Jacobusland

Páxina Anterior

Alalá III (Escolma)

Páxina Seguinte

m3emiliopitajacobusland003.html





SAGA DA ESTRELA SENLLEIRA

                            A FAUSTINO IGLESIAS





POR terras verdecentes devala velaíña
á vella estrela céltiga, senlleira e vagariña;
orfa, arrulante e núa, envolta en neboeira
n'unha dorna garnida de noite silandeira.
A estrelecida estrela, a pérola alcendida
que alumiñou as mans souriles do druida;
loiro fachón aceso dende Jerusalén
pra agarimar o vieiro galáxico ao Além
do corpo escintilante, albo de lúa e sol
do franxente Sant' Yago, pois a albariña frol
saudosa e milagreira de terras verdegadas
no lene corazón sementara alboradas.
O guieiro bisbisante do vello peligriño
o luceiro sangal do sangal hirmandiño
e do gran mariscal Pero Pardo de Cela
coa olIada pendurada da fachuqueira estrela
cando o corpo baril, semental do penedo
desfollou o seu sangue no val de Mondoñedo.
Ela sirgou co fío aloirado e longal
as facianas románticas dos herois de Carral,
e espallou pol-a Celtia líricos resprandores
pra alumar o armoñoso canto dos precursores,
cántigas rebuldeiras de melros milagrosos
a lilaila buguina dos bós e xenerosos.
Cando a choiva ecoaba a poncela lelía
na frol do corazón da rosa Rosalía
e afondada ferida acadaba en Castela,
o sangue do seu sangue mazmía a vella estrela.
Foi o lume alcendido, fervenza do luar,
—ei na frente unha estrela, nos beizos un cantar—
da Terra renacida, da Terra feiticeira,
da cántiga lousana, da verba milagreira.
Ay pinga repinguera, ay pinga repingada
da louvada ringleira de bretemosa olIada,
da ringleira louvada, do longado cruceiro
sin terra onde pousar o sono derradeiro.
Orfa, arrulante e núa, envolta en neboeira
n'unha dorna garnida de noite silandeira,
por terras verdecentes devala velaíña
a vella estrela céltiga, senlleira e vagariña.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega