O soño dirixido

 

Percurso do método

Páxina Seguinte

v2vitorvaqueirosonodirixido001.html


Ora eu tiña un desexo extremo de aprender a disterar o verdadeiro do falso, para ver claro nas miñas accións e camiñar seguramente nesta via.
DESCARTES. Discurso do método


     Uruk, onde nacín, achaba-se situada sobre as terras do norte. Da miña infáncia gardo un diminuído, inda que vitalício, mostruário de lembranzas. Poderia enumerar a delongada renque de palmeiras que escoltaban o rio; a alternáncia, categórica e cíclica, das cheas do mes de marzo, ao comezo da época das chúvias, e as secas de novembro, debidas á volubilidade traizoeira do Buranunu; os ronceiros relatos das fazañas de Iztubar, o noso grande heroi que descera do ceu, nos tempos posteriores ao Dioivo: os meus comezos, vagarosos e teimudos, no proceso de iniciación á escrita. Especialmente ledo resulta-me asimesmo o recordo do paso das caravanas. Eu soñaba, ao presenciar o seu avanzo aletargado, con arcaicos países nos que se concretase a existéncia de animais fabulosos, como o dragón de ardente bafarada e cauda azoutadora, o abutre xigantesco ou os touros alados. Especulaba, alemparte, en terras de ribeira bañadas polo mar descoñecido. Gardo tamén, ao cabo, o recordo da guerra que, pontual como acasalamento de alimárias, remexia os alicerces da cidade. Arestora acredito que a própria guerra e a sua ruin perseveranza foron quen me empurraron, disto hai xa moitos anos, a dirixir-me ao Sul, no camiño de Ur, á procura da paz e do sosego que no norte resultaban para min inacadábeis. Compre que diga, ao tempo, que tamén me empurrou de modo salientábel, o anseio profundo de chegar a atinxir a sabedoria que alá na miña terra se me negaba arreo. Comprendo que as vitórias conseguidas por Iztubar de Uruk, o valente do lume e da machada, a prodixiosa largura do seu tronco, avaliada en máis de nove palmos, o faustoso comprimento do seu membro viril, cinco veces máis longo que o de calquer humano, posuían salientábel importáncia. Contudo hei dicer que eran moi outras as perguntas que buligaban a eito no meu cerebro, aínda remitindo-me ao modelo das proezas do grande personaxe, maiormente a sua búsqueda infrutífera da planta que vira ao home vello en mozo novamente, ou a hipótese ilusiva de derrotar á morte, cando non somos quen de sairmos vencedores do combate co sono, o irmao menor daquela. Moitas outras cuestións mexian asemade a miña testa. O controlo da cordura e da tolémia de homes e mulleres por parte dos deuses, as orixes do lóstrego, o fado inevitábel do roteiro humano, o nacemento da crueldade, o sorriso desavergoñado do poderoso, contaban-se entre elas. Foi daquela, cangado pola fame e o cansazo, e aflito por estes mesmos pensamentos, cando cheguei a Ur e ti, inexplicábel e abenzoadamente, oh meu lugal amado, me acubillaches baixo a tua imensa e protectora sombra que foi o meu abeiro ao longo destes anos. Hoxe podo dicer que o meu servizo ao templo e a ti próprio pagou sobexamente a dévida contraída pola tua acollida e a tua axuda. Dende aquel mesmo instante, se callar obrigado pola gratitude, ou talvez arelante por levar á práctica os antigos propósitos referentes ao estudo, decidin adicar a miña vida, sen deter-me en barraxes, por árdigas que fosen, á adquisición demorada de coñecementos. A miña perfeición no manexo da escrita e certas abeléncias que dela se derivan verificaron-na magos e sacerdotes. A axileza, que alguén nomeou como feitizaria, no exercício da aliteración foi un dos atributos dos que maior pracer e achádegos mais nobres acertei a tirar. Foi-me doada a descoberta dos segredos da rima e o polido dos seus máis ínfimos matices. O paralelismo, ancorado dantes da miña vinda nunha reiteración abominábel, fun-no esgallando sucesivamente en variadas pólas, cada unha máis úbere que a predecesora. Figuras de palabras, antíteses, ritmos inaccesíbeis ao común dos poetas, resgatei-nos do pozo do siléncio, cando non da ignoráncia, no que se atopaban. O controlo dos astros e o exame dos meteoros non ficaron alleos ao ensaio e confronto que sucedian ás miñas intuicións preliminares. En traballosa síntese erguin a cumes, inexplorados até aquel instante, a medicina, a relixión e a máxia. Mália quen sostiñan o contrário enunciei o princípio de que era o corazón a morada real da intelixéncia e o fígado o pivote sobre quen gravitaba a responsabilidade de governar o sangue. A pesquisa correcta de presáxios que o arúspice ten feito das vísceras citadas son proba irrefutábel do que digo. Os elementos primixénios, en primeiro lugar a auga e o fogo, o confronto das suas cualidades de calor e humidade, serviron-me de excusa para afondar no entendemento das propriedades de baños e de apósitos. Insatisfeito embora por resultados que se me antollaban de cativeza rexeitábel, aprofundei na análise dos soños co a-su, dos métodos de quen eu discordaba ás veces, inda avaliando as meritórias fórmulas por el utilizadas na avaliación destes procesos, das orixes dos mesmos, das suas diferentes posibilidades interpretativas. Xustamente unha noite, engolido no sono, unha voz, da que ignoraba a sua procedéncia, aseverou-me que, como humano que era, nada que fose humano habia ser-me alleo. Ao longo dos meus anos tentei cumprir, con destemido afinco, o preceito que aquela noite soñei, ou me revelaron.
     Falei antes do Buranunu e máis da sua volubilidade. A pegada do rio ficou imprensa sobre o meu espírito con sinais imborrábeis dende os tempos lonxanos da neneza. O imposíbel controlo do seu curso e a arrepiante chegada dos alagamentos espertaron en min un ódio primitivo e irracionábel cara as suas augas. Esta actitude via-se minguada, non obstante, cando o rio amosaba o seu aspeito amábel, frutificando as hortas e xerando colleitas abastadas. Mais, outravolta, nas épocas da seca voltaba a min unha fonda xenreira que me devoraba. Tencionaba reflectir en que non era o rio, senón, en troca, os deuses quen ao cabo rexian as vontades de toda a natureza circundante. A regular permuta das ideas de orde e de desfeita nas beiras do Buranunu, o azar a que nos submetian os designios das divindades, as vitórias e derrotas alternantes que Apsu, señor das augas doces, colleitaba ou sofria perante Tiamat, o oceáno caótico, configurou en min un pensamento dúplice no que eu imaxinaba que a harmonia seria decote provisória e o caos dunha iminéncia perene e agoniante. A iteración constante dos conceitos de equilíbrio e desorde fixo xurdir en min a incertidume que, co paso do tempo, desembocou na inseguranza e máis tarde na dúvida. Esta dúvida agónica foi a miña devota compañeira até o dia de hoxe. A observáncia de determinados episódios rotineiros foron os encarregados de alimenta-la e desenvolve-la. En primeiro lugar, a práctica afogueada da entomoloxia, á que máis ben debia chamar entomofília, obrigou-me a estabelecer algunhas conxecturas sobre o comportamento anómalo de certos gafañotos. A observación atenciosa no percurso dos anos tiña-me conducido a postular deles, como norma xeral de comportamento, a temperanza das suas actitudes. E, sen embargo, un dia presenciei, mentres paseaba alén dos derradeiros bairros e a muralla, un número de unidades destas criaturas anormalmente numeroso, nas que enxerguei o infalíbel vestíxio da carraxe e do asaño. Surprendido acheguei-me ao lugar onde se deran cita aqueles exemplares e observei-nos inquedo. Esvoazaban uns como á percura de cousas que a min se me agochaban; outros emitian, pola fricción das asas, un son estriduloso. Entrementres chegaban, sen poder precisar-se a sua procedéncia, novos espécimes. Até a queda do sol ollei ensimesmado os enfogueirados movementos do exército alado. Na noite que seguiu estraños soños e períodos de vixília visitaron o meu leito. Ao abrente, sen ser quen de aturar xa por máis tempo a permanéncia impasíbel na miña estáncia, sain cara ao lugar onde quedaran a véspera os insectos. Na hesitante alborada alvisquei unha cena que me sobrecolleu. Sen medo ao esaxero e a facer-me acredor da tua descrenza podo dicer, oh meu grande señor, que o número de gafañotos que ali fervillaban resultaba inabranxíbel para calquer sistema de contaxe. O balbordo enxendrado polas suas asas era de cualidade inomeábel. E de súpeto, atal que se unha voz anónima enunciara unha orde de partida, ergueron todos eles o voo, rumando na dirección dali onde o sol se deita, como unha nuve única e desenfreada que fixo empardecer a luzada inda efémera da alva. Souben moito despois que, ao paso daquela praga polas aldeas e terras de labor, só un ronsel de morte e aniquilamento substituiu ao que foran sementes e colleitas. Apavorado retornei á cidade. Perante o meu relato os sacerdotes somentes proclamaron como xénese daqueles aconteceres o agastamento dos deuses que rexian os destinos dos campos e, aliás, a urxente necesidade de execución precisa de certos sacrifícios axeitados. Aínda percebendo de primeiras a xeral corrección daquela idea, unha triganza rillaba en min de xeito reiterado. A mudanza do calmo gafañoto en axente de produción de morte non era atribuíbel naquel intre a causas que tiveran a ver coas forzas superiores que, ben sabia, rexen a nosa vida.
     Dende aquel dia novos pensamentos viñeron a engrosar a miña dúvida que, nesta altura, abranxera categoria perniciosa. Decidin afundir-me nos estudos históricos, entendendo embora que comezaba un camiño de desfecho imprevisíbel. Na biblioteca do templo principiei a leitura sistemática das antigas tabuletas de arxila. Adquirin coñecéncia, máis esmiuzada que a que tiña, das longas enfiadas de cronoloxias reais. Souben da redacción das dinastias antediluvianas, e das que sucederon ao tempo no que Atrahasis aturou a enxurrada durante sete dias e as noites adxacentes fechado, xunto coa sua família e as parellas de animais que introducira, na nave que Enki lle ordeou construir. Ollei os relatórios de monarcas, chegando a descobrir ao través deles que o reinado de Enmenduranna de Sippar prolongou-se durante setenta e dous mil anos. Dumuzi de Dabtibira, en posesión de sorte máis cativa, só puido cultivar o seu mandado durante vinteoito mil. O confronto de leituras variadas levou-me a concluir que o reinado de ambos dous soberanos era moi superior ao que outras tabuletas postulaban como tempo transcorrido dende a criación do mundo aos nosos dias, o cal levaba implícita a ilexitimidade narrativa dalgún dos dous relatos ou, adoptando unha actitude máis estrita, a impostura e o engano. Advertin asemade que, nos primeiros tempos, os reis eran somentes guerreiros interinos, e a posesión do trono gozaba do atributo da provisoriedade. Houben de deducir, xa que en ningures o achei explicitado, que a aderéncia ao poder levaria a algún deles a manter-se definitivamente na propriedade dunha cadeira que, falando en rigor, era simples empréstimo. Nos anos que seguiron afondei na pescuda das vellas tradicións, quer nas formas orais, quer nas escritas. Considerei as xeiras primordiais, nas que a fadiga que orixinaba nos primeiros deuses a obtención de mantenza, empurrara a estes á criación de humanos, concebidos asi como serventes amedoñados que exercian e exercen a adoración constante das efíxies divinas. Descobrin a concisión da vida, e o tempo, que é lacónico. Ambas as duas nocións levaron-me a atopar xustificábel a práctica, costumeira entre nós, de producir estatuetas de xeso, de maos entranvicadas e ollos enlevados, que falsifican, submisos perante os deuses, actitudes orantes de homes e mulleres. Nestes intres nos que o desengano e a dúvida trocaron en feros reptís internos que me bouran, acho este costume exculpatório, se con tal artifício inofensivo se poden escudir iradas represálias das deidades. Nestes intres de dúvida sublime, mais felizmente efémera, ouve-se na lonxura, chegando do exterior, un rebúmbio de falas e de pasos. Abrirán o cortexo as mulleres, que portarán viandas exquisitas. Anguias, carpas, ervillas, berinxelas, noces, figos, améndoas e laranxas contaran-se entre outras non menos saboridas. Tras delas ven a ampla comitiva dos serventes conducindo recovaxes de bois que levan en carros enfeitados leitos, cadeiras, tamboretes, caixas de diferentes formas e tamaños que conteñen alfaias valiosísimas para embelezaren panturrillas e brazos, faces e tornocelos, brazaletes de ouro e lapislázuli, aneis metálicos, incríbeis pinxentes e amuletos, como ese maxestoso bode apoiado nunha pequena árbore e ollares engranzados no infindo, pois todas esas cousas compriran-che, oh meu lugal, benamado e magnífico, no País dos Mortos ao que te dirixes. Entran agora os escravos, os músicos coas harpas de madeiras nobres, os guardas e, finalmente, fechan o cortexo, o cortexo fúnebre, o corpo de soldados escolleitos e os sacerdotes, que están encarregados de ordear-lles a aqueles que procedan ao degolamento de quen aqui ficamos, agás eu próprio a quen, como honra final polo conxunto dos meus merecementos, contraídos ao longo de todos estes anos, concedeu-se-me a graza de escoller a morte que avaliase como menos execrábel. Na alternativa dúplice que se me oferecia entre a cicuta e o degolamento desprecei ambas duas. Polo aspeito que comporta de voluntária interrupción da vida, a primeira. A segunda, por non ollar como derradeira imaxe deste mundo que amei até o insondábel a face arrebatada do verdugo. Por un instante fitaron-me incrédulos os altos dignatários, ao pensaren que a miña mente acobillaba a idea de escudir a responsabilidade á que estou submetido dende hai anos. O riso imperceptíbel que os meus labres deseñaron e a asperidume que viron nos meus ollos suprimiron-lles esa idea ilóxica, pois, agora que se escoitan os derradeiros berros dos executados e que un cheiro salgado se espalla polo interior do enterramento, sinto que o meu desexo único e ardente é que chegue o instante de mirar fronte a fronte a real faciana do tránsito, o que tras del se encobre, e que dentro dalgunhas horas, dias, ou semanas, dependendo da miña resisténcia, terei de acometer, destruindo en resumo, irreversibelmente, este reptil interno que é a dúvida. Entrementres percebo que a terra experimenta lenes tremoreceres, que sospeito xerados polas pancadas dos albaneis que xa terán taipadas todas as saídas deste luxoso túmulo, en canto agardo, aqui, aos teus pes deitado, meu señor amantísimo, ao momento de trespasar terras inexploradas, mentres sinto o siléncio dono definitivo desta cámara, os ares dunha impureza consistente, e as candeas de lume da parede submetidas a un frémito perpetuo, limiar dunha noite irreversíbel.

 

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega