v2vitorvaqueiroinformedagavilla005.html
Se o teu corpo fose como un vento
de travesía
ou como a xistra
no cumio
do monte que desneva
ou sinxelamente
como un sismo perdido entre petoutos
poderíao eu encarar
collería o meu vello abrigo
(mellor diría
o meu único vello e corrompido abrigo)
e faría con el
un abeiro inesgotábel
entre a arxila e a noite
se o teu corpo
(poñámolo por caso)
fora como a maré
que bocexa
no ponto equidistante
das nubes e o degoiro
eu
(malia ser tan cativo)
poderíame defender
do ataque
agachado
entre
dúas
raiolas
e
un salaio
se o teu corpo
(un
supor
xa
sei que non se pode
retorcerlle
o pescozo
á
Natureza)
fora
tan
arroutado
toleirón
inexplicábel
cego
túzaro
como unha labazada
nas
meixelas dun neno
como unha labarada
nas
guedellas dun vello
quizais eu podería
crebar
esnaquizar
esgazar
rachar
escachar
roubar
violar
matar
e emporiso
xulgar o meu feito
lene
perfecto
humano
positivo
baril
definitivo
mesmo
no devalar
das voces e das horas
mais iso
muller
que enxergo
no
neboeiro
de
autobuses
de
latas de sardiña enferruxadas
de
casoupas de plásticos
de
chancos proletarios
e
de
amósegas eternas nos cotenos
muller
xamais recoñecida
inda
que amada
non é o teu corpo