O gaiteiro de Soutelo. Unha espresión da cultura popular

 

Limiar

Páxina Seguinte

v2rivastroitinhoogaiteirodesoutelo001.html

     Lembrar ao "gaiteiro de Soutelo" é falar dunha lenda; pro, dunha lenda nada neste século. A biografía de Avelino Cachafeiro serviranos, por unha banda, de testemuño de cómo nacen as lendas da nosa terra.
     A presente obra, suxerida por moitos amigos, está escrita, por outra banda, dende unha perspeitiva filosófica. Quere ser, así, un ensaio encol de Galicia, a traveso dun home sinxelo, escolleito coma prototipo do home galego de sempre. A biografía do "gaiteiro de Soutelo" —símbolo dunha época e cultura, símbolo dun ensaio de xuntanza das duas Galicias— irá, xa que logo, en liña paralela á fenomenoloxía do home galego.
     A medida que me fun adentrando na obra de Avelino Cachafeiro, houbo duas cousas que me chamaron moito a atención. O porqué se perde, na historia da gaita galega, o nome "civil" dos bós intérpretes pra seren coñecidos somentes polos nomes dos seus pobos de orixen, era a primeira.
     A outra suxireuma a saída do seu libriño de poemas "Voando cas áas da vida". Cicáis sexan unhas cantigas que non encaixen nas estéticas tradicionais; nonstante, latexa nelas o esprito máis enxebre dos temas poéticos galegos. Nelas recóllese o esprito do pobo de Galicia. ¿Cales haberán de ser, pois logo, os criterios estéticos que temos de apricar á obra "poética" do gaiteiro de Soutelo?
     Tentaréi de dar eiquí resposta a estes dous fenómenos, aínda que denantes me sinta obrigado a xustificar a miña oución.
     Un filósofo se non pode manter alleo ao pobo. Non é máis do que un fillo da terra, do mundo e do esprito que semella animalo. A ouservación dun mundo —ou a ademiración, como quixo Aristóteles— é a que fai nacer o pensamento filosófico.
     Cicáis ningún outro intelectual necesita tanto das raíces do pobo. "Os filósofos —escribeu Marx— non saen da terra, coma as patacas; son o froito do seu tempo e do seu pobo... A filosofía non é esterior ao mundo".
     I é certo. Por eso lles gusta ouservar o seu mundo, o seu tempo, mesmo nos máis pequenos detalles. Umberto Eco e Enrique Lefebvre insisten nos nosos días nesta función filosófica de atender ás cousas de tódolos días. Pro o filósofo —nesto diferénciase dos do seu tempo— non se perde nelas, non; achégase, pola contra, cunha lonxanía de perspectiva, cunha metodología concreta. Por eso amostra o que é e máis o que debe de ser. I é, por siñalar ese longo camiño que hai antre o que é e o que debe ser, pobo que é considerado como un "estranxeiro", que lle gostaba decir a Nietzsche.
     Polo mesmo, unha biografía pódese escribir de moitas maneiras: sacando leicións do pasado, botando contas pra o porvir... No meu caso teño mentes maiormente de peitar tributo a un home que amou moito a Galicia. Pro, como a vida non é un feito aillado, senón un conxunto de ámbitos ensarillados, hai que atendelos tamén se queremos chegar perto do noso biografiado.
     É nesta pauta na que daréi resposta aos fenómenos dos que hai pouco falaba.
     Cando outro filósofo escribéu: "Non somos nós os que falamos; é a sociedade a que fala por nós", armouse barullo dabondo. Pro é certo, e, no caso de Galicia, unha gran verdade.
     Por eso este libriño comenza falando da Terra de Montes. Xa que esa é a razón pola que o gaiteiro é, sin máis, "o gaiteiro de Soutelo". Leva o esprito da sua Terra no fol da sua gaita, e trasmíteo aos demáis cando pon os seus dedos no punteiro. Provén daí tamén, sen dúbida, que a sua obra poética leve sempre unha concreción xeográfica, unha referencia.
     Mais alá de todo esto, o que está a rebulir é toda unha esplicación antropolóxica: o home aparece no meio do seu derredor. Non esquezamos que home e humanismo veñen de "humus", terra. O home galego —que localiza aos seus polo nome do pobo onde naceu— síntese parte dun meio natural, ou dun meio divino na linguaxe de Teilhard de Chardin.
     Velaí cómo non fai falla adeprender os nomes dos gaiteiros. Hai dabondo con saber os dos seus pobos, aos que eles representan coa sua gaita. E os bós serán os que saiban recoller millor o esprito do seu pobo e, endalí, poidan captar o da comunidade étnica.
     O gaiteiro de Soutelo, poñamos por caso, formouse no meio das carballeiras e dos montes de Soutelo, ao lado dos regueiros coma o Lérez. Dese xeito, puido ser o gaiteiro de Galicia: o Lérez, máis medrado, percorre outros pobos, e as carballeiras son ben semellantes en toda a terra de Breogán. A sua esencia, dirían os filósofos doutros tempos, é a mesma.
     O sentimento da constitución dun meio natural é, deste xeito, a esplicación da denominación dos gaiteiros polo nome dos seus pobos.
     A segunda ideia, á que me refería ao comenzo destas páxinas, encádrase nos temas poéticos do gaiteiro.
     Lémbrome de que a miña bisaboa faloume, de pequeno, de que non debía fitar pra o río: seica había mulleres alí embaixo que chamaban por un. Moito pensei nesto ao cabo dos anos. E funme decatando de que non era ela soia quen así se espresaba. Cando Labarta Pose escribe a "Fonte do demo", fala do mesmo, aínda que non o crea. E cando Avelio dí, ao ver cair lostregando unha estrela, que pode ser unha ialma en pena, está aludindo ao mesmo.
     É decir, non é somentes un meio natural o que se sinte, senón un meio natural no que todo fala e todo vive. O poeta Víctor Hugo esplica esto cando di:
     "Tout parle? Ecoute bien. Cest que vents, ondes, flammes, àrbres, meaux, rochers, tout vit! Tout est plein d'ames".
     Pra min que todo esto é unha aboenga lembranza; e cando o "gaiteiro" recolle esta conceución animista do derredor, está a recoller tamén a conceución do mundo de Galicia (a Weltanschaung, en verba téinica).
     É posíbele que moitos se rían ante estas consideraciós. ¡Alá eles! Pro non deixa de ser paradóxico que, cando vivimos con máis mitos, os homes do noso tempo se bulren das vellas esplicacións da vida, en vez de percurar entendelas. Haberá que lembrar, a este respeuto, a sentencia de Hölderlin: "O home é un deus cando soña, e moi pouca cousa cando refleisiona".
     Despóis de esto, coido que podo manifestar o moito agrado co que aceitéi escribir esta biografía do Gaiteiro de Soutelo.
     Nel coállase todo o esprito da Terra de Montes. Nos sons da sua gaita escóitanse os ecos de Galicia enteira. E nas suas cantigas falan as carballeiras, os regueiros, toda a paisaxe do fogar de Breogán.
     Nembargantes, é moi pouco o que se pode decir en linguaxe escrita do soar da sua gaita. Se acaso, que foi esceicioal, cáseque único; e pouco máis, porque a linguaxe da gaita é doutra caste. Non se estrañen, logo, cando vexan que á faceta "poética" de Avelino Cachafeiro lle adicamos tanto ou máis do que á de gaiteiro. En verdade, as duas aitividades ben poideran ser unha soia: o fondo sentimento de Galicia nun home que moito a quixo.
     Ir á percura dese esprito de Galicia na obra do biografiado é o ouxetivo deste libro. E, sobor do seu virtuosismo coa gaita, pouco máis que constatar a lenda é o que podemos facer.
     Neste contesto, a biografía do "Gaiteiro de Soutelo" quere ser así unha biografía de Terra de Montes, e aínda máis, unha biografía de Galicia e dos seus fillos. En dous sensos. Nunha banda, a biografía do Gaiteiro de Soutelo é espresión de que as lendas da nosa terra fanse da realidade. De Ventosela non fican máis que contadas lembranzas de lembranzas. Penalta soará mentres se lea a Curros. E o de Soutelo serviranos de testemuño do fondamento das nosas lendas.
     Na outra banda, pretende ser biografía de Galicia en tanto que as obras de Avelino Cachafeiro son espresión da Galicia de sempre, de Galicia rural, noble e limpa, dos galegos que sempre sentiron e falaron en galego. No problema aitual das duas Galicias, é perciso presentar a eses galegos que, sin ir ao mercado da cultura, teñen unha cultura vital que é forma de vida e pensamento da Galicia real. Cicáis neles topemos a verdade de Galicia que temos de adeprender a conocela pra poder decila.
     Pola mesma razón esta obriña non está tan documentada como sería o meu anceio. Preferín silenciar os dados que non poiden comprobar, e suxerir, fenomenolóxicamente, o esprito da terra que se me semellaba máis importante.
     Os leitores dirán se chegou a se conquerir este propósito na medida en que se sintan identificados coa biografía.
     E, chegados a este punto, síntome obrigado a dar as gracias a quen tiveron parte nesta obra.
     Á irmán de Avelino Cachafeiro, Sra. Sabela, e á sua familia de Soutelo débolles unha especial gratitude polas moitas facilidades que me deron prá redaición da biografía do seu parente.
     Ao párroco de Soutelo, D. Xosé Pérez Bértolo, e ás xentes de Montes que me axudaron na recolleita de dados e lembranzas.
     Esceicioal gratitude me merecen o Dr. Avelino Senra, Manoel Senra e Xosé Lois Barreiro. Á xunta co xornalista Manoel Molares do Val, fóronme suxirindo temas e axudáronme sempre con tanto entusiasmo coma min. A Manoel Senra débense, ademáis, as fotografías que ilustran o libro.
     E aos meus colegas Xesús Portas, Lois Rodríguez e Xoan G. Millán que día a día foron revisando as páxinas do libro e facendo sugerencias e correcións ao fondo e á forma. A todos, o meu agradecemento.

 

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega