O gaiteiro de Soutelo. Unha espresión da cultura popular

Páxina Anterior

Máis alá da biografía

 

v2rivastroitinhoogaiteirodesoutelo008.html

     O silencio que se garda sobor de tantos esgrevios galegos dame que pensar. Nunha ocasión lín (1) que Galicia esquece aos seus fillos cernes porque son moitos os que chegan a esa categoría. Pro na miña opinión, son outras as causas, ademáis desas.
     Os pobos, coma as relixións, necesitan dos sacerdotes que manteñan o lume sacro do pasado, parte importante do patrimonio dunha comunidade humá. Os pobos, en ningures, se esquecen dos seus mortos senón que lle rinden —ao seu xeito— gratitude: facéndolle moimentos a úns, pra que os coñezan as novas xeneracións; reservándolle un lugar no lar, coma os románs; ofrecéndolle aitos funerarios e relixiosos, coma os católicos; falando das suas obras e adicándolle homenaxe cando pasa o tempo... E cando merezan a lembranza coleitiva, mesmo nesta sociedade de usar e tirar, faráselle un moimento colectivo: ao soldado descoñecido...

     Galicia peita unha honra especial aos seus mortos. Nesto é totalmente diferente aos demáis pobos da Península Ibérica. O galego aloumiña aos moribundos, e o morto sigue vivindo na sua comunidade, non na Santa Compaña como pensan moitos de fora. A razón desto é que, pra os galegos, todo ten vida, todo ten alma, como xa dixemos noutra páxina desta biografía.
     Pro os mortos cernes, os que dalgún xeito contribuiron a millores tempos ou persoificaron a ialma colectiva, teñen dereito a outro trato máis distinguido. Os encarregados de manter ese lume sagro son os "sacerdotes da cultura", os inteleituaes, que deben velar por ese patrimonio colectivo da comunidade humán da que partillan.
     No caso de Galicia, o seu inteleitual foi unha falacia dende os tempos en que a raíña Sabela, coñecida na Historia como a católica, tencionóu aniquilar todo vestixio de cultura galega. Algúns coidan que a medida foi positiva pra nós; outros, nos que me conto, somos da opinión de que alí comezou a nosa ruina.
     Deica entón, con máis ou menos fortuna, Galicia dera homes senlleiros nos campos do saber e da vida. Dende entón, perdeuse a diñidade da nosa condición; e, por eso, fora da nosa terra, a verba "gallego" ten siñificacións tan peiorativas e inxuriosas; e de nada vale que non sexan certas. Un pobo sin inteleituáes —coma a relixión sin cregos— vai perdendo a forza.
     Pra máis, cando esa raiña empezou a campaña, xurdía no mundo oucidental os tempos do Renacemento. Galicia perdeu tamén a posibilidade dél.
     E o intelectual —filósofo, poeta, pintor, escritor...— que sempre debeu de pertencer ao seu pobo como a única maneira de servir á humanidade, tivo que esquecerse da sua condición de galego se quixo vivir. Cultivou así outras culturas nas que chegou a ser mestre (Valle Inclán, Pardo Bazán, Madariaga, Cela...), mentres que Galicia, nun xeito, perdeunos.
     Aí comenzou o noso complexo de inferioridade. Nestes momentos Galicia e os seus homes teñen concencia de sí; e esto dito sin ningún caráiter separatista (2); é unha concencia étnica, antropolóxica, máis ca administrativa ou política. E unha paradoxa dos nosos tempos: cando Europa, o mundo enteiro, se xunta, xurden con máis forza os rexionalismos. E a xuntanza de etnias será, a nivel nacional, tanto máis forte canto máis se respete e potencie o propio e enxebre de cada pobo. A procrama universalista de Séneca "patriam mundum nobis professi sumus" haberá de facerse compatíbel coa de quen dixo que a única maneira de ser internacional é sendo fiel á Terra que nos veu nacer.
     Hei de insistir, aínda unha vez, no caráiter internacional de Galicia. Cicáis poucos pobos o sexan tanto como o noso, por forza ou gusto. Pero amamos a nosa Terra, e ésa é cicáis a nosa máis grande virtude. Non ten nada de estraño se lembramos o que xa suxirimos encol do sentimento da Terra como nai nos galegos. E amar a nai sempre foi ben ollado na cultura ocidental. Pra máis, quéirase ou non, os fillos sempre levan algunha semellanza coa nai. Nas nosas figuras máis coñecidas e internacionáes está latexando a ialma de Galicia: Xelmírez, Valle Inclán, Rosalía, Curros, Castelao, Cela, C.E. Ferreiro —mesmo na "bella Otero", un triste símbolo da xenerosidade galega— e en moitas figuras que haberán de ser sonadas cando os galegos superemos os complexos.
     Nesa superación son os inteleituaes quen máis han de traballar. Un pobo respétase pola forza das suas armas ou pola da sua cultura, pro a forza da cultura é máis firme. A cerne figura de Fichte é todo un exemplo: "se vos fundides vós, fundiráse a humanidade sin posibilidade dunha nova restauración" (3).
     A língoa é, neste senso, un gran paso, xa que ela é o vehículo da propia cultura: " es un tesoro depositado por la práctica del habla en los sujetos que pertenecen a una misma comunidad, un sistema gramatical virtualmente existente en cada cerebro, o más exactamente, en los cerebros de un conjunto de individuos, pues la lengua no está completa en ninguno, no existe perfectamente más que en la masa" (4). "Es, pues, algo que está en cada uno de ellos (los individuos), aunque común a todos y situado fuera de la voluntad de los depositarios" (5).
     Algo parello dixo o Arcebispo Lago González: "o galego non é somentes o médeo propeo da nosa espresión, sinón unha léngoa estórica traballada polo máis fino cultivo literario dende o florecimento medioeval, un regalo dos nosos ouvidos, a suprema obra artística do noso esprito galego " (6).
     Hai que recoñecer tamén que non se perdéu a língua porque a xente enxebre a conservóu dende os tempos da raiña Sabela; xente enxebre que tivo que adeprender outras línguas para poder vivir lonxe da terra (7). Pro, se é certo que non se perdeu a língua, tamén o é que a língua perdeu, e moito, ao ser somentes língua adicada a relaciós primarias.
     Outro tema ao que lle compre a adicación dos novos inteleituaes é o estudo dos nosos costumes e dos nosos ritos, tras do esprito de Galicia, mantendo as que aínda teñan senso pra os homes de hoxe. Na maioría das aldeas consérvase, poñamos por caso, as comidas nas carballeiras, todo o pobo, nos días de festa. ¿Non é o propio que alí soa a gaita galega? ¿E na tuna da universidade galega, como xa hai tempo lle comentou Castelao ao gaiteiro de Soutelo? Serían primeiros pasos.
     Todas estas labouras perténcenlle de seu aos inteleituaes. Algúns xa levan anos adicados a elas. Outros empezarán logo. Pro, de calquer xeito, eles son os únicos que poden esplicitar a Weltanschaaung común ás xentes de Galicia. I é un traballo que hai que facer dende dentro, indo ao recontro da propia cultura. ¿Qué latexa tras da nosa sonada retranca ou ironía? Sexa espranza ou desespranza, é toda unha filosofía vital que, polo mesmo, somentes é intelixíbel dende dentro. "Nunca virá de fora remedio ou espranza" (8).
     I é o lóxico. Cada un entende a sua cultura, xa que ela é o seu derredor nutricio, o patrimonio colectivo, a sua placenta. Nun recente libro (9) encol do Mosteiro de Acibeiro ousérvase —aínda sen decilo o autor— que a ruina do que fora un dos centros máis importantes do país comezou cando pasou ás máns de frades non galegos: non souperon entendernos nin entenderense coa xente. Cada un falaba nunha crave distinta.
     É todo un labor interdisciplinar o que poñer en aición pra facer este servicio á terra nai. Función teórica que non deixará de ser práctica. E por práitica non entendemos o poder, cousa que non lle interesa ao intelectual, senón a cencia, baixo o nome que sexa. Servir ao pobo coa su cencia é a misión deles.
     Os filósofos, poñamos por caso, non saben moitas veces cál é a su función prática. Pra úns, coma Platón e Aristóteles, son eles quen están millor preparados pra gobernar aos pobos; pra outros, a misión será costruir teorías que haberán de levarse a práitica; pra outros, será trasformar o mundo; pra outros, coma Nietzsche, o que importa é ser despertadores e médicos, facer a crítica da cultura; e hai quen pensa que a sua función é percurar a verba ou a cousiña pra o tempo de cada ún...
     Pero, en calquera caso, hai duas frases que nos resoan moito nos ouvidos. De M. Horkheimer é unha delas: "Onde a filosofía non exerce ningunha función práitica perde tamén a sua forza: sécanselle as raíces" (10). A outra xa é antiga, e débese a Epicteto: Non has de decir que es un filósofo nin poñelo todo en botarlle discursos aos coñecidos sobor de problemas de filosofía, senon fai o que che piden as tuas ideas. Ao comer, poñamos por caso, non te poñas a decir cómo se ha de comer, senon come como se ha de comer" (11).
     ¿Cál é esa función prática da filosofía na nosa terra? Castelao, González López, García Sabell, Rof Carballo, Piñeiro... poden servir de exemplos. Porque o galego é un filósofo nato. Leiras Pulpeiro, Lugrís, Murguía, Xan do Martinete, "Marcos da Portela", Pondal, Brañas, Curros, Neira Vilas... estiveron máis perto da posíbel filosofía galega que os espertos na filosofía. ¡Xa vai sendo hora de que os filósofos se adiquen, con todos os seus meios, ao estudo da enxebre filosofía galega que latexa antre as xentes! O de menos son as filosofías de fora, francesas ou alemás, que sólo servirán ao pobo cando as traduzamos —algo máis que no senso material— ao galego. A filosofía, xá o dixemos, non é allea ao mundo no que nace. En Grecia nacen pensando nos seus propios mitos, falando na ágora...
     ¡Marxinemos a filosofía e a su historia, e comenzemos a filosofar de verdade! Esquezámonos do ser e dos entes, e atendamos ao noso tempo e ao noso derredor; polo menos, no tempo necesario.
     Ogallá non teñamos que parodiar a pergunta andaluza: se os galegos preparados pensan en Madrid e os probes no estranxeiro, ¿quén pensa en Galicia?
     Teñan azos, inteleituaes galegos, que neso vai a sua groria. O gaiteiro de Soutelo foi internacional levando polos mundos de Deus o soar da su gaita, e con ela o nome do seu pobo. Igual é en todas as terras: Monoel de Falla, os cosacos rusos, Cervantes, Víctor Hugo, Bach... e cantos queiran, levaron na sua obra, coscente ou incoscentemente, o mundo do seu derredor e do seu tempo. E non se esquezan dos galegos que xa mencionéi antes, Valle Inclán, C. Arenal, Rosalía, Castelao, Curros, Cela...
     Pra eso, fai falla que os seus pensamentos partan do pobo pra que tornen a él as concrusións que lle son debidas.
     A derradeira hora, queiramos ou non, "a nosa alma é, e seguirá sendo eternamente, alma galega".



          ——————————

          NOTAS


(1) CERNADAS DE CASTRO, A., "Cura de Fruime". Madrid, 1778, I, p. 220. y TROITIÑO MARIÑO, M., "Vida del Iltmo sr. Aguiar y Seixas". Boletín de la Universidad Compostelana, 1950.
(2) Fago meu o xuicio do esgrevio Castelao: "Creemos que o separatismo é una ideia anacrónica e somestes o disculpamos como un movimiento de desesperación que endexamáis quixéramos sentir". (Sempre en Galiza, Buenos Aires, 1961, p. 55).
O autor quere advertir que esta obra, escrita no 1974, sae do prelo tal como daquela quedou redactada.
(3) Reden an die Deutsche Nation, 1808-1809.
(4) F. DE SAUSSURE, Curso de Lingüistica General, Buenos Aires, 1969, p. 57.
(5) Ibid., p. 65.
(6) Recollido por ISIDORO MILLAN na "Antífona da Cantiga", Galaxia, 1951, p. 76.
(7) Algunhas ouxecións que se fan ao cultivo da língoa fundadas na dolorosa emigración dos nosos homes pódense ver ben refutadas na mencionada obra de Castelao, p. 42 e ss.
(8) C. E. FERREIRO, Viaxe ao país dos ananos, Barcelona, 1972, p. 34.
(9) A. RODRÍGUEZ FRÁIZ, El Monasterio de Acibeiro, Pontevedra, 1973.
(10) Sociológica, Madrid, 1972, p. 31.
(11) Ex., 2.


Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega