Onde tanto me teño sementado

 

Páxina 1

Páxina Seguinte

O valse da voda

PRÓLOGO UN
    
    

     Este libro de versos que teño nas mans e que Miguel Anxo Mouriño lle dedica ao noso Colexio con máxico sentimento é a ensinanza feita poesía. É:

         un orballo fértil de inquedanzas

         a semente de refulxentes estrelas

         un sorriso de gozo manancial

         o perímetro breve da felicidade

     En resumo, é facer do tempo o milagre da vida.

     Penso eu que Miguel máis que poeta é mestre; mestre como persoa, como compañeiro e como profesor, aínda que, se nos fixamos nas súas palabras, non saberiamos dicir cal dos dous foi primeiro: Non souben nunca se, no fondo da alma, son un poeta mestre ou un mestre poeta.

     O caso é que dá igual. Mestre e poeta camiñan da man ao longo da vida.

     El conta a miúdo que chegou ao Maxisterio con corenta anos xa cumpridos e que atopa unha realidade ben distinta da que deixara. Conta tamén que, sendo pequeno, na aldea, todos os rapaces falaban galego. Agora, case corenta anos despois: Tiven a miña primeira escola nunha zona rural, similar á que habitara de neno, pero alí os rapaces apenas falaban galego.

     Preocupado pola nosa fala toma unha determinación, convencido de que a mellor maneira de facer camiño é andando: Decidín falar sempre en galego, fose quen fose o meu interlocutor, e sempre que entendese este idioma. E así o fixo, grazas pola parte que me toca, é un verdadeiro pracer falar en galego contigo.

     Neste intre, ao entrar en contacto cos cativos, volve ser poeta, por iso sempre será poeta de metáforas vivas, porque estará nas lembranzas de todos os alumnos que por el pasaron.

     É o profesor Miguel un gran defensor namorado desta lingua marabillosa que manexa con tanta mestría, motivo polo que sempre está disposto a axudar, a corrixir, a botar unha man naqueles traballos onde é necesario. Sen ser demasiado egoísta e desexando que a felicidade te acompañe nesta nova etapa, estou segura de que te botaremos en falta, compañeiro. Non nos esquezas.

     Facendo memoria lembro que o seu primeiro poemario publicado leva por título: Camariña. Sete cruces e unha esperanza. Quizais un intento de salvar a camariña, planta noutrora moi común en Galicia e que hoxe está case desaparecida. Este libro de versos feito para nós é o último do poeta: Onde tanto me teño sementado. ¿Será tamén un intento de salvar a nosa fala? ¿Estará a pedir axuda para que entre todos salvemos a nosa lingua? Está claro que a fala é comunicación, é agarimo, é compromiso, así que a única maneira de facer camiño é falando. Falemos todos/as esta lingua tan querida para o noso autor, e digámoslle nela ata sempre profesor e amigo.


     Eva Rodríguez Ferreiros
     Abril 2009

    



 

 

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega