Memorias dun esquelete de aldea

 

Capítulos nº 1-4

Páxina Seguinte

v1xlripaldamemorias001.html

Lector amigo:


Esta é a historia dun dos moitos adros espallados pola nosa terra . Neles formábanse parladoiros onde se disfrutaba da alegre conversa , non só dos vivos , senón tamén dos que estaban soterrados neles .
     Os adros eran como o corazón palpitante da vida da aldea , que nos ía amosando os acontecementos máis importantes ó ir dos anos . ¿ E que mellor que un esquelete para que nos conte todas estas novas ... !

                              Nestas páxinas veredes como me acheguei a elas.


I

Un dos dos nosos máis grandes escritores foi quen , con moita sensibilidade , o primeiro que deu a coñecer as memorias dun esquelete. Segundo nos conta , mercárallas a un enterrador dun cemiterio de cidade xuntamente cun ollo de vidro ...Non obstante el atoparía máis interesantes as memorias que contase un esquelete de aldea. Por iso o esquelete soterrado nun camposanto de cidade laiábase dicindo: " Con que ledicia escoitaría nas mañás do domingo as conversas dos fregueses no adro " Así foi como o escritor achegouse a unha de tantas aldeas da nosa terra onde quedaba enterrado un dos seus compañeiros de estudios na querida Compostela .
     Segundo nos conta despois de pasar non pouco medo ergueu a lousa que cubría a súa tumba e díxolle:
     -Querido Pedro , velaí che deixo un ollo de vidro par que poidas ver , e papel para escribir .Nuns meses voltarei por acó a recoller canto teñas escrito e si é digno de interés eu asegúrocho que será publicado. E poderás comparar e ver como non é o mesmo ser soterrado no adro dunha igrexa que no cimeterio de cidade.
     O escritor creo que debeu decátarse que neste tempo o seu amigo pouco podería contar , pois tampouco había moito que enxeitara o mundo dos vivos . E seguramente decidiu deixar pasar máis tempo antes de ir recoller as memorias.
     Logo circunstancias da vida fixeron que non piudese voltar por aló ; tarefa da que eu me fago cargo, espero que non sexa demasiado tarde.
     Só tiña como señas : Un estudiante chamado Pedro soterrado no adro dunha igrexa. Así que con elas saín na súa procura .
     Comecei o percorrido polos adros da nosa terra endaxamais pensei en atopalos tan bélidos : Nuns medraban flores idramas , noutros as lousa que tapaban os cavorcos estaban salferidas entre un panasco de herba , en fin , noutros a carón domar , os vagallóns chegaban os seu muros deixando esbarar a xerfa ata os seus alicerces . Mais a tumba de Pedro non aparecía por ningures . Si por un lado esto era unha contrariedade . por outro facía que fose coñecendo xentes e lugares do máis reloucante.
     Eu sempre gardábame ben de dicir cal era o motivo polo que buscaba a tumba de Pedro , xa que máis de un dubidaría da miña cordura.
     Logo dun tempo de pescuda dei cun adro que estaba perto dun grande horto cheo dunha variedade de árbores frutais e albarizas e mesmo cun pequeno lovio pegado a rectoral que daba boa sombra a que sen dúbida , agradeceríase nesas tardes de forte ardentía . Ollapando todo aquel contorno decateime que o abade daquela freguesía tiña que ser un deses que aman a Natureza...
     Unha vez que me adentrei no adro comecei a miña esculca das tumbas ,algunhas . tiñan os nomes xa tan borrados que nin poñéndome de querquenas podía leelos.
     Xa levaba un bon anaco a ollar sen ningún resultado cando ó erguer a cabeza vin ó crego que me facía acenos desde a fiestra da rectoral e que me invitaba a subir .
     En chegando ó patín xa estaba a agardarme o abade . Entón conteille o motivo polo que me atopaba alí . Logo invitoume a pasar a unha sala con moito vagantío onde unha variada cantidade de libros estaban moi ben colocados en andeles que tiven a sorte de esfollar mentras el ía polo libro de defuncións , pois eras a maneira segura de saber si estraba Pedro .Malia non atopou a ningún con ese nome nas datas de defunción que eu lle dera o que para min foi un novo catano . Malia o crego sorprendeume con estas palabras .
     -A tumba de Pedro atoparala aló onde as folerpas de neve cubren os cumios dos oroles , aló onde a terra fende polo arreto do carazo que se forman nas noites de xiada , aló onde os castiñeiros sobrancean sobre os adros . Si, nesas terras agarimosas do interior está a tumba de Pedro agardándote coas súas memorias.
     Esto foi o que dixo o crego ó decatarse das miñas asuras .Eu estaba abraíado polo que viña de dicirme , o que fixo que non fose posible artellar palabra algunha ó despedirme. O meu abraio aumentou aínda máis cando a saída vin un home cepando as árbores que me dixo:
     -¡Que dando unha voltiña por acó ! Desde logo xa non son moitos os que veñen visitar o horto e maila biblioteca de Don Arxemiro , Deus o teña na gloria...
     -¿ Non vive ningún abade nesta rectoral? -pregunteille.
     -Non ho -respondeume -agora hai poucos e os que hai teñen que atender a varias freguesías .
     -¿ E canto haberá que morreu Don .Arximiro?
     -Pois trinta anos ben feitos...
     Agora decátabame do proceder do abade conmigo .¡ Estivera a falar co seu espirito!

     Despois daquela visita e segundo o que dixera o abade dirixinme as terras do interior onde ,efectivamente, atopei a tumba de Pedro . Estaba nun adro ó redor dunha igrexa cun pórtigo románico de grande e sinxela beleza . Achegueime a el desde a estrada principal por unha pequena corredoira que atravesaba un souto de castiñeiros que tamén rodeaban a igrexa en grande parte. Esto facía que as polas máis longas sobranceasen por enriba do adro tal como dixera Don Arximiro.
     Case que non se podía ler nin o nome nin a data do seu pasamento , borrados polos anos...
     Segundo puidera decatarme , na aldea non vivía moita xente , cousa que lle vai sucedendo a case todas . E a pouca que había estaba polas leiras a facer as labouras , pero aínda así tiña medo de que algúen me vise erguer a lousa onde descansaba Pedro xa que lles daría un bon disgusto a máis de que , o mellor , podía non sair con ben polo grande respeto que teñen nas aldeas ós mortos . Agardei a que fose de noite e se alguén , mentras me ollaba no adro non lle daría importancia , pois estaban afeitos a que moita xente lle fixese visitas por mor do pórtico da igrexa.
     Como era verán sentei nun dos bancos de pedra que había desde onde se recibía a brisa do arrecendo da herba segada e que, espallada polos prados íase secando pouco a pouco.Era unha sensación tan deliciosa que podería continuar así toda a noite, pero tiña que levar a cabo o traballo polo que me achegara aló.
     Si o escritor pasara medo ó remover a pedra para deixar o ollo , papal e lápis ó seu amigo , teño que dicir que eu non pasei menos .Quedei abraíado pois na tumba xa non había nada .Nin trazas do esquelete de Pedro .O cabo , axudado por un foco puiden ver como nun recanto estaban os papaeis e mailo ollo de vidro . No medio da tumba achabase unha morea de po que correspondía ós osos do estudiante . Logo de recoller os tan buscados papeis volvín a tapar a tumba e fun a sentar no banco debaixo da luz que alumaba ó pórtico.
     De seguido , aínda un pouco asorado , comecei a ollar os papeis e a ler o que debían ser as memorias dun esquelete de aldea.


II

Xa debedes de saber polo meu grande amigo o escritor cal é o meu nome e de que morrín. Por certo que sentín moito non lle poder falar o día que viu traerme estes papeis, o lápis e mailo maravilloso ollo de vidro , máis teño que dicir que na noite anterior os esqueletes estivemos de loufa no adro por celebrar a festa de San Osorio . o noso patrón e cando veu a verme o meu amigo xa estaba un pouco adurmiñado.
     Pois veredes , dos primeiros días da miña vida no cimenterio non vos podo contar nada . Como supoñedes eses anos pasámolos apodrecendo , uns tardan máis e outros menos , iso depende de moitas cousas que non son de explicar agora . Despois desta temporada xa podemos fachendear coa nosa osamenta branca. ¿ Que felicidade co ollo de de vidro que me deixara o meu amigo ! Case que podía ver mellor que cos que cando estaba vivo. O que non é de estrañar debido a que a miña vista non foi nunca que digamos unha grande cousa. Ter o ollo foi unha boa axuda para poder escribir estas memorias .
     O estar soterrado no adro dunha igrexa ten as súas ventaxas , pois é como o lugar onde se fala dos acontecementos que van sucedendo ó ir do ano , semella que estás no parlamento dos gobernos , no foro das cidades romanas ou mesmo na praza maior das vilas .Aló é onde o alcalde pedáneo guinda os seus bandos . Como aquel que fixo prohibindo que os cans andivesen ceibes, polo que un do lugar non conforme co mesmo dixo:
     -Moito baduar , moita demostración de autoridade , e logo resulta que o único can da aldea que sempre anda ciscado é o teu
Ágora que sempre hai quen apoia tódolos ataques que lle fan ó alcalde pedaneo , como o Xornas , que nesta ocasión engadiu :
     -Ben falado .
     Ademais cando dixo esto bateu con forza unha pedra contra a lousa que cubre a tumba do Roquiño que estivo a piques de rachala e sentiu medo , non por nada, senón porque é o lugar do que gosta para sentar .
     Teño escoitado conversas e conversas , hainas moi chuscas e que teñen a súa miga , conmo aquela na que estaban a falar dos picapleitos . Un deles era o Requixo , home que sempre tivo moita gracia e que dicía:
     -¡ Non sabedes o que lle pasou a Pepe do Souto cun diaño de picapleitos ! Como para desfacerlle os nefres , aínda que el moi pousado , arredouse do seu despacho sen lle facer caso.
     -A ver ho , explica dunha vez o que pasou , que con tanto ir e vir non das contado o choio - díxolle o Xornas.
     -Pois veredes ,ó parecer o tal Pepe do Souto , segundo as súas escrituras , tiña catro metros de posesión diante da porta que fixera nun pendello.
     -Entón veo o veciño que tiña a leira ó pe seu e dixo que os metros eran del -adiantou a falar o Xornas .
     -Pois si , o veciño non tardou en denuncialo , cousa que non tivo efecto ningún xa que Pepe do Souto tiña as escrituras onde se aclara tal posesión
     - E para eso tanto baduar - di un pouco encabuxado o Xornas - Cousas así suceden a cotío.
     -E certo que, por desgracia , andar en dengues non é novidade na nosa terra , mais o caso foi que o veciño que protestaba seguiu adiante e nomeou un picapleitos . O Pepe do Souto foi axiña citado por el . Quen acudiu aló bastante amolado e díxolles : " nn sei o que anda a enxamear vostede , pois eiquí ten a escritura onde se amosa claramente o direito que teño ós metros de posesión ." O picapleitos moi serio , respóndeulle : " Xa vexo , xa vexo , pero na escritura non di nada de que se poida entrar ou sair pola porta"
     Unha grande gargallada xeral escoitouse como remate da historia. Hai cousas que aínda que pasan de verdade cóstalle a un moito crer que ocurran , e como dixo logo o Xornas , estes picapleitos son o perello.
     Aínda que todas estas conversas enchen o adro de ledicia perante todo o ano , teño que dicir que o día de máis animación e o da festa do patrón San Roque . Entón o adro animase pois a banda de música non para de tocar .Mesmo veñen xentes de outros lugares para acompañar a procesión de San Roque , arredor do adro .E nestas datas cando o Roquiño do que vos falaba denantes ponse moi desabeso e non fai máis que dar choutos na súa tumba . Eu ,as veces , teño medo que se escachice a osamenta contra as paredes .Dicíame o Roquiño o outro día:
     -Cada ano que pasa vai sendo máis dificil seguir a ser o que máis puxaba polas andas dianteiras do santo.
     A dicir verdade o Roquiño , en vida , sempre foran quen chegara a cantidade máis alta.
     Por eso sempre repetía aquel dito coñecido" quen pode puxa e quen non tarruxa" .
     Agora non lle gostaría que ningúen lle quitase o posto e láiase de non poder facer nada . Eu trato de tranquilizalo dicíndolle que non se ten que preocupar , que para que alguén consiga a súa puxa aínda ten espera e así queda pereno , máis aínda así non se pode evitar que o día da puxa estea todo o tempo co burato da calivera pegado á lousa mentras esta ten lugar.Logo, cando escoita a última adxudicación e comproba que a súa cantidade segue a ser a máis alta , queda ledo.
     Outro momento no que hai moita bulla no adro é na castañeira . Entón e cando o sacristán , de alcume o Candea ,ven a arrecadar as castañas , pois moitas polas dos castiñeiros pasan por enriba do adro polo que cando un refacho de vento move as polas , fai que as castañas debaguen o que da lugar que haxa un abrouxo que nos amola o petar nas tumbas. Non é menos o que fai o Candea ó recollelas xa que as vai xuntando cun rodo para logo metelas en sacos , armando unha barafusta do demo . E como cada vez hai máis polas viadas sobre nós , sentimonos moi amolados.
     Esto das castañas deu lugar a unha retesía entre o Candea e mailos donos dos castiñeiros un desos días que estaba apañando nelas. Pois os donos dos castiñeiros dicíanlle ó Candea que as castañas que apañaba deberían ser para eles . O que lles respondeo o sacristán .
     -¿ E que non sabedes que o froito que cae en terreo alleo pasa a ser dono do lugar onde cae.?
     -Si coñecemos a lei , pero entón nós saímos perdendo ó dar xa o crego unha parte das que recollemos , igual que os demais. Así deste xeito estamos a quiñoar dúas veces.
     Tanto barullaban que o cura sentiunos achegándose a eles. dicindo:
     -¿ Que é o que pasa , almas queridas ? Deixádevos de queixas pois como sabedes hai que dar primicias dos froitos recolleitados a igrexa , ¡ E que maior premicia que estas castañas que como maná caen no adro! .
     -Si, señor abade , máis nos pensamos... -.tencionou respónderlle un dos homes.-
pero atricouno o crego dicíndolles-
     - Pensades entón ir en contra dos Mandamentos da Santa Nai Igrexa e condenaros o lume eterno do inferno .
     Non señor, que a ese precio non as queremos , saen demasiado caras.


III

Cada certo tempo os cregos das freguesías dicidían facer unha sorte de campeonato de doutrina para saber quen era o rapaz máis espilido . A final do campeonato celebrábase sempre na nosa freguesía por dúas razóns principais : porque estaba situada a unha distancia máis ou menos igual das demais , e porque tiña un adro con moito vagantío. Xuntábase ali tal cantidade de xente que se formaba un grande axiordo e pataleo que nos atordoaba . Por sorte estes campeonatos deixáronse xa de celebrar , e vouvos a dicir cal foi o motivo .
     En certa ocasión un dos campións foi un rapaz moi espilido da nosa freguesía : o Ricardo , que estudaba na cidade . Os abades dos outros lugares non estaban de acordo coa decisión final e dicían que o Ricardo non podía ser o campeón.
     Eu non estou conforme co resultado do campeonato . Teño que recoñecer que o rapaz sabe moita doctrina , pero gañou con ventaxa dicía un dos cregos .
     Non ben dixera esto cando se formou unha barafusta entre as distintas freguesías que se chegou ás mans , e mal ía rematar a cousa se non pon un pouco de calma o crego..
     -¡Acougade ! , deixade que o compañeiro continue coa súa exposición .
     -Bon , dicía eu que houbo ventaxa do Ricardiño , pois como sabedes , e senón dígovolo eu , estuda na cidade . Por tanto está acostumado a ler en castelán , en troques os nosos rapaces falan galego e eso obriga a que teñan que facer un grande esforzo para ler un idioma alleo , xa que os catecismos veñen escritos en castelán .
     -A solución sería escribir os catecismos e os demais libros en galego , e así o asunto quedaría arranxado , e non sucederían cousas como estas, e moitas máis coas que me atopo na escola - di o o mestre que entrara na conversa.
     Direivos que o mestre, o pobre, tivo un triste fin xa que alguén tomou boa nota das súas palabras , que lle ían a causar problemas . Todo esto contareino o seu debido tempo.
     -Tengo la impresión de que estamos llevando las cosas a extremos que no hay lugar -Dixo outro dos cregos - ¡El castellano es el castellano ¡ Como sonaría la doctrina en gallego que es una lengua muy ruda y propia de labradores que...!
     -¡ Que pasa señor abade , é que os labregos non somos tamén de Deus ? - Berrou alguén mentra se volvía a formar outra algaravía.
     Pronto se esqueceu o asunto do Ricardo para pasar a unha nova retesía e axiordo que durou un bon anaco . O certo foi que logo destes incidentes , por unha causas ou por outras non volveu a haber máis campeonatos de doutrina nas freguesías . O lio serviu de escarmento.


IV

O longo do ano moitas e variadas conversas tiñan lugar no adro . Máis ou menos todas xiraban arredor dos problemas de sempre: o tempo as colleitas a contribución ...Non obstante algo fixo tremar a todos , pois viña de aparecer un terrible andacio : a guerra que o longo de tres anos foi causa de loito no país . Entón comezaron a encherse as tumbas , e non só de mortos , senón tamén de vivos: ", os escapados " que por unha circunstancia ou por outra víronse na obriga de esconderse , e o sitio que lles parecía máis seguro eran os nichos no adro . En realidade a ningún se lles ocurriría ir buscalos aló . Tamén o noso cimeterio tocoulle acoller a un destes homes . Contalo dame moita mágoa , máis debo facelo .
     Entre os " fuxidos" estaba o mestre da nosa freguesía , quen se achantara nunha das tumbas vougas . Pola noite, os que podían, traíanlle algo de comer ,aínda que non tódolos días. O que facía esto a cotío era un rapaz formal e moi espilido , un dos seus escolantes , quen as súas boas cualidades había que engadirlle a gratitude . Era un deses momentos no que un bota de menos non poder chorar , pois a emoción que sentía era moi grande .
     Ó cabo de certo tempo oimos uns terribles laios que foronse sucedendo durante varios días . Viñan da tumba do mestre , arrepiabanos escoitalos pola noite na xore do adro. Non berraba moito , era como o xinico dun neno pequeno , un berro esmaiolado e mouco , o que facía que fose máis lastimeiro.
     Despois non se volveron a oir máis queixumes e tamén poidémonos decatar como ninguén viña traerlle comida polas noites . Non había dúbida de que aqueles laios producíanse pola fame. Aí que que, cando deixei de ouvilos , sentinme pereno , pois a súa agonía chegara a súa fin .
     Agora tan só era cuestión de agardar a que fose un esquelete máis , un novo compañeiro. Por certo que debido a posición que mantivo tantos días , a súa osamenta quedou enquerquenada .Costoume moito traballo estarricalo, pois tiña medo de quebrarlle algún óso , máis o cabo conseguino . De algo tiñan que me valer os meus coñecementos de mediciña.
     Un día , conversando con el , amosoume a súa preocupación polo Silvano , o rapaz que o socorrera , pois si algo lle ocurríse ninguén sabería cal fora a súa fin , aínda que ós familiares non lle importaba moito , pois andábano a buscar como furóns para así poder cobrar a recompensa que daban por atopalo.
     O certo foi que para min o mestre foi de grande axuda para a redacción destas memorias . A medida que ía enchendo papeis amosáballos por si había algo que correxir .Houbo unha cousa naque matinou moito : que fíxese sempre boa letra. E non lle faltaba razón , case non se entendía polo costume de escribir rápido cando collía apuntes na universidade . O mestre , medio de chos, dicíame : O ires par médico querías ir entrenandote ¿ non si? .
     As conversas co mestre prestábanme moito . Sen dúbida tiña que ser unha ledicia asistir a súa escola . Non era estraño que fose tan considerado por todos. Porque estaba moi lonxe do mestre autoritario que daba palitrocazos e puña ós rapaces de xionllos .
     Quizais por iso había moita xente que non o consideraba, e tivo tan triste final . Como, tantos outros , unha víctima da xenreira e das triganzas que abondan na vida.


 

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega