Historia de María atrapada. Pequeno tratado de amor precipitado

 

Primeira parte

Páxina Seguinte

Para Ibán Toxeiro

                            Para Ibán Toxeiro, en recordo dos bos momentos compartidos.



    Rúa deserta dunha cidade.
    Unha noite de inverno, ou mesmo de verán.
    Unha muller fala desde unha cabina telefónica. Á súa beira unha maleta.
    A uns pasos da cabina un banco.

MULLER: ...Non me importa... Pero eu quérote... A min si... ¡Agarda non colgues ! ...Que me fales, que me expliques que pasou... ¿Pero hai algo que... ? ...non o entendo, ¿sabes ? Esta mañá estaba contigo e agora todo se desfai... Pero ti querías ir a París... Esta ben... Non sexas imbécil, ¡que che vai importar!... (Ela colga o auricular) ... Vai á merda, cabrón.
    Atordoada senta no banco.
    Pensa.
    Chega un home cunha maleta.

HOME.: ...Desculpe, ¿esta é a parada?
    A muller non resposta.
HOME: Pedoe, ¿cóllese aquí o bús...
MULLER: Cóllese!
    O home deixa a maleta. Senta. Colle o paquete do tabaco. Tira un cigarro.
HOME: ¿Fuma?
    A muller denega coa cabeza.
HOME: Vaia un lugar para coller o bús. Ven un frío que corta.
    O home acende o cigarro. Fuma.
HOME: ...¿Esa maleta é súa?
MULLER: ¿Quere calar, por favor?...
    O home fica sorprendido. Levanta do banco. Dá uns pasos, visiblemente molesto.
HOME: ...Esperemos que non se retrase. (Mira o reló).
MULLER: ¿Colle vostede o avión de París?
HOME: ...Así é. ¿Vostede tamén?
MULLER: Ía collelo... ¿Vai por negocios?
HOME: Non... ¿E vostede? ¿Xa non vai?
MULLER : A persoa que me acompañaba marchou.
HOME: ...É curioso.
MULLER: Si. Iso parece...
HOME: ¿E agora que vai facer?
MULLER: Non o sei. ¿Pódeme dar un cigarro, por favor?
HOME: Claro.
    O home apúrase en entregarlle un cigarro. Ofrécelle lume.
MULLER: (Deixa escapar unha bocanada de fume). Será fillo de puta...
HOME: ¿O seu acompañante?
Muller: Xamais estivera cun home tanto tempo. Sempre me compliquei en aventuras retorcidas, pero nunca lle entregara tanto a ninguén...
HOME: En fin, esa é a historia de todos, ¿non é?
MULLER: ¿Si? ¿Vostede tamén ten unha historia?
HOME: Creo que moi diferente á súa.
MULLER: Entón non me amole. Marche a París a ver parisinos.
    O home, incómodo deixa o banco. Camiña.
Home: Vostede non ten a menor idea do que vou facer a París.
    Silencio.
HOME: ¡Creo que é doado imaxinar por que se complica vostede en tantas aventuras retorcidas!
MULLER: ¿Ah, si?
HOME: Chega con escoitala.
MULLER: Así que quere que lle conte máis.
HOME: Non me importa canto se complique, ¿escoita? Nin as súas reviravoltas amorosas.
MULLER: É vostede tan estúpido coma el.
HOME: Non ten a menor idea de cómo son nin do que busco.
MULLER: Buscará o que todos, a alguén.
HOME: Está ben, está ben. Quere discutir.
MULLER: Coma todos.
HOME: ¡Non! ¡Coma todos non! ¡Eu non discuto!
MULLER : Pois berra moito para susurrar.
HOME: ...Tampouco susurro.
MULLER: ¿Non me vai dicir a que vai a París?
HOME: Non é asunto seu.
MULLER: Dígamo.
HOME: Mire, eu estou nesta parada agardando o bús.
MULLER: ¿Ve coma ó final é coma todos?
HOME: Ofrecinlle un cigarro e preocupeime pola súa maleta. Deixémolo aí.
MULLER: ¿Por que?
HOME: Non quero iniciar unha relación. Afóganme os compromisos.
MULLER: Non será para tanto. Só falamos.
HOME: Eu ben sei do que falo. Teño experiencia. Déixeme en paz.
    Silencio.
MULLER: A min tamén me asustan os compromisos. Sen embargo, deixei que el me levara por onde quixera. Atravesei medio inferno por el, sucumbín á forza a aqueles praceres que el precisaba indispensables, abaixeime por ter un anaco do seu corazón de pedernal, e os labios cuarteáronme de pedirlle que me amara.
HOME: ¿Pero el non a amaba?
MULLER: ...Non. A nosa viaxe a París foi á merda nun segundo, no mesmo segundo no que foi á merda o meu corazón.
HOME: ¿Pero vostede amábao?
MULLER: Precisaba amalo.
HOME: Pero ninguén precisa amar. Ámase, simplemente.
MULLER: Vostede non sufriu coma min.
HOME: Que quere que lle diga.
MULLER: Pasei toda a vida buscando un home que me amara. Ou un home a quen amar. E nunca coincidiron os dous na mesma persoa. Esa é a miña puta traxedia... ¿Cal é a súa?
HOME: ...Non creo que deba contarlle a miña vida.
MULLER: En dez minutos marchará ó aeroporto. Non o volverei ver. ¿Qué máis lle ten?
HOME: Iso non ten nada que ver. Eu amei unha muller durante cinco anos que vivía a máis de dous mil kilómetros de distancia.
MULLER: ¿E?
HOME: Que todo nos fai establecer compromisos. Se lle conto a miña vida establecerei un compromiso con vostede. Non quero establecer compromisos.
MULLER: É vostede imbécil dabondo, ¿nonsi?
HOME: Seica, pero trato de organizarme.
MULLER: Desde logo.
HOME: Non quero que me collan por sorpresa.
MULLER: ¿Cando o colleron por sorpresa?
HOME: ¡Unha muller, coma vostede! ¡Cale, que lle importará! ¡¿Ve?! ¡Todo é así!
MULLER: ¿Qué muller?
HOME: ¡Un día! ¡Iso non é asunto seu! (Achégaselle). ...Escoite, non confundamos as cousas. Eu marcho a París e vostede queda. Resolva os seus problemas. Non me meta na súa vida.
    Silencio.
MULLER: ...Vive en París.
HOME: ¿Qué di?
MULLER: Ela. A muller que amou durante cinco anos e que vive a máis de dous mil kilómetros de distancia. ...E mandouno á merda, polo que se ve.
HOME: Evidentemente, ese é un asunto privado.
MULLER: Veña, vostede non é especial. Díxoo antes: é a historia de todos. Tampouco somos tan diferentes.
HOME: ¿Pódolle preguntar ago?
MULLER: Pregunte.
HOME: ¿Que fai aí sentada?
    Silencio.
HOME: ¿Que fai aí sentada? Contésteme.
MULLER: ...Non me agobie.
HOME: ¡O seu maldito orgullo non lle permite abandoar ese banco e coller a maleta! ¡Agarda que el apareza, dez, cinco, un minuto antes de que chegue ese bús! ¡Malia a súa irremediable soedade espera que el rectifique, que a encha de flores ou de bicos, ou das dúas cousas, que sería aínda máis ridículo! ¡¿Cre que el vai aparecer por esa esquina?! ¡Trabúcase! ¡Agora estará emborcallándose no sofá do salón cunha moza ben feita mentres vostede se conxela chorando por favor que a colla da man unha vez máis!
    O home camiña axitado.
HOME: ¡Pero vostede está soa, e non quere decatarse! ¡Mírese que ridícula! ¡Con ese abrigo e esa cara de marchar a non sei onde! ¡Corréuselle o rimel! ...Qué patética.
    O home cala. Silencio.
MULLER: Esa muller que lle fixo sufrir, ¿está con outro home?
HOME: Ten dez anos máis ca ela. Ten o cabelo branco e viste traxes de cachemir. ...Xa sabe. Un home atractivo.
MULLER: ¿Díxollo ela?
HOME: Díxomo el.
    Silencio.
Home: Chamoume por teléfono. Eran as doce e cuarto da noite. "É preciosa, é preciosa", dicíame entre salaios. Ó lonxe podía escoitar as pernas abertas dela, entre xemidos e embates.
MULLER: ¿Por qué lle fixo iso?
HOME: A metade da humanidade é asoballadora e a outra metade déixase asoballar. Eu son dos do segundo grupo.
MULLER: ¿A que vai a París ?
HOME: A recoller as miñas cousas. Teño unha camiseta e un par de calcetíns na súa casa. Non lle quero deixar nada.
MULLER: Claro. Eu faría outro tanto.
HOME: ¿Si? ...¿Vostede viaxaría a París só para recoller unha garavata?
MULLER: ¿Por que non?
HOME: ¿Non lle parece unha excusa para vela?
MULLER: Por suposto.
    O home senta.
HOME: Agradézolle a súa sinceridade. Nos tempos que corren a lealtade é unha pinga de vinagre nun mar de caramelo crú.
MULLER: Perdoe que lle berrase antes.
HOME: Non se preocupe. Estou afeito no meu traballo.
    Silencio.
MULLER: ¿Pódeme dar outro cigarro?
O home dállo. Ofrécelle lume.
HOME: ...Deus, que soedade...
MULLER : Non vaia a París.
HOME : Vostede non o entende.
MULLER : Non precisa humillarse.
HOME: Pero non podo evitalo, por iso odio os compromisos. Unha vez que os estableces, o paso seguinte é o da humillación.
MULLER: É certo o que dixo sobre os aeroportos. A miña vida complicouse en facturación e crin resolvela nos lavabos para señoras. Pero todo foi un engano.
HOME: ... Eu intentei varias veces coller esa avión. E cada vez que chego ó aeroporto fáiseme un nó na gorxa e outro na lingua, e teño a impresión de que ó chegar a París hei seguir con eses nós, e que ó presentarme na casa de Benedicte hei continuar anoado, e como un imbécil hei ficar na porta, sen poder articular palabra ningunha. Entón collo a maleta e regreso á miña casa. Hoxe é o noveno intento. Imaxine o que levo gastado en pasaxes,
MULLER: ¿Ela chámase Benedicte?
HOME: Si.
MULLER: ¿E vostede?
HOME: Preferiría non dicirlle o meu nome. Tampouco me diga o seu. Canto menos saibamos cada ún doutro, mellor.
MULLER: ¿Non leva lonxe dabondo os seus problemas con Benedicte?
HOME: Oh, non. En absoluto. Eu sempre fun así. Fíxese que souben como se chamaba ela cando me telefonou aquela noite o seu amante. Él murmuraba: "¡Ah, Benedicte, tu es une grande suceuse!". Non me faga traducirllo, por favor.
MULLER: Debeu ser a conversación telefónica da súa vida.
HOME: Non crea. Eu non dixen nada. Elf alaba. E ela xemía. ¿Qué lle aconteceu no aeroporto?
MULLER: Coñecinno en facturación e follamos nos lavabos. Perdemos o voo e pasamos tres meses xuntos. Hoxe iamos a París. Eo resto xa o coñece.
HOME: Deben ser as turbulencias dos reactores. O ruído atordoa o ser humano.
MULLER: Hostia, pasarei a vida soa...!
   Silencio.

 

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega