Matanza

 

Primeira parte

Páxina Seguinte

Para Fran

Para Fran, Toni, Vanesa, Roberto, Alejandra, Ceci e Laura, porque me regalaron as súas voces e os seus corazóns.


    Ás veces, falar dun mesmo deixa de ser un exercicio de narcisismo para elevarse a canto nacional. Esa é a diferencia entre a oligofrenia custodiada pola corte de estólidos que governa a intelixencia do meu país e a sinxeleza que en estrañas ocasións devén en epitafio cuspido sobre a conciencia da humanidade. Nesas ocasións, a simpleza do certo é unha marabillosa obra de arte na que abandoarse é un desexo de permanecer eternamente perdido. E así a universalidade da beleza transgrede as normas e decretos coas que os necios nos adoecen e abruman na súa teima en demostramos o xeniais que son.
    Por iso me decidín a contar a historia de meu pai, que morreu como un covarde ós pes do seu matachín.
    Ás veces, falar dun mesmo é falar dos demáis, sobre todo nun país de porcos, que vén ser o caso.
    Esta é a historia de meu pai e do seu irmán, a noite antes de que fosen acoitelados.
    Os dous agardaban un destino inevitable.


En escena.dous porcos sentados nun banco.
Os dous fitan impasibles cara ó público.
É deses silencios que normalmente preceden á morte
(1).

PORCO 1 -Non creo que isto estea a acontecer.
PORCO 2 -Podes estar certo.
PORCO 1 -¿Por que a nós?
PORCO 2 -A cada porco chégalle o seu san martiño, reza o dito.
PORCO 1 -¡¿Pero por que a min?!
PORCO 2 -¿E que che fai pensar que es tan especial? Es tan porco coma min, e como calquer outro. Pariute unha porca e foi un cocho quen fodeu a nosa nai. Nacemos porcos e morremos porcos. Non me quentes máis a cabeza.

PORCO 2 tira do peto unha caxetilla de cigarros. Colle ún. Acéndeo.

PORCO 1 -Teño que convencelo. Tratarei de falar con el. Ten que comprender que eu son diferente. Non me pode acoitelar como un porco.
PORCO 2 -¿E como queres morrer?
PORCO 1 -De vello, como todo o mundo.
PORCO 2 -Daquela a túa carne non servirá para nada. Co bandullo flácido, cheo de graxa, ¿quen querería facer un churrasco contigo?
PORCO 1 -Pero esa non é a miña aspiración. Non anceio acabar engulido por un moulón entre viño e gargalladas.
PORCO 2 -¡Non me fodas! ¡Vives nun país que ten o porco como santo rexedor e ti ques pasar desapercibido! ¡Es un puto cocho, coma min!
PORCO 1 -¡Esa é a túa traxedia! ¡Que vives nun país de porcos e non podes evitar selo tamén!
PORCO 2 -Eu non trato de evitar nada. Nacín porco e hei morrer porco. E con orgullo porque formo parte dunha sociedade que me estima.
PORCO 1 -Si, ó máis a que podes aspirar é a convertirte en churrasco. É unha aspiración interesante, moi patriótica, abofé. Que sería deste país sen o churrasco.
PORCO 2 -Xa de cativo resultabas patético coa teima de ir a clases de música. ¿E que conseguiches? Cinco anos de solfeo e tres de instrumento e non tes nin puta idea de como coller esa guitarra.
PORCO 1 -Non era unha guitarra. Era un violin.
PORCO 2 -¡O que fose! ¡Tivemos que aturalo na casa porque o moi mamón quería ser concertista! ¿E total que? Veloaquí como un porco máis, como un porco de tantos, cos collóns aquí pensando no día de mañá cando entren a collelo. Os teus fodidos cinco anos de solfeo, do re mi, do re sol, cona, non che han servir un carallo cando te chimpen no banco e che afundan o coitelo e vexas o sangue sair disparado e vaias perdendo a vida e mentres berras como o que es: ¡un porco! ¿escoitas?! ¡Un porco! ¿Ou que pensabas que ía sair duns cochos como papá e mamá? ¿Stradivarius? ¿Picaso?
PORCO 1 -Picaso non era músico.
PORCO 2 -¡E ti tampouco! ¡Xamáis foches músico! ¡E agora teño que aturarte aquí, mentres agardo que me maten! ¡Tamén é mala sorte a miña, madia a leva!

Silencio. 

PORCO 1 -Hai algo do que aínda non falamos.
PORCO 2 -¡Mellor!
PORCO 1 -Escoita. A pregunta é: ¿cal dos dous irá primeiro?

Silencio.

PORCO 2 -Eu. Así non terei que escoitar como lle das o coñazo ó matachín. Contáronme moitas anécdotas, pero a túa matanza vai pasar á historia. Diso estou ben certo. Vai resultar realmente patético.

Silencio.

PORCO 1 -¿Onde che gustaría estar agora?
PORCO 2 -...¿como?
PORCO 1 -¿Onde quererías estar neste momento? Se puideses escoller, ¿en que lugar preferirías estar?

Silencio.

PORCO 2 -(Sorrí) Nunha güisquería. Sentado na barra. Unha copa de burbon nunha man, unhas boas cachas na outra, e Nicolas Cage cantando Love me. Esa canción ponme cachondo (canta uns compases). É acolloante. Escoitar Love me cunha copa e coa polla tesa porque sabes que nun momento vas follar a puta que tes a túa beira. O único que me fode de todo este asunto é non poder botar un último polvo como deus manda. ¿E a ti onde che gustaría estar?
PORCO 1 -¿A rnin?
PORCO 2 -A ti, claro, mamón, ¿quen máis hai neste cortello? ¿Onde, dime? (Rí)
PORCO 1 -...En Bruxelas.
PORCO 2 -En Bruxelas, manda nabo.
PORCO 1 -Hai un restaurante grego a dez metros da Grand Place. Gustaríame estar agora ceando na terraza, bebendo un bó viño, e contemplando o ceu estrelado.
PORCO 2 -Eu daría todo por unha noite máis entre as pernas de Anette.
PORCO 1 -¿Anette?
PORCO 2 -Xa sabes que neste puto sitio soa mellor o estranxeiro, Anette, unha boa prea. Teño pasado bos ratos con ela. O estranxeiro mete gusto. É o mesmo que o teu do re mi, do re sol, ¿entendes? só que eu toco cousas de proveito e toco ben. Esta verga non desafina. É un instrumento de precisión. (Rí).
PORCO 1 -Agora é cando fas un exercicio de virtuosismo intelectual e comparas a túa polla co saxo.
PORCO 2 -¿Que é o saxo?
PORCO 1 -Bah, déixao...
PORCO 2 -¡Un sexo moi aberto! ¡Há, há...! (Rí a gargalladas). Veña, estaba de carallada...

Silencio.

PORCO 1 -¿Lembras que de cativos papá non nos deixaba dormir coa luz acesa?
PORCO 2 -(Cun leve sorriso na face) Ben me lembro.

Silencio (2).

PORCO 2 -Non nolo deixou pasar moi ben ese cabrón, ¿eh?
PORCO 1 -Non.
PORCO 2 -Eu alegreime o día da súa matanza.
PORCO 1 -¿Por que me veñen todas estas lembranzas á cabeza? Asáltanme unha tras outra. As imaxes sucédense fugaces.
PORCO 2 -Iso é a morte, que se vai facendo sitio en ti. Primeiro son os recordos, despois os últimos minutos, que queres expremer, e logo o final. Sempre é o mesmo.
PORCO 1 -O día da matanza de papá non almorcei. Recordo que era un día choviñento. Sempre que falaba do valor encendíaselle a ollada. Non había xeito de quitalo de enriba, sempre comprobando a valentía dos demáis. Recordo unha vez de neno que me asustara ó ver correr un rato, e papá berrándome á orella, ¡
Covarde, covarde, maldito mixiricas de merda, hai que ter collóns nesta vida, se che deixas amedoñar por un puto rato a xente vaiche facer a vida imposible! Saíches a el no xeito de falar.
PORCO 2 -El era un verdadeiro fillo de puta.
PORCO 1 -Pero á mañá que o viñeron buscar, como berraba o moi porco. Escoitábaselle en cen quilómetros á redonda. Berraba cun timbre tan agudo que romperon todos os vasos da
cociña.
Será porco o cocho de teu pai, aló foi toda a vaixela ó carallo, dixo
mamá. E nunca volveu falar de el.
PORCO 2 -Ela sempre foi moi bruta, pero unha boa nai.
PORCO 1 -Mira en que ficou tanta valentía. Toda a vida aturando os seus insultos e ó final veu
ser un cagón.
PORCO 2 -Niso saíches a el.

 

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega