Matanza

Páxina Anterior

Segunda parte

Páxina Seguinte

Silencio

Silencio.

PORCO 1 -Vivimos nun país onde a morte é tan cotián como a empanada e o cocido. Forma parte da nosa cultura, da nosa maneira de entender a vida... Non sei se teño medo á morte.
PORCO 2 -Iso é o que ti non queres entender. Nesta terra todo o mundo está afeito a morte,
okey, pero neste país quen primeiro morre é o porco, iso é a cultura deste país, as nosas orellas, o noso fuciño, o xamón, estas cachas son os nosos sinais de identidade.
PORCO 1 -Estas cachas son miñas, e de ninguén máis.
PORCO 2 -Trabúcaste: alguén decidíu, non sei cando nin onde, pero decidíu que os cochos coma nós somos o verdadeiro sinal de identidade nacional, e as grandes decisións sempre se toman ó redor dos nosos cachos ben cociñados.
PORCO 1 -Para ser un putero saíches dun patriota recalcitrante.
PORCO 2 -Serei un putero, pero a patria non se sente na polIa.
PORCO 1 -¿Onde a sentes ti?
PORCO 2 -¡Eu que sei, pero unha cousa é follar e outra facer patria! ¡E síntome orgulloso de estar neste momento aquí, agardando a que me acoitelen e me esgacen de enriba a embaixo! ¿Daste conta da cantidade de de decisións importantes que poden tomar papándome?! (Rí pantagruélico)
PORCO 1 -Tamén podes acabar engulido nunha vulgar cea de funcionarios do Estado.
PORCO 2 -Pode ser, pero eu prefiro pensar que o presidente ha engulipar os meus chourizos mentres decide, por exemplo, un cambio de gabinete. Para tomar grandes decisións cómpren farturas que só satisfacemos os porcos.
PORCO 1 -É grotesca a túa idea de patriotismo.
PORCO 2 -¡Ti si que resultas patético intentando convencernos de que es Paganini e non un puto cocho como todo o mundo!
PORCO 1 -¡Non aturo máis o teu vocabulario!
PORCO 2 -¡Falo como o que son!
PORCO 1 -¡Un porco sen intelecto, sen a mínima dignidade que che permita poñer nada en cuestión! ¡Son un porco, es un pobre imbécil!
PORCO 2 -¡Gústame cagar, mexar, botar peidos, berrar como un porco cando se me achega alguén porque é o que se agarda de min! ¡Son un porco, un puto porco e encántame este país que ama os porcos! ¡E se volvese nacer querería ser porco!
PORCO 1 -Pois eu non me sinto nada orgulloso dun país onde para tomar decisións cómpre tomar antes bicarbonato!
PORCO 2 -¡Ti es un apátrida, carallo!
PORCO 1 -¡Eu cágome na túa patria!
PORCO 2 -¡Por fin dalas como un porco!
PORCO 1 -¡Cágome na túa patria de comellóns!
PORCO 2 -¡Vaime estoupar a cachucha! 
PORCO 1 -¡Cágome na túa patria de epicúreos con solitaria voraz!
PORCO 2 -¡Vaime estoupar a cachucha coa túa poesía, há, há, há...!
PORCO 1 -¡Cágome na túa patria, na túa bandeira e no teu himno de gargantúas!

Escóitanse correr uns pechos e o movemento dunhas bisagras.
Entra o matachín. Cun diantal que algún día foi branco e que agora, tinxido de bermello apodrecido, serve para cubrir un bandullo de cento sesenta quilos. O matachín ten pouco pelo, e o que lle queda está ben aproveitado, á gomina e a un coidadoso peiteado lateral que cobre unha evidente calvicie. Súa. De cativo, no colexio, chamabanlle chafarís. Só os lectores máis sagaces adiviñarán por que. O matachín, cun mostacho do que pingan babas, cuspes e algún resto das magdalenas do almorzo, afía un coitelo contra outro. O matachín fita os porcos.


MATACHÍN -Eu son o matachín. Non tivemos o gusto de sermos presentados, pero agora que xa me coñecen deben saber que me están amolando con tanto berro, e que se non calan pódollelo facer pagar moi mal chegado o momento. Unha coitelada mal asestada e un porco pode tardar unha hora en morrer mentres se desangra. Vin unha vez unha desfeita así; aquela matanza foi unha carnicería.
PORCO 1 -Disimule.Querería falar con vostede un momento...
MATACHÍN -Eu non falo cos porcos. Non é profesional falar cos porcos. Enténdao.
PORCO 1 -Pero eu non debería estar aquí. Ó meu irmán non lle importa, sen embargo...
MATACHÍN -¿É vostede un porco?
PORCO 1 -Son.
MATACHÍN -¿Está vostede certo?
PORCO 1 -Completamente.
MATACHÍN -¿Non ten a menor dúbida?
PORCO 1 -Ningunha. Son un porco.
MATACHÍN -Entón está no lugar axeitado.
PORCO 2 -¡Iso trato de explicarlle, pero está desequilibrado!
MATACHÍN -Un porco é un porco. Se un porco está convencido de que é un porco, non cabe lugar á dúbida: é un verdadeiro porco. Pero se un porco non está convencido de selo:
a: ou pensa que nalgún momento da súa vida, mediatizado polas circunstancias, comportouse como un porco pero en realidade non o é
b: está realmente convencido de que en ningún momento da súa vida foi un porco. Daquela a cuestión é complicada.
PORCO 2 -O meu irmão pertence ós da clase b.: el está convencido de que é violinista.
MATACHÍN -Ese é un problema típico dos porcos: un porco é un porco e iso é unha realidade.
Non é doado atopar un porco que se recoñeza como tal, na plenitude do seu concepto.
PORCO 2 -Eu. sen ir máis lonxe. Son un verdadeiro porco. Diante dos demáis compórtome como tal, toda a mina fodida vida foi unha porcallada auténtica, e a xente cando fala de min non o dubida un instante:
é un auténtico porco. Nunca tratei de agachar o que son, ¿para que? ¡Pero este cabrón estame taladrando a cachola coas súas mixiricadas e teño dereito a estar tranquilo!
MATACHÍN -Desgraciadamente acostuma ser habitual este comportamento. Non importa ser un porco, claro, pero cando chega o momento de render contas, entón, poucos dan a cara.
PORCO 2 -Fágame o favor de cambiarme de cortello. Non podo resistir máis tempo xunto a este paspallán.
MATACHÍN -Lamentablemente, iso non está na miña man.
PORCO 2 -¿Da man de quen está logo? ¡Non poden obrigarme a aturar a este mostrenco! ¡Son as miñas últimas horas de vida e merezo certa atención!
MATACHÍN -Está equivocado. Non está prevista ningunha clase de atencións con vostedes. Están aquí para seren descuartizados. Simplemente.
PORCO 1 -¿E onde está a simpleza niso?
PORCO 2 -¡Eu son un porco, ¿escoita, especie de sebo flemático?! ¡Non son calquer besta! ¡Neste país teño un status que merece unha atención!
MATACHÍN -Eu son un profesional da matanza: descuartizo, despedazo, mutilo, amputo, secciono, desmembro, decapito e esgazo con pulso firme.
PORCO 2 -¡Quero un burbon!
MATACHÍN -Pero volvendo ó asunto no que centrabamos a nosa conversa, señor porco 1, en definitiva, e para deixar zanxada a cuestión: ¿asume enteiramente a súa personalidade cochuna ou, pola contra, e recollendo a información facilitada polo seu irmán, defínese como violinista?
PORCO 1-Teño cinco anos de solfeo e tres de violín, ¿iso non conta nada?
MATACHÍN -Para min como se canta ópera. A min páganrne por trinchar porcos, e iso é o único que conta.
PORCO 2 -¡Quero unha botella de burbon e unha puta! ¡E quéroas xa! ¡Son un porco e teño dereito!
PORCO 1 -O que trato de dicirlle é que a miña presencia aquí non ten sentido.
MATACHÍN -Todo nun porco é aproveitable; pense na cantidade de chourizos que pode dar, e nos xamóns, as costelas, os fuciños, as orellas, a tripada, o hunto. Vostede, máis que ninguén, ten dereito a estar aquí.
PORCO 1 -¡Pero eu renuncio a ese dereito!
PORCO 2 -¡Pero que Filarmónica pensas que te vai contratar?! ¡Neses sitios non admiten porcos! ¡¿Viches algunha vez pola televisión un porco tocando o violín? Joder, a ver se lle fai entrar en razón.
MATACHÍN -Trate de ser razoable, o que di o seu irmán é certo. Xamáis un porco tocou nunha orquesta sinfónica, nin sequer de cámara.
PORCO 2 -¡A única posibilidade que tes é que che deixen cantar Na Vella Factoría Ía Ía Ou! ¡Pero esquece dunha vez a túa teima polas orquestas! ¡Non vas ler nunca no xornal búscase porco para primeiro violín!
PORCO 1 -Escoite. Eu non trato de negar quen son, pero si me nego a aceptar o que se agarda de min. Non aspiro a convertirme en buffet nacional. Se hai outros que están encantados con iso, perfecto. ¿Pero por que teñen que matarme agora, cando podo ser útil á sociedade?
PORCO 2 -¡¿E ti pensas que un bo cocido é unha inutillidade?! ¡Ti si que es un inútil, cona!
MATACHÍN -O seu ten unha explicación científica. Trátase dun mal denominado desorbitación de personalidade. Nestes momentos estou finalizando os estudios de Medicina e nas prácticas realizadas puiden observar este fenómeno en xente con intolerancia á glucosa. ¿Vostede é diabético?
PORCO 1 -Pois, non o sei.
MATACHÍN -Non todo o mundo sabe que é diabético. En moitas ocasións descóbrese accidentalmente.
PORCO 2 -¡¿E que hai do meu?!
MATACHÍN -Se vostede o prefire podo administrarlle unha dose de insula. Axudaralle a pasar este derradeiro trance.
PORCO 2 -(Apreixando ó carniceiro) ¡¿E que pasa coa fodida botella de burbon e a puta?!
MATACHÍN -O da botella podémolo negociar, pero o da puta...
PORCO 2 -¡E quero tamén que me poñan Love Me de Nicolas Cage!
MATACHÍN -Acougue. Este comportamento alporizado seu non é normal con tanta anticipación. A vostede aínda lle quedan unhas horas. Non estrague unha tradición tan consolidada. Se comeza a berrar agora, imaxine as consecuencias.
PORCO 2 -¡Pois non as imaxino!!
PORCO 1 -¿A que consecuencias se refere?
MATACHÍN -Simplemente: se un porco comeza a berrar arrepiado antes de que o leven ó matadoiro, só porque sabe que vai morrer, que algún día vai morrer, pense nun país como o noso, cun dos índices demográficos máis elevados do planeta en porcos, pense nos centos de miles de porcos que hai berrando, ¿quen aturaría a vida nun país así? Un porco é un porco. Un porco debe ser mainiño, repousado. Agresivo cando lle tocan o seu, iso si. Pero tremendamente sosegado, desinteresado por todo aquilo que non teña que ver coa provisión desenfreada. A relación que o porco mantén co mundo está condicionada, limitada e sometida polo seu apetite. O demáis non lle interesa. A súa curiosidade está baseada en se poderá ou non comer aquel obxecto asunto da súa atención. Un porco non pensa na morte como idea. Non ten esa capacidade intelectual. Un porco pensa na morte como a fin de toda enchenta posible, como a imposibilidade final de seguir comendo. E por iso berra.
PORCO 2 -¡Estou completamente dacordo contigo, mamonazo! ¡Así que como porco que son de pés a cachola quero correrme a última! ¡¿Escoita?!

O matachín, sen perder a súa temperanza, abofetea o Porco 2, que retrocede.

MATACHÍN -Non está vostede en posición de demandar. Moito menos de esixir.
PORCO 2 -Entón rógolle que me traia unha puta e que me poña esa canción, por favor.
MATACHÍN -Tratarei de compracelo, pero comprenda que non estamos para luxos.
PORCO 1 -¡Agarde! En canto a min, ¿non podo morrer de vello, e adicarme á música?
MATACHÍN - A min páganme por matalos. Non son quen para tomar decisións desa envergadura. Boas tardes.

O matachín marcha. Silencio. Porco 2 tira o paquete de tabaco.

PORCO 2 -¡Merda! (Bota ó paquete ó chan) ¡Quedei sen tabaco! ...Nin burbon, nin puta, nin tabaco, nin Love Me. Vaia unha puta merda...Sempre só.
PORCO 1-Teño medo.
PORCO 2 -Non lle debo nada a ninguén. O que fixen na miña vida foi porque quixen. Nunca pedín, nin roguei. E para unha fodida vez que pido algo, queren darme polo cú.
PORCO 1 -Teño medo.
PORCO 2 -¡¿Por que?!

Silencio.

PORCO 2 -Que non te vexan con medo antes. Só debes acolloarte cando veñan apreixarte. Entón podes berrar todo o que queiras, canto máis mellor: forma parte do folclore nacional.
PORCO 1 -Non penso berrar.
PORCO 2 -Non te poñas bravo. Toda a vida fuches un xainiñas: non queiras facer de heroi agora.
PORCO 1 -Non...
PORCO 2 -¡Escoita! ¡Canto máis berres mellor, desángraste antes e morres axiña!
PORCO 1 -É polo medo, non creo que poda berrar. Cando veñan buscarme hei ficar mudo.
PORCO 2 -Que vergonza.
PORCO 1 -Teño medo.
PORCO 2 -Si, xa te escoitei. ¡Tes medo, tes medo...!
PORCO 1 -¿Que podo facer?
PORCO 2 -¡Hostia, deixa de choromicar! ¡Se vas morrer bota peito e dilles, veña, do re mi, do re sol, vide por min, con, teño máis huevos que todos vós xuntos! ...Que non te vexan chorar aquí.
PORCO 1 -E despois no banco bótome a chorar.
PORCO 2 -Alí podes, porque todos os porcos acaban chorando e ti es un porco.
PORCO 1 -Pois eu non podo evitar ter medo.
PORCO 2 -Iso é normal, ¿ou onde pensas ti que teño eu os collóns agora?

Porco 2 lamenta tanta sinceridade. Senta.

PORCO 2 -...Necesito follar.
PORCO 1 -...Necesito falar.
PORCO 2 -Iso podes facelo só, claro.
...
PORCO 1 -¿Recordas o día que fun facer a preinscrición ó Conservatorio? Eu escoitabavos rir mentres me achegaba á parada do bus. Deixeivos na porta de casa e as vosas gargalladas escoitabanse por todo o barrio. Cando cheguei ó Conservatorio aínda vos escoitaba na miña cabeza, tiña gravada na memoria a imaxe de mamá mofándose de min, e cando a secretaria me preguntou que quería estiven a piques de volver a casa. Naquel momento de indecisión descubrín que a valentía ou o temor son ideas preconcebidas, que as decisións non son producto da firmeza ou da covardía, senón das circunstancias. ¿Por que ía regresar a casa? Así que Ile dixen que quería estudiar solfeo.
PORCO 2 -¿E que dixo ela?
PORCO 1 -Que estaba tolo, que ningún cocho fora nunca inscribirse ó Conservatorio. Que se todos os cochos fixeran coma min nas orquestas non habería máis que cochos porque neste país había moitos máis porcos do que a xente pensaba. Que como ía soar a 4ª Sinfonía de Mahler interpretada por unha orquesta sinfónica de cochos e dirixida por un cocho. Eu díxenlle que calquer porco podería dirixir a Mahler.
PORCO 2 -Boa resposta.
PORCO 1 -Pois a ela non lle gustou nada. Comezou a berrar como unha tola, que como ía poder dirixir calquer porco a Mahler, que se non tiña a menor idea de quen era Mahler, que claro, que a min como moito soaríame Elvis.
PORCO 2 -¡¿Elvis?! ¡¿Díxoche Elvis esa prea?! ¡Unha boa verga era o que precisaba, a moi puta!
PORCO 1 -Estaba desquiciada.
PORCO 2 -¡Elvis é o rei, joder!
PORCO 1 -Pero non está escrito en ningures que ningún porco poda estudiar no Conservatorio.
PORCO 2 -Claro...
PORCO 1 -Díxenlle a aquela muller que me amosase o regramento onde se explícita a imposibilidade de admitir porcos nos Conservatorios, ou cando menos a prohibición de que
podan tocar en orquestas.
PORCO 2 -¿E que che dixo?
PORCO1 -¡Que como ía estar escrito algo así nun regramento!

Os dous botan a rir.

PORCO 2 -¡Claro, que se foda!
PORCO 1 -Así que non lle quedou outra posibilidade que a de inscribirme. E como nesta vida hai cousas inamovibles, sexas ou non un porco, e unha delas é a escala musical...
PORCO 2 -¡Do re mi! ¡Do re sol! ¡Há, há, há, que se foda a puta !
PORCO 1 -E unha corchea é unha corchea, malia quen governe o país...
PORCO 2 -¡Do re mi! ¡Do re sol! ¡Que se foda, si señor!
PORCO 1 -...pois non lles quedou máis remedio que admitirme.
PORCO 2 -Como Elvis: el é o rei, mande quen mande neste país.
PORCO 1 -Despois as cousas complicáronse... Querían terme un ano estudiando solfeo sen poder tocar o violín, e aínda que nunca collera un estaba certo de que podería facelo sen ningún problema. Eu quería tocar o violín, non pasar horas e horas diante dun pentagrama cantando:
OS DOUS -¡Do re mi! ¡Do re sol! (Rín)
PORCO 1 -Marcando os tempos co brazo, como un estúpido...

Silencio.

PORCO 2 -Pero conseguiches tocar o violín.
PORCO 1 -Conseguín, pero o talento vai sempre da man da estratexia. Á miña profesora deulle por dicir nos conciliábulos musicais que o meu estilo era moi fácil, como se tocar o violín fose tan só fácil ou difícil...
PORCO 2 -Se ti o dis...
PORCO 1 -O caso é que non é moi normal atopar un porco nos conciliábulos musicais, ou polo
menos esa é a idea que teñen os músicos. Eu toco o violín como un porco, claro, pero ese é o meu estilo. E iso desagrádaos, porque o estilo depende do talento, non é unha cuestión de técnica. Amólalles que teña talento. Ter talento neste país é un delito. A non ser que o vendas. Daquela, ata os arroutos son virtudes na túa boca.
PORCO 2 -Cando eu bailo, póñolle medo á xente. Cando teño entre os brazos unha femia e
escoito Love Me de Nicolas Cage, as pernas vanme soas. Síntome a un palmo do chan. As moi porcas estarrecen contra o meu corpo, síntoas xemer por dentro. É fantástico... Pero non me creo Fred Astaire, ¿entendes? Fred Astaire era Fred Astaire, e non hai outro. Entón cando deixo a pista de baile doume conta de que xa lle paguei á moi prea, e que aínda que lle estivese pisando os pés todo o tempo, a fulana tería que sorrir, estarrecer e dicirme ó oído
Joder, se follas tan ben como bailas esta noite vai ser a hostia, cariño! Tería que falarme así porque iso vai no prezo. ¿Entendes o que trato de dicirche? É pura filosofía.
PORCO 1 -Aprobei cinco anos de solfeo e tres de instrumento sen ningunha axuda, créme. Se
seguín tocando non foi gracias a, senón malia a, ¿entendes ti o que che digo?
PORCO 2 -Ás veces crémonos demasiado especiais, pero todos temos a nosa ración de mediocridade. Niso consisten as relacións sociais, en disimular o mediocres que somos. Quen
mellor finxe chega máis lonxe. Pero ó final todos somos uns cabróns, créme. O presidente do país, que pensas que é senón un pobre cabrón coma ti e coma min, o que pasa é que ten unha idea da rentabilidade a longo prazo que nós non temos. Eses son corredores de fondo; outros son de media distancia, e hainos velocistas, coma min. Pero cando cruzamos as nosas metas e recibimos os eloxios, despois, todos fedemos a suor. E a roupa interior dá noxo. Cada ún de
nós ten que carregar coa súa particular saca de merda.
PORCO 1 -¿Con todo isto pretendes dicirme que non teño talento para a música?
PORCO 2 -Só trato de dicirche que ó mellor non es tan especial como ti pensas que es. Ó mellor, o teu talento consiste en ser breve, cando tocas.
PORCO 1 -Ó mellor ti tamén es excesivamente breve, cando folIas.
PORCO 2 -(Apréixao da chaqueta) Cando follo todo en min é prolongado, extenso e dilatado,
¿comprendes,mamón?
PORCO 1 -¿Entón como che aplicas o conto?

Os dous permanecen nesa postura un tempo. Porco 2 fita ó seu irmán sen saber que dicir.

PORCO 1 -¿Non me vas dicir ata onde che chega a merda?
PORCO 2 -Eu non ando por aí choromicando nas esquinas.

Porco 2 sóltao cun empuxón. Silencio.

PORCO 1 -¿Non pensas ser sincero por unha vez na túa vida? ¿Que leccións pretendes darme se aquí o único farsante que hai es ti? ¿Cal é o teu problema? ¡¿Cal é o teu problema, dime?!
PORCO 2 -¡Ti es o meu problema!
PORCO 1 -¡Ven aquí e dimo á cara!
PORCO 2 -¿Estás parvo?
PORCO 1 -¡Ven aquí!
PORCO 2 -¿Queres desafogarte comigo?
PORCO 1 -¡Sempre fuches un cabrón!
PORCO 2 -Estás...
PORCO 1 -(Apréixao da roupa) ¡¿Por que me falas así?! ¡¿Que dereito tes para insultarme?! ¡Claro que teño talento para a música! ¡Teño todo o talento do mundo!
PORCO 2 -¡Non tes nin puta idea! ¡Cada vez que colles ese bicho a xente bota correr onde pode! ¡Non hai deus que o ature!
PORCO 1 -¡Acontece que na túa miserenta vida xamáis tiveches ou sentiches outra cousa que non fose unha erección! ¡Todo na túa vida é pura medianía!
PORCO 2 -¡Sei perfectamente ata onde me chega a merda! ¡Non trato de enganarme con mentiras!
PORCO 1 -¡Non todos somos coma ti!
PORCO 2 -¡Ti es un cretino!
PORCO 1 -¡Mides a todo o mundo co raseiro da túa frustración!
PORCO 2 -¿E por que cres que estás aquí, imbécil? Aquí vimos parar todos os fracasados. (Libérase do irmán, afastándose). ¿Non quererás abrir os ollos dunha vez?

Silencio.

PORCO 1 -Pero ti estabas cheo coa túa vida. Críaste a salvación da patria.¿Non eras un heroi? Se ata coñeces o presidente, que sabes que é un cabrón corredor de fondo. Agora o entendo... Es un intelectual, ¡e eu rindo de ti! Departes coas altas xerarquías, todos queren paparte; que mellor homenaxe que asarte vivo no nome da cultura, claro... Vaia, ...vaia, que sorpresa. (Senta) ...Antes gustabache facer barbaridades, lembro que unha vez cagaches no brandi de papá, foi divertido cando bebeu da copa e se atragantou coa bosta. Eu pensaba que eran só porcalladas, pero agora vai resultar que era realismo socialista. (Ri) É incrible! ...¿E que din os teus compañeiros de partido? Toda a vida na trincheira e agora vas de putas co presidente; claro, todo encaixa, porque ti non tes un peso e alguén tiña que pagarche as corridas nocturnas. Claro que os teus compañeiros de partido que van dicir, ir de putas é algo que todo o mundo fai ...Dime unha cousa, ¿non che dá noxo ver como mandaches á merda aquilo no que crías? Agarda, ¿criches algunha vez en algo?
PORCO 2 -...Estou só.
PORCO 1 -¡lmpórtame unha merda! ¡Eu tamén estou só! ¡Hai moita xente soa aquí!
PORCO 2 -...¿Sabes o que sinto cada mañá cando me visto? Unha dor terrible aquí, entre a gorxa e o peito, que non me deixa respirar. Vivo só.
PORCO 1 -¡Todos vivimos sós!
PORCO 2 -Pero ti tes a música.

Silencio.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega