Enredos

Páxina Anterior

"Así foi a cousa"

Páxina Seguinte

m2garciabarrosenredos002.html
     Anoitecera xa cando me meteron pola porta do caabozo. Unha peza escura, porca e cheirante coma un cortello sin estrar. Escoitei o renxido sinistro das ferraxes que o pechaban e alí me deixaron. Foime longa a noite, e iso que era das inda curtas do cabo do vran. En toda ila non cerrei ollo nin estiven quedo un minuto enteiro. De mañán, alá por tarde, sentín outra volta as petaduras dos ferrollos. Abreuse a porta e ó saír entereime que terían que me levar á "brigadilla". Non me gustou nada a notiza. Tiña das brigadillas moi malos informes. Alá me levaron. No rechau, ante a porta, agardábame un vello e benquerido amigo, que anque o non esquecera, pasaba de vinte anos que o non vira. Persoa de releve e prestixio, relixioso, por temperamento, que fora Superior meu nos meus mellores tempos, que tamén foran os dil. Deume unha aperta chorando. Eu tamén chorei. A min metéronme pra dentro e il quedouse á porta á espera de que eu saíra. Pois tería que saír.
     Dos dous da segreda que foran á miña casa, pois o terceiro quedáralle tendo conta da súa a outro "encartado" namentras que o traguían a que lles amostrase o camiño da miña, un era galego e falaba adoitadamente o galego, polo que se me foi facendo simpático. Ó outro, falando coíl cando ibamos de cara á carreteira, moi alleo eu a que me farían seguir viaxe, pois asegurábanme que soio se trataba dun trámite, pregunteille se o era, se era galego. Contestoume cunha rosmadura que non soupen se quixera decir si ou non. E ante a dúbida, seguín falándolle galego.
     ¡E entendeume de carallo!

     Eu tiña no fondo da libreiría, así coma agachado baixo os libros, un embrullo atado e apertado con moitas voltas de cordel que contiña "Tracas" e "Frailazos", que inda non tivera xeito de queimar, pro que o faría logo porque non había de poder estar decote tendo conta de que se lle botase a mau por calquera que non conviñese que vira o alí estampado. E resultou que, ó albiscalo un dos fulanos, o que non falaba galego, precisamente por velo tan gardado, tirouse a il coa rapidés con que un gato se tira sobre un rato que deixa ver o fuciño por un buxeiro. Estalou as ataduras, esbardallou o contido e atopouse con aquilo.
     —¿Como no le fusilaron a usted?
—berrou.
     Tratei de desculparme, pro siquera me atendeu. E as "Tracas" e "Frailazos", mal envoltos, foron prá morea do que me habían de levar.

     Na "brigadilla" fixérase cárrego de min e entrou conmigo un dos que me foran á casa, o que me falara galego, e me fora por ilo simpático. Non había por alí ninguén máis. Mandoume sentar e senteime. Il deuse unhas voltas e así como quen non fai nada, achegouse a onde tiña o papelaxe que me levaran, colleu desimuladamente o embrullo das "Tracas" e por tras min, co fin de que non me dira conta, foise coíl xa meio desfeito a amostrallo ó señor que xa dixen eu que me agardaba na porta moi preocupado e apenado polo que me socedía. Vendo aquilo sentín que se me conxelaban as entranas.
     Inda lle levou ins intres a operación, e coíla feita, entrou de novo co atadallo pola outra banda de si, pra mellor desimulalo e léndoselle na cara certa satisfaizón, foino levar a onde o collera.
     Púxose á mesa, na que eu xa estaba, á cabeceira, onde me puxera por cadrarlle mellor a il prá maniobra que acababa de executar. Corrín a cadeira pra pórme máis á beira. Arranxou il a máquina e comenzou a pescuda.
     O que máis me preocupaba era un traballo recén posto á máquina que teimara en levarme a pesares de que os outros dous se opoñían, alegando que nada tiña que ver co asunto. (Iles saberían que "asunto", que eu inda non o soupen hoxe.) Doume que facer. Rebatíame todo, ó parescer, con saña, e hastra se ría do meu xeito de sacodirme, pro, co rabo do ollo iba eu vendo que escribía o que eu decía, o que non me pareceu mala sinal.
     Firmei a declaración e, ó tempo que a recollía e gobernaba a carpeta, entabrouse entre il e eu a seguinte parola:
     Il: ¿E... vostede conoce ó cura?
     Eu: Foime a bendecir a casa.
     Il: E vostede deixoulle.
     Eu: Non estaba nela.
     Il: ¿E se lle vai arriba e lle atopa aquilas cousiñas...? (referíndose ás "Tracas")
     Eu: Todo aquilo quedou bendito.
     Il: (ríndose) É verdá. Bendecida a casa quedou bendito o que había nila. Pro vostede estaba fóra e quedou sin bendecir.
     Eu: ¡Por iso me lle suceden istas cousas!

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega