Matanza

Páxina Anterior

Terceira parte

 

PORCO 2

PORCO 2 -¿E eu que teño? Vagabundeo polas rúas, como só, e entre café e café cáscome unha palIa para saber que aínda sigo vivo...! ¡O único que me queda é este país! Esta merda
de país polo que estou disposto a morrer. É o único que teño. ¿Comprendes?
PORCO 1 -Odio a túa patria de carnívoros.
PORCO 2 -É o único que teño.
PORCO 1 -A miña patria é a música.
PORCO 2 -Pero tocas aquí.
PORCO 1 -¿E de que me serve un país que me afoga, que quere despedazarme e facerme chourizo? A miña patria son as partituras.
PORCO 2 -Non es especial.
PORCO 1 -Polo menos teño a conciencia tranquila.
PORCO 2 -¡Non es especial, hostia! ¡Non hai xente especial! ¡Non hai ninguén especial! ¡Non hai ninguén...!

Silencio. Os porcos descóbrense insoportablemente sós. Escóitase correr un pecho.

PORCO 2 -¡Xa veñen...!

Os porcos fítanse tensos. Entra o matachín.

MATACHÍN -Non teño predilección por ningún de vostedes dous, así que poden acordar quen vai primeiro.

Os porcos fítanse coa dúbida na boca.

MATACHÍN -(A Porco 2) Desculpe. Consultei a súa petición: a botella de burbon e a puta non poden ser, pero non existe ningún inconveniente para que escoite Love Me de Nicolas Cage.
PORCO 2 -¿Pero que di? ¡Quero a puta e a botella de burbon!
MATACHÍN -Imposible. Se realiza vostede o coito liberará centos de hormonas que han afectar ó sabor da súa carne, o mesmo que pasaría se vostede inxerise grandes doses de alcohol. Bailar non lle ha facer mal.
PORCO 2 -¿E con quen quere que baile?!
MATACHÍN -Ese non é o meu problema, señor. Non hai puta nin burbon.
PORCO 2 -Pero Love Me de Nicolas Cage hai que bailala cunhas boas cachas nas mans.
MATACHÍN -¿Quere, definitivamente, que lle poña a canción ou non?
PORCO 1 -Que máis che ten. É a última vez que vas escoitar Love Me de Nicolas Cage.
PORCO 2 -¡Que non, hostia! ¡Que eu sen puta non bailo!
PORCO 1 -¿Queres que eu baile contigo?
PORCO 2 -¿Ti toleas?
PORCO 1 -¡Xa non che van quedar máis botellas de burbon nin máis putas! ¡Hoxe é o último
día! ¡Non queda máis de nada!
PORCO 2 -Polo menos unha cervexa.
MATACHÍN -Escoite. Voume xogar o posto por vostede. O único que lle podo dar é este zume de melocotón. (Tira do peto un cartón aberto de zume, pequeno) Está empezado; pode chuchar pola palliña, eu non as uso.
PORCO 2 -(Co paquete de zume na man) Joder, isto é incrible...
MATACHÍN -Escoite, a min páganme por traballar aquí. Coñezo e respeto a legalidade. Pero créame que o entendo. Os gordos tamén temos problemas.
PORCO 2 -Non se me vai poñer chorar agora!
MATACHÍN -¿Sabe o difícil que é para un gordo rematar os estudios de Medicina? Para a xente do meu tamaño todo é máis complicado. Os delgados licéncianse moito antes.
PORCO 2 -Ah, moi interesante, si.
MATACHÍN -En realidade, a miña vocación é a pintura. Adoro Munch, Oskar Kokoschka e Max Bechmann. Pero habitualmente plaxio a Dalí... O tempo pasa.
PORCO 2 -Si, todos estamos condenados a morrer.
MATACHÍN -Non, digo que o tempo pasa. Que se ten que decidir xa. Non podemos permitírmonos ningún retraso. A legalidade é a legalidade.
PORCO 1 -Poña esa canción.

O matachín sae.

PORCO 2 -¡Non quero escoitar ese himno con este puto tetrabrik na man! ¡Mírame! ¡Olla o teu
irmán! ¡Son unha homenaxe ó ridículo!... Toda a miña vida fun un verdadeiro porco e agora queren convertirme nun fodido beato, casto e sobrio. ¿Por que non me deixan morrer como o que sempre fun?... ¡Hipócritas!

Irrumpe no silencio da cela a voz grave de Nicolas Cage cos primeiros acordes de Love Me. Porco 2 ergue a cabeza.

PORCO 1 -...Baila comigo.
PORCO 2 -Que dis...
PORCO 1 -Baila comigo.
PORCO 2 -¡Eu só bailo con putas!
PORCO 1 -Serei eu a túa puta.
PORCO 2 -Se nin has saber o que é un condón.
PORCO 1 -(Apréixao) ¡Serei a túa puta! ¡Serei o que ti queiras! ¡Baila! ¡Estes compases non has volver escoitalos! ... ¡¿Podes comprendelo?!
PORCO 2 -Déixame...
PORCO 1 -¡Aproveita o que tes!
PORCO 2 -¡Déixame tranquilo!
PORCO 1 -Escóitame... ¡escoita! ¿Se tiveses a oportunidade de volver comezar, desde o principio, cantas cousas rectificarías na túa vida?...

Entra o matachín.

MATACHÍN -¿Non bailan? ¿Acaso isto non é Love Me de Nicolas Cage?
PORCO 2 -¡É Love Me de Nicolas Cage, si, hostia!
PORCO 1 -Cando esteas no banco, e sintas o coitelo afundir na túa gorxa tratarás de buscar na memoria esta música, e laiarás por non ter bailado agora. Non estragues a última oportunidade que tes de facer algo ben.
PORCO 2 -Dacordo, hei bailar esa fodida canción. ¡Pero con este cacho de unto vivinte mirando para min, non!
PORCO 1 -Por favor, ¿podería tapar os ollos?
MATACHÍN -Non traten de escapar. Sería inútil.

O matachín cubre o rostro coas mans. E os porcos bailan (3) Love Me de Nicolas Cage.
Ó rematar o último compás cae un terrible silencio. O matachín descobre o rostro lentamente.


MATACHÍN -...Unha canción preciosa.
PORCO 1 -Realmente preciosa.
MATACHÍN -Está ben. Non dilatemos máis o inevitable. ¿Quen vai ser o primeiro?
PORCO 2 -...Eu. Non quero ficar só pensando no que veño de facer. ...Teña o zume, aínda queda un pouco. Está ben. Supoño que isto é todo.

Os porcos fítanse.

PORCO 2 -Que silencio máis pegañento, hostia.
PORCO 1 -Adeus.
PORCO 2 -¿Sabes? Unha noite, cando tiña dez ou doce anos, entrou unha volvoreta na nosa habitación. Botei toda a noite mirando para ela. Pasou horas turrando contra a bombilla da lámpara. E cando amenceu estaba morta na mesiña de noite.
MATACHÍN -Eu as volvoretas esmágoas dun zapatazo.
PORCO 1 -Levas toda a vida cantando do re mi, do re sol. Sempre esqueceches fa.
PORCO 2 -¿E onde vai fa?
PORCO 1 -Entre mi e sol.
PORCO 2 -Está ben sabelo, aínda que xa non me queda tempo para cantar.
MATACHÍN -Dacordo. Abreviemos a situación. A partir deste momento pode berrar todo o forte e canto queira, pois está a piques de ser sacrificado. Atención: vai morrer, ¿comprende a inrnensidade do que lle estou dicindo?
PORCO 2 -(Asustado) Claro.
MATACHÍN -Non quero que haxa malentendidos.
PORCO 2 -¡Está ben!
MATACHÏN -De acordo: xa pode berrar. (Tira un enorme coitelo de matanza)

Porco 2 perde subitamente toda a anterior forza, e comeza a choromicar, como un neno pequeno, un pequecho desvalido, botando mocos e bágoas de neno só, anicado no chan. O matachín bate nel cos pés, o primeiro sen demasiada forza, mais a violencia irá medrando.

MATACHÍN -Gústame escoitar como chora. Faime sentir máis delgado, un modelo de pasarela, como un bailarín con mallas axustadas.

Ferozmente golpea nel, patadas e golpes mentres Porco 2 chora e berra.

MATACHÍN -(A Porco 1) Desculpe. Nun momento estou de volta. (A Porco 2) Camiñe. Berra fantasticamente. Os seus compatriotas han estar orgullosos de vostede.

Marchan.
Porco 1 só en escena.


PORCO 1 -Aquela noite en Bruxelas o ceu estaba ateigado de estrelas. Eu descansaba nunha terraza da Grand Place; fora alí despois de cear. Rodeado do balbordo da xente que ía e viña, cunha taza de té, observaba o magnífico ceu que me cubría, e alá no fondo, aqueles diminutos puntos de luz que se perdían no universo. Pola tarde, nunha librería, atopara unha vella edición das obras completas de Racine. Agarimaba as cubertas do libro, desgastadas polo tempo e as mans de quen sabe desde 1853. Co libro entre as mans e a ollada no ceu pensaba que tiña atrapada unha pequena porción de pasado. Pechei os ollos e sentín a inmensidade no meu interior, e ó abrilos vinme perdido na inmensidade do universo, envolto polas pegadas do xentío nos adoquíns da praza. Aquel foi un instante de perfección, deses que te asaltan no momento e lugar máis inesperados, e que tratas de alongar canto podes, ata que un murmullo, un ruído, unha voz, un pensamento que se cruza impertinente creba ese máxico instante. Á mañá seguinte partía de volta no tren. Choveu toda a viaxe. Nun momento, coa cabeza apoiada na fiestra e sentindo o petar da chuvia doutro lado do cristal, descubrín no lombo do libro unha data e o nome de quen posuíra o tomo que eu mercara por catro francos. Un tal Débêve. 30 de setembro de 1896. Pode que fose un estudioso da literatura, un sabio, e agora, quen sabe, se cadra isto era todo o que ficaba deI: un nome e unha data no lombo dun libro nas mans dun porco. De súbito, os nomes e os apelidos semelláronme insignificantes. ¿Que lle quedaba a Racine de todo o seu esforzo literario? Aquel vello libro que cruzaba comigo Francia a unha velocidade inusitada para o século XVII. Racine estaba morto, como o tal Débeve. Á xente non lIe queda nada, acaso certa satisfacción da vaidade do presente. Só fican as obras. Abrín o libro e lin en grandes letras impresas: Jean Racine. ¿E se arrincaba esa folIa? ¿Que lIe quedaba a Jean Racine? Así que tan só era unha folIa. Alí estaba todo o trabalIo dunha vida, Fedra, Andrómaca, Británico, pero só un movemento da miña man podía acabar con el. A man dun porco. Por un instante sentinme Deus: a vida de Racine dependía da mina vontade. Pero aquela grandeza esvaeuse no momento no que pensei que alguén podería arrincar a miña páxina. No meu caso, a folIa do Rexistro Civil. Se alguén a arrincaba do seu tomo correspondente, ¿que ficaría de min? Así que somos papel, pensei mentres saiamos de Toulousse. ...Aquela noite en Bruxelas, só por un instante, fun inmenso na Grand Place.

Entra o matachín, co diantal cheo de sangue, o mesmo que as mans e os antebrazos ata os cóbados, e o coitelo. O seu peiteado mudou en guedella revolta,a flacidez graxenta do seu rostro en tensión enroxecida.

MATACHÍN -Finalmente o seu irmán comportouse como un porco; debateuse con ferocidade. Compriron catro homes para deitalo no banco. O xorro de sangue brotou con virulencia. Encheu dous caldeiros mentres berraba; foi unha auténtica carnicería. Ó final creo que cantaba algo, pero non se lle entendía. Debía ser inglés.

PORCO 1 -¿Van matarme no mesmo banco?
MATACHÍN -Así é.
PORCO 1 - ...Haberá sangue por todas partes.
MATACHÍN -Teña (Dálle o seu pano, enrugado e suxo). Pode tapar os ollos.
PORCO 1 -Non o preciso, quero mirarlle os ollos mentres o fai. Está ben. Guíeme.

Silencio.

MATACHÍN -¿Non vai berrar?
PORCO 1 -¿Para que?

O matachín dálle unha forte labazada. Porco 1 nin se inmuta.

MATACHÍN -¿Non é vostede un porco?
PORCO 1 -Son.
MATACHÍN -Daquela ten que berrar. Todos os seus compatriotas berran asustados chegado este momento.
PORCO 1 -Non se equivoque: o último ano que cursei estudios no Conservatorio coñecín un porco que estudiaba primeiro de canto. Neste país non todo mundo berra.

Porco 1 marcha.

MATACHÍN -O que me faltaba. Ter que lidiar agora con porcos intelectuais.

Marcha detrás.





(1) Orientacións para un director de escena sen argumento:
Porco 1 usa gafas. Emana certa elegancia nos seus movementos, así como unha evidente educación no seu comportamento e expresión oral. Pantalón de pana. Camisa de lá. Porco 2 é a súa antítese. Non usa desodorante. Non se ducha. Non lava os dentes. Peitéase cara atrás e viste un envellecido traxe de tergal. Camisa branca desbotoada. Gargantilla douro. Aneis. Calza zapatos negros, suxos.
A única música que se ha escoitar de fondo, nos momentos de maior tensión escénica, debe ser a emitida por un pandeiro.

(2) PAI -¡Esa luz, hostias, que a estou vendo desde aquí, en dios joder malditos canallas ¿para que queredes ver? ¡Non hai nada que ver, vouvos meter a luz polo voso cú de cochos de merda! ¡Eu nunca precisei ver, hostia, con tanta luz semellades anxeliños! ¡Non estades no ceu, en dios, estades aquí, neste puto cortello cheirento que é a nosa casa!
NAI -¡Papá, non me jodas a casa co teu fedorento vocabulario e deixa os cativos en paz!
PAI -¡¿Para que hostia en dios queren eses canallas luz?!
NAI -¡Será para ver, maldito animal, a ver se te levan axiña a matanza!
PAI -¡Non me enchas os fuciños, mamá, e tráeme outra puta cervexa!
NAI -¡Estasme jodendo a alfombra coas babas que che caen!
PAI -¡Cala, porca!
NAI -¡¿Vas limpar ti a merda que tiras?! Está todo feito un noxo.
PAI -¡¿E como hostia queres que o teñamos se somos uns cochos?!
NAI -¡¡Aah! ¡era a alfombra da mina nai!!
PAI -¡A túa nai era unha boa porca!
NAI -¡Os cativos están escoitando!
PAI -(Golpeando brutalmente a nai) ¡E a filla como a nai! ¡Unha boa porca!
NAI -(Ós fillos) ¡Pechade a porta, nenos! ¡Non miredes!

(3) Parafraseando a Genet, abonda dar indicacións sobre o baile, pois un bo director de escena non as precisará. En canto ós outros, para que darllas, se ó fin montarán un baile gracioso e divertido.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega