O frade era galego e outros relatos

Páxina Anterior

O vello cedro. Escolma

 

Nun recanto do patio

    Nun recanto do patio, o Cedro axita lábiles ramas sedento pola sequía prolongada do vran. No ardente mediodía, a súa sombra e unha mancha escuálida case crepitante.
    É unha vella árbore familiar, centinela avanzado dos anos fronte a chouza onde as xentes nacían, casábanse, tiñan fillos e morrían nunha virivolta inacabable de norias. Os nenos de moitas xeraciós enredaron baixo del, e infinidade de aves fixeron nidos, a través do tempo no seu tronco e ramaxes. As veces esvaise co reflexo intenso do sol, coa atmósfera quente, e a arbre soña con escoitar de novo unha voz que rache a monotonía da paisaxe, da chouza en silencio, da pesada inmovilidade do ár.
    Pero non sucede nada ço correr de días e anos. Hoxe, a calor inflámase e medra arredor seu, apretándoo con anelos de asfixia e bochorno que apagan o gozo e funden a alegría nun remoto ourizonte de anguria. Zúmbanlle arredor os insectos e verdes lagartixas e marelentos lagartos descánsanlle nos saíntes do tronco. Nos pés, un brión reseco e uns erballos fanlle acadada compaña. O sol fíltrase a través das ramas e pisa o chan con panos de intensa luz na achaparrada sombra feita pola hora cenital.
    O vello cedro soña. Soña con nenos, e pombas, garzas e pardales, e cigoñas de invisibles e lonxanos campanarios. Merlos e anduriñas picoteando entre as pitas do curral, que escandalizan cantando nos niños do galiñeiro. Soña coas congostras que levan lonxe, entre os cañamazos das froumas, nubes e ceo azul. Coas fumaredas saíndo do teito da casa, con homes e bestas traballando por alí, con meniños outra vez gatexando polo seu tronco e ponlas, ganosos de acadar os niños dos paxaros que os albiscan chiando medrosos.
    O cedro soña tamén con lonxanas xeneracións de xentes que viviron alí cando a vida era máis primitiva e simple, baixo un sol de lume ou choivas en aluvión esbarando violentas pola sua enrugada corteza. Soña con flores e fitas de plantas rodeándoo. Cos cardos e o toxo, o codeso e as xestas, nas lonxanías sorrintes dos requeimantes estiaxes por soles despiadados, e nos invernos por neves e saravias, xiadas e negras, enfriándolle as antergas sangues.
    De alá lonxe, do pobo, chégalle o rumor da vida que fai un duro contraste co silencio e a soidade que o arrodea a el e a chouza abandonada. Ve chegar, cada cando a homes e mulleres as casas humildes, e óllaos camiñar sobre da terra quente diste vran, polas malezas que se queiman coa calor, e afanarse en labouras de esclavo, para descansar logo en sestas que os alivien da pesadez do ambente, sombra piadosa pero requentada que cai cásique vertical das árbores. Óllaos logo ir e vir de novo polos camiños empoeirados, adivínaos algunhas veces máis lonxanos. Entre a máis fresca lentura das terras regadías, perto das marxens alfombradas de follas e da pouca fondura do regato.
    E un día, resoan outra vez pasos de pes descalzos no sendeiro que leva a chouza. Un home e unha muller, novos, de morena pel e carne preta e xove, entran ó ancho curral pola vella porta de táboas, tantos anos pechada.
    O home é alto e forte, e nos seus ollos brilla a decisión e o valor. Seus brazos abarcan tenramente a cintura da muller, que se apoia nel con amoroso abandono. Unha dozura interior aluma a facie femenina e os ollos garzos i escuros teñen o lume suave do amor. O home bícaa, garimoso, apasionado, e dille:
    -Xa chegamos, neniña. Eiquí viviremos agora, ¿Agrádache, meu ben?
    Ela entregándose máis, bicándoo tamén, responde en voz baixa:
    -Agrádame estar contigo sempre, onde queira que sexa, hom.
    -Pero cecais no che guste tanta soedade. E xa sabes que eu teño que vivir escondido por o de agora...
    -Non me fales deso orastora. Esconderéime contigo. E si ti estás á miña veira ¿A quén, a que soedade lle podo ter medo?
    Non contestou o home por un intre. Logo, cambiando o rumo dos pensamentos dela. Sorríu. A facie pareceu cambiárselle de novo.
    -Mira, muller, ¿Qué nos importa todo, agora? Viviremos aquí, e ninguén nos descubrirá. Refarei a miña vida e ti serás a miña compañeira por sempre. Esquécete do malo todo. Mira, ata temos unha árbore. Un vello cedro, medio seco polo vran, pero que as próuximas choivas farán reverdecer, xa verás.
    -El será o único compañeiro da nosa dita... e do noso desterro -musitóu ela entre tristeira e feliz.
    -El seráo durante un tempo. Logo ollará medrar e correr ós nosos fillos, e os fillos dos nosos fillos, meu amor.
    Parece que todo se ilumina con máis intensa luz, e que un recendo a lilas e adelfas galopa pola brisa, ata eles e o cedro. O ár poerento disólvese nunha imprevista frescura e a árbore sinte que os seus sonos tuveron a virtude de chamar de novo á vida, e que esta chega en ondas latexantes nas hinchadas veas do home e da muller, que traspoñen a orta da solitaria casa. O sol aínda chorrea luz e uns quentes zumes cercan ó cedro e o tocan maravillosamente, coa presencia deles, trepándolle pola vella savia atormentada de soidades durante tantos anos.
    No seu sensitivo sentir de árbore, vaise perfilando a visión do futuro confundida cos seus soños arelantes, coas imaxes do lonxano pasado. Bestas e homes arrodeándoo outra vez. Os galos ferindo as madrugadas coas agudas dianas do seu canto. Os nenos buscando a mel e os altos niños nas súas apretadas ramaxens...
    O vello cedro trema de gozo, e un misterioso espeutro poboa a súa follaxe reseca. Brillan cercáns cristais de felicidade no apacible interior da chabola. Úlese outra vez o brión húmedo, e ós urxentes desexos no secreto sangue dos matorráis, das frores de rara i exótica estructura, na madreseiva que emerxe a súa miuda umbela florecendo sobre do alto das sebes, desde afora.


Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega