Lideiras entre a paisaxe

Páxina Anterior

"Imaxinade un fato..."

 

v2vitorvaqueirolideiras004.html
Ouh, Galicia, filla de pobos que te habitaron como patria i en ti grabaron
a historia nacional,...
A. PEXEGUEIRO


1

Imaxinade un fato de pequenas casoupas de pedra.
           Imaxinade, mellor, unhas pedras amoreadas, ás que a ventura
           converteu en casoupas fachendosas
           ciscadas
           na aba do monte,
           coa carriza e a friaxe
           inzando o valo, a porta e as paredes das casoupas de pedra.

Imaxinade un abrente
           co sol agarimando orballos e latexos
           e a primeira raiola espetada unha milésima de tempo
           (tremendo como un vimbio aconicado;
           igual que un rufo birimbau brandindo)
           no eixo dunha landra.

Imaxinade os dondos maídos aboiando como cortizas
           entre o balbordo da forxa
           e o bocexo duns dentes de esgarro e de sarrapio.

Imaxinade unhas orellas das que penduran escintilantes fíos de prata,
           uns brazos queimados polo sol e os amores,
           uns peitos adobiados de alfaias perfectísimas,
           unhas crechas, prendidas entre o sono e o leito,
           abanando aos compasos de pentes de ouro e neve.

Imaxinade, en silencio, un pobo que se ergue no mencer da súa vida,
           un pobo que aínda tenta o despreguizamento
           un pobo que tatexa no luns da súa historia.

Maxinade, e mais nada, un pobo que camiña.


2

Pensade no estronicio de mazos esmagando

Pensade en tempas rente dos tornecelos,
           en milleiros de homes, de mulleres,
           tentando de anoaren a súa vida
           (a súa única vida: non hai outra)
           como se anoa un feixe de centeo.

Pensade no día no que a traizón se vestiu de bolboreta
           ou de vacaloura,
           ou de toxo bravo,
           ou de penedo esgrevio presidindo a cena,
           ou de andazo, de púrpura, de azougue
           ou de tristeiro boi capado, de códega muller,
           ou de espantallo.
           Ou, sinxelamente, de morte.


3

Vinde ver os eidos onde aínda fica un cheiro
           impenetrábel, como de madeira,
           das peles que o lume non deu queimadas,
           dos ósos que foron protexidos polas peles
           e que penduran como aforcados
           nas pólas do loureiro ou da sobreira.

Vinde ver as fazulas
           dun xeneral romano alporizado
           coa man na mangueira da gadaña-espada
           -a súa ferramenta de traballo-
           como un delongamento do seu corpo.

Vinde ver os xaropes acedos das herbas pezoñentas.

Vinde ver:
           cuncas,
           xerras,
           cabazos,
           canadas,
           baldes,
           sellas,
                   ateigadas de morte,
e coas que mans ergueitas, cara o alén e o ceo,
brindaron ledas polo seu vindeiro.
Polo vindeiro que esmorecía
cando a traizón se vestiu
           de púrpura,
           de andazo,
           de espantallo.

Vinde ver a derradeira labarada, como unha testemuña,
           lambendo vagariña os seixos, as arxilas,
           purificando a terra, quentando os poucos froitos
           que aínda fican nun vello castiñeiro,
           que aínda fica en pe nunha vagoada,
           que aínda posúe unhas pequenas herbas.

Vinde se tendes folgos,
vinde, se inda podedes
           manter o peso das pálpebras cangadas,
           erguer a man para afastar unha arañeira do medio do camiño,
           beber un pouco de auga nun regueiro, na palma dunha man engruñada

Vinde ver o Medulio, nesta noite.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega