1. Antolín Faraldo (1822-1853)
Risco
chamouno "o primeiro nacionalista", o que resulta, sen
dúbida, excesivo, pois a teoría nacionalista estaba por crear; pero si
foi dos verdadeiros precursores do nacionalismo galego, e nacionalista
nun senso amplo, máis visceral que político. Coma expresión da
"concienciación da personalidade de Galicia dentro das súas
posibilidades históricas concretas di Rodriguez Pampín nun artigo
sobre algúns cristiáns nacionalistas da primeira época, si que
podemos integrar a Faraldo e ós seus compañeiros e continuadores
dentro da militancia nacionalista ...Despois das luzadas individuais dos
ilustrados, foron os primeiros en ter unha conciencia clara da
personalidade galega" (23).
A súa corta vida física, e mesmo a súa mais corta aínda vida
intelectual dedicada a Galicia (1840-1846), non foi obstáculo para que
Murguía o chamara "o primeiro e o mellor" dos periodistas
galegos da primeira época. Aínda que ó seu carón estivera xente tan
valiosa como Vicetto, Neira de Mosquera e Romero Ortiz. Espallou as
súas ideas mozas, que transparentaban unha fonda vocación política
galeguista, desde El Recreo Compostelano, primeiro, e logo desde
El
Idólatra de Galicia onde comezou a colaborar precisamente cun artigo
sobre a relixión e El Porvenir, a gran obra periodística de Antolín
Faraldo. A súa participación na revolución de 1846 e o verbo
incendiado dos seus escritos (Galicia é a "madre patria" e
fala da "nacionalidad gallega"), fixeron del unha figura
mítica, agrandada pola interpretacións de Murguía e Risco.
Pampín apunta xa as curiosas contradiccións que presenta no aspecto
relixioso, cando apela co mesmo fervor a figuras tan diferentes coma
Lamennais e De Bonald, Lacordaire e Chateaubriand; aínda que queda
patente a influencia do xornal progresista francés L'Avenir. Mesmo,
desde El Porvenir chama ó socialista Fourier "Mesías do século
XIX", e defende ás burguesas "damas da caridade"
compostelás chamándolles "tesouros de bondade". Este
socialismo utópico semella quedar claro cando di que o seu século
"mais intelectual e moral, predicou ós homes que Deus quería a
xustiza, que a base da felicidade social é o amor". O
cristianismo, "irmandado coa liberdade" atravesa os artigos de
El Recreo Compostelano (1842). A relixión apoiou moitas veces ó
príncipe, pero outras moitas "botoulle a man ó escravo e
inspiroulle pensamentos revolucionarios":
"La palabra del anunciado por los
profetas resonó fuertemente por el mundo, y la fraternidade cristiana,
base de la sociedad futura, penetró en todos los corazones como
principio eminentemente social y civilizador". |
Respecto de Galicia, afirma Faraldo
repetidamente tal como farán logo os persoeiros da revista Nós que
homes, tradicións e institucións están informados pola relixión
"soberana árbitra dos seus destinos". Por iso, non repara en
dicir:
"La unidad religiosa hará nacer la
gran unidad política que anhelamos, y la fuerza política y moral del
pueblo gallego hallará sólida base en sus instintos y creencias...
Cultivar el sentimiento religioso, engrandecerlo, ilustrarlo y
conducirlo por el camino del progreso es afianzar con solidez uno de los
elementos de granito que han de formar la organización gallega...
Los sentimientos religiosos dilatan el alma, la abren y
engrandecen". |
E anos despois desde
El Porvenir (1845),
escribe cousas coma estas:
"En el Evangelio está escrito todo
el catecismo político con que una generación escogida conquista el
mundo...
La Humanidad, hasta ahora dividida en castas será en el porvenir una
familia que tendrá a Dios por Padre". |
Que non interprete o lector mal avisado
estas verbas coma dun home reaccionario e nacionalcatólico, senón dun
home demócrata e liberal, simpatizante do socialismo utópico, como
víamos antes. "Faraldo fala de principios e non de dogmas
clericalmente impostos e estatalmente pactados", recoñece
acertadamente Pampín.
2. Aurelio Aguirre (1833-1858)
É un poeta inspirado que, aínda que non nos deixou versos en galego,
configurou a inquedanza espiritual dunha xeración nova nos anos
1850-1860, que quixo coller o testemuño de Rosalía e Pondal nas
veladas literarias compostelás do convento de San Agustín. Mesmo
parece ser que os seus Ensayos poéticos influíron directamente na
poetisa galega. Otero Pedrayo chamouno "un Chesterton que non achou
no seu país nin o amparo dunha superior cultura, nin o escenario da
súa dor" (24)
De todos xeitos, non merecería este espacio Aguirre, a non ser polos
seus polémicos versos no famoso "Banquete de Conxo",
celebrado na carballeira do ex mosteiro santiagués o 2 de marzo de
1856, coma un acto de confraternización entre obreiros, estudiantes da
universidade galega e intelectuais, que significaba en palabras de
Barreiro Fernández "o inicio dunha nova xeira do galeguismo,
lamentablemente truncada, de aproximación da intelectualidade
galeguista ó mundo obreiro" (25). Entre os organizadores, ademais de
Aguirre, estaban Pondal, Rosalía, Murguía, Neira de Mosquera e outros,
dos que fala Carballo Calero na súa Historia da Literatura Galega
Contemporánea. No acto, Aurelio Aguirre le unha poesía que, entre
outras cousas, di de Xesús de Nazaret:
"Todos hijos de un padre hemos
nacido
y es mengua el privilegio de la cuna:
honra da la virtud, no el apellido
ni el halago de la próspera fortuna.
Cristo es hijo del pueblo. El ha querido
que la familia humana fuese una
y que solo los justos desiguales
fuesen ante la ley los criminales.
Al nacer de un honrado carpintero,
desnudo en un portal, lección sublime
ofrece de igualdad al mundo entero
Ve que la humanidad esclava gime,
y generoso espira en un madero
por librarla del yugo que la oprime,
¡Y el hombre imbécil, mísero gusano,
se transforma en verdugo de su hermano" (26).
|
Estas sinxelas e ilusionadas verbas, que
hoxe soarían inxenuas e pacatas, causaron unha denuncia do poeta, que o
levou ó pazo episcopal, onda o bispo, quen lle obrigou a rectificar,
expoñendo a paternidade de Xesús mais de acordo co dogma. Aínda que
non é difícil de adiviñar que o problema estaba máis no escándalo
da burguesía polo brindis "igualitario" de Aguirre, e
significaría tamén o intento de imposibilitar unha aproximación entre
a intelectualidade, católica e inicialmente socialista, e o mundo
obreiro.
Logo Aguirre escribiría, confesando a súa fe, unhas verbas que refire
Murguía en Los Precursores:
"Pura religión guardo en mi pecho
del hombre justo que murió en la cruz". |
3. Alfredo Brañas (1859-1900)
"Temos patria, temos lingua, temos
fe ...¡Estamos salvados!".
"Todo, absolutamente todo, mesmo o meu amor propio, sacrificoo en
aras da rexeneración da miña patria, da liberdade de Galicia"
(27). |
Estas verbas son dun home católico e
conservador, pero fondamente galeguista, nun tempo en que os carlistas
levaban a palma no panorama político católico. Non é de estrañar que
Curros lle fixera grandes louvanzas, Vilar Ponte fale del coma o home
"daquel inolvidable apostolado rexionalista que acolleu amorosa e
fraternalmente Cataluña", e Castelao o chame "gran patriota e
home extraordinario". Tampouco o historiador Francisco Carballo non
ten problema e recoñecerlle o seu bo talante galeguista, consciente de
que os seus parámetros históricos non son os nosos;
"rexionalismo-nacionalismo non é o problema de comezos de século
na Galicia", di.
Gran orador e un escritor áxil e prolífico, deixou unha gran
producción periodística e sobre todo a súa gran obra, madura a pesar
de ser obra de mocidade, El regionalismo. Obra recoñecida dentro e fora
de Galicia, particularmente en Cataluña.
Non nos sorprende que Pampín titulara o apartado de Brañas "Un
paradóxico conservador". O mesmo fai exaltados discursos
independentistas, coma o da apertura do curso 1892-93, no que chegou a
invitar ós estudiantes galegos que imitasen ós de Hungría, Polonia e
Irlanda nas súas loitas pola independencia. E solicita para Galicia
poder soberano, poder lexislativo, xudicial e executivo, ademais de
lingua e mesmo moeda propia. Que bota discursos reaccionarios, atacando
todo o que soase a liberal, coma o caso dun soado discurso no Congreso
Católico de Burgos.
Galeguista afervoado e católico conservador, admirador de Santo Tomé
de Aquino, militante da Acción Católica, animador asiduo dos Círculos
Católicos de Obreiros. O seu pensamento social ven marcado polas ideas
do papa León XIII, cuxas encíclicas, sen embargo, foron das máis
progresistas dos papas por esas datas. Apela constantemente ós escritos
deste papa sensible á realidade do proletariado, atacando o
individualismo liberal e o socialismo; apelando a un "socialismo
católico" ou "catolicismo social", segundo recorda Cores
Trasmonte desde a Enciclopedia Gallega. Así, escribe cousas coma estas:
"La negación, la duda y el odio nos
trajeron el individualismo económico, el aislamiento obrero y la destrucción del régimen corporativo; la fe y
el amor han de devolvernos la organización antigua del taller y del
trabajo, el principio de la asociación gremial y la transformación de
la gran industria ... Así lo ha demostrado León XIII en sus
sapientísimas encíclicas" (28)
"El individualismo y el socialismo
son dos extremos igualmente viciosos; el primero todo lo subordina al
interés personal, el segundo todo lo somete al Estado, a la
colectividad. El socialismo católico se halla equidistante de ambos
peligros extremos; el egoismo engendra la explotación del débil por el
fuerte; la omnipotencia del Estado o de la clectividad engendran la
tiranía gubernamental y el despotismo de las masas" (29)
|
"Home combativo por natureza recoñece
Pampin, denunciador de toda inxusticia e máis se levaba o
nome de galega; conseguintemente tamén foi moi combatido". Non é
doado adscribilo a unha corrente política determinada, pois, según
parece, aínda que foi tachado de carlista, Brañas aclarou en máis
dunha ocasión que a súa amistade co líder carlista Vázquez de Mella
e o seu catolicismo obedecían a postulados moi distintos, tal como
recoñece Cores Trasmonte.
Para rematar, é bo traer un texto citado repetidamente. Trátase dun
anaco do seu discurso nos Xogos Florais de Tui:
"Moitas veces dudei da existencia do esprito nacional galego; vin
tal apatía, tal esquecemento, tal abandono nos fillos desta terra
valente e sofrida... sentín tal friaxe e temblor no meu corpo cada vez
que vía unha queixa inxusta, unha palabra ousada, un aldraxe sanguento,
que ó ver resucitar a nosa terra cos seus antigos brios, o seu xenio
reflexivo, constante, enérxico, enmendei o meu xuicio e escorrentei os
meus temores". |
|