Onde tanto me teño sementado

Páxina Anterior

Páxina 16

 

O valse da voda

BIOGRAFÍA
    
    

     Miguel Anxo Mouriño, fillo adoptivo de Gondomar, naceu en Oubiña (Cambados) hai 65 anos (e pico). É mestre dende o ano 1984 e está destinado no C.E.P.de Riomaior dende 1986. Pódese dicir, xa que logo,que exerceu case exclusivamente neste centro, razón pola que lle demostra un cariño especial, como veremos cando analicemos a súa obra.
     Como ten contado en varias ocasións foi un amante da lingua galega dende moi cativo e xa con catorce anos escribía versos neste idioma, altamente valorado na súa casa aínda que a lingua vehicular era o castelán; pero el escoitaba a todos os seus veciños e a todos os escolares que asistían ás escolas de seus pais (escola de nenos e escola de nenas) falaren sempre e exclusivamente galego. Algúns dos libros que se manexaban no seu fogar no entanto, e que permaneceron na súa memoria, eran Os vellos non deben de namorarse, de Castelao, Da Agra Aberta, de Victoriano Taibo, Antre dous séculos, de Xerardo Álvarez Limeses, Escuma na Ribeira, de López Abente
... Cando se decidiu a falar na lingua que o rodeaba facíao, como era e é moi usual, con interlocutores que tamén a empregaban, mentres que utilizaba o castelán nos outros casos, sentindo no seu interior que a vernácula era unha lingua firmemente asentada no pobo.

     A súa xuventude e primeira madurez transcorreron lonxe da terra coa que unicamente mantiña contacto nas épocas vacacionais. Ata que decidiu regresar e, co regreso, a necesidade fíxolle buscar a docencia como saída, sen pensar que estaba en realidade atopando a autenticidade. Xa mestre descubriu que as cousas cambiaran moito e nas aldeas a lingua maioritaria entre os nenos xa non era o galego que, ademais, estaba a recuar a velocidades vertixinosas. Decidiu entón achegar o seu gran de area para a rexeneración desta lingua milenaria, insustituíble patrimonio dun pobo que non o valora suficientemente, e converteuse así en escritor e falante monolingüe en galego; naturalmente, salvagardando sempre o funcionamento da primeira utilidade dunha lingua, que é a comunicación.

     O seu primeiro libro publicado titúlase Camariña. Sete cruces e unha esperanza, é unha chamada de alerta á situación do galego ao que compara coa camariña, planta que foi moi abundante nas costas galegas (recordemos topónimos indicativos, como Camariñas, Poboa do Caramiñal) que neste momento está en perigo de extinción. Seguiulle E segues a tirarme das entrañas que trataba tamén o tema da lingua pero está escrito en forma de poesía amorosa onde a amada é Galicia que lle proporciona ao amante situacións de gusto e de desgusto que se encadean ao longo do libro. Logo viría o primeiro volume de narrativa xuvenil e tamén primeiro recordo para o seu Colexio: Os Arriscados, que narra as aventuras dun grupo de alumnos de Riomaior. Despois, unha recompilación de traballos feitos para que os alumnos de infantil dunha escola de Pontevedra (Crespo Rivas) celebrasen eventos co galego como lingua de expresión: Actividades escolares para o cultivo da lingua. O segundo libro de narrativa xuvenil transcorre tamén no Colexio de Riomaior e titúlase O Reino Ideal. A continuación publicou un poemario dedicado ao seu neto: Gondomar de Pablo e outro recollendo versos desconectados entre si titulado, por este motivo, Versos Primos. Chega agora unha nova homenaxe ao C.E.P. de Riomaior, esta vez en forma de libro de poemas: Onde tanto me teño sementado.

 


     Estanislao Fernández de la Cigoña Núñez
Presidente AGCE

    



 

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega