Gatos ionquis de Fornells. Teatro insular

 

Primeira parte.

Páxina Seguinte

v2xavierpicallogatosionquis001.html

 

DRAMATIS PERSONAE
AUTOR
ACTRIZ
MARIÑEIRO
SOMBRA AUTOR
SOMBRA ACTRIZ
SOMBRA MARIÑEIRO
A TÁBOA DE MULTIPLICAR






1 x 1= 1

1 x 2 = 2

1 x 3 = 3

1 x 4 = 4

1 x 5 = 5

1 x 6 = 6

1 x 7 = 7

1 x 8 = 8

1 x 9 = 9

1 x 10 = 10






APOUSENTO

Terminal aeroporto Maó.

Actriz- O vó retrásase.
Mariñeiro- Delayed para os amigos.
Actriz- Delayed tí, delayed eu, e o noso amor así será, sempre, sempre igual.
Mariñeiro- Iso depende de tí.
Actriz- Desconcértasme, pero non nego o máxico influxo das túas palabras.
Mariñeiro- Prefiro feitos.
Bícanse.
Actriz- Non hai dúbida que así é.
Mariñeiro- Quen é o teu amigo. Un ex-amigo. Un amigo intermitente?
Actriz- E un autor teatral.
Mariñeiro- Dos de verdade, dos que estrean é todo iso.
Actriz- Estrea é con éxito de público. Dous dos meus traballos máis celebrados son fillos da sua pluma.
Mariñeiro- Unha simbiose musa-creador.
Actriz- Algo hai diso, pero o máis importante é o respecto que nos profesamos.
Mariñeiro- Na cama tamén.
Actriz- Na cama tómase té.
Mariñeiro- Pódese acompañar dun churro.
Actriz- Ou dunha torrada con manteiga.
Mariñeiro- Está a escribir algo para ti?
Actriz- Neste momento está en zona de sombra.
Mariñeiro- E logo?
Actriz- A vida é as suas repetidas mentiras.
Mariñeiro- A vida ten moitas. Cál delas?
Actriz- As ausencias. E o mal de amores.
Mariñeiro- Direitas.
Actriz- As máis direitas.
Mariñeiro- Estao pasando mal.
Actriz- Por iso quero que veña. Qué coñeza a illa.
           Os seus ventos, as súas augas. Que te coñeza a tí
Mariñeiro- Pensas que un mísero mariñeiro vai resultar interesante para un humilde intelectual.
Actriz- Como digas iso na súa presencia podeste dar por segregado. Cré no oficio. No oficio teatral.
Mariñeiro- Non nos levaremos mal eu tamén creo no oficio. No oficio do mar.
Actriz- Xa da positivo o taboleiro. Chega agora.
Mariñeiro- Agardo non defraudarte. Nin defraudalo.
Actriz- Cando o vexas déixate levar pola súa ollada.





SOMBRA AUTOR

un tropeza con canecos onde o viño ultraxa a timidez e verte sinceridade sobre rochas graníticas onde o mar bate a eternidade e un día de tóda-las vidas de tódo-los homes sen distingo de raza, relixión ou sexo.
un por iso viaxa, para esquecer que é diminuto para esquecer que é caduco como un iogurt anónimo dunha anónima neveira
un por iso quere ver mundo, para morrer un pouco
a experiencia é morte que dignifica e macera coellos verdes no seu bandullo convexo.





APOUSENTO

Terminal aeroporto Maó.

Actriz- Qué tal a viaxe?
Autor- Digna de Iberia.
Mostra unha bolsa preñada de mareo.
Actriz- Vaiche gustar a illa. Hai vacas holandesa e rubia galega, é como estar na terra.
Autor- A golpe de muxido atlántico, muuu saudos receptores mediterráneos. Entrégome o mediterráneo, xa sabes que son un home fácil. Cómo estás?
Actriz- Relaxada, descansando da locura urbán. Do bruído e o smog.
Autor- Sempre fuches de oído tíseco e pituitaria exquisita.
Actriz- Selectivo, oído selectivo a pituitaria virxe.
Autor- Algunha selección particular de algún paiés en especial?
Actriz- Primeiro o que é primeiro. Desprega mapa.
           Fornells: pobo mariñeiro ó este da illa, base de operacións das nosas excursións e descubrimentos neste edén de descanso e fruitopía. Palabra de semideusa cárnica.
Actriz- Semideusas no olimpo da chancleta e a viagra.
Actriz- Xa me contarás despois duns días de enerxía renovadora.
Autor- O único paquete que renovo é o de correos. Penso seriamente na oportunidade de facerme tampón.
Actriz- Iremos en coche. No meu coche.
Autor- Trouxéchelo?.
Actriz- Como semideusa divina que són.
Autor-Actriz- Semideusas dunha soa peza.





2 x 1 = 2

2 x 2 = 4

2 X 3 = 6

2 x 4 = 8

2 x 5 = 10

2 x 6 = 12

2 x 7 = 14

2 x 8 = 16

2 x 9 = 18

2 x 10 = 20






APOUSENTO

Parking do aeroporto. Coche.

Actriz- Un amigo, o autor do que che falaba.
           Un amigo, o paiés do que non che falei.
Autor- Agora entendo o por qué. Pero sempre hai tempo para as matizacións.
Mariñeiro- Son mariñeiro, máis que paiés. Aínda que disfruto moito na horta.
Dálle un bico.
Autor- Cun recibimento así remata o inverno.
Actriz- En Galiza as primaveras son tímidas.
Autor- Este ano esqueceu a súa obriga. Decidíu emigrar, supoño.
Mariñeiro- Por aquí xuño é un dos meses máis agradables xunto a setembro. Espero que che agrade a estadía entre nós.
Autor- Comezo a sentir unha brisa esperanzadora.
Mariñeiro- Alédame que non che moleste o aire, pois a illa é ventada.
Actriz- Chegaremos deseguida. A illa tén dun extremo a outro corenta e cinco Kilómetros, os que separan Maó de Ciutadella. Xa vés, no paraíso non hai distancias.
Mariñeiro- Que vaia él diante, terá unha mellor visión.





SOMBRA AUTOR

abofé o tempo medra nas unllas que deixo medrar para rabuñar a pel branca do teu escuro corazón.
non queda rancor nin guindas de malafé no meu corpo.
a noite da que comezo a sair non indaga no meu D.N.I. de fracasos pasados, non pide responsabilidades de actos futuros e permíteme despreguizar tódalas tebras de araña que edificaches en torno o meu desexo.
hai moito, amor, que non te amo, pero hai nada que o teu corpo e a súa ximnasia sexual non valen máis cá un bolinche de residuo orgánico das miñas fosas nasais.
agora a fosa na que te deposito é infíndamente máis cruel que o doce olvido, pois non volverás deter a túa boca nos meus secretos.
o meu cuspe non sandará as túas feridas.
sanda, sanda, cú de rá
senón sandas hoxe
sandarás, igual, mañá.





ESPACIO

Camí d´en Kane. Interior coche.

Actriz- Damos un pouco máis de volta, pero insistíu en traerche por este camiño.
Mariñeiro- Chámase Camí d´en Kane, é a primeira estrada da illa. Foi mandada construir por un oficial inglés chamado Kane, no século dezaoito, cando o dominio de Albión.
Actriz- Ten un barco.
Autor- Un barco de verdade, deses que se sosteñan sobre á auga?
Mariñeiro- Un veleiro.
Autor- Un veleiro nada menos. Son palabras maiores.
Mariñeiro- Gusto da artesanía marítima. Cando queiras podemos compartí-las augas.
Autor- Es un lobo mariño ó gusto literario de Stevenson, ou a teatralidade salgada de Salgari?
Mariñeiro- Un supervivinte dos oceános, liña London.
Autor- E o caribe transformase en mediterráneo.
Mariñeiro- Tódalas augas son a mesma. Tódos somos fillos de afogados.
                 Navigare necesse est. Vivire non necesse est
Actriz- Deberas navegar canda él. E unha experiencia única.
Autor- Nin ebrio de cazalla, maréome nas voadoras das verbenas e ó mirar a agulla do segundeiro. E tí como fixeches? Non es precísamente unha experimentada serea.
Actriz- Vou progresando, a viaxe de ida estiven potando durante todo o camiño, iso sí, paraxes sen par e calas secretas maravillosas.
Mariñeiro- O único que lle recomendei foi que potara a sotavento para non mancharse, como cando cuspes, nunca en contra de vento. A volta mellorou a cousa.
Actriz- De tódolos xeitos non me importou, eu potaba, limpaba o bico e danzaba unha música brasileira que aquí o patrón tivo a ben por para relaxarme. Potar, limpar e bailar.
Autor- Potando a sotavento. Hit parade do verán.
Autor-Actriz- Potando a sotavento vou, potando a sotavento estou.





3 x 1 = 3

3 x 2 = 6

3 x 3 = 9

3 x 4 = 12

3 x 5 = 15

3 x 6 = 18

3 x 7 = 21

3 x 8 = 24

3 x 9 = 27

3 x 10 = 30






SOMBRA ACTRIZ

non teño de todo crara a diferencia entre querer, amar e foder
un quere pero non ama, ou non ten por qué
un ama pero non quere. non, se ama: quere, e senón que lle pidan responsabiliadades a O.C.U.
un fode pero non precisa querer.
un fode pero non precisa amar.
ou sí?
un fode querendo ou fode sen querer?
un ama sen foder ou fode amando.
querencia é definición
foder, qué complicada é a cadencia sentimental da língua
nen como, nen deixo comer
nen como, nen deixo comer
espero que o reló biolóxico non se poña en funcionamento e teña que preguntar se él será o pai dos meus fillos.
será ou non será
será ou non será
que lle den bertorella ó trabalínguas da margarida





ESPACIO

Fornells

Autor- Así que un patrón de barco nas illas do mediterráneo.
Actriz- Gánase ben o pan. Traballa no verán para poder despois cruzar a Atlántico no seu veleiro.
Autor- E iso?
Actriz- Vai despedir o século no caribe.
Autor- Por aquilo de ser fan de London.
Actriz- Non, unha oferta imposible de rechazar para viaxeiros de alto berce.
Autor- E lévaos no seu veleiro.
Actriz- Non, cruza o atlántico só e recólleos no golfo de México.
Autor- Cánto lle leva a travesía?
Actriz- De dous a dous meses e medio, se todo vai ben.
Autor- Se non vai, xa non terá preocupación co almanaque. Qué tal o reló biolóxico?
Actriz- En hora.
Autor- Sen sufrir trastornos estivais?
Actriz- Toco madeira. Aínda que ... gústame moito.
Autor- Díxolle a tona ó flan.
Actriz- A tí tamén?
Autor- A mín tamén.
Actriz- De verdade?
Autor- De verdade.
Actriz- E que é tan cousiña.





4 x 1 = 4

4 x 2 = 8

4 x 3 = 12

4 x 4 = 16

4 x 5 = 20

4 x 6 = 24

4 x 7 = 28

4 x 8 = 32

4 x 9 = 36

4 x 10 = 40






APOUSENTO

Terraza casa. Fornells. Mañá.

Actriz- Zume de laranxa ou zume de laranxa?.
Autor- Zume de laranxa abondará, gracias.
Actriz- Qué ben, os dous nesta terraza con este mistral despreguizándose.
Autor- Eu diría máis ben un vento furacundo que fire a conciencia.
Actriz- Es esaxerado ata para os momentos de lecer.
Autor- Lixeiramente opaco neste mediterráneo de craroluz.
Actriz- As calas de augas transparentes contaxiaranche os seus beneficios.
Autor- Non as compartiremos con medusas.
Actriz- Un cimbrazo delas sacudiríache esa infertilidade atlántida.
Autor- E o madrugar que me seca.
Actriz- Pero se madrugar aquí é unha esponxa. Ve-lo pobo branco cos seus gatos escuros en durmevea peremne. Respirar e sentir que hoxe, coma onte e mañá, o tempo repítese orgánicamente sen asperezas coma a auga que baña o litoral. Demos unha volta polo peirao.





SOMBRA AUTOR

pelexo morto non fecunda cancro de pel
tropecentos morcegos
escollen poses vogue
na faranduputa cuché
un emite vermellos salaios
de tíseco giacometti.
veleiros brancos de panos brancos fomentan bágoas brancas nunha vella peli en branco e negro.
mil homes agardan escollidos entre o ventre de mil mulleres
as mulleres non queren ter fillos porque saben que morrerán en cada exaculación. As corridas non son boas conselleiras para a lonxevidade dos mástiles varoniles.
noutro tempo enhiestos surtidores
tantra académico que porto na mada
e eu viaxo con este leve frío.





ESPACIO

Malecón Fornells.

Autor- Este pobo ten algo de cinema ó nouvelle vague onde un home é unha muller loitan por amarse entre dúbidas existencias encol a necesidade ou non de protección ó molusco de élite.
Actriz- Ela fala das frores que circundan o lugar como metáfora do seu chocho en flor.
Autor- El olla con envexa os paos dos veleiros que descansan ó abrigo da bahía.
Actriz- Ela ofrécelle a súa man, con luva, aberta.
Autor- El mancha os pantalóns grises con disimulo.
Actriz- Ela sospeita que nalgún momento da conversa puido quedar en cinta, porque pensar en quedar preñada produciríalle gómitos. Pero non lle importa porque o ama, ou cré amalo. E o amor é un acto de fé. E a fé é o primeiro.
Autor- Despois da contacorrente que sabe que él ten. Non por nada é o fillo do alcalde. Aínda que ocasionalmente traballe na cinta transportadora que contabiliza os saquetos do extraperlo co que o seu proxenitor trafica.
Actriz- Ela pola súa banda, lembra os bós consellos do seu proprio pai mesmamente:
           -Puta, non te deites con ninguén sen cobrar antes¡
Autor- Detense o plano, óllanse desleigadamente. Dínse.
Autor- Actriz- Que o mediterráneo che dea paz.
Autor- E fúndense os fusibles da barraca onde se proxectaba o filme.
           Como a eses gatos.
Actriz- Eses son os gatos dos que che falaba, os gatos ionquis, medio durmidos, medio espertos.
Autor- Hai moitos. Qué agardan?.
Actriz- Os estibadores ceibanlles algún peixe cando descargan os barcos.
Autor- Nin se inmutan, non teñen medo.
Actriz- A xente respectaos. Eles son os donos do peirao. Dán cor e elegancio ó porto. Hai algún que fai incursións nas barcazas.
Autor- E cándo peta o sol que fán?.
Actriz- Son gatos ionquis, durmitan cando hai luz. Nas horas máis duras gárdanse entre as penas do muro de contención.
Autor- Toda unha filosofía de vida.
Actriz- Teñen un traballo terrible ó tentar manter os ollos abertos, pero resígnanse ó seu sino.
Autor- Haberá algún gato pirata.
Actriz- Velaí tés un cun ollo parchado e unha muleta.
Autor- Non o vexo pero escóitoo cantar.
           Miau, miau, miau a botella do miau.
Actriz- Tiña tantas gañas de que estiveras aquí, tí, eu.
Autor- Os gatos ionquis de Fornells e o simbad de marras.





SOMBRA DE MARIÑEIRO

eu non son de aquí. non son nativo. unha vez vín para celebrar o trunfo dunhas oposicións e xa non marchei, renunciei a un posto estable na burocracia estatal e fíxenme mariñeiro. antes fun representante de abarcas na península. pero non podía deixar a mar. merquei un veleiro e comecei a atar cabos nos norais do destino. trenzei os ventos e as augas dos oceános e a pel foise curtindo pola sal e o sol. Non fun sempre o que son pero son o que sempre quixen ser.





5 x 1 = 5

5 x 2 = 10

5 x 3 = 15

5 x 4 = 20

5 x 5 = 25

5 x 6 = 30

5 x 7 = 35

5 x 8 = 40

5 x 9 = 45

5 x 10 = 50






SOMBRA DA ACTRIZ

de pequena non me quería, demasiado observadora para unha cativa, cravando os ollos en todo o que me chamaba a atención ata doérenme as meniñas.
-aboa, quén fixo esta carniña que me envolve?
-inconscientemente ó primeiro e conscientemente despois decidín inventarme a mín mesma.

o presente é resultado de anos de traballo e vidas en paralelo. alonxarme da monotonía dunha soa vida fíxome medrar e respectar as diferencias.

das mazás da profesión

tocáronme das aprodecidas e das sans, na actualidade vivo unha de tona tersa e dun verdor iridiscente, parella destas augas menoquinas que mimo recollendo coas mans e depositándoa no meu corazón para que alumee a estancia.





APOUSENTO

Alquería

Mariñeiro- Segues a cravar os ollos na noite.
Actriz- Tan só na parte dela que me interesa.
Mariñeiro- Interésame a auga mel dos teus ollos.
Actriz- Interésame o azul vivo que bate nos teus con profunda dozura.
Mariñeiro- Teño un cactus que hei de plantar ó anoitecer, queres facé-lo conmigo?.
Actriz- Pensei que non mo ías pedir. Plantar cactus contigo ó caer a noite é a perfección dunha noite de verán menorquín.




 

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega