Informe da gavilla

 

"Cando o pardal inza o ar de rechouchíos".

Páxina Seguinte

v2vitorvaqueiroinformedagavilla001.html

Cando o pardal inza o ar de rechouchíos
nas Rías baixas,
o lobo ouvea arreo nos Ancares.
Nos Ancares o lobo ouvea arreo.

Cando na estreita, vertebrada e viva
Serra da Groba
as eguas paren fillos
entre o eixo da morte e da friaxe,
as pucharcas das brañas do Budiño
artellan vagariñas
o seu vieiro irremediábel cara gándaras.
Artellan no Budiño o seu vieiro.

Cando no val de Laza o peliqueiro desce
dacabalo dos séculos e a neve,
a bolboreta abana as súas asas
entre choca e facianas engurradas.
A bolboreta morre aos poucos días;
galopa o peliqueiro decote
no val de Laza.

Cando o lóstrego ecoa
-como un pistoletazo
no cerne dun leito marital e fondo-
arrincándolle a casca aos castiñeiros,
óllanse ao lonxe
figuras de espantallos que se moven,
que se achegan envoltas no silencio.
Figuras de espantallos e silencios.

Cando na cruz de Pedra do Home Santo
as badaladas soan e resoan
traballando na pedra,
petruciais, como canteiros vellos,
unhas figuras interminábeis foxen
das pistolas, das mortes e das vidas.
Interminábeis figuras como o vento.

Figuras-espantallo d'O Cazurro,
figuras de fuxida Pepa a Loba,
figuras abanando como vimbios
verdecentes. Xan Quinto, Casanova.

 

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega