O gaiteiro de Soutelo. Unha espresión da cultura popular

Páxina Anterior

O artista, na percura de novas espresións

Páxina Seguinte

v2rivastroitinhoogaiteirodesoutelo007.html

     De "grande e puro artista" califica Otero Pedrayo á Avelino Cachafeiro. E os vecinos do "gaiteiro" lémbrano decindo: "Era un artista verdá".
     O seu arte coma gaiteiro xa foi comentado, e ninguén o pon en dúbida.
     Pro na espresión "artista" faise mención de outros intres ademáis dos adicados a "convocar os silencios de Galiza coa gaita". Todo un xeito de ser e de comportarse latexa tras da verba artista.
     O artista, nefeuto, non é sóio o xenial virtuosista dun istrumento: é algo máis; é artista en todos e cada un dos intres da sua vida. Porque o arte nace con fondo da ialma: "somentes da ialma no estado de vivencia estética xurden as obras de arte; somentes da íntima ollada saie o esternamente visibre; somentes do ritmo da ialma nace o ritmo da música" (1). O artista trasmuda todas as impresións en espresións.
     Por eso, nin o ténico, nin o erudito, nin o especialista son dínos de charmarse artistas. Os homes do Renacemento poden ser o modelo da fondura desas cualidades íntimas que os fixeron merecedores da ademiración dos homes do seu tempo e dos de outros. Eles afondaron na realidade, nunha perspeitiva disteirada á dos científicos; non tencionaron aprehendela somentes coa teoría, senón con todas as potencias da su ialma. Cicáis neso radica o seu universalismo; as cencias progresan, cambean; as almas son sempre parellas e participan das mesmas tendencias fondamentales, aínda que, ás veces, se apriquen outros criterios. Destes dependen que a veces parece que el artista (...) no es más que un accidente de su época, que no entra en ella sino como eremitas o como viajeros extraviados o rezagados" (2).
     Os criterios, nembargantes cambian cos tempos. Pro, máis cedo ou máis tarde, recoñécese nas obras dos artistas o tipo apricable aos seus irmáns de calquera época; unha intuición especial, única, coa que ouservan —ou viven— as cousas suas e do seu derredor. Por eso, podemos referir a eles o que Nietzsche di dos filósofos: "Es un hombre que experimenta, ve, oye, sospecha y espera constantemente cosas extraordinarias, que se siente impresionado por sus propios pensamientos... un hombre fatal alrededor de quien rueda, ruge, estalla siempre algo inquietante" (3), "siente el peso y el deber de mil tentativas y tentaciones de la vida" (4), "dan ejemplo con la vida: en el rostro, en la actitud, en la indumentaria, en las costumbres" (5).
     Todos estes riscos ordénanse á percura da verdade. Somentes o artista non desmaia de tal tención, mentres os demáis homes —que tamén participan da percura de verdade— resiñanse con remedios pra usala. Pro a verdade non é fácil de topar. Hai que arriscarse moito pra chegar perto dela; hai que ensaiar moitas veces pra poder espresar os mundos que berran e loitan dentro da sua ialma pra vir á vida. Hai que acudir a outros meios de espresión pra facer comprender o que se quere decir. Cicáis por eso, os homes do Renacemento, mestres en todas as artes, foron os artistas por escelencia (6).
     Tamén a vida do gaiteiro de Soutelo foi arte, e él un artista; pro de outro xeito ao "homo oestheticus", que describe Spranger, xa que neste prototipo sobresae, a individualidade, no senso egoísta da verba; e a individualidade, sexa virtude ou defeuto, non é compatíbel co sentimento enxebre galego de parte dun meio natural, de irmandade fondada na terra nai. E, por máis que o animismo sexa —como quere Spranger— a conceución relixiosa do artista (7), Galicia —que é animista— apertou tamén o Cristianismo con convición. O mesmo Gaiteiro participa das duas condicións; pro, dende logo, nos temas máis vitaes, a faceta relixiosa está enriba da artística; non porque deixe de ser arte, senón porque a arela da beleza non é o máximo criterio á apricar; o que dea senso á vida, o primeiro criterio da existencia, enraízase na figura divina, dende a que se dá unha optimista perspectiva á mesma morte, á door, á enfermedade.
     Avelino Cachafeiro foi un artista coa gaita, e fixo-o ben como "poeta". Comentaremos, agora, os seus traballos noutras artes, ás que tamén se adicou.
     A pintura foi unha das máis queridas. Da que semella a sua primeira obra neste campo, escribía un xornalista en "Vida Gallega", pouco tempo denantes da xira polos países do Prata: "Es un artista este Cachafeiro mayor, el jefe del grupo. Hace poco terminó un cuadro al óleo —una admirable figura de vieja— que mereció la unánime alabanza de todos los maestros que la vieron. Nunca tuvo maestros. El solo estudió la técnica e inventó una propia. Y logró efectos de luz, colorido, expresión, realismo y perspectiva admirables. Se contempla el lienzo y parece imposible que sea obra de un profano".
     Tamén adeprendera a tocar a gaita, soio, nas carballeiras de Soutelo; e o mesmo pasóu cos poemas, cuio ensaio —ouserva Otero Pedrayo (8)— obedez a un mandado do esprito. Nesta intuición de técnicas cáptase a sua natureza de artista; unha predisposición especial, somentes esplicábel polo que xa dixemos; a ialma é a que se trasparenta nas obras; as mans sóio fan o que o arte concibe alá no fondo da ialma.
     Voltando ao cadro que merecéu tales comentarios, non é fácil identificalo. Cicáis sexa o que leva o tíduo "a fiandeira", o tema que xa engadara a Velázquez. Nunha antiga carta que topei na sua casa, fálanlle do cadro "cheo do encanto e da soedade das noites familiares arredor do lume, namentras a nai ou a aboa ou a irmá fiaba no liño". Dese xeito, ese cadro sería un reflexo da imaxe da Galicia íntima, como os poemas e a gaita reflexaban outros aspeutos. Se é ese cadro " a fiandeira", e se é a fiandeira a que provocou eses bós comentarios da crítica, non podo dar a resposta definitiva, anque me semella que a resposta é afirmativa. "A fiandeira" regaloulla a D. Xaime Solá, direitor entón de "Vida Gallega"; pro, por circunstancias adversas, ese señor quedouse sin a mostra pictórica de Avelino Cachafeiro, e pasou o cadro á Imprenta Roel de Vigo.
     O "San Antoniño de Cercedo", santo de devoción na Terra de Montes, foi outro cadro do gaiteiro de Soutelo que non poiden atopar. Seica foi un regalo feito a un direitor do Ideal Gallego da Cruña, D. José Toubes, cuios parentes deben telo aínda.
     No último Nadal vin un lenzo grande, que seica agachara él mesmo no faiado. Semella un tema mariñeiro; e cun pouco de pacencia e maxinación poden se ouservar unha barquiña, unhas ondas e nubes de treboada. Debeu ser unha obra non conquerida ou deixada alí pra acabala noutro tempo e logo esquecida.
     Ben conservado na sua casa de Soutelo pode se ver un cadro, firmado no 1934. E un "auto retrato" no que aparece o busto dél coa monteira posta ("monteira, miña monteira

miña monteira garrida,
mil veces me tés cuberto
alí por Soutelo arriba" (9)) e a gaita ao lombo.

     O Gaiteiro, lenda xa naquel ano, tivo que servirse dun espello pra poder deixar no lenzo a face dos seus 35 anos.
     Do ano 1941 ten data o "Cruceiro da Consolación". Cicáis tocara nalgunha das sonadas festas en honra da Virxe desa advocación que se venera nese pobo. Por alí pasara, camiño de Compostela, cando fora merecer en Santiago o tíduo de "millor gaiteiro de Galicia"; xa facía algúns anos daquelo. Por alí pasara tamén cando voltou a Compostela pra se casar coa muller da que se namorara.
     O cruceiro é o rei dos camiños en Galicia. Son a lembranza da realidade que lle dá senso ao cristián; anque por veces sirva pra outras couas, como recolle a cantiga popular:

O cruceiro da xesteira
ten dúas pedras de asento:
unha é de marmurar
outra de pasar o tempo (10).

     Nembargantes, o día que "o gaiteiro" quixo plasmar esa estampa do Cruceiro da Consolación, de seguro que nin se namorou nin se pasaba o tempo nel. Son nubes moi escuras as que había aquel día no ceo; o cadro ispira tristura, máis do que espranza. A cruz adícalle un dos dous poemas escritos en castelán polo gaiteiro" (o outro é a sua sobriña de Madrid):

¡Oh, Cruz de negro vestido!
Pues a tu leño clavado
rindió Jesús con la vida
divino aliento empeñado
en salvarnos del pecado.
Serás siempre consagrada
guía de nuestro camino
en cuya dura jornada
nunca al nombre peregrino
falte tu sombra adorada.
Mientras, la sangre corría
de aquel que nos redimió
la pura Virgen María
llorando nos confirmó
llevarnos a eterno día.
¡Oh, Cruz, si te avergonzaste
de ser arma de castigo,
hoy puedes glorificarte
que todo el mundo te abraza
queriendo morir contigo!
Mientras el mundo sea mundo
la Santa Cruz reinará,
por los siglos de los siglos
Signo de vida será (11).

     Consérvase tamén na que foi a sua casa outro cadro. O tema, coma o tíduo, é frecuente nos pintores: un cesto de froita.
     Na casa do Dr. Senra, puiden contemplar outro pequeno cadro de boa feitura, coa firma de autor, pero sen data. O tema, é unha paisaxe, ao óleo, mitade mar, e mitade montaña. Tanto os donos do cadro, coma o que esto escribe, coidamos que o pobo alí representado semella ser Marín, sin que poidamos aseguralo.
     Hai costancia tamén dun longo mural, duns cinco por tres metros, que durante moitos anos estivo no bar de Avelino en Soutelo. O tema era unha mestura da vida íntima e da festeira; mentres "os gaiteiros de Soutelo" tocan, a nai, sentada, traballa nos labores da casa. Coido que, por este derradeiro dato, a obra debeu ser feita antes do ano 1942, en que morreu sua nai Dolores. O mural foi destruido con motivo dunhas obras no bar.
     Pra o novo bar "Changüi" de Soutelo, do que era dono, fixo a derradeira obra, que aínda se pode ver no lugar que él siñalou. Trátase de un releve dun 2,5 x 1,5 metros, feito en 1968 ou en 1969, que leva o tíduo do seu libriño de poemas "Voando cas áas da vida" escrito na parte denriba, coma unha lembranza de sua vida. Sobor do fondo asimétrico destacase outro autorretrato do gaiteiro; a nubeciña do vran que lle pasou polo azul do ollo e quedouse nel pra sempre déixase notar na ollada. Coa sua monteira posta, a chaqueta enxebre, e os dedos no punteiro dunha gaita de tamaño natural. Unha áa ben visibel e outra que sae do ronco. Pode decirse que é a sua vida enteira alí lembrada. Ao lombo, a gaitiña coa que un día rompera a voar; tamén voa a sua sona polo mundo adiante: tal é o que semella decir a prolongación do roncón, a lenda do "Gaiteiro de Soutelo de Montes"... I enriba, a outra áa, a da inmortalidade da sua ialma, non sóio de artista, senón de Deus.
     Vendo este mural, ún acórdase da sua espranza, dos catro versos con que lle fixo o regaliño do Apóstol do 70 a quen esto escribe:

¡Eu, máis alá de morrere,
rexurdiréi tocando a gaitiña
na longa gaiola do vento
co froleo da ialma miña!

     A razón da sua espranza adicoulle unha talla. Un Cristo de madeira é a única lembranza que fica da sua adicación á escultura. Hai pouco perdeuse a Cruz, pro os seus brazos siguen cravados. Foi un Cristo feito pra recordarlle aos veciños nos velatorios a xuntanza con Quen "...quixo ter un nai

e nacer no mundo coma nos,
pra ensinar as almas a voar
pró ceo que nos coida pra nós".

     Puiden ver tamén na sua casa unha maleta chea de papés con temas decorativos, algúns de gran dificultade de realización. Avelino pintábaos primeiro nos papés e despóis pasábaos aos ataúdes que vendía. Ousérvase neles un gran dominio da ténica do trazado e do dibuxo.
     Pro, o artista, como dixen ao comenzo deste capíduo, non deixa de selo nunca. Xa comentéi, máis dunha vez, o bó humor de que fixo gala decote. As suas anécdotas, chistes, contos e comentarios aledaban de seguro a tertulia na que se atopara. E agora siguen se lembrando. Era o seu un humor galaico, fino. A un cura que lle dixo "estos tocan millor ca tí" respondeulle sorrinte que "tamén hai millores cregos ca tí". Pro, tiña unha cruel ironía contra aqueles homes que abusaban ou despreciaban aos veciños. Xente, que aínda vive, e ideoloxías que queren se manter, foron tratados duramente polo gaiteiro, anque sin perder a forma de conto. Cicáis algún día esas espresións e contos, real imaxe do pensamento dos nosos irmáns, poidan ser dadas a coñecer. Ademáis do fondo, o xeito co que narraba tales contos é difícilmente esquecíbel. As cousas serias da vida facíanse alí palla. O sorriso era inevitábel, escoitando a sua espresión tan enxebre. Tiña ese sabor popular que o facía representante do pobo, un prototipo.
     O artista é o home que sabe recoller o esprito do seu tempo e da sua terra pra trasmitilo aos demáis. Avelino Cachafeiro soupo facelo coma ninguén. Na sua gaitiña levou o esprito de Soutelo por toda Galicia, e en pouco tempo foi toda Galicia a que alentaba no fol ao vento que vai e non ven.
     Se dentro delgúns anos, alguén tivera que contarlle aos seus netos a hestoria dese home, é posíbel que nin siquera soen gaitas. Pro cicáis dixeran así: había un rapaz polas terras de Soutelo que tocaba a gaita; seica o facía tan ben que falaban del coma "o millor gaiteiro de Galicia". Os veciños de Soutelo din que non houbo outro coma él, pero outros galegos din que, alá noutros tempos, tamén houbo dous gaiteiros moi bós, o de Ventosela e o de Penalta.
     E os mitólogos, entón, cicáis digan que eses gaiteiros son contos dos tres pobos que non tiñan de que se gabar. ¡Así son as lendas!
     Cando os veciños que o coñeceron lembran a sua xurdia presencia co aquel de señoría da cantiga, e as probas que dera do seu esprito na gaita, nos poemas, ca pintura..., na vida enteira, din todos á xunta: "Era un artista verdade".
     Pola miña banda, ao poñer eiquí remate aos dados da sua vida, xúntome ao xuicio dos veciños do pobo que Avelino Cachafeiro Bugallo, "gaiteiro de Soutelo", "millor gaiteiro de Galicia", fixo sonado. E na sua figura peito tributo á Galicia real e aos galegos sinxelos e esquecidos. Da unha e dos outros, o Gaiteiro de Soutelo foi unha espresión.



          ——————————

          NOTAS


(1) E. SPRANGER, LEBENSFORMEN, HALLE, 1930, p. 165.
(2) F. NIETZSCHE, Obras Completas, Aguilar, 1962, I, p. 141.
(3) Ob. menc. III, p. 583.
(4) Ibid., III, 527.
(5) Ibid., I, 110.
(6) Se ben o seu Humanismo non é integral. Conciben a vida como botín, e agora pagamos as consecuencias. (Na miña obra "La filosofía como crítica de la cultura: notas para una filosofía de la publicidad", aitualmente en estudo de pubricación, coméntase abondo este tema).
(7) SPRANGER, ob. menc., p. 181.
(8) No Limiar a "Voando"..., p. 11.
(9) "Voando...", p. 30.
(10) Esta cantiga, coma a maioría das que eiquí se mencioan, están tamén recollidas da "Antífona da Cantiga", Ed. Galaxia, 1951.
(11) Voando..., p. 13.


 

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega