Lideiras entre a paisaxe

Páxina Anterior

O Vello.

Páxina Seguinte

v2vitorvaqueirolideiras002.html
Sabe que envelleceu moito
CAVAFIS



Diante da miña casa de arrabalde
pasease a cotío
un vello, un home vello
de guedellas de liño,
de caxata apreixada entre os dedos, os mesmos
que nun lonxano día pescudaran
o corpo da muller que quizais hoxe
ten guedellas de liño
(e abofé que se amaban).

Mais agora non fala do amor enferruxado:
di que é Buffalo Bill,
fala dos sioux, apaches e semínolas,
das danzas bravas, arredor da fogueira,
de máxicos feitizos, ao luar,
dunha batalla, un corpo espido e sanguiñento.

E teima arreo, erguendo a súa caxata,
que alí onde haxa un Custer raposeiro
xurdirá decontado un Sitting Bull;
alí onde haxa un Custer
(berra mentres se perde polas rúas:
caxata ergueita,
centos de ollos espetados na caluga)
xurdirá decontado un Sitting Bull,
xurdirá un Sitting Bull ...

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega