Enredos

Páxina Anterior

"Xa que son académico..."

 

m2garciabarrosenredos003.html
     Xa que son académico, anque inda me custe traballo creelo, coido ter que ir pensando na maneira de facer algo que poida corresponder dalgún xeito ó feito de o ser.
     Non teño inda o Regramento nin me val o selo por ter o lema en latín, idioma que desconozo a pesares de habelo praiticado bastante en tempos lonxanos axudando á misa os domingos e días de novena cando o sancristán me deixaba, pois había que contar coa súa venia. Pro tampouco o coido necesario pra comprender que o ouxeto e fins da nosa Academia serán, terán que ser, o depuramento e fixazón da lingua galega, que é a nosa, a de tódolos galegos, quéirase ou non, anque haxa desleigados que a repudien, "imbéciles e escuros", que dixo Pondal. E velar polo seu prestixio e espandimento hastra conseguir que non haxa ninguén nado na Terra ou fillo de quen o fose que deixe de falala.
     Agora ben, son ditos xa vellos iste de que o movimento se demostra andando e o de que Frai Exempro é o mellor padricador. E non é que eu trate de enxuiciar a naide nin nada diso, namais que pra meu goberno quixera, desexara saber cantos serían os membros da ilustre Corporación á que me veño referindo que douten a fala galega a decotío nas súas conversas sin deixarse arrastar por quen chegue falando doutro xeito; cantos os que teñen adoitado o galego na súa correspondencia particolar antre galegos; cantos os que usen o galego nas súas conferencias telefónicas con xente da nosa Terra e se sosteña nil anque non lle correspondan.
     Sei de moitos que fan todo iso sin seren académicos.
     E antre istes, antre os académicos, ha de haber tamén algúns que o fagan, non faltaría máis. Pro de que non chegarán á mitá, inda me arriscaría a xogar algo.
     ¡E ogallá perdera!

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega