a Galicia!". De novo
a síntese entre Deus e Galicia, entre fe cristiá e fe galeguista;
agora con toda a carga combativa do "hai que unirse e defender a
Galicia", creando comunión entre os galegos e defendéndose
contras os que quere acabar con esta Terra.
Certamente, o arcebispo Lago non nos deixou unha reflexión
teolóxico-pastoral que poidamos dicir minimamente elaborado. Pero o
testemuño da súa vida, coas súas contradiccións, manifesta, como
recoñecía Queiruga no seu Día das Letras Galegas, "unha vida
marcada a lume por dúas preocupacións fundamentais: a preocupación
pola fe e a preocupación por Galicia", dúas preocupacións
demasiado separadas na nosa historia, e moito máis na nosa historia
episcopal. Foi un labor episcopal truncado nada máis agromar e resulta
van especular que tería sido. Como ben di Queiruga no artigo citado
sobre Lago:
"Sería caer nunha perigosa trampa o
perderse en ensoñacións de paraísos perdidos... O que temos diante é
unha chamada. O que a lembranza do Arcebispo Lago nos trae é un
desafío no difícil camiño da autocrítica eclesial e a da fidelidade
á Mensaxe é ó home" |
Ramón Cabanillas dedicoulle o fermoso
poema "As pombas do perdón", cando foi elixido para a sé
compostelá. E Antón Vilar Ponte, tantas veces crítico co clero galego
que, como denunciou en máis dunha ocasión, apoiaba a monarquía e a
Dictadura de Primo de Rivera, e, o que era máis grave, resultaba
"en xeral enemigo das reivindicacións rexionais" fixo unha
afervoada louvanza de Lago González, a pesar de que este tamén
manifestara publicamente o seu apoio á Dictadura:
"Lago González foi membro esgrevio
da única aristocracia inmorrente: a dos homes de fonda intelixencia e
de nobre corazón que saben converter o coñecemento en virtude e o
sentimento en fontenla de consolos para os que esligan coa sede de
xustiza...Recibírono cos brazos abertos e o corazón alatexar todos os
bos e xenerosos na nosa terra... O arcebispo enxebre co que todos
fóramos soñar" (49).
|
O historiador galego Barreiro Fernández
ten unha opinión ben distinta, e fai unha dura crítica de Lago
González nun artigo de Encrucillada que quere desmitificar a figura
deste bispo, tan ensalzada polos galeguistas do seu tempo, que ben
habían saber tamén das súas contradiccións (¿quen non as ten, amigo
Barreiro?). Tras situalo no carlismo máis integrista, recoñece o seu
galeguismo, pero asenta que este non se manifestou oficialmente no seu
paso como bispo de Tui e Santiago, "fora dalgunhas públicas
manifestacións en discursos". O tamén historiador Francisco
Carballo considera, en cambio, que Lago González tiña unha mente moito
máis ampla que a reaccionaria xerarquía eclesiástica da súa época;
e sobre todo tiña algo moi bo "o aspecto reivindicador da
identidade galega" que non tiñan outros bispo máis liberais. Por
outra banda, respecto do apoio que o arcebispo compostelán recibiu da
Dictadura de Primo de Rivera, recoñece Carballo que "todos picaron
coa Dictadura, polo seu posicionamento anticaciquil, ata Cambó, os da
Liga, os socialistas de Prieto e as mesmas Irmandades".
A verdade sempre é algo bo, pero un dubida que sexa bo asañarse con
persoeiros cos que, aínda que non coincidamos completamente coas súas
posicións políticas, manifestaron unha aposta polos valores dun pobo e
unha cultura, que o poder se empeñou secularmente en esquecer. E por
iso o pobo recoñece e agradece a súa valía. Do contrario, sempre
atoparemos razóns para fagocitar, suicidamente, a tódolos nosos
líderes. A postura de Castelao con Risco coido que é un bo exemplo a
seguir. ¿Por que non a de Vilar Ponte con Lago González?
3. Antonio López Ferreiro (1837-1910)
Tamén tradicionalista, carlista e
rexionalista foi o crego e coengo compostelán Antonio López Ferreiro,
que deixou unha amplísima obra de investigación histórica sobre
Galicia (23 libros e ducias de artigos) e tres novelas en galego (A
Tecedeira de Bonaval, O Castelo de Pambre, O Niño das
Pombas), ademais
de numerosos artigos de diversos temas en xornais e revistas. A Historia
de la S.A.M. Iglesia de Santiago de Compostela e outros estudios coma
Galicia en el último tercio del siglo XV, Fueros municipales de
Santiago y de su tierra ou Alfonso VII rey de Galicia son referencia
obrigada para o estudio da historia galega, aínda que adoezan de
providencialismo e excesivo fervor apoloxético, pois para López
Ferreiro o fundamental é o sistema de valores da tradición católica.
É por iso que outros coma os Estudios sobre el Priscilianismo, queden
hoxe rebasados.
"O seu único tema foi Galicia", afirma Barreiro Fernández,
que esta vez non lle censura ó crego colega o seu tradicionalismo
carlista e recoñécelle:
"o seu compromiso de historiador e
científico en recuperar a conciencia histórica do seu pobo, podemos
constatar o sentimento galeguista que o conmovía cando recuperaba para
a ciencia o pasado de Galicia. Podemos afirmar aínda máis: esta foi
unha tarefa sacra que se impuxo, tan sacra como a defensa de Deus e a
defensa dos seus ideais máis profundos" (50) |
Ese compromiso coa historia de Galicia
maniféstase na vontade de ir elaborando unha historia documentada e
apoiada nos datos, mesmo crítica e aséptica. A esta vontade se debe en
primeiro lugar a publicación de abundantes fontes documentais, desde
revistas por el fundadas (Galicia histórica, El Eco de la
Verdad) ou
noutras xa especializadas, xa de pensamento, ou divulgativas."E
todo esto recoñece Barreiro fixo López Ferreiro sen subvencións
estatais... sen man de obra de que dispoñen os Departamentos das nosas
Universidades" (51). E en segundo lugar, os seus estudios históricos,
de gran valor, aínda que a súa metodoloxía se vexa condicionada polo
tradicionalismo e pola aceptación dos principios teolóxicos da Igrexa
"urxindo a fidelidade ata extremos que hoxe advertimos eran
esaxerados e limitativos da liberdade do intelectual". Pero, con
todo, compre recoñecer que estas limitacións non lle restan valor ó
inxente material histórico que aporta López Ferreiro e a súa
perspicacia para saber captar os acontecementos e a súa ilación. E,
sobre todo, que os mellores medievalistas galegos beben na súa obra.
Ademais, o cóengo compostelán era consciente de que o seu traballo
axudaba ó pobo galego a conquerir a conciencia da súa personalidade
histórica, imprescindible para ir acadando unha clara conciencia
nacional. Deste xeito, o seu compromiso histórico foi, no fondo, máis
que o compromiso intelectual, un compromiso político nacionalista, como
lle recoñece Barreiro, sen ocultar o seu tradicionalismo carlista. Así
escribía o historiador e cóengo compostelán, que tamén fora cura
rural na parroquia de Vedra, nun prospecto do xornal La Emancipación en
1872:
"Dedicaremos el folletín a recoger
las tradiciones, leyendas, memorias y otros datos históricos que nos
sea dado hallar en Galicia, a fin de avivar de este modo nuestro
amortiguado espíritu patrio" (52).
|
4. Xoán Antón Saco e Arce (1835-1881)
Este crego ourensán, catedrático de
Latín e Grego en Ourense e Pontevedra, ocupa un lugar destacado nas
Letras Galegas por ser o autor da primeira Gramática Galega moderna
(1868), que Carballo Calero non dubida en cualificar coma "a
primeira verdadeiramente científica". Sen esquecer todo o seu
labor lexicográfico e a súa creación literaria.
O primeiro campo, louvado por Risco e Otero Pedrayo, está recollido nos
seus estudos de Literatura popular de Galicia e no inédito Textos para
el Diccionario de Autoridades. Filgueira Valverde tamén escribiu sobre
esta faceta de recolledor da literatura popular de tradición oral,
cualificando a obra de "tesouro da literatura popular" (53)
A súa obra poética está recollida no libro Poesías de Don Juan
Antonio Saco y Arce, con poemas en galego e castelán. Os poemas en
galego son todos de tipo relixioso: "A Virxen Santísima",
"A Xesús", "Arrepentimento", ... Entran dentro da
tradición da poesía mística castelá, lembrando a Frei Luís de
León. Tamén contén boas traducción de coñecidas composicións
latinas coma o "Stabat Mater" e "O Sol salutis".
"Os ensaios, felizmente realizados, de poesía mística, dan
singularidade a Saco e Arce dentro da nosa literatura", recoñece
Carballo Calero (54), que valora tamén este traballo como a superación de
prexuízos sobre a incapacidade do galego para as composicións de tipo
relixioso e abstracto, que formulara Emilia Pardo Bazán.
Eis uns versos do seu poema "Arrepentimento":
"Como bon Deus, como lonxe
de ti refulxente lume,
glorias cobicei que en fume
desfacerse cedo vin?
(...)
Ti es, Señor, porto seguro
de saúde e de bonanza,
faro vivo da esperanza
que alumea inmenso mar.
Fai que volva a ti, Señor,
entre as ondas da nau miña,
cal torna leda andoriña
na antiga trabe aniñar (...)"
|
5. Xosé Crecente Vega e outros cregos
poetas
O Seminario de Mondoñedo foi un
verdadeiro berce de escritores, moitos deles curas e outros que
desenrolaron a súa vida por diferentes derroteiros. Por este seminario
pasaron Crecente Vega, Chao Ledo, Castro e Neira, Iglesia Alvariño,
Leiras Pulpeiro, Pastor Díaz, Celestino Cabarcos, Pernas Nieto, Noriega
Varela, Iglesia Alvariño Díaz Castro, e un longo etc. Certamente, non
é o mesmo escribir uns poemas en galego que ser galeguista, pero a
causa de Galicia e do galego débenlle moito a estes curas escritores en
galego, sobre todo cando era en tempos en que "as musas deixaron de
falar en galego en letras de imprensa", como recorda Carballo
Calero, que se gababa dos seus moitos amigos curas, particularmente do
franciscano P. Isorna.
I. Un frade franciscano foi precisamente SAMUEL EIXAN (1876-1945), a
quen, a pesar de ser pouco coñecido, Carballo Calero dedica un
importante espacio na súa Historia da Literatura; ben é certo que
recoñece non ser unha poesía de gran calidade ("Eixán non era un
Verdaguer nin un Cabanillas"). Escribiu numeroso poemas de
inspiración relixiosa. Destaca o libro Froliñas de San Francisco:
romanceiro seráfico-galicián, publicado en 1926.
"Os versos deste autor están
acugulados dunha incurabel melancolía di Carballo Calero. Hai neles
moito pesimismo respeito dos bens do mundo. Esta actitude resólvese en
ascese, e ten como pegada literaria a expresión das coitas da alma
cristiá que loita pola perfección. A poesía mística deste freire
reanuda o fío da de Saco e Arce, e gracias principalmente a Eixán
temos en galego poesía relixiosa" (55)
|
II. XOSÉ CRECENTE VEGA (1896-1948), fixo
os estudios eclesiásticos en Mondoñedo e Lugo, e a Licenciatura en
Filosofía e Letras en Salamanca. Párroco e catedrático de Latín,
morreu en Segovia. É autor dun só pero valioso libro de poemas en
galego, Codeseira (1933). Poemas de temática labrega, "unha
poesía franciscana, como a de Noriega Varela", escribe Carballo
Calero (56). Iglesia Alvariño supervisou o libro. Velaí uns versos
representativos:
"Señor,
polo teu amor ...
Pra o probe que amosa a man
un bocadiño de pan.
Pra o que morre de secura
unha sede de auga pura.
Pra o que aterece de frio
dunha raiola o desfío"... ( "Oración", Codeseira) |
III. XOSÉ MARIA CHAO LEDO (1844-1894),
vilalbés e fillo de labregos, non renegou da lingua dos seus pais e
escribía poemas en galego moitos anos antes (Poesías). Era un
verdadeiro poeta popular "que soubo expresarse nun galego
enxebre" e ó que Carballo Calero louva a súa naturalidade. O seu
biógrafo Lence Santar califícao de "crego sabido, sinxelo,
falangueiro, amigo de dar esmolas e amante, como poucos da terra
galega" (57). Un parente deste crego poeta, o escritor Xosé Chao Rego
(do que era tío-bisavó), no mesmo libro fala da "paixón
telúrica" que manifesta o amor á Terra que tiña o poeta
vilalbés (58).
IV. DANIEL PERNAS NIETO (1884-1946),
crego nacido en Abadín e que tamén estudiou no Seminario de
Mondoñedo. Publicou un libro de poemas galegos, A fala das musas, en
1936, en plena Guerra Civil, "cando as musas galegas deixaron de
falar en galego en letras de imprensa", como recoñece Carballo
Calero (59). O prólogo en castelán é de Cunqueiro.
V. ANTONIO REY SOTO (1879-1966), crego ourensán, Carballo Calero
recoñécelle o ser un dos máis destacados poetas modernistas galegos,
maiormente en castelán, pois a súa producción en galego é escasa,
pero a suficiente como para ocupar un apartado na súa Historia da
Literatura Galega (60). Tamén Castelao, amigo con quen mantivo
correspondencia e a quen casou, recoñeceu a súa significación galega
facéndolle unha famosa caricatura. Filgueira Valverde defíneo coma
"un crego adicado ás letras e á erudición; máis de vida inqueda
e de obra arrebatadora" (61). Ademais de poesía, fixo teatro,
periodismo e mesmo cine. Con outro crego máis coñecido, Basilio
Alvarez crea a revista A Galerna, e ten colaborado tamén en O tío
Marcos da Portela con poemas e cunha proclama galeguista. Ingresou na
Real Academia Galega en 1920.
VI. FAUSTINO REY ROMERO (1921-1971),
crego e poeta galeguista e antifranquista, que naceu en Rianxo e
estudiou en Tui e Salamanca; a súa azarosa visa rematou en Bos Aires.
Foi membro correspondente da Real Academia Galega e un dos fundadores do
Pedrón de Ouro en 1964. "Recalcitrante cos autoritarismos e
condescendente cos fieis, vai gañando fama de cura progresista para uns
e libertario para outros" (62). Versifica en galego e castelán asuntos
da vida cotiá como cantor sinxelo da natureza e das criaturas;
evoluciona cara a reflexións teolóxico-filosóficas cun certo xeito de
existencialismo cristián, froito do seu espírito inquedo.
O seu articulista de Encrucillada chámao "Cura polémico pola súa
vida independente, anque solidaria co pobo, e de ideas progresistas,
tanto no campo da relixión coma da política, dentro dun galeguismo
socio-cultural activo...
Crego-poeta-filósofo-nacionalista-innovador-teólogo-humanitario...".
Entre as súas obras: Florilegio poético (1949), Escolanía de melros
(1959), Poemas de materias sagras (1960),... Na súa obra completa,
editada recentemente, atopamos esta fermosa "Plegaria do
afiador":
"Señor, a ti che pido, pois es o
que gobernas
o mundo, no que ando constantemente soio:
que nunca falten azos para estas miñas pernas,
nen para o meu descanso a palla dun alboio.
Eu vou para nengures e vou a todas partes
(cuitelos e navallas os hai na terra toda!)
só pido que os perigos do meu camiño apartes,
e a paz vaia conmigo detrás da miña roda" (63) |
VII. TEOLINDO CORTIÑA TOURAL
(1884-1972), cura lugués e párroco rural (Penas-Monterroso), publicou
versos anticaciquís nun galego enxebre e popular baixo o título
Caciquismo en solfa (1923), obra que completaría logo con Os caciques e
a "nena" (1966).
Fala tamén Carballo Calero das composicións galegas doutros curas como
Xosé Maria López (1884-1931) Contos de polavila, e Francisco Portel
Pardal (1887-1939) Costumes da terriña, Mariano Piñeiro Groba
(1873-1940) Soaces dun abade, tamén de ton claramente anticaciquil,
Xosé Rubinos (1917-1963), a quen lle dedica varias páxinas ós seus
libros de poemas en galego, etc. Aínda se podería alongar ben máis a
lista, tan só con facer a nómina dos cregos escritores en galego que
recolle Carballo Calero na súa Historia da Literatura Galega.
Finalmente, non se pode esquecer tampouco a Xosé Manuel Cabada Vázquez
(Codeseda, A Estrada 1902-Linares, Jaén 1936), que fixo os estudios
eclesiásticos en Santiago e foi discípulo predilecto do gran pensador
Amor Ruibal. Publicou un fermoso libro de poemas en galego Vagalumes
(1931), recentemente reeditado na súa Estrada natal con prólogo e
notas de Alonso Montero (A Coruña 1989). O seu sobriño Manuel Cabada
Castro, xesuita e filósofo, profesor nas Universidades de Comillas e a
Complutense en Madrid, publicou un documentado artigo : "Xosé
Manuel Cabada Vázquez, poeta, galeguista, educador" (Grial 105,
1990).
6. Angel Amor Ruibal (1869-1930)
Angel Amor Ruibal foi unha das
personalidades intelectuais meirandes da historia galega, na que ocupa
un lugar fundamental no pensamento, aínda que non fora o galeguismo o
que centrou fundamentalmente o seu labor. Foi un "erudito illado en
terra allada", coma o cualificara hai anos Filgueira Valverde;
estudiou en traballou sempre en Compostela, aínda que tivo unha
proxección universal, recoñecida en toda Europa. A fondura da súa
análise e do seu pensamento espallouse na Filosofía e Teoloxía, pero
tamén na Filoloxía e o Dereito. Particularmente, pasou á historia do
pensamento católico a súa aportación nas dúas primeiras disciplinas
enumeradas, sobre todo pola crítica do pensamento escolástico e o
diálogo co pensamento moderno.
O seu pensamento, aberto e liberal, está sobre todo na obra inacabada
Los Problemas Fundamentales de la Filosofía y el Dogma. Esta obra, que
non tivo a difusión que merecía, en parte pola modestia do autor, é
unha aportación moi creativa no mediocre panorama da teoloxía
católica no seu tempo, porque representa un esforzo orixinal de saír
dos camiños trillados da neoescolástica, filosofía oficial da Igrexa:
"No tempo de Amor Ruibal o teólogo
semellaba ser un home encadeado na súa Turris ebúrnea... Non é ese o
caso de A Ruibal, aínda que sexa unha illa no océano da mediocridade,
el ten unha rexa personalidade que lle fai entrar en diálogo frontal
coa problemática relixiosa do seu tempo (64) |
Sempre sentiu un vivo interese pola
realidade galega e polo galego, pero este medrou sobre todo polos anos
20 coa chega das Irmandades da Fala, a revista Nós e o Seminario de
Estudos Galegos. Ademais dalgunhas publicacións coma o artigo "La
lengua gallega y su léxico etimológico" (1925), os materiais para
un Diccionario etimolóxico galego, e o único artigo que publicou en
galego "A extensión", na revista Logos, foi o impulso que lle
deu a esta revista galeguista e cristiá a súa meirande aportación á
conciencia nacional de Galicia. Así o recoñece Filgueira Valverde, un
dos creadores desta revista:
"O Dr. Amor Ruibal deunos azos pra
que publicásemos un boletin de cultura relixiosa e mesmo o
apadriñou...: Coidamos nos decía que esa nova pubricación, galega e
galeguista, terá que encher o espazo valeiro que se atopa nas demáis
pubricacións que na actualidade ven a luz en Galicia... O LOGOS sofría
coa morte de D.Anxel Amor Ruibal unha dura perda. Houbera sido a ponte
entre o pensador e a intelectualidade galega. Porque el pasou pola vida
distante, anque non arredado" (65) |
Aínda que era politicamente conservador,
como era habitual no clero da súa época, non consta que tivera
vencellos co carlismo, e, de todos xeitos, foi moi respectado e estimado
intelectualmente no seu tempo. Formou parte do grupo dos corenta
numerarios fundadores da Real Academia Galega. Sobre o seu aprezo polo
galego escribe Filgueira Valverde na introducción a revista Logos:
"Moitos non sabían a lei que lle
tiña á fala galega, medio íntimo de expresión, coñecido e
amorosamente estudado, defendido nas poucas contribucións
periodísticas". |
Outro tanto recoñecía o seu discípulo
Cabada Vázquez nas "Verbas de loito" con que se abría o
primeiro número da revista:
"Do seu amor e interés por Galicia e polos asuntos da Terra, non
é mester falar, pois é de todos ben coñecido. Non embargantes, os que
tivemo-la dita de vivir cabo del e de escoitalo a cotío en conversas
íntimas e familiares, poidemos decatarnos máis craramente delo...
O rexurdimento da nosa fala nos dixo algunha vegada ten de vir como
efeito obrigado da nosa integración etnolóxica e cultural; porque,
así como non se pode chegar na Península a unha unidad etnográfica,
do mesmo xeito será sempre disparatado e utópico o querer xunguirnos a
tódolos habitantes da Iberia a un soio medio de expresión... O
esperanto chamouno en algunha ocasión o aborto máis grande da
Filoloxía...
Temos de expor tamén en LOGOS o parecer de Amor Ruibal encol da
predicación en galego, cousa á que debe chegarse axiña". |
Do mesmo Amor Ruibal son estas palabras
sobre o galego:
"Si el gallego es lengua que en su aptitud para el lirismo puede
competir con los más armoniosos de Europa, sin exceptuar el griego y el
italiano, es tambien capaz de formas severas de la historia y de los
rasgos majestuosos de la epopeya" (66) |
7. Paulino Pedret Casado e outros curas
de "Logos"
LOGOS foi unha revista relixiosa
integramente en galego, con certo parello coa máis coñecida Nós, coa
que coincidiu no tempo, polos anos 20-30, aínda que a vida da primeira
foi máis curta (1931-36). Mesmo tiveron colaboradores comúns, non só
os máis píos (Risco, Otero Pedrayo e Ramón Cabanillas), senón o
mesmo Castelao.
O seu lema era o mesmo dos Irmandiños: "Deus Fratresque
Gallaeciae" (Deus e os irmáns de Galicia). E xurdirá coma un
esforzo de galeguizar a esmorecente Igrexa Galega, froito dos esforzos
dos leigos agrupados en "Labor Galega", e un grupo de cregos,
frades e seminaristas, apadriñados por Amor Ruibal, como víamos. Entre
os leigos, estaban á cabeza Filgueira Valverde e Iglesias Vilarelle
como fundadores; e na longa lista de colaboradores nomes significativos
como Vicente Risco, Otero Pedrayo, Castelao (que fixo tódolos
gravados), Ferro Couselo e Ramón Cabanillas. No clero regular estaban
á cabeza os mercedarios de Poio con Gumersindo Placer), logo os bieitos
de Samos (Maximino Arias) e os franciscanos de Santiago (A. López).
Polo clero secular destacan Paulino Pedret Casado, Antonio Aller Ulloa e
Avelino Gómez Ledo, Aller Ulloa e o seminarista Xosé Cabada Vázquez.
O obxectivo de Logos é a galeguización da Igrexa, e para iso
propóñense desde o comezo coma un dos obxectivos máis importantes a
predicación en galego, pero tamén o estudio da liturxia, festas e
haxiografía galega. O seu contido ideolóxico pódese concretar nestes
puntos: Loita pola autonomía espiritual e política de Galicia, polo
triunfo da concepción católica do mundo e da sociedade e pola
liberdade da Igrexa.
I. PAULINO PEDRET CASADO (1899-1969) foi
un dos cregos máis activos da revista. Doutor en Dereito e Filosofía,
dominaba varias linguas. Pertenceu ó Seminario de Estudos Galegos e
logo ó Instituto Padre Sarmiento. Foi tamén membro numerario da Real
Academia Galega desde 1941. Deixou unha vasta producción publicada en
revistas e xornais, galegos e extranxeiros. Dos primeiros, destacan os
seus traballos publicados en Logos e en Nós. Na primeira aparece entre
os firmantes dun famoso manifesto: "Afirmación Católica dun Grupo
de Nacionalistas [galegos]". Noutro artigo seu, que apareceu co
título "Pola cultura relixiosa de Galicia", lemos a
admiración polo catolicismo nacionalista dos cataláns e a conseguinte
chamada para os galegos:
"Sempre aboguei por que os galegos
consideremos os exempros que nos amostran os irmáns do laborioso país
do Nordeste... Un amor activo á Patria como o deles, debe ser o motor
principal de tellas abaixo das labouras nosas". |
Esa admiración céntrase particularmente
nun bispo nacionalista, Torras Bages e na súa obra La tradició
catalana. Láiase de que non teñamos en Galicia un bispo coma este,
"cuia soma protectora agarimou hastra o desenrolo subrime de hoxe o
sentimento patriótico e cristián de moitos fillos de Cataluña. Penso
que é ben doroso que nós non teñamos un libro así, no que se falase,
cun pensamento unitario, humán e vivificado polo esprito relixioso da
Tradizón galega". No bispo Lago González ve ese "galego
culto e patriota", pero a súa morte prematura truncou as
posibilidades de levar adiante un labor semellante.
Pedret Casado ten claro que galeguismo e catolicismo non son dúas
cousas contrapostas, senón mesmo necesariamente vencelladas, como
escribiu en A Nosa Terra:
"Por ser nacionalismo integral o noso, debe ser relixioso, e nada
teñen que temer del as dereitas verdadeiramente católicas". |
II. AVELINO GÓMEZ LEDO (1893-1977),
crego que foi alumno e amigo de Amor Ruibal, coma el da Real Academia
Galega, foi ensaísta e traductor de obras clásicas ó galego (fixo
mesmo unha traducción do Novo Testamento desde o texto grego, editada
por Bibliófilos Gallegos), e tamén poeta en galego reseñado por
Carballo Calero (Composteláns, Borreas, Terra nai). Del fala Filgueira
Valverde, con quen tivo moito trato, lembrando a súa obra científica e
literaria; e lembra o seu derradeiro mandado: "Quero que escribades
na miña lousa: morreu galego" (67).
Recentemente A Nosa Terra loaba a súa figura de poeta relixioso e
"o maior traductor ao galego de textos relixiosos", e
denunciaba o esquecemento do centenario do seu nacemento pola Real
Academia Galega, o mesmo cabido compostelán e a cultura galega en
xeral. X.M. Eiré lembra no seu artigo que Gómez Ledo cultivou o
galeguismo de dereitas, tendo unha relevante amizade con Otero Pedrayo,
que queda refrexada na súa correspondencia. Por iso fala da
"tremenda inxusticia social que tantas e tantas veces se comete co
galeguismo de dereitas, simplemente por ser de dereitas. Non lle virá
mal á sociedade galega reflexionar e percatarse de que o galeguismo non
é patrimonio da esquerda" (68)
III. Compre falar tamén do frade
mercedario GUMERSINDO PLACER (1904-1982), investigador de temas galegos
(as romarías galegas, os Cancioneiros, Rosalía,...) e poeta, foi un
dos fundadores da revista, e membro da Real Academia Galega.
IV. Outro crego particularmente
interesante, que tamén ten unha presencia notable nas páxinas de Logos:
RAMÓN MARÍA ALLER ULLOA (1878-1966). Aller Ulloa, ademais de
ser Doutor en Teoloxía, era licenciado en Ciencias Exactas e sentou as
bases da Astronomía Galega; o seu observatorio de Lalín foi o primeiro
que existiu en Galicia, e os seus estudios eran moi respectados polos
científicos europeos. Numerario da Real Academia Galega, ademais
doutras institucións científicas, tivo a singularidade de escribir
parte dos seus artigos de ciencia en galego, lingua practicamente allea
ata daquela no traballo científico. En galego, o mesmo fala da teoría
da relatividade ou de física quántica, coma das estrelas
"cefeidas" (69).
V. Non se pode esquecer, finalmente, ó
crego XESÚS CARRO (1884-1973),"un dos fillos que máis quixeron
honrar a Compostela e que serviron afervoadamente a Galicia no eido das
humanidades", di coa súa proverbial xenerosidade Filgueira
Valverde (70). Investigador no eido da arqueoloxía galega, membro do
Seminario de Estudos galegos e logo do Instituto Padre Sarmiento, e
correspondente da Real Academia Galega. Ten numerosas publicacións (Estudios
jacobeos, A pelerinaxe ao Xacobe de Galicia, ...); é de
destacar o seu traballo en Terra de Melide, ó lado de Cuevillas, Risco,
Otero, etc. E publicou numerosos artigos, ademais dos de Logos, en
Nós,
A Nosa Terra, Arquivos...; cultivando o galego na escrita e na fala,
aínda que non fora a súa materna.
8. Basilio Alvarez, o "abade de
Beiro" (1877-1943)
"¡Sementador! O trigo dos beirais
mostra as espigas mestas e douradas,
e as segadoras fouces, afiadas,
teñen tráxico brillo de puñais.
O teu verbo, estalante nos piñais,
troca, ao chegar ás chouzas das valgadas,
os salaios das gorxas abafadas
en ruxidos guerreiros e triunfais". |
Estes versos de Ramón Cabanillas
dedicados a Basilio Alvarez fálanos do significado que esta gran figura
tivo na sociedade galega do seu tempo, aínda que logo quedara en figura
case esquecida. "Basilio Alvarez recoñece o seu articulista na
Gran Enciclopedia Galega, clérigo de esquerdas, tivo na súa vida toda
a publicidade que agora lle falta. Cantado pola prensa republicana e ata
a socialista". A súa fogosa personalidade mereceu en máis dunha
ocasión o lapis do mesmo Castelao.
Home polémico, as súas verbas e a súa pluma defenderon ós labregos
desde o movemento agrarista, defenderon a Galicia e tamén ós seus
compañeiros cregos e á súa Igrexa, aínda que non calara cando tiña
que criticala, e tivo que sufrir as censuras do seus superiores
eclesiásticos. A súa primeira publicación levaba por título El cura
rural, e era unha defensa desta figura ante críticas republicanas.
Entre o seu Ourense natal, Galicia, Madrid e a emigración transcorreu a
súa azarosa vida, repartida entre o traballo pastoral, o traballo
periodístico e o traballo político. En Madrid dirixe a revista Galicia, é cofundor e director do xornal
El Debate e, cun grupo de
xente inqueda funda tamén o movemento "Acción Gallega".
Poucos anos despois, abandonando un prometedor futuro, deixa a capital e
vense de párroco a Beiro, unha polémica parroquia ourensá, na que
mataran ó anterior párroco.
Xa en Galicia, predica a rebelión dos labregos contra os foros e a
opresión caciquil, protagonizando durante anos un movemento cada vez
máis radicalizado. As ideas das súas campañas agraristas recolleunas
no seu libro Abriendo el surco. Basilio Alvarez chega a converterse nun
verdadeiro modelo de axitador político, e os seus discursos rematan por
valerlle as censuras do seu bispo, que o bota da parroquia de Beiro, coa
conseguinte rebeldía dos fregueses, e logo o progresivo abandono do
traballo como cura do mesmo Basilio Alvarez. Esa radicalización vaino
aproximando paulatinamente a posturas socialistas, recomendando as súas
candidaturas desde a revista La Zarpa, que el fundara en Madrid.
Trasladado de novo a Madrid, non esquece as loitas da súa Terra e segue
a colaborar na campaña agrarista. Aínda que cede no seu fogo
esquerdoso cando sae deputado polas listas do Partido Radical.
Coa Guerra Civil, volve ó seu fogoso labor propagandista, pero xa desde
a emigración, na Arxentina, onde ten que enfrontarse a vellos amigos,
como deixou recollido no seu derradeiro libro España en el crisol, e
vai esmorecendo a súa figura. Pero, a pouco da súa morte, o Centro
Galego de Bos Aires faille unha gran homenaxe póstuma na que Castelao,
amigo e crítico á vez, pronuncia un louvatorio discurso.
Non se trata de acaparar a Basilio Alvarez para o clericalismo, como
denunciaba hai anos Barreiro Fernández, pois certamente non é un cura
típico, senón un home de talante predominantemente político. Pero non
deixa de ser sintomático que abandonara a carreira civil de Madrid para
virse de cura a unha parroquia rural. E sempre se sentiu crego, aínda
que non exercera moito nos últimos tempos. Tampouco se sabe que
renegara da súa fe. ¿Por que negar que no fondo da súa opción había
un posicionamento que nacía desa fe, aínda que recibira as censuras do
seu bispo e dos seus mesmos compañeiros?
Como recoñece Francisco Carballo en Encrucillada
(71), a gran figura como
político, orador e xornalista de Basilio Alvarez, ten moitas sombras
que alumear, sobre todo referente á súa liña ideolóxica, pero estas
non poden ocultar a talla deste home nin "a súa paixón
incontenibel, abraiante, por Galicia". A pesares das súas
contradiccións "soubo selar cun exilio na pobreza e no servicio a
limpeza do seu ideal pola liberdade dos pobos e as xentes".
|