Grimorio

Páxina Anterior

Escolma. "As aluadas"

Páxina Seguinte

v4emmapedreiraasaluadas.html
a Luna de Torres


Procuro verte esfameada desde a raíz que xorde do primeiro camiño da lenda
para nomearte como unha neta máis
por non facer de ti a naufragada na miña boca aberta
que desacostumada a conxurar
pelexa.
Asísteme buscando os meus ollos primeiros entre os caracois do cemiterio
entre os dedos pousados na terra
no máis dividido argazo do ventre que non me deu expulsado
e a odiosa incerteza de estar a apaciguarnos.
A borbollóns produzo o teu nome como un labirinto
el arcoiris negro de tu infancia
imaxes de aborto e cansazo apoiadas contra o teu peito
enclaustrado por alacráns ensarillándose
en ti.
Inmóbil.
Asísteme agumada como unha arma precisa
para a amplitude das esperas
e soterrádeme os brazos no profundo dunha histeria pasmada e secular.
Rebénteme nas mans
a pálida consigna alumna dos velenos mentres nos hinoptizamos
conxurando alarmados a noite de todas as ánimas,
ou arránquesme a entraña
entrando
para alumear.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega