O misterio das badaladas

Páxina Anterior

Garabatos

Páxina Seguinte

v3xabierdocampomisteriobadaladas007.html
     Para o outro día pola mañá, tódolos rapaces andaron máis lixeiros en face-los labores que cada un na súa casa tiña sinalados. Tódalas nais se estrañaron de que cada un tiña a súa cama feita antes de almorzar, e que mentres tomaban o almorzo, preguntaban se había algunha cousa que tivesen que facer, ou se podían marchar. Ningunha delas sabía que entre os acordos da tarde anterior, estaba o de facelo desa maneira, para que ningún deles atopase obstáculos que lle impedisen estar á hora acordada, ás dez e media, no adro da igrexa con cadansúa bicicleta.
     Emprenderon o camiño do río. Na ponte deixaron as bicicletas, da mesma maneira que fixeran na tarde anterior e mailo primeiro día que baixaran ó río na procura dunha pista que lles aclarase o que, daquela, estaban iniciando.
     Dirixíronse directamente ó muíño. Desta vez levoulles menos tempo chegar, porque o camiño éralles cada vez máis coñecido e familiar.
     Metéronse dentro. Xa Pedro levaba o foco na man, disposto a explora-lo sobrado do muíño, pero xa non lles fixo falta, porque aínda non deran ben dúas pasadas dentro do muíño, viron unha escada apoiada nunha trabe, que a tarde anterior non estaba alí. Despois de se ollaren entre si, pero sen pronunciar nin unha soa palabra, Pedro achegouse á escada e escomenzou a subir por ela arriba. Cando estaba a catro chanzos do remate da escada, prendeu a linterna, e, con ela, alumou a trabe. Foina percorrendo coa luz dun lado a outro e, finalmente, parou a luz nun punto enfrente del mesmo.

     —Aquí hai algo.

     —¿Que é? preguntáronlle os de abaixo.
     —Un papel que está metido nunha fendedura da trabe. Non vou ser quen de quitalo sen que me rache.
     —Baixa e déixame a min a ver dixo Cristina.
     Subiu a rapaza pola escada ata chegar ó lugar sinalado. Tampouco foi quen de arrinca-lo papel da fendedura.
     Tamén o intentaron os outros, pero non tiveron éxito. De súpeto Miguel tirou unha navalla do peto do calzón, abriuna e subiu pola escada arriba. Alí escomenzou a labrar na regaña ata que a agrandou dabondo como para poder quita-lo papel sen que rachase. Baixou con el na man e sen desdobralo.
     Cando estivo abaixo abriuno, ollouno e deullo a Cristina.
     —¡Arrea! Agora escribe en chinés  —exclamou.
     Todos ó redor de Cristina ollaban o papel en silencio.
     —¿Que será iso? preguntou Delio.
     —Polo de agora non o sabemos pero haberá que descifralo como fixemos cos outros respondeu Pedro á pregunta do seu amigo.
     —Ímonos de aquí ordenou Cristina—. Xa atopámo-la mensaxe que viñemos procurar, nada nos queda que facer aquí. O traballo agora hai que facelo na casa. Xa faremos falar a este papeliño.


MENSAXE QUINTA

Se queres coñece-lo texto desta mensaxe, pon un papel branco enriba da páxina, copia a mensaxe pasando cada signo cun lápiz por riba do orixinal. Corta en catro tiras e, compoñendo como se explica máis abaixo, poderás lelo.


     Botaron a andar pola beira do río. Na ponte colleron as bicicletas e regresaron a Eiranova. Pasaron polo adro da igrexa onde viron o auto de Xes, pero non pararon. Para eles aínda tiña moito interés o asunto do reloxio, e para o crego perdérao de todo.
     Cando chegaron á casa de Miguel e Cristina, deixaron as bicicletas na porta e foron directamente ó cuarto de detrás da cociña.
     Cristina desdobrou novamente o papel e púxoo no medio e medio da mesa. Ó redor dela, todos quedaron ollando para el, sen falar. O primeiro en rachar aquel silencio foi Pedro.
     —Está visto que ollando para el non lle imos tirar cousa ningunha. Será mellor que cada un diga como lle parece que podemos facer para descifralo.
     —Pois o primeiro é velo ben  —replicou Elisa.
    
     MENSAXE QUINTA
     
Cristina colleu o papel e apartouse con el dos outros. Puxo o papel cara a eles, diante da súa cara.
     —¿Divos algo visto así de lonxe?
     —A min o mesmo que de preto, garabatos —resolveu Miguel.
     —Eu diría que son letras  —falou Elisa como cavilando en alto—. ¿A vós non vos parecen letras incompletas?
     —Por iso o puxen de lonxe  —comentou Cristina poñendo o papel dereito na fiestra mentres ela se afastaba para ollar—. Eu tamén penso que son letras ás que lles falta algo.
     —Entón unha maneira de intentar resolver isto sería tratar de completalas  —aportou Delio —. Collede un lápiz, e ímoslle facendo raias a cada un dos signos ata que pareza unha letra.
     —Agardade  —curtou Pedro —. Será mellor copialo, porque se lle facemos máis raias, despois non saberemos cal era das que había no papel e cal das que nós lle fixemos.
     Todos estiveron de acordo en facer unha copia da mensaxe, e para iso, o mesmo Pedro colleu un papel e un lápiz. Puxo o papel en branco enriba do outro, e os dous apoiados no vidro da fiestra. Desa maneira fixo unha copia exacta do orixinal. Imitaron todos o que Pedro acababa de facer e de seguida tiveron cada un unha copia na que poder traballar.
     O traballo consistiu, tal e como dixera Delio, en ir tratando de completar cada signo ata que tivese a forma dunha letra maiúscula. Desta maneira estiveron traballando moito tempo. Sempre no medio de risas, porque os textos que lles saían resultábanlles moi graciosos, pero ningún deles tiña sentido dabondo para poder calificalo de pista válida para avanzar na resolución do caso que os tiña ocupados.
     Cristina xa tiña o seu papel cheo de raias e chataduras e xa non lle era posible traballar nel sen se facer un lío tremendo. Así que colleu outro papel e foi ó vidro para copiar novamente a mensaxe. Reproduciu a primeira liña de signos e os brazos cansábanlle de termar nos papeis, así que afrouxou a presión da man esquerda e deixou cae-la dereita ó longo do corpo para descansar. Con isto un papel esvarou pola superficie do outro e a primeira liña da copia quedou superposta sobre a segunda da mensaxe orixinal.
     Cando Cristina ía emprender novamente o labor de copia-los signos, quedou un anaquiño, menos dun segundo, fitando os papeis na posición na que estaban, e inmediatamente corrixiu a posición dos papeis ata que ámbalas dúas liñas  —primeira da copia e segunda do orixinal coincidían plenamente.

     —Colleu os dous papeis na man e, pegando un berro chamou polos seus amigos como se estivesen moi lonxe, anque estaban a menos dun metro dela.
     —¡Vide, vide! ¡Vide acó que xa o atopei...!
     Precipitáronse todos a onde estaba ela preguntándolle como había que facer e que dicía...
     —Fixádevos; se poño este que copiei, enriba desta segunda liña do papel que atopamos no muíño, lese perfectamente.
     —¡Iso é! iIso é!  —dixo Elisa nervosa polo achádego.
     —Hai que cortalo todo en tiras e poñe-Ias dúas primeiras unha enriba da outra. Hai que face-lo mesmo coas outras dúas e xa está  —concluíu Pedro.
     Foi Miguel a correr por unhas tesouras coas que curtaron o papel en catro fitas. Cada unha contiña unha lira de signos do papel da mensaxe quinta. Puxeron as dúas primeiras unha enriba da outra e leron a primeira frase. Fixeron igual coas outras dúas liñas e leron a segunda frase completa.
     —Xa témo-lo asunto resolto  —dixo moi leda Cristina—. Esta é a última mensaxe e hoxe váisenos dar a coñecer. Non sei como nin como non, pero teño a seguridade de que se nos vai presentar.
     Agora ninguén sabía que dicir no medio daquela mestura de arela de coñece-lo desenlace e medo por se poñer diante da persoa que, ninguén en Eiranova, fora quen de descubrir en tódolos días que levaba tocando unha badalada a maiores ás doce de cada noite.
     Cando se serenaron unha miguiña, Pedro dirixiuse a tódolos outros rapaces para lles facer unha pregunta que lle andaba na cabeza desde que lera a mensaxe última.
     —¿E en que farol? Porque hai moitos.
     Había algo máis dun mes que se inaugurara un alumado en tódalas parroquias do concello. En Eiranova colocaran farois cada vinte ou trinta metros. E tódalas rúas estaban iluminadas con farois que penduraban dun brazo suxeito nas paredes das casas. Desa maneira, moitas delas caían mesmo enriba das portas ou das fiestras.
     —Á hora en punto  —explicou Cristina—, iremos por tódalas rúas fixándonos ben no que hai debaixo dos farois. Dividirémonos en dous grupos, e quen atope algo manda aviso.
     —¿E como facémo-los grupos?  —preguntou Miguel.
     —Elisa, Pedro e mais eu, iremos pola banda da igrexa; e Delio e mais ti pola outra banda.
     —Xa sabía eu que os grupos habían ser máis ou menos así  —dixo Miguel con picardia.
     —¿E non sería mellor ir un pouco antes da hora?  —preguntou Delio.
     —Non  —respondeu Cristina—. Non podemos chegar antes da hora, porque arriscámonos a que aínda non chegase a persoa que nos cita. Pero anque teña que agardar a que cheguemos, de seguro que non se vai, porque se dará conta que andamos a procuralo polos outros farois.
     —Eu xa me estou ponendo nervoso  —comentou Miguel—. Moito me vai tardar en chega-la hora.
     Nese intre escoitouse a voz da nai de Delio que chamaba por el para xantar. Esto fíxoos reaccionar a todos e darse conta da hora que era. Primeiro a interpretación dos signos da mensaxe e despois a emoción de ver que se achegaba o final, fixéraos esquece-la hora e non se decataran de que xa era moi tarde, e tiñan que ir xantar. Así que se despediron, quedando en se ver ás cinco, diante da casa de Elisa, que era a que consideraban máis indicada para inicia-lo percorrido, por estar situada onde escomenzaba o alumado de Eiranova.
     Ningún deles comeu aquel día con moito apetito. Todos tiñan un mesmo pensamento, que se resolvía nunha chea de preguntas que se lles amoreaban na cabeza: ¿Quen será? ¿Por que o faría? ¿Por que lles mandaba as mensaxes? ¿Por que lles descubría a eles o seu segredo?
     Aínda debían faltar uns vinte minutos para a hora á que quedaran citados, cando xa estaban todos diante da casa de Elisa. Querían falar doutras cousas distintas pero non podían: a conversación íaselles de continuo ó tema da persoa que os tiña citado.

     —Oes ¿e se nos botamos a adiviñar quen é? —preguntaba Delio— só por ver quen atina ¿eh?
     —Eu non teño nin idea de quen pode ser  —respondeu Pedro.
     —¿Non me iredes dicir que non se vos pasou pola cabeza máis dunha e máis de dúas persoas de Eiranova?  —insistía Delio.
     —Sirespondía Cristina, pero en canto o pensaba un pouco xa atopaba algo polo que non podia ser aquela persoa. Desa maneira, logo pensei en tódolos habitantes de Eiranova.
     —Ti xa viñeches a dici-lo outro día, que, de primeiras, desconfiabas de todos  —díxolle Miguel a súa irmá.
     Así foi pasando o tempo e chegaron as seis da tarde, hora na que tiñan acordado, tal e como a mensaxe recibida lles indicaba, escomezar a percorrer Eiranova rúa por rúa e farol por farol.
     Repartidos en dous grupos, escomezaron a camiñar polas dúas beiras da estrada que cruzaba Eiranova. Os primeiros en se arredar dela foron Delio e Miguel, que na primeira rúa que atopaban na súa man, metéronse en dirección ás rúas da parte baixa da vila. Andaban a modo, parándose en tódolos farois e ollando de arredor.
     Uns metros máis adiante, pero pola banda de enfrente, tamén Cristina e Pedro, seguidos de Elisa un pouquiño máis atrás, abandonaron a estrada e subiron polo Camiño da Igrexa, rúa que remataba no adro. Como nada atoparan en todo el, deron volta e seguiron por entre as casas que quedaban á dereita do camiño, porque pola banda esquerda non había máis casas que aquelas que estaban situadas na orela mesma da canella. Non deixaron farol de ollar, e tampouco se recataron moito en mete-las cabezas en portais e fiestras cando caían debaixo dun farol.
     De súpeto Pedro parou de camiñar. Virouse cara ás dúas amigas. Ollounas fixo, en silencio. Despois faloulles:

     —¿E por que nos empeñamos en procurar unha persoa? ¿Por que non pode ser outra mensaxe o que nos agarda?
     Elisa e Cristina olláronse entre elas dúas e despois a Pedro.
     —Pode ser, non che digo que non díxolle Cristina—. Pero eu interpreto que é unha cita, anque non sabería dicirche moi ben por que. Tal vez polo tono da mensaxe.
     —Desde o mesmo intre en que desciframos aqueles signos, todos pasamos a pensar que se trataba o final e, entón, non podía haber outro final que non fose o de atopa-lo autor das badaladas 
tentou Elisa de convencer a Pedro. Pode aparecer outra mensaxe, certo, pero haberá de ser por forza unha que nos leve a nos atopar con... Con quen sexa...
     —
Sigamos a ver que pasa aceptou Pedro. Podedes ter razón.
     Seguiron andando por entre as casas e nada atoparan cando remataron de pasar por diante de tódolos farois que había na banda que lles correspondera percorrer. Volvérona baixar polo Camiño da Igrexa ata a estrada. Nada máis desembocar nela, xa viron a Miguel e Delio que estaban sentados no chan co rostro serio. Fixéronse uns a outros un aceno de negación.
     Proseguiron o percorrido xuntos polo resto de estrada que lles quedaba sen revisar. Atravesaban dun a outro lado cada vez que ollaban ó redor dun farol dunha das beiras para ir ollar no correspondente de enfrente.
     Xa poucos farois restaban, e o desámino escomenzaba a se lle notar a algún dos rapaces. Dubidaban que interpretan correctamente a mensaxe. Cristina camiñaba diante de todos. Atravesou a estrada para ir ver se había algo de interés no farol de enfrente. Quedou parada no medio da acera. Os outros rapaces non repararon na súa súpeta parada ata que chegaron a par dela. Daquela fitárona e ela fíxolles un aceno apuntando cun dedo estricado ó farol que tiña diante.
     —iOllade!
     Ergueron todos a vista ó farol e viron que no seu brazo había un papel pegado.
     —¡Outra mensaxe! exclamou Pedro.
     —Hai que collelo. ¿Quen sobe alí? apuntou Miguel.
     —Ti respondeulle Pedro. Pero hai que ter coidado que non nos vexa ninguén.
     —Dúas cousas moi doadiñas: que suba eu, que precisamente son o máis pequeno de todos, e que non me vexa ninguén agatuñar por unha parede no medio de Eiranova. Amiguiño, a ti non che rexe ben a cabeza.
     —
Escoita  —insistiu PedroTi sobes enriba dos meus ombros e cólle-lo papel sen faces aspaventos de máis. Todos pensarán que é un xogo que estamos a facer, e non se van fixar en nós. A non ser que cando o collas te poñas a berrar ou calquera desas cousas que a ti se che poden ocorrir.
     Fixérono tal e como Pedro dicía, e efectivamente, Miguel colleu o papel e ninguén reparou nel. Baixou e escomenzou a abrir.
     O papel tiña un texto moito máis curto do que acostumaban a selas mensaxes, pero non ofrecía dúbida a autoría, porque o papel dicía así:

¡¡ENTRADE!!

(?)         

     Os rapaces olláronse entre si e, despois, viraron cara á casa onde o farol estaba colocado. Pola fiestra da pranta baixa podíase ve-lo comedor da casa. Había unha mesa cuberta cun mantel branco. Nunha cabeceira da mesa había tres bandexas: unha con refrescos, outra con fiambres e unha terceira con pastas e galletas. No medio da mesa un floreiro con flores, e apoiado nel, virado cara á rúa, un cartón onde estaba debuxado un grande signo de interrogación metido dentro dunha paréntese.
     Poñéndose ben pegados á parede, tamén se podían ver uns pés calzados cunhas zapatillas leviáns. Os vidros non permitían mete-la cabeza pola fiestra, así que non era posible ver máis.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega